Montañas Altai

cordilleira da Asia Central
(Redirección desde «Montes Altai»)

As montañas de Altai, tamén coñecidas como macizo de Altai (en ruso: Алтайские горы; en turco: Altağ ou Altai, de Al, 'ouro' e tağ, 'monte'; en mongol: Altain-ula, 'montañas de ouro') é unha cordilleira de Asia Central que ocupa territorios de Rusia, China, Mongolia e Casaquistán.

Montañas de Altai
Localización
Continente/sAsia
País/esRusia Rusia
China
Mongolia
Casaquistán
RexiónAsia Central
Coordenadas27°59′17.0″N 86°55′31.0″L / 27.988056, -86.925278Coordenadas: 27°59′17.0″N 86°55′31.0″L / 27.988056, -86.925278
Datos
Principais cumesBeluja, Monch Chajrchan Uul, Otgon Tenguer Uul
Cota4 500 msnm
Lonxitude2 500 km
OrientaciónNO-SL
TipoOroxenia
Outros
PortosPorta de Zungaria
RíosObi, Ienisei, Irtix
Vista de satélite das montañas.
Localización das montañas Altai.
Mapa físico da zona.

Nela nacen os ríos Obi, Ienisei e Irtix. O extremo noroccidental da cordilleira está situado no 52º N e entre os 84º e os 90º L (onde se fusiona cos montes Saiáns ao leste), estendéndose polo sueste desde ese punto até aproximadamente os 45°N 99°L / 45, -99, onde gradualmente vai perdendo altura acaba no deserto de Gobi.

A cordilleira tamén é coñecida como o Ek-tagh, as Montañas Douradas de Altai, que foron declaradas Patrimonio da Humanidade natural da UNESCO no ano 1998, debido a que «representa un centro importante e orixinal de biodiversidade da flora de montaña e de especies animais da Asia setentrional, das que certo número delas son raras e endémicas».[1]

Xeografía editar

No norte do macizo áchanse os montes Sailughem, tamén chaamados Altai de Kolivan, que se prolongan cara ao oeste dos montes Saiáns. As súas elevacións máximas oscilan en torno aos 1 750 m. Os pasos montañosos que atravesan a cordilleira, como o Ulan-daban e o Chapchan-daban, son escasos e difíciles de cruzar. Ao leste e o sueste esta cordilleira está flanqueada pola gran meseta de Mongolia.

Na zona norte do macizo de Altai hai varios lagos, como o Ubsa-nor, a 750 m sobre o nivel do mar; o Kirghiz-nor e o Durga-nor. Nesta zona dos Altai que queda ao norte de Tavan Bogd Uul (4 356 msnm) cabe diferenciar, ademais, entre o Altai ruso, cuxa máxima altitude é Gorá Beluja (4 506 m) e o Altai mongol, cuxo cume é o Monch Chajrchan Uul (4 231 m), onde termina o Altai de Gobi.

No leste e o sueste está o Changajn Nuruu, xa na Mongolia Central. A súa maior altura é Otgon Tenguer Uul (4 031 m). Nos Altai centrais, os montes Sailughem son extremadamente dificultosos e pouco accesíbeis. Neste sector é onde está o máis alto cume da cordilleira, o monte Beluja, cuxas dús puntas alcanzan os 4 506 e os 4 440 m, respectivamente, e as cales dan orixe a varios glaciares. Alí tamén se encontra o monte Kuitun (3 660 m) e outros picos menores. Ademais existen algunhas mesetas de baixa altura (como na que se sitúa Tomsk) e o val do río Katún que, xunto co Biya, forman na súa confluencia o Obi. Nos vales destes ríos, cubertos de prados alpinos, orixínanse as máis belas paisaxes do macizo de Altái, ao contrastar o verdor da vexetación cos cumes das montañas e os seus glaciares.

As partes medias e baixas do val de Bujtarmá foron colonizadas desde o século XVIII por campesiños rusos e protestantes ortodoxos, que crearon aí unha república libre en territorio chinés. Despois de que esta parte do val fora anexionada por Rusia en 1869, foi rapidamente recolonizada. Nas proximidades do lago Telétskoye habita o pobo telengit.

Cara ao leste, o macizo de Altai separa a conca de Kobdo no norte da conca do Irtix polo sur, aumentando a altitude do sistema montañoso desde a depresión de Zungaria, pero diminúe no norte por unha pendente relativamente curta cara á meseta do noroeste de Mongolia.

Tras os 94 ºL, a cordilleira continúa por unha serie dupla de cadeas montañosas, todas as cales presentan características oroxénicas menos notorias, e as súas elevacións son considerabelmente máis baixas. Estas costas e pendentes están habitadas principalmente por nómades kirguices.

Picos máis altos editar

Os cinco picos máis altos do Altai son:

Sitio patrimonial editar

Artigo principal: Montañas Douradas de Altai.

Unha vasta zona de 16 175 km² —as reservas naturais de Altai e de Katun, o lago Telétskoye, o monte Beluja e a meseta de Ukok— comprenden un Patrimonio da Humanidade de la UNESCO chamado Montañas Douradas de Altai. Tal como a UNESCO sinalou na súa descrición do sitio, «a rexión representa a secuencia máis completa de zonas altitudinais de vexetación na Siberia central, desde estepas a vexetación tipicamente alpina». Ao facer esta declaración, a UNESCO convidaba aos rusos a preocuparse da preservación dos mamíferos en perigo no Altai, como o leopardo das neves e o Ovis ammon ammon, o argalí de Altai (a subespecie tipica de Ovis ammon, unha ovella salvaxe).[1][2] Este sitio é ademais o lugar de orixe duna raza de cabalos, o cabalo Altai (unha raza de poni siberiano).[3]

Xeoloxía editar

O Altai siberiano representa a rexión máis afectada no hemisferio Norte pola colisión tectónica entre a India e o continente asiático. Enormes sistemas de fallas atravesan a zona, como a falla de Kurái e a de Tashanta. Estes sistemas son típicos "empuxes" das fallas en forma de movementos horizontais, algunhas das cales están aínda tectonicamente activas. Os tipos de rochas presentes no macizo de Altai corresponden ao granito e rochas metamórficas, algunhas das cales elévanse en considerábeis dimensións cerca das zonas de fallas.

Minaría editar

En canto á minaría, na parte occidental do Altai pódese encontrar minerais de volframio, ferro, mercurio e asbesto.

Actividade sísmica editar

O 27 de setembro de 2003 un gran terremoto de magnitude 7,3 sobrevíu na conca de Chuya, ao sur da rexión do Altai. Dito terremoto a as súas réplicas devastaron considerabelmente a rexión, causando danos que custaron cerca de 10,6 millóns de dólares, e destruíu a aldea de Beltir. A actividade sísmica é, non obstante, de rara ocorrencia.

Galería editar

Notas editar

  1. 1,0 1,1 Páxina web da UNESCO.
  2. Montagnes dorées de l'Altaï na web da UNESCO (en francés).
  3. Altai Horse en Breeds of Livestock (en inglés).

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • VV. AA. (1910-1911): «Altai». En Chisholm, Hugh. Encyclopædia Britannica. A Dictionary of Arts, Sciences, Literature, and General information. 11ª Edición. Encyclopædia Britannica, Inc. (actualmente en dominio público (en inglés).

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar