Guigurros

pobo prerromano dos ástures

Os guigurros[1] (en latín: Gigurri) segundo Plinio (Naturalis Historiæ, 4, 28) ou egurnion segundo Ptolomeo (Ptol. ll, 6, 37) eran un pobo dos ástures augustanos, situado probablemente na comarca de Valdeorras (Ourense), que preservou o seu nome.

Mapa das tribos ástures.

Documéntanse tanto epigraficamente como en autores antigos. CIL II,[2] 2610 fala dun Reburro Fabro / Gigvrro Calvbrigen(si), e ademais están os testemuños de varios autores: Plinio (Nat. Hist. 3, 28) que cita entre os populi noroccidentais aos guigurros; Ptolomeo (Xeogr. 2, 6) que sitúa entre as cidades ástures do interior o Forum Gigurrorum; o Itinerario Antonino (428, 7), que menciona o lugar de mercado Forum Gigurrorum, e finalmente o Anónimo de Rávena (4, 45) que fala dun Foro Gigurnion. No decreto de Augusto achado en Bembibre fálase duns "Aiiobrigiaecinos ex gente Gigvrrorvm".

Etimoloxía

editar

Un dato lingüístico sorprendente, que se repite en toda a área occidental da cornixa cantábrica, é a aparición dunha serie de etnónimos, transmitidos tanto polas fontes clásicas como pola epigrafía, que terminan en –urro- ou –arro- (seurros, iburros, egobarros, susarros, guigurros, etc.). Provoca certa perplexidade atopar aquí, no lugar que deberían ocupar sufixos coñecidos, un sufixo –urro, descoñecido en celta común, e inexplicable tanto fonética como morfoloxicamente, desde o punto de vista indoeuropeo. Quizais por isto, a etimoloxía destes nomes deu lugar ás máis diversas teorías.

Suxire E. Bascuas, aínda que sen moita convicción e entre outras posibilidades, que estamos ante unha forma *gigurganso”, relacionada cunha forma proto-celta *giguranos "ganso salvaxe" (antigo irlandés Gigren, Giugrann "ganso" e galés Gwyrain "pato salvaxe") co que este pobo dos ástures serían sinxelamente "os gansos".[3][4] Adoptar o nome de animais totémicos, e máis concretamente de aves, non é estraño na etnonimia peninsular (ej: Túrdulos e Lougeos) con todo falta documentación desta palabra en celta continental, de maneira que a adscrición da forma completa *giguranos a data celta primitiva pode ser precipitada.

Outros sinalaron o carácter fluvial do sufixo –urros, a partir da etimoloxía dos tamén ástures iburros, cuxo nome se tentou explicar desde un hidrónimo *Ibia, estendido en *Ibura, co significado de "os ribeiregos do río Ibura". Así os guigurros serían "os ribeiregos do río *Cigia", estendido en *Cigura, hidrónimo xa consignado entre os ástures (río Cea na provincia de León < Cigia) e veciños (río Cega na provincia de Segovia). Juan L. García Alonso establece como étimo a forma *Cic-e-a e faina derivar da raíz *Kik- "brotar, chorrear" consignada no vello irlandés cich "mama", galés cig "ubre", córnico chic e bretón quic, ademais de no topónimo britano de Cicucium e outros moitos da área céltica compilados por Alfred Holder.[5]

A mutación da raíz *Cigia > *Gigia respondería ao fenómeno de sonorización secundaria de oclusiva xorda inicial contemplado por Patricia de Bernardo Stempel [6] para o hispano-celta occidental, e non presenta obxeccións. Tendo en conta que os desenvolvementos nasais adoitan actuar con función locativa (Tamag-ones, "os do Támega"; Sel-inos, "os do Salia") a forma orixinal podería reconstruírse como Cigur(i)nos ou Gigur(i)nos, coincidente por outra banda co “Foro Gigurnion” que transcribe o anónimo de Ravenna (4,45). Con todo, a sufixación –urro, seguiría sen atopar explicación satisfactoria. Para iso, habería que partir dunha disimilación da forma –urros < -*ur(i)nos, non constatada.

Por último, B. M. Prósper, retomando a hipótese de Bascuas, defende que a forma hispano-celta occidental *gigurro puido proceder directamente de *gigur-eu con significado de "os que gritan" e que por tanto formouse directamente e en paralelo a *gigur-ano, que sería en todo caso creación xa do celta insular, probablemente de carácter adxectival logo convertido na designación do ánsar.[7] Para iso, e tentando dar unha explicación satisfactoria aos sufixos xeminados -urro, expón a hipótese da existencia dunha lei que partindo dun fenómeno fonético trivial, suporía a asimilación de –ry- > -rr-. Este cambio fonético non sería nin moito menos xeral, nin sequera no Noroeste, e circunscribiríase a unha área definida e a un grupo lingüístico moi determinado.

Territorio

editar

Os guigurros ocupaban o extremo oriental da actual provincia de Ourense e o suroeste da comarca do Bierzo na actual provincia de León. O nome da hoxe comarca de Valdeorras é unha continuación do nome de tal pobo (Giorres, Eurres e Iorres na Alta Idade Media, máis tarde "Vall(e) de Iorres", e até o século XIX Valdiorres, que alternará con Valdeorras), pero os límites antigos son descoñecidos. A súa capital era "Forum Gigurrorum", preto da Rúa.

Relixión

editar

Sabemos do culto ao deus Cosso (Conso nunha forma máis primitiva) que os emparenta cos Susarros do norte e cos Callaecos lucenses.

CONSO / S[- - -]ENSI / P(VBLIVS) ARQVIVS / CLEMENS / GIGVRRVS
(León, O Bierzo, Ponte de Domingo Flórez)[8]

O teónimo indíxena Conso era descoñecido baixo esta forma, aínda que si noutras grafías derivadas de Cosus.[9] O epíteto non se pode resolver satisfactoriamente, aínda que se podería propor S[ariur]ensi, S[apiur]ensi ou S[upiur]ensi. O dedicante é un indíxena romanizado, da área dos guigurros. Pola paleografía e a disposición dos elementos na epígrafe dataríase no segundo terzo do século I d. C.

Conso con grafía -ns- debe interpretarse como unha forma menos evolucionada que as máis frecuentes Coso, Cossue, etc., previa á asimilación do grupo -ns- en -ss-. A aparición desta forma vén apoiar a etimoloxía da divindade como derivado de *kom-dhH1 - e co significado de «confluencia» proposta por B. Prósper. Tamén do culto a un deus descoñecido e local denominado Tiro Tilleno, que podería estar en relación coa inscrición do Marte Tileno atopada en Quintana do Marco (León).

Q(uintus) Iul/[ius] Tiro / Tilleno / v(otum) s(olvit) l(ibens) m(erito) (Ourense, O Barco de Valdeorras)

Modo de vida

editar

Vivían, como os outros pobos ástures, en castros. Coa chegada e conquista por parte dos romanos e a posterior romanización, o seu centro erixiuse en "Forum Gigurrorum", preto da Rúa, unha estación sobre a vía XVIII, que unía Bracara Augusta (Braga) con Asturica Augusta (Astorga), capital do convento xurídico asturicense, do que formaban parte os guigurros.

A súa importancia debeu ser grande por canto os romanos crearon un Ala I Gigurrorum, o que supuña unha achega de 500 xinetes, que en principio debían saír dos propios guigurros. Con todo unha epígrafe procedente do castro de Cabanca revela un decurión da á, Icascaen, do pobo Tamagani, localizado no val de Verín.

Ao longo da época romana o territorio dos guigurros é un centro de explotación aurífera, con coñecidos centros mineiros, aínda que os dous máis famosos, están nos confíns do Valdeorras actual: As Médulas, Patrimonio da Humanidade, municipio de Carucedo, na comarca do Bierzo, León, enormes minas explotadas a partir do sistema "ruína montium", e o túnel de Montefurado, Quiroga, Lugo, unha perforación destinada a desviar a canle do río Sil.[10] Aínda que varias das minas deberon de ser abandonadas a partir do século III, a produción, en menor escala, continuaría posteriormente, como o demostra que durante o período visigótico acuñase moeda, baixo Viterico, Sisebuto e Suintila, coa lenda Georres / Giorres, como nese momento é coñecido o territorio.

  1. Definición de guigurro no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
  2. CIL II Organismo dependente da Universidade de Alcalá (Madrid), coordina os traballos da nova edición do volume de Hispania do Corpus Inscriptionum Latinarum
  3. Bascuas (2002), pp. 129-130
  4. Schrijver (1995), p. 358
  5. García Alonso (2001), p. 223
  6. Bernardo (2002), p. 120
  7. Prosper (2008), pp. 35-54
  8. Ara de San Pedro de Trones, municipio de Puente de Domingo Flórez, adicada por un indíxena romanizado que se identifica como guigurro, ou sexa, membro dos Gigurri, máis información sobre a ara en Foro Cultural Provincia de El Bierzo
  9. Hispania epigraphica (2001), p. 150
  10. Valdeorras e O Bierzo formaron parte, desde antigo, como unha mesma rexión e, mesmo, foron parte da mesma provincia, a Provincia do Vierzo, en 1822.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Bibliografía

editar