Mini-Europe é un parque de Bruxelas, Bélxica, situado ao pé do popular Atomium, que alberga reproducións a escala 1/25 dalgúns dos monumentos máis coñecidos da Unión Europea. A exposición componse duns 350 edificios representativos de 80 cidades.[1]

Mini-Europe

A maqueta da Catedral de Santiago de Compostela en Mini-Europe (vista xeral e detalle).
TipoParque temático
Fundación1 de xuño de 1989
Localización Laeken
Bruxelas
Rexión de Bruxelas
Bélxica Bélxica
IndustriaLecer e esparexemento
Na rede
https://www.minieurope.com/, https://www.minieurope.com/en/, https://www.minieurope.com/nl/, https://www.minieurope.com/de/ e https://www.minieurope.com/it/
Facebook: MiniEuropeOfficial Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Descrición editar

 
O parque Mini-Europe visto desde o Atomium

Nos seus 24.000 metros cadrados, o parque contén reproducións dos monumentos de máis sona da Unión Europea, a escala 1/25, correspondentes a preto de 80 cidades.

É moi salientable a calidade das súas maquetas, algunhas das cales chegaron a custar ata de 350.000 euros (como a Grand-Place de Bruxelas). O parque contén, ademais, diversas animacións (tren, muíños, a erupción do monte Vesubio, un Airbus, a caída do Muro de Berlín, as góndolas de Venecia, etc.).[2]

Durante a visita, disponse dunha guía impresa que dá información sobre todos os monumentos e, ao seu remate, hai unha exposición interactiva denominada "Espírito de Europa" que presenta a Unión Europea dun xeito lúdico e participativo. A través dos monumentos en miniatura e das escenas da historia de Europa, amósanse os valores europeos (democracia, emprendemento, cultura, prosperidade, espírito de aventura, a herdanza cristiá, a tecnoloxía, o laicismo e o multiculturalismo), así como a súa herdanza (gregos, romanos, viquingos, Idade Media, Renacemento, Ilustración, Revolución Francesa, etc.) e mesmo acontecementos máis conxunturais, como o brexit.[3]

Para todas estas actividades, Mini-Europe conta co apoio da Comisión Europea e do Parlamento Europeo.

Un libro-guía en 11 linguas detalla información, anécdotas e datos curiosos sobre os monumentos, sobre os seus países e sobre a Unión europea.[4][5]

Historia editar

O proxecto e os inicios editar

 
Un grupo de persoas visitando as instalacións

A idea orixinal do parque correspóndelle a un empresario holandés que concibiu, en 1986, a realización dun parque en miniatura na zona de Heysel e logrou a implicación no proxecto da Sociedade Rexional de Investimentos de Bruxelas, aínda que finalmente o empresario holandés acabou por retirarse, logo de varios fracasos das súas empresas, cando o parque xa estaba deseñado e as primeiras maquetas foran encargadas. As súas accións foron adquiridas polo grupo Walibi, que formalizou a súa participación como socio no proxecto en xuño de 1988. O investimento total para o desenvolvemento do proxecto foi de 10 millóns de euros.[6][7]

O daquela príncipe e posteriormente rei Filipe de Bélxica inaugurou as instalacións o día 1 de xuño de 1989. Durante os primeiros anos, Mini-Europe non se amosou moi rendible, cun volume de negocio de entre 100 e 120 millóns de millóns de francos belgas (entre 2,5 e 3 millóns de euros).

Os primeiros edificios en miniatura que se puideron visitar foron o Mosteiro do Escorial, o Palacio de Westminster, o Nyhavn de Copenhague, a Grand-Place de Bruxelas, o Arco de Triufo de París, a Torre de Pisa, o Partenón de Atenas e a Porta de Brandemburgo, de Berlín.

En 1997 recibía xa 300.000 visitantes e en 2012 subiron a 350.000. Xa con 4 millóns de euros como volume de negocio, o parque Mini-Europe converteuse nunha das primeiras atraccións de Bruxelas.[8]

A construción dos monumentos editar

 
Vista do Atomium desde o parque Mini-Europe

Os criterios utilizados para a escolla dos monumentos foron a súa calidade arquitectónica e o seu simbolismo europeo. Logo desa primeira selección, houbo unha segunda fase de investigación, cun custo duns 200.000 euros, na que se procuraron planos, fotografías e a maior cantidade posible de diocumentación técnica de cada edificio.

O equipo de creadores e maquetistas que elaboraron os edificios estaba composto por 165 profesionais procedentes de Alemaña, Francia, Bélxica, Portugal, España, os Países Baixos e o Reino Unido. A maioría dos monumentos foron construídos por moldaxe. As pezas elaboráronse a partir de materiais diversos e, a continuación, copiáronse por moldaxe de silicona. As copias finais fixéronse de resina epoxi (posteriormente pasaron a elaborarse en poliéster). No entanto, houbo tres monumentos construídos en mármore: a Torre de Pisa e o Castelo de Chenonceau.

Para o financiamento da construción dalgunhas destas maquetas contouse, en ocasións, coa colaboración económica dos respectivos gobernos locais, rexionais ou nacionais.[9]

Galicia en Mini-Europe editar

O único edificio galego representado no parque Mini-Europe é a Catedral de Santiago de Compostela, cunha detallada maqueta que requiriu máis de 24.000 horas de traballo.

Notas editar

  1. "Conheça boa parte de Europa no Parque Mini-Europa". En Dicas da Europa (en portugués)
  2. "Activities Arquivado 11 de febreiro de 2018 en Wayback Machine.". No sitio web oficial do parque (en inglés)
  3. "Spirit of Europe: una iniciativa de Mini-Europe". No sitio web oficial do parque (en castelán)
  4. Pódese consultar o libro-guía na súa versión en castelán aquí Arquivado 06/08/2016, en Wayback Machine..
  5. "Descripción". Na páxina web oficial do parque (en castelán)
  6. Meeùs, Eddy. Hors des sentiers battus : Du Kivu à Walibi. Éditions Clepsydre. 2002 [ISBN 2-930304-07-3] (en francés)
  7. "Walibi se tourne". En Le Soir (Belgique). 21 de abril de 1989 (en francés)
  8. "Les parcs à thème Arquivado 21 de setembro de 2013 en Wayback Machine.". Agence de Développement et d'Urbanisme. Pays de Montbéliard (en francés)
  9. "Le tour d'Europe en 80 minutes". En Le Soir (Belgique). 7 de abril de 1989 (en francés)

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar