Portal:Escocia/Lugar de interese/Arquivo

Aquí están todos os lugares de interese destacados no portal Escocia:

1 editar

O monte Storr (nome procedente do antigo nórdico, que significaría "home grande") (en escocés: An Stòr) é un promontorio rochoso de orixe basáltica situado no oeste da península de Trotternish, ao norte da illa de Skye, en Escocia, e unha das principais atraccións turísticas da illa.

O monte Storr atópase no oeste da península de Trotternish, moi preto do estreito que separa a illa de Skye da de Raasay. Ao seu pé esténdese o lago Leathan, e a estrada que une a vila de Portree coa aldea de Culnacnock. A súa faciana leste é a máis coñecida polos seus espectaculares cantís de basalto, mentres que o oeste presenta costas suaves e herbosas.

O punto máis alto do Storr sitúase a 719 m de altura. É, polo tanto, un graham (montes escoceses de alturas comprendidas entre os 2.000 e os 3.000 pés). A área de cantís coñécese co nome do Santuario, e está composta por unha parede rugosa duns 300 metros de largo e unha ducia de pequenos farallóns de orixe volcánica, de entre os que destaca un, o Vello de Storr (Old Man of Storr), pola súa peculiar forma de menhir e o seu aparente equilibrio inestábel. Ata o cumio do Storr accédese por un camiño coidado e preparado, cunha ascensión intensa pero sinxela de 1.500 metros, por entre bosques de coníferas (primeiro) e prado (despois). Ao Vello de Storr, de 50 metros de altura, foi escalado por primeira vez en 1955 polos montañeiros Don Whillan e James Barber.


2 editar

O río Forth (en gaélico escocés: Uisge For ou tamén Abhainn Dhubh, que significa augas negras), é un curto río costeiro da vertente do mar do Norte do Reino Unido que discorre integramente por Escocia. Nace no lago Ard no val de Trossachs, a uns 30 km ó oeste da cidade de Stirling. Corre en dirección leste cruzando a localidade de Aberfoyle. Pouco despois recibe as augas dos ríos Duchray e Kelty e entra na zona pantanosa coñecida como Flanders Moss, onde recibe os ríos Teith e Allan antes de atravesar a cidade de Stirling. Nesa cidade o río ensancha e empeza a estar afectado as mareas do próximo mar. Cruza as localidades de Cambus, onde recibe ao río Devon, Alloa, Fallin e Airth. Ó chegar á localidade de Kinkardine, o río ensancha e ábrese o estuario de Forth.

Durante a Idade Media, o río era navegable até Stirling. Porén, no presente é moi raro o tráfico fluvial máis aló de Kinkardine, debido á colmatación do leito do río e o aumento do tamaño das embarcacións.

Até a apertura de modernas pontes nos séculos XIX e XX, o lugar máis ó leste no que o ancho do río permitía cruzalo era Stirling, onde existiu unha ponte dende o século XIII. Sobre devandita ponte tivo lugar a Batalla da ponte de Stirling en 1297 na que as forzas escocesas de Andrew de Moray e William Wallace derrotaron ás tropas inglesas enviadas por Eduardo I de Inglaterra dentro do contexto das Guerras de independencia de Escocia.


3 editar

As Illas Orcadas (escocés: Arcaibh, en inglés e escocés Orkney) son un arquipélago habitado do Mar do Norte, moi próximo á costa setentrional de Escocia, a tan só 16 quilómetros, e que na actualidade constitúen unha área municipal de seu. atópase ao norte da costa de Caithness e comprende aproximadamente 70 illas, das cales 20 están habitadas. A illa máis grande Mainland refírese a miúdo como "o continente". Ten unha superficie de 523 km², polo que é a sexta maior illa escocesa e a décima illa máis grande as Illas británicas.

