Mary Gillick

Medallista e escultora británica

Mary Gaskell Gillick (de solteira Mary Tutin), nada en Nottingham en 1881 e finada en Londres o 27 de xaneiro de 1965, foi unha escultora e medallista inglesa, coñecida sobre todo por ser a autora da primeira efixie de Isabel II utilizada nas moedas do Reino Unido e doutros territorios da Commonwealth, que se cuñou desde 1953 ata 1965.

Infotaula de personaMary Gillick

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento1881 Editar o valor em Wikidata
Nottingham, Reino Unido Editar o valor em Wikidata
Morte1965 Editar o valor em Wikidata (83/84 anos)
Londres, Reino Unido Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeReino Unido
Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda Editar o valor em Wikidata
EducaciónRoyal College of Art (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónescultora , medallista Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua inglesa Editar o valor em Wikidata
Familia
CónxuxeErnest George Gillick (1905–)
Premios

WikiTree: Tutin-47

Traxectoria editar

Primeiros anos e formación editar

Nada en Nottingham en 1881, filla de Elizabeth Gaskell e do construtor Thomas Tutin, Mary Gillick cursou o seu ensino secundario na escola para nenas desa cidade entre 1890 e 1898. Este último ano iniciou a súa formación artística na Escola de Arte de Nottingham ata 1902 e continuouna en Londres no Royal College of Art,[1] de 1902 a 1904, onde tivo como profesor o escultor e medallista franco-británico Édouard Lantéri.[2][3]

Carreira artística editar

 
Medalla de Henry Wellcome.[4]

Na súa carreira posterior como medallista, Mary Gillick creou placas e medallas sobre personaxes como Henry Wellcome,[5] Henry Dale,[6] Margaret Babbington,[2] Frederick George Kelleway, o arquitecto Victor Heal ou o bispo de Chichester. Outras das súas medallas foron as coñecidas como Duddell Memorial, Ceres —para a Agricultural Mortgage Corporation—, un medallón do príncipe de Edimburgo para a Royal Mint e uns modelos para a Medalla Copley,[7] da Royal Society.[1]

Entre 1911 e 1962, Gillick expuxo 33 veces nas exposicións de verán da Royal Academy, cun total de 40 obras.[2] Tamén expuxo parte dos seus traballos na Sociedade de Mulleres Artistas en 1953, entidade da que formou parte desde ese mesmo ano.[1]

Entre as súas obras non medallísticas, cabe salientar un retrato de bronce de William Bragg —que fora presidente da Royal Society—, para a igrexa de Chiddingfold, Surrey; un relevo de bronce de Chifford Allbutt, para a Escola de Medicina de Cambridge; ou bronces de Percy e Elizabeth Molteno, para o Instituto de Parasitoloxía da mesma universidade.[1]

O primeiro busto de Isabel II [8] editar

En 1952, Mary Gillick participou nunha competición convocada pola Royal Mint, xunto con outros 16 artistas, para a creación do primeiro retrato da nova raíña, Isabel II (1952-2002) nas moedas do Reino Unido.[1][2][3][8] Gillick traballou no retrato entre marzo e outubro de 1952, cunha sesión e a estreita supervisión do duque de Edimburgo.[14]

A súa proposta dunha monarca con aspecto xuvenil e sen coroa foi a gañadora e, como resultado, o busto deseñado por ela converteuse no motivo central do anverso de todas as moedas británicas entre 1953 e 1965,[3] e tamén nas doutros territorios da Commonwealth,[8] como Australia, o Canadá, Ceilán, Nova Zelandia, Rodesia e Nyasaland, Suráfrica e Cimbabue.[15][16]

A noticia do novo deseño acadou gran repercusión na prensa, entre outras cousas pola coincidencia de que a artista gañadora fose unha muller, igual que a raíña. Malia ter un acollemento maioritariamente favorable, non faltaron algunhas críticas, centradas no grao de semellanza entre a monarca e o retrato, e na idade que este reflectía. Neste sentido, o escultor Jacob Epstein opinou: "podería ser... calquera rapaza fermosa". Outros críticos sinalaron, pola contra, que o éxito do deseño radicaba na semellanza co estilo dos grandes medallistas do Renacemento italiano.[16]

O numismático Humphrey Sutherland fixo notar esta asociación de estilos nun artigo publicado en Country Life: "O retrato da señora Gillick, coa súa simplicidade, o seu espazo e o seu ornamento económico, suxire máis ben a graza italiana do deseño renacentista". Pola súa banda, nun programa da BBC, o historiador da arte Charles Mitchell observou:[16]

O novo retrato real non é en absoluto unha imitación de ningunha das medallas de Pisanello, mais o seu parentesco formal... é inconfundible. Respira o aire do primeiro Renacemento. [...] Creo que xa era hora de dar un salto á imaxinación, e a señora Gillick deuno.

Con todo, malia a mestría artística de Gillick, os seus primeiros cuños amosaban un relevo non o suficientemente marcado, o que provocaba que as primeiras cuñaxes saísen demasiado débiles, co que tanto os trazos faciais como os pregamentos do vestido da raíña aparecesen moi esvaecidos.[16] Para arranxar o problema, houbo que refacer as matrices para producir cuños novos sobre o deseño de Gillick. Este labor encomendóuselle a Cecil Thomas, un medallista experimentado que competira con Gillick no certame para o deseño do busto da raíña[8][14] —malia non ter éxito nese concurso, a Thomas encargóuselle un novo retrato de Isabel II coroada para algúns dos territorios do Imperio Británico e da Commonwealth que comezou a utilizarse tamén en 1953—.[17]

 
Serie Maundy de 2006, co busto de Isabel II deseñado por Gillick.[18]

A silueta do busto de perfil creado por Gillick usouse tamén posteriormente para aparecer en pequeno tamaño nos selos conmemorativos británicos desde 1966 ata o 9 de marzo de 2023. Do mesmo xeito, o busto orixinal de Gillick mantívose para a serie de moedas Maundy,[18] ata a morte da Raíña en 2022.[8][14][16]

O deseño do primeiro busto de Isabel II na moeda británica valeulle a Mary Gillick o seu nomeamento como Oficial da Orde do Imperio Británico, durante as Honras de Coroación de 1953.[3][19]

O Museo Británico organizou entre xuño e xullo de 2022 a exposición "Mary Gillick modelling The Queen's portrait" ("Mary Gillick, modelando o retrato da raíña"), sobre a traxectoria da artista e centrándose especialmente no seu traballo como deseñadora do retrato da raíña.[20][21] Unha boa parte dos obxectos que formaron parte desta exposición foron doados ao Museo Británico polos herdeiros de Mary Gillick e o seu marido (medallas, modelos en xeso, esbozos e debuxos, etc.).[22]

Vida persoal editar

Durante a súa etapa de formación na Escola de Arte de Nottingham, Mary Tutin coñeceu a Ernest Gillick, con quen coincidiu como compañeiro de estudos. En 1905, cando ela tiña 24 anos, Mary e Ernest casaron,[1] e ela adquiriu desde ese momento o apelido do seu home. Entre os seus compañeiros na Escola de Arte estaban os pintores Harold e Laura Knight, cos que o matrimonio Gillick mantivo a amizade durante toda a súa vida.[2]

Mary e Ernest Gillick tiveron unha profunda influencia mutua no seu traballo como medallistas, e a súa relación laboral durou 46 anos,[3] ata o falecemento de Ernest en 1951.[23]

Malia estar afectada pola artrite nos seus derradeiros anos, Mary Gillick continuou traballando ata o seu falecemento o 7 de xaneiro de 1965,[1][3] no hospital Elizabeth Garrett Anderson, de St Pancras, Londres.[2]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 "Gillick, Mary G. (c. 1880-1965)". En Gray, S. (2009). Páxina 116.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 "Mrs Mary Gaskell Gillick OBE". En Mapping the Practisce and Profession of Sculpture in Britain & Ireland 1851-1951. University of Glasgow History of Art / HATII.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 Hopkin, A. (2019). "Mary Gillick Designer of Queen Elizabeth II First Portrait". Chards.co.uk. 21 de outubro [Actualizado: 27/12/2002]
  4. "Henry Solomon Wellcome. Bronze plaque by M. Gillick". Wellcome Collection (Wellcomecollection.org).
  5. "Sir Henry Wellcome (1853–1936), FRS". Artuk.org
  6. "Sir Henry Dale (1875–1968), FRS". Artuk.org
  7. "The History of the Copley Medal". Copley Junior School (Copley.doncaster.sch.uk).
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 "Queen Elizabeth II - First Portrait, by Mary Gillick". Onlinecoin.club
  9. "½ Crown - Elizabeth II 1st portrait". Numista.com
  10. "3 Pence - Elizabeth II 1st portrait". Numista.com
  11. "½ Penny - Elizabeth II 1st Portrait". Numista.com
  12. "5 Pounds - Elizabeth II 40th Coronation Jubilee". Numista.com
  13. En 1993, a Royal Mint recuperou o busto de Gillick para a o anverso dunha emisión conmemorativa do 40 aniversario da coroación de Isabel II, obra de Raphael David Maklouf.
  14. 14,0 14,1 14,2 Greep, M. (2022). "Life of artist Mary Gillick [...]". En Daily Mail. 21 de xaneiro.
  15. "Mary Gillick". Numista.com
  16. 16,0 16,1 16,2 16,3 16,4 Attwood, P. (2022-b-).
  17. "Cecil Thomas". Numista.com
  18. 18,0 18,1 "Maundy Money". Royal Mint (Royalmint.com).
  19. "Nº. 39863". The London Gazette (Supplement). 1 de xuño de 1953. Páxinas 2.939–2.993.
  20. "Mary Gillick modelling The Queen's portrait". The British Museum (Brithmuseum.org).
  21. "Exhibition on medallic artist Mary Gillick". En Coins Weekly. 11 de outubro de 2017.
  22. "Collection: Mary Gillick". British Museum (Britishmuseum.org).
  23. "Ernest George Gillick ARA". Mapping the Practice and Profession of Sculpture in Britain and Ireland 1851-1951. University of Glasgow / HATII.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar

Predecesor:
Humphrey Paget
 
Moedas da libra esterlina
Autores dos anversos

1953-1965
Sucesor:
Arnold Machin