Formación das liñaxes na nobreza galega baixomedieval

A finais do difícil século XIV e durante o convulso século XV tivo lugar na illada Galicia a transformación da antiga nobreza e a incorporación dunha nova que conformaron o seu poder económico e social alicerzado na posesión da terra -unificada nun único patrimonio, baixo a man do cabeza de familia- e o poder das armas. Configurouse deste xeito unha sociedade baseada na institución do morgado e o ideal cabaleiresco, dando lugar ás liñaxes, que perduraron durante toda a Baixa Idade Media ata a chegada da Idade Moderna coa reforma política levada a cabo polos Reis Católicos, tendo moitas delas continuidade cando conseguiron adaptarse á nova situación achegándose ao novo centro real de poder, a Corte Real.

Capa de Crónica de Don Juan II, obra que contén información sobre a formación de algunhas liñaxes nobres galegas.

O paso da cognación á agnación. A xeneralización do morgado dentro dun marco de crise

editar
 
Progresión anual da Peste negra na Europa no século XIV. A cor verde indica baixa incidencia
Véxase tamén: cognación, agnación e morgado.

O século XIV foi o século das calamidades, un século de crise. Por unha banda houbo unha crise agraria que provocou unha terríbel fame que abriu as portas á grande epidemia de peste que asolou Europa de parte a parte. Por outra, a guerra, presente na maioría do territorio europeo. Tamén en Galiza, que participou activamente nos conflitos nos que se viu inmersa a coroa de Castela.

A expansión demográfica e económica de séculos anteriores foi salientábel, pero xa a finais do século XIII se apreciara certa recesión que se iría agravando co troco de centuria; isto debeuse ao estancamento da agricultura. Foi nesta tesitura cando fixo aparición a fame. E foron dúas as razóns principais: unha de índole económica e outra de índole social. A primeira debido a que, coa bonanza agrícola, o aumento demográfico fora espectacular, pero co súbito parón das roturacións de terras non había suficientes alimentos para todos, e amais a rigorosidade do clima estragaba as colleitas. A segunda razón descansa na consecuencia que produciu o anteriormente citado, un enorme desequilibrio social, xa que as clases dominantes decidiron adoptar unha posición defensiva aumentando as cargas fiscais e rendas que tiñan que pagar os seus vasalos, sen reinvestir o obtido na mellora da produtividade. Pero algúns nobres laicos con poucas terras botaron man doutros medios máis expeditivos para subsistiren.

Un bo exemplo atópase no ordenamento dado por Afonso XI nas cortes de Valladolid de 1325, que contestaba ás queixas interpostas por mosteiros e prelados sobor os atropelos cometidos polos ricoshomes ou os seus meiriños. As fontes da época recollen, non exentas de dramatismo, as calamidades que castigaban principalmente á poboación máis desfavorecida:

fue muy grant mortandat en los ganados, e otrosí la simiença muy tardía por el muy fuerte temporal que ha fecho de muy grandes nieves e de grandes yelos.

Logo fixo aparición a peste, a principios do outono de 1348, e foi na costa onde se detectaron os primeiros gromos pestíferos, na zona do bispado de Tui, para ir estendéndose cara ao interior de Galiza a través das vías de comunicación máis frecuentadas.

A escaseza de brazos axiña foi evidente, obrigando á nobreza a reorganizar as súas explotacións e a gañar o pan mediante outras formas: a violencia indiscriminada, roubos, novos impostos (os malos usos) etc.

 
Arte do códice de esgrima medieval Gladiatoria en que se mostra a esgrima de espada longa armada

O terceiro gran lastre que acompañou ao século XIV foi a guerra. De entre os conflitos habería que salientar a guerra civil entre Pedro I e Henrique de Trastámara (futuro Henrique II) entre o ano 1365 e o 1369. Neste conflito Galiza xogou un papel activo e protagonista, posicionándose a maior parte da alta nobreza e as urbes ao carón de Don Pedro. A inxente masa de pequenos cabaleiros aproveitaron a contenda para ascender socialmente apoiando a causa do bastardo. Co triunfo deste, foron eles os que ocuparon os postos vacantes deixados pola nobreza petrista erguéndose coma donos indiscutíbeis de Galiza.

O século XV foi escenario de atropelos e abusos por parte destes cabaleiros, así como dunha inestabilidade interna cuxo máximo expoñente se personificou nas continuas disputas fronteirizas entre os diferentes magnates e os prelados das máis importantes sés. Pero a inestabilidade trasladouse ao mesmo seo da aristocracia, é dicir, ás mesmas bases que alicerzaban a súa propia existencia: a terra. Asistiuse dende finais do século XIII a unha reorganización dos modos de traspaso dos bens patrimoniais coa única idea de reforzar o patrimonio e evitar por todos os medios a "fuxida" das escasas terras posuídas en casamentos e na división das mesmas entre os fillos. O morgado converteuse deste xeito nunha verdadeira institución, converténdose no primeiro paso da cognación á agnación.

 
A batalla de Alxubarrota (1385) enfrontou o reino de Portugal co reino de Castela.

O xerme da transmisión patrimonial no período altomedieval é o xermánico, sendo os códigos e dereitos que a regulamentaban iguais para toda a prole (modelo cognaticio); o patrimonio constituíu aquel conxunto de bens inmobles e para que isto ocorrese estes bens debían ser estábeis e sólidos. O principio cognativo obriga que a repartición da herdanza prime de xeito equitativo a todos os fillos habidos no matrimonio sen importar sexo e idade. Este principio xeraba certa inestabilidade patrimonial e era polo tanto precisa a busca de solucións axeitadas que paliasen a crecente desconfianza neste sistema sucesorio.

Tamén hai que ter en conta os seguintes condicionantes: as catro quintas partes das posesións matrimoniais pasaban ás mans dos fillos, restando unha quinta parte á libre disposición dos cónxuxes. Normalmente esta parte ía parar ao poder de institucións eclesiásticas (principalmente as ordes mendicantes para que actuasen como mediadores fronte ao paso ao alén, tratando deste xeito de garantir aos seus doadores a gloria celestial) ou ben para dotar mellor a algún dos fillos. O principio cognativo rachaba pois, de xeito paulatino, os bens familiares desmembrando a súa base económica.

Xurdiu entón un novo modelo que xa viña impoñéndose noutros territorios europeos; falamos do principio agnaticio, mediante o cal prevalece a liña paterna da familia (fronte á materna do anterior) á hora da sucesión así como tamén a primoxenitura. Está firmemente vinculado a un apelido, nun solar determinado, á idea de liñaxe, ao primoxénito home. Un claro exemplo vese no testamento de Pedro Arias de Aldao do ano 1347:

Quero e he a miña vontade que toda a miña fazenda quede junta, porque sempre aja memoria das miñas casas e da miña gente fidalga que deles ben.

O primoxénito home era polo tanto o descendente privilexiado e recibía todos os bens en concepto de morgado. Era o encarregado de proporcionar prestixio ao apelido e de engrosar o patrimonio. Mulleres e segundóns aparecen como os máis prexudicados, quedando relegados a un segundo plano, tendo por diante un futuro sombrío cheo de incertezas.

A formación das liñaxes

editar
 
O brasón representaba unha familia nobre

A liñaxe sustentábase no solar de orixe, nun brasón; incluía á xente viva e morta da familia, e arremuiñábase arredor dunha familia xa non conxugal, senón extensa. Cada liñaxe tiña un xefe, un auténtico líder que procuraba a maior gloria para o seu apelido e facía as funcións de cabeza visíbel, e para este fin era educado o home primoxénito.

A pertenza a unha determinada liñaxe non era unha cuestión biolóxica; en torno ao líder tecíase unha rede de clientelismo (domésticos, meiriños, homes de armas, criados) xunto aos seus consanguíneos. Tiña unha clara función aglutinadora. O xefe tomaba todas as decisións que atinxían ao seu contorno e tiña a obriga da salvagarda do patrimonio familiar.

 
Espadas do período final da Idade Media

Aspirábase á solidez patrimonial, polo que a solución radicaba no morgado. Este constitúese pola masa de bens inseparábeis do vínculo hereditario. Amais esíxese unha condición fundamental ao primoxénito que: se case con jente fidalga e limpia de toda agaficidad e mala raza.

O morgado proporcionaba estabilidade a aqueles cabaleiros pertencentes ás pequenas liñaxes economicamente pouco fortes, ávidas por perdurar na historia e na memoria da fidalguía galega:

Señaladamente para que aviendo memoria de las casas pasadas e consideracion de las presentes, en las venideras derechamente podamos proveer.

A transcendencia da liñaxe apréciase sen dúbida no testamento de Vasco de Ulloa do ano 1290 no que esixe que todos os seus bens recaian no seu primoxénito e se non é así, nalgunha persoa capaz que porte o apelido Ulloa:

con condiçon que ditos beens sempre anden juntos heredados encorporados nunha soa persoa (...) a persoa que teña sempre por mais adiantado o meu linaje de Ulloa e o traiga no seu escudo darmas con roda e o pendón da señora Santa Catalina.

No caso da inexistencia de fillos lexítimos non resulta estraño que a sucesión recaese nos fillos ilexítimos:

E morrendo a dita Ysabel sin semeda e menor de ydade e hos ditos Lopo e Gonzalo como ditto he, que todos estos dittos bees terras e señoríos que se tornen a Rodrigo meu fillo que hey de Maria Fernandez, filla de Pedro Fernandez de Soñar.

Pedro Madruga foi outro bo exemplo desta práctica.

 
Castelo de Soutomaior, residencia da familia nobre dos Soutomaior

O termo casa é sinónimo de familia ou liñaxe. É a súa significación simbólica; o xerme da liñaxe, o solar que os identifica perante a sociedade e acompaña ao seu apelido. A conciencia xenealóxica que esperta na nobreza galega da Baixa Idade Media mergúllase ata este punto primixenio na procura do seu primeiro valedor; na busca das xestas e da gloria que se lle supón e que dignifique o nome do actual titular da casa e da liñaxe. Gañará pulo nestes anos o pasado, seguindo a liña recta ata o mesmo fundador. En palabras de Duby:

Estas representaciones traducen una cierta conciencia de cohesión familiar; además (...) fijaron esta conciencia y la impusieron firmemente a los miembros del grupo, guiando en cierta medida su conducta durante las generaciones posteriores.

Novos modelos de comportamento, novas regras de conduta social e formas de relación co mundo dos antergos; todo isto imbuído dunha forte impronta militar-cabaleiresca. A partir de agora, xeración tras xeración, embarcaranse en prodixiosos esforzos destinados ao crecemento dos bens e da gloria da liñaxe. Será a través do pai dende onde se transmita a conciencia non só da liñaxe senón tamén de nobreza; a nai participará por que ao seu través se perciben os recursos que fan posíbel este feito así como tamén o sangue azul que prestixia ao cabaleiro.

A nobreza galega comezará a preocuparse da elaboración das árbores xenealóxicas creando unha realidade do pasado a medida dos seus desexos inventando orixes míticas e case que totalmente irreais. O solar primixenio (en moitas ocasións relacionado cunha torre ou fortaleza) non pode ser alienado, debe permanecer inalterado xa que é o soporte da función aristocrática; o lugar onde naceron e viviron os proxenitores, e os destes á súa vez, do novo señor.

Funcións da cabeza de liñaxe

editar

Como norma xeral, o xefe da liñaxe vía acrecentado o patrimonio como consecuencia da súa crianza na casa dalgún familiar que, seguindo os usos da época, unha vez armado cabaleiro, recibía do seu titor algunha posesión por moi pequena que fose. A fortuna sorríalles con maior amabilidade se cabe se tiñan a oportunidade de criarse na corte real, como foi o caso de Fernando de Andrade en tempos dos Reis Católicos.