Unha forma do nome data da época pre-romana, as illas habitáronse desde fai polo menos 8500 anos, orixinalmente ocupadas por tribos do Mesolítico e neolítico e logo polos pictos. Orkney foi invadido e anexada a forza por Noruega en 875 e colonizada polos nórdicos. O Parlamento escocés re-anexionou o condado á Coroa escocesa en 1472, trala falta de pago dunha dote a Xacobe III tralo seu matrimonio con Margarida de Dinamarca. Orkney contén algúns dos sitios neolíticos máis antigos e mellor conservados de Europa, e o "Corazón neolítico das Orcadas" é Patrimonio da Humanidade da UNESCO.


4 editar

As illas Shetland son un grupo de illas do océano Atlántico setentrional situadas entres as illas Feroe, ao suroeste de Noruega e Gran Bretaña. Lixeiramente por enriba dos 60ºN de latitude, representan o extremo setentrional do Mar do Norte. Administrativamente constiúen un dos 32 condados de Escocia.

As illas teñen un total de 1469 km², cunha poboación duns 22.000 habitantes, dos cales uns 7.000 viven en Lerwick, a capital.

O clima é húmido e fresco (aínda que suavizado pola influencia da corrente do Golfo). Lerwick acumula 1.140 mm en 181 días de precipitación ao ano. As temperaturas, moi constantes ao longo do ano (debido á latitude) son de 7 °C de media, con 12 °C en xullo e agosto e 3 °C en xaneiro e febreiro.

Despois de seren colonizadas polos escandinavos e formar parte de Noruega durante toda a Idade Media, as illas pasaron á coroa escocesa o 20 de febreiro de 1472. Durante a Segunda Guerra Mundial barcas procedentes das Shetland, coñecidas como "Shetland bus", proporcionaron axuda á Noruega ocupada, e evacuaron fuxitivos.

Como lingua da poboación, o antigo norn foi substituído por un dialecto insular do scots chamado shetlándico, que á súa vez está sendo substituído polo inglés.


5 editar

Edimburgo (en inglés: Edinburgh; en gaélico escocés: Dùn Éideann) é a capital e segunda maior cidade de Escocia. A cidade atópase na costa leste de Escocia á beira do estuario do Forth e na autoridade local da Cidade de Edimburgo. Edimburgo é capital de Escocia dende 1437 e é a sede do goberno escocés. A cidade foi un dos centros máis importantes da educación e cultura durante a Era de Ilustración, grazas á Universidade de Edimburgo. Os distritos, The Old Town e New Town, os cales forman parte do centro da cidade, foron nomeados pola UNESCO como Patrimonio da Humanidade en 1995. De acordo co censo do 2001, Edimburgo posúe unha poboación de aproximadamente 448.624 habitantes.

Edimburgo é famosa polo seu Festival, o maior conxunto de eventos en vivo do mundo. Durante o mes de agosto, cando se celebra, a poboación da cidade duplícase. Edimburgo é a segunda cidade máis visitada do Reino Unido despois de Londres con 13 millóns de visitantes ao ano.


6 editar

Glasgow (pronunciado [ˈɡlɑːzɡoʊ] en inglés, en gaélico escocés Glaschu, pronunciado [ˈɡ̊ɫ̪as̪əxu], ou Glesca/Glesga en escocés) é unha cidade de Escocia. Os seus 688.420 habitantes convértena na primeira cidade escocesa e a terceira de Gran Bretaña. Está situada na beira do Río Clyde nos Lowlands Escoceses. A xente de Glasgow é coñecida como glaswegians. Glaswegian tamén é o nome do dialecto local do escocés.

Glasgow está situada nas ribeiras do río Clyde, no centro-oeste de Escocia. Malia estar a unha latitude semellante á de Moscova, o clima de Glasgow é máis suave do que cabería agardar, grazas á influencia que sobre el exerce a cálida Corrente do Golfo. Correspóndelle, pois, un clima de tipo oceánico, clasificado Cfb segundo a clasificación climática de Köppen.


7 editar

As Highlands ou Terras Altas Escocesas (Highlands en inglés, A' Ghàidhealtachd en gaélico escocés, Hielands en scots), é unha rexión montañosa do norte de Escocia. É unha área con baixa densidade de poboación, e cun relevo moi variado. O principal centro administrativo é Inverness.

Respecto da cultura, o trazo máis distintivo é a influencia celta na cultura, incluíndo o mantemento do gaélico escocés como a lingua materna dunha parte da poboación, e un maior predominio da actividade agrícola e gandeira, comparado co resto do país.

Durante os séculos XVIII e XIX miles de persoas foron desaloxadas e forzadas a emigrar ao sur ou a América e Australia. Produciuse cando o sistema feudal entrou en crise.

A unidade administrativa do condado denominado Highland soamente ocupa un 40% (aproximadamente) da rexión xenericamente denominada Highlands. O resto do territorio está repartido entre os condados de Aberdeenshire, Angus, Argyll e Bute, Moray, Perth e Kinross, e Stirling.


8 editar

Saint Andrews, (en latín: S. Andrea(s); en scots: Saunt Aundraes; en escocés: Cill Rìmhinn) situada na costa leste de Escocia, no condado de Fife, é unha das cidades máis antigas e historicamente importantes de Escocia, malia o seu reducido tamaño. Nela atópase a Catedral de St Andrews, no presente derruída (que no seu tempo foi a máis grande de Escocia), un castelo, igualmente derruído, e unha das universidades máis antigas e prestixiosas do Reino Unido. Ademais, St Andrews é considerado como "o berce do golf", xa que nela atópanse o Royal and Ancient Golf Club of St Andrews -o club de golf máis antigo do mundo- e o Old Course de St Andrews, tamén un dos campos máis antigos.

Os primeiros asentamentos que se localizaron no actual St Andrews pertencen ós pictos, quen o denominaban Kilrymont ou Muckross. A lenda di que San Régulo trouxo até aquí as reliquias de Santo André, patrón de Escocia.


9 editar

A Muralla de Antonino (tamén chamada Muro Antonino ou Muro de Antonino) é unha antiga construción defensiva da illa de Gran Bretaña, erixida por Quinto Lolio Urbico, gobernador de Britania, por mandato do emperador romano Antonino Pío entre os anos 140-142, a uns 160 km ó norte da súa antecesora, a muralla de Hadrián. Estendíase durante 58 quilómetros dende o estuario de Forth, na costa oriental da illa sobre o mar do Norte, ata o golfo de Clyde, na costa occidental sobre o mar de Irlanda, ó longo da liña dos antigos fortes construídos por Cneo Xulio Agrícola. Foi inscrita na lista do Patrimonio da Humanidade en 2008 como parte das "Fronteiras do Imperio Romano".

O motivo da creación desta fronteira fortificado foi adiantar as posicións defensivas romanas, ó considerar que a provincia de Britania era xa segura, para así garantir a súa defensa, e de paso someter ás tribos hostís que vivían entre ambas murallas, nas terras altas da Caledonia meridional. Estas tribos dos pictos constituían unha importante ameaza pola súa hostilidade, ante o cal as súas terras foron asoladas e un gran número dos seus habitantes apreixados e deportados a Xermania.


10 editar

Ben Nevis (en escocés: Beinn Nibheis) é a máis alta montaña das Illas Británicas. Cunha altura de 1344m sobre o nivel do mar, está localizada na parte occidental dos Montes Grampianos, na área de Lochaber das Highlands, preto da vila de Fort William.

A montaña é un popular destino turístico que atrae a unhas 100.000 persoas cada ano, das cales tres cuartos empregan o Pony Track dende Glen Nevis. Os cantís de 700m da cara norte están entre os máis altos do Reino Unido, e proporcionan escaladas de diferentes dificultades para escaladores e montañeiros.