Oroxénese

formación ou rexuvenecemento de montañas e cordilleiras

A oroxénese[1] (do grego ὄρος óros "montaña" e γένεσις guénesis "orixe", "formación") ou oroxenia[2] é a formación ou rexuvenecemento de montañas e cordilleiras (oróxenos) causada pola deformación compresiva de rexións máis ou menos extensas da litosfera continental. Prodúcese un engrosamento da codia e os materiais sofren diversas deformacións tectónicas de carácter compresivo, incluíndo pregamentos, fallas e tamén o corremento de mantos. As distintas oroxenias prodúcense en determinadas rexións do mundo durante determinados períodos do tempo xeolóxico, como por exemplo as oroxenias caledoniana, hercínica ou alpina. Os procesos sinoroxénicos son aqueles que se producen durante unha oroxenia, mentres que os preoroxénicos se producen antes e os postoroxénicos despois.[3]

Interpretación actual

editar
 
Formación dun arco de illas pola subdución baixo a litosfera oceánica.
 
Formación dunha cordilleira marxinal pola subdución baixo o bordo continental.

O problema da interpretación da oroxénese foi o problema teórico maior da xeoloxía desde a orixe desta ciencia. Trátase de explicar por que, a pesar da continuidade dos procesos de erosión, non deixa de haber na Terra relevos elevados e abruptos. O desenvolvemento e aceptación da teoría da tectónica de placas a partir da década de 1960 ofreceu un novo marco teórico para a comprensión deste enigma. Até entón as diversas teorías podían encadrarse na súa maioría dentro dun conxunto coñecido como teorías do xeosinclinal/oróxeno. Esta denominación alude ao recoñecemento, non desmentido, de que as grandes cordilleiras se levantan sobre todo con materiais sedimentarios acumulados en grandes concas marxinais aos continentes, ás que se denomina xeosinclinais. Obsérvase precisamente no carácter sedimentario, pero deformado, das formacións rochosas dos máis altos cumios montañosos. O que faltaba nestas teorías tectónicas era unha explicación satisfactoria da orixe das inmensas forzas de compresión necesarias para converter un xeosinclinal nun oróxeno.

A teoría da tectónica de placas explica o levantamento como un efecto derivado da converxencia de placas litosféricas. A converxencia arrinca cando a litosfera oceánica rompe, xeralmente xunto á marxe continental, no lado externo dun xeosinclinal. Consiste durante moito tempo na subdución desa litosfera oceánica baixo a marxe continental, para terminar frecuentemente cunha fase na que a converxencia termina dando lugar á colisión de dous fragmentos continentais. Mentres se trata de subdución, a oroxénese produce cordilleiras ricas en fenómenos volcánicos; é o caso da cordilleira dos Andes. Cando se alcanza, se é que ocorre, a fase de colisión, os oróxenos que se forman son moi extensos e abruptos, con escasa actividade volcánica; este tipo vén exemplificado polo Himalaia ou os Alpes.

Continúa habendo debate en torno ao peso relativo de cada proceso natural involucrado na oroxénese (forzas tectónicas, deformación da litosfera, erosión e transporte de sedimentos, clima, magmatismo etc.) e en determinar a estrutura actual dos orógenos. Desde finais dos anos 1990, por exemplo, desenvolveuse a idea de que o crecemento do oróxeno e a súa deformación interna é sensíbel á distribución superficial da erosión, controlada polo clima, pero non existe aínda consenso sobre a relevancia deste efecto.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

 
 Este artigo sobre xeoloxía é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para oroxénese.
  2. Definición de oroxenia no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
  3. Allaby, Michael (2013). "synorogenic". A dictionary of geology and earth sciences (4ª ed.). Oxford: Oxford University Press. ISBN 9780199653065.