 
Unha familia nobre podía fundar ou mellorar mosteiros. Na imaxe, mosteiro de Caaveiro.

A liñaxe tiña a súa expresión material como manifestación de poder e da súa propia existencia. Trátase dunha das múltiplas imaxes dos seus membros dadas ao exterior, traducidas na fundación ou dotación de mosteiros escollidos como colosais mausoleos familiares; fortalezas e importantes obras públicas (pontes e hospitais) como se ven en Fernán Pérez de Andrade, O Boo.

O cabeza de liñaxe tiña unha serie de obrigas inherentes á súa posición a respecto dos seus. En primeiro lugar, debía brindar e garantir o sustento e rango pertinente dos seus irmáns; tamén se responsabilizaba de coidar que as mulleres da familia fosen ben dotadas no caso dos esponsais, decidindo quen resultaba axeitado para este mester, sempre atendendo a posíbeis alianzas.

A clientela integrada dentro da casa víase inmersa neste círculo a cambio de obediencia e lealdade. De aí que a política estamental da fidalguía galega fose coidadosa e medida. Como nobreza humilde que era a galega, con escasas rendas e terras, levaron a cabo un progresivo achegamento entre eles e non só pola vía matrimonial. Tratábase dunha especie de solidariedade de grupo que pechaba filas para protexer as precarias fontes económicas das que dispoñían. Deste xeito era habitual a xuntanza dos bens de varios fidalgos dunha mesma liñaxe que non dubidaban en poñerse baixo as ordes e servizo do irmán máis vello, para así reforzar o solar. Xurábanlle lealdade e a promesa de engrandecer a honra familiar, tal como fixeron García Martiz de Barbeyra e García Pérez de Costela á morte de Vasco Pérez; formando consello con outros nobres e elixindo a un deles como señor: alçarono por señor.

Por outra banda a adhesión de pequenos cabaleiros e fidalgos por parte da nobreza máis poderosa mediante o matrimonio ou a homenaxe foi un eixo primordial. Coa longueza, o señor asegurábase de pagar amplamente a fidelidade dada por esta mesnada. En moitas ocasións á lealdade poñíaselle un prezo e a incorporación de fidalgos a unha casa ou a outra dependía en grande medida do que estaban dispostos a pagar.

O ideal cabaleiresco na nobreza galega baixomedieval

editar
 
Cabaleiro medieval montado de a cabalo cunha lanza

A cabalaría é unha institución dentro dun mundo militarizado que atopa en épocas antigas o seu nacemento. Paseniñamente este grupo de milites que combaten ao lombo dun cabalo foron destacándose no ámbito bélico e asimilándose á aristocracia. Grazas a este achegamento foron tomando da nobreza costumes similares ata concluíren nunha plena identificación por parte de ambos os dous grupos.

Mais a nobreza decatouse do negativo desta situación, porque a entrada dentro do seu mundo de gran cantidade de guerreiros desprestixiaba por unha banda a súa preeminencia e por outra posibilitaría o ingreso no estamento de numerosos intrusos carentes desa longa tradición e avoengo nobiliario. Debido a isto, optouse por pechar todas as vías de acceso por este camiño elaborando unha serie de códigos e valores propios, como tamén unha cerimonia pola cal o rei, e posteriormente calquera nobre, puidesen conceder esta categoría de cabaleiro a un futuro aspirante. Unha vez investido con todo tipo de honores, o individuo pasaba a formar parte desa elite que controlaba exhaustivamente a súa demografía. A fusión nobreza/cabalaría sería un feito.

Estas ideas de honor, valía e gloria arraigarán na Galiza nos séculos XIV e XV á par da instauración do morgado, das liñaxes e da man do ascenso da pequena nobreza á sombra de Henrique II de Trastámara.

O uso das armas e a manifestación de coraxe na batalla catapultaban o cabaleiro ás máis altas honras e, seguindo as pautas marcadas por un código de comportamento que expresaba as actitudes de máxima nobreza. Eran posuidores dun conxunto de virtudes definidas por unha ética e unha moral; ética e moral de clase, excluínte e exclusivista, para afastar aqueles intrusos sen tradición de liñaxe: Liñaxe e cabalaría asimílanse nesta época.

Os aristócratas preocupáranse polo culto á honra persoal, patrimonio da familia e prestixio da Casa. Será entón cando os mozos devezan por atinxir as cotas máis altas de recoñecemento. En verbas de Duby: La juventud aparece [...] como el tiempo de la impaciencia, de la turbulencia y de la inestabilidad.

 
Recreación moderna dun cabaleiro medieval

A guerra será o marco idóneo para acariñar a tan desexada gloria. Serán eles os responsábeis da agresividade feudal característica da Galiza baixomedieval (ademais de ter en conta a natural supervivencia económica); da turbulencia entre señores, xa que os segundóns sen ningunha outra expectativa veranse na obriga de lanzarse á aventura.

A cabalaría xerará unha rica literatura moi prolífica co fin de esporear os sentimentos colocando nun primeiro plano figuras heroicas, mitos viventes que sirvan de arquetipo aos cabaleiros mozos. Neste senso o Livro de Linhagens do Conde Don Pedro equipara a Rodrigo Froiaz co Cid, presentando un heroe coñecido e próximo e que talvez precise o reino galego-portugués. Móstrao coma un vasalo modelo, cabaleiro intrépido e virtuoso. E así é; a cabalaría tentaba espertar virtudes nos seus compoñentes, pero sobre todo a lealdade, nai de todas as virtudes (ao rei e, en consecuencia, ao señor). É a definidora de nobreza e por extensión de cabalaría.

Fomenta considerabelmente a convicción de pertenza a un grupo privilexiado de dirixentes da sociedade mediante os vínculos feudo-vasaláticos, definidos pola liñaxe, a cabalaría e o código feudal. De aí que, como observou Duby para a Francia do século XII pero igualmente extensíbel á Galiza da Baixa Idade Media, o guerreiro deixa de ser considerado novo polos seus cando se estabelece, é dicir, cando atinxe a xefatura dunha Casa e encabeza a súa propia liñaxe casando e criando fillos.

Pero talvez o que máis lle interesa ao nobre é o recoñecemento, a fama; a base deste recoñecemento será o nome. Converterase case que en patrimonio familiar repetíndose entre os seus membros en xeracións alternas (avó/neto); nas árbores xenealóxicas obsérvase este feito. Así, na importante familia dos Castro galegos, Fernando Ruiz de Castro levaba por nome o do seu avó, e á súa vez o seu neto levaría o seu nome. É a faciana distintiva da liñaxe, rememora a calidade do antepasado e a gloria que acumulou coa esperanza de que a súa valía impregne ao actual portador do nome, semellando unha especie de superstición.

A muller achegará o seu sangue ennobrecido e de prestixio, sobre todo se houbo cabaleiros famosos na súa liñaxe que incorporará ao do marido. Normalmente téntase medrar na escada social e procúranse mulleres de mellor posición. A esposa déixalle ao home o acrecentamento da honra mediante o oficio das armas, mentres elas serán as depositarias da honra do apelido.

A fidalguía galega apelará a un pasado idealizado mostrando como forma de prestixio as orixes cabaleirescas da familia. Realmente non facían máis que redefinir unha cabalaría de pequeno ou mediano porte, sempre nun segundo plano recreando unha imaxe moi diferente á da teoría.

Os excluídos: mulleres e segundóns

editar
 
Torneo medieval, do Códice Manesse. Obsérvense as mulleres

Dadas as circunstancias até o de agora expostas, cómpre lembrar aqueles descendentes menos afortunados obrigados a vivir á sombra do primoxénito, coa incerteza dun futuro pouco esclarecedor. Trátase das mulleres e dos fillos homes segundóns.

Para eles a posibilidade de crecemento dentro da propia casa semella imposíbel, mentres as primeiras pasan a depender plenamente dos homes: primeiro do pai, logo do primoxénito home e por último do marido. Aos segundóns só lles restaba procurar a vida fóra do ámbito familiar, ou nalgúns casos a prestar servizo e xurar fidelidade ao irmán.

No tocante ás mulleres cabe salientar que foron as máis prexudicadas do principio agnaticio. A liña paterna relegara á materna á marxinalidade, construíndo un mundo por e para os homes. Dende o estamento eclesiástico transmitiuse unha imaxe negativa da muller amparándose en varias circunstancias pexorativas (e sen sentido):

Axiña pareceu quedar clara a submisión e a inferioridade tanto intelectual como física da muller. As súas funcións reducíanse a tres: A consagración a Deus, o matrimonio e a viuvez. Sirva para exemplificar esta concepción a seguinte declaración sita na Historia Compostelana: Mais ¿qué non ousa a perversidade mulleril?, ¿que non presume a astucia da serpe?, ¿a que non acomete a malignísima víbora?. En suma: canto ousen, canto presumen e acometen as ficcións mullerís, abondo o indica o exemplo de Eva, a nosa primeira nai; o audacísimo ánimo da muller viola o máis santo; tanto lle ten o lícito como o vedado.

Coa aparición da idea de liñaxe e o morgado, a muller deixou de percibir a parte correspondente á herdanza. Será confinada dentro do ámbito domestico; as liñas maternas van decaendo paseniñamente no esquecemento pero recorrerase a elas con frecuencia pois é a fundadora da liña de sangue, cumpre o rol de parte prestixiante da liñaxe masculina xa que proporciona lustre, a idea de nobreza, amais de evitar coa súa función reprodutora que a liñaxe se extinga. As únicas saídas que lle restan á muller limítanse a dúas: convento ou matrimonio.

Á morte do pai recibía unha cantidade de cartos ou unha pequena porción de terra en concepto de dote que lle permitise contraer un bo matrimonio. A documentación preséntase bastante clara. No ano 1402 Gonzalo Ozores de Ulloa así o constata:

A terceyra partizon queyro e otorgo e mando que haja por su herenza e partizon dos meus bes a dita Ysabel miña filla trinta mil mrs., para con que case (...) mando que os pague meu fillo ao tempo que ela houber de casar.

Por suposto o matrimonio era concertado polo irmán atendendo sempre a alianzas e a intereses económicos ou políticos. Representa algo prioritario dentro da política internobiliaria da casa. En moitas ocasións non era disparatado o casamento entre familiares para evitar a desmembración do patrimonio, sobre todo entre curmáns. En Galiza primará a alianza cos vecíños sendo simplemente un mero obxecto de troco. Et mando que Iohan Faian pela menagen que me ten feita que minna neta Ynes Perez que a de e entrerge a meu fillo Martin Afonsi e que a tena ata que seia de idade que case con Pero Fernandez fillo de Fernan Perez de Torrichano e de Maria Fernandez de Meyra.

 
Claustro do Mosteiro de las Huelgas (Burgos)

Outra solución era o ingreso nun convento. Cando non dispoñían dun dote suficiente ou, pola contra, non atopan un casamento axeitado ou mesmo enviuvaban, o ingreso nun convento era un feito. Isto supoñía un grave problema para o convento, xa que recibían mulleres carentes de vocación e acostumadas a unha vida cómoda lonxe das tarefas cotiás dun mosteiro. Un exemplo témolo no mosteiro das Huelgas en Burgos, onde ían parar as fillas lexítimas e ilexítimas da realeza e da alta aristocracia, e axiña se converteu nun estado feudal economicamente poderoso, pois os donativos eran substanciosos.

Conscientes da precariedade da súa situación no caso do falecemento do marido, puxeron en práctica a cesión a grandes mosteiros e conventos do seu herdamento ou mesmo para a erección dun novo; como exemplo sirva a fundación do convento de Santa María de Belvís no ano 1305 por Tareixa González que cede as súas terras de Carnota para o pagamento da obra.

Unha excepción a todo o dito constitúeo Vasco de Ulloa no ano 1290, cando ao carecer de fillos decidiuse a deixarlle o seu patrimonio a unha parenta, Tareixa Sánchez de Ulloa, apoiándose nas dificultades que unha muller atoparía na vida. Esta cesión de bens empurraríaa a vixiar mellor o patrimonio e non deshonrar o apelido: E sea sempre muller ainda que haja hoomes porque os homes, dandose a vertude, achan mais presto comodidade para pasala vida e unha muller filladalgo, por non ter con que se casar, pere a veçes sua honra e a do seu linaje.

No caso dos homes non primoxénitos os camiños que se lles mostraban eran máis abertos que os das mulleres, pero aínda así o seu futuro non estaba nada claro. As tres saídas fundamentais eran:

  • A carreira eclesiástica.
  • Poñerse ao servizo doutro nobre (mesmo de seu irmán máis vello).
  • Botarse á aventura fóra de Galiza ingresando nunha orde militar.
 
Monxes realizando copias
 
Vestimenta dun Cabaleiro de Santiago

A carreira eclesiástica encaramábaos a aqueles postos de maior renome de Galiza. Así, os Soutomaior alzáronse coma os grandes prelados de Galiza; Paio Pérez foi arcebispo de Santiago de Compostela ou Álvaro Páez bispo de Mondoñedo. Para aquelas familias de segunda liña restaban os cargos de menor importancia coma o de cóengo. A dirección dos mosteiros foi tamén moi cobizada pola aristocracia, pois abríalles moitas posibilidades económicas.

Prestar homenaxe a un nobre e servirlle coma meiriño nalgunha fortaleza e administrando as terras era outra das opcións baralladas. Tentaba continuar mantendo o seu status, seguir desfrutando da posición privilexiada que se lle supoñía, e continuar vivindo coma un cabaleiro.

No tocante ao ingreso nas ordes militares, estas nun principio carecían de prestixio para reclamar a atención da alta nobreza, quedando relegado o seu ingreso á aristocracia máis modesta. A sede de aventuras e a proxección cara ao resto da península era o perfecto cebo para atraer a estes desesperados fidalgos; co tempo, co triunfo dos ideais cabaleirescos, a alta nobreza comezaría a poñer as súas miras nas devanditas ordes. Considerábase prestixioso para a familia a pertenza dalgún dos seus membros a estas ordes militares.

En moitas ocasións abríanse disputas entre os irmáns por mor da primoxenitura; as tensións podían rematar no enfrontamento e mesmo no asasinato. Tampouco resulta estraño que estas tensións se proxectasen cara ao exterior dando esa imaxe violenta e conflitiva que acompaña á nobreza galega da Baixa Idade Media. As súas pugnas intestinas non facían máis que arruinar a terra e con isto arruinárense a si mesmos.

Liñaxes de Galicia

editar

Unha das máis antigas familias é a da Casa de Traba, representada xa en Pedro Froilaz de Traba (1075-1128). Dise tamén que é antiga a Casa de Lobeira. A primeira foi continuada pola familia Castro ou Casa de Castro, pero o conflito de Henrique de Trastámara (da Casa de Trastámara, en Galicia polo Condado de Trastámara) contra Pedro I de Castela (asasinado en 1369), posteriormente contra Fernando I de Portugal e definitivamente contra Xoán de Gante (arribado en 1386), provocou a súa caída en desgraza, o exilio, a desposesión, a repartición do poder e a importación de nobreza foránea.

É así como medran en poder e se reparten territorialmente:

A caída en desgraza de toda a nobreza chega ó seu máximo cos Reis Católicos, coa defenestración de Pedro Madruga, de Pardo de Cela e do Conde de Lemos, na década de 1480. A maioría destes títulos remataría na Casa de Alba (Castro, Lemos, Osorio, Andrade).

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar