Dugongo

especie de mamífero mariño da orde dos sirenios
(Redirección desde «Dugong»)

O dugongo,[2][3] Dugong dugon (Müller, 1776) é unha especie de mamífero mariño da orde dos sirenios, a única actualmente viva da familia dos dugónxidos,[3] e do xénero Dugong.

Dugónxidos
Dugongidae
Dugongo
Estado de conservación
Vulnerable
Vulnerable[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Superclase: Tetrapoda
Clase: Mammalia
Infraclase: Placentalia (= Eutheria)
Superorde: Afrotheria
Orde: Sirenia
Familia: Dugongidae
Gray, 1821
Subfamilia: Dugonginae
Gray, 1821
Xénero: Dugong
Lacépède, 1799
Especie: D. dugon
Nome binomial
Dugong dugon
(Müller, 1776)
Área de distribución da especie
Área de distribución da especie

Ten un corpo grande e groso, de até os 3 m de lonxitude e 200 kg de peso, pero hidrodinámico, rematado nunha aleta caudal falciforme (o que o diferencia, entre outras cousas, dos seus próximos parentes os triquéquidos ou manatís, cos que comparte a orde).

A especie habitou en tempos pasados todas as rexións tropicais costeiras dos océanos Índico e Pacífico, e nos estuarios e grandes ríos que desembocan nelas, pero hoxe en día a súa distribución é máis limitada. As principais poboacións viven na gran barreira de coral australiana e máis no estreito de Torres.

Taxonomía editar

Familia editar

A familia dos Dugongidae foi fundada en 1821 polo naturalista inglés John Edward Gray, en London Med. Repos. 15: 309.[4][5]

Sinónimo

Amais de por este nome, a familia coñeceuse polo sinónimo Halicoridae Gray, 1825.[4]

Subfamilia editar

Así mesmo, a subfamilia dos Dugonginae foi creada no mesmo ano, e na mesma publicación, por Gray.[6]

Xénero editar

O xénero Dugong fora descrito en 1799 polo zoólogo francés Bernard-Germain de Lacépède.[7]

Especie editar

Á especie Dugong dugon describiuna por primeira vez o zoólogo alemán Philipp Ludwig Statius Muller, en 1776, en Linne's Vollstand. Natursyst. Suppl.: 21.[8][9]

Etimoloxías editar

Os nomes da familia, Dugongidae, e da subfamilia, Dugonginae, fórmanse normalmente sobre a base do seu xénero tipo, Dugong, engadíndolle as desinencias do latín científico ´-idae e -inae, propias dos nomes das familias e subfamilias de animais, respectivamente.

O nome do xénero, Dugong (do que derivan os nomes vulgares en todos os idiomas) procede da palabra tagala dugong, que é un préstamo do malaio duyung. Ambos os dous queren dicir "señora do mar",[10] e fan referencia á presenza das dúas mamas que as femias levan no peito, e que lle dan a aparencia das mitolóxicas sereas "metade muller-metade peixe".

Clasificación editar

Tradicionalmente a familia divídese en dúas subfamilias, con cadanseu xénero que, á súa vez, contiñan cadansúa especie:[4]

Familia Dugongidae Gray, 1821

Actualmente só hai unha especie vivente na familia dos Dugongidae.

O outro membro recente, o Hydrodamalis gigas extinguiuse en 1768. Contrariamente ao dugongo, que é tropical e subtropical, o Hydrodamalis gigas habitaba en augas frías e temperadas subárticas.[5][14]

 
Modelo de Hydrodamalis gigas.

O Hydrodamalis gigas, o único membro da orde dos sirenios que colonizara os mares fríos (vivía no mar de Bering), foi descuberto en 1742, extinguídose tan só 27 anos máis tarde. Polos datos que chegaron até os nosos días, debía ser un animal xigantesco, de máis de 7 m de lonxitude e até os 4.000 kg de peso, e todo o que sabemos da súa bioloxía procede dos escritos do naturalista alemán Georg Steller.

Segundo parece, familias enteiras compostas por un macho, unha femia e as súas crías, vivían unidas; debían de ser monógamos, e os cachorros poderían nacer en calquera época do ano, pero sobre todo en outono.

Nutríanse de plantas e algas e parecían mostrar gran voracidade.
Porén, un animal capaz de subministrar varias toneladas de carne e graxa debía ser, sen dúbida, moi tractivo para os cazadores humanos, e só así pode explicarse a súa rápida extinción.[14]

Características editar

 
Dugongo femia e a súa cría. Obsérvese aleta caudal falciforme.

Ademais do tamaño menor (3 m de lonxitude e 200 kg de peso), diferénciase dos manatís na forma bilobulada da súa aleta caudal, semellante á dun cetáceo, pola presenza de restos rudimentarios das extremidades posteriores no esqueleto (non visíbeis desde o exterior), pola súa pelve máis primitiva e pola súa peculiar dentición: os adultos carecen de molares e usan unhas placas córneas para trituraren o alimento; ademais diso, os machos presentan un par de incisivos saíntes análogos aos dos elefantes, aínda que moito menores. Outras difernezas cos manatís son que o seu corpo é máis hidronámico e a ausencia de uñas nas aletas pectorais.[5]

Distribución editar

 
Distribución do dugongo.

O dugongo distribúese por zonas costeiras tropicais e subtropicais dos océanos Índico e Pacífico, entre latitudes de aproximadamente os 27° norte e os 27º S,[15] estando presente en polo menos 48 países e abarcando unha liña de costa estimada nuns 140.000 km.[16]

No Índico, polas zonas costeiras do leste de África, desde o Sinaí ao sur de Mozambique, norte de Madagascar e varias illas do océano Índico, a India e Sri Lanka.[16]

No Pacífico, pola península de Indochina, Indonesia, Filipinas, Nova Guinea e norte de Australia.[16]

Polo leste chega até as illas Salomón, a Polinesia Francesa e Vanuatu,[15] e polo norte alcanza as illas de Hainan (China), Taiwán e as illas Ryukyu do Xapón.[15][16]

Comportamento editar

O dugongo é un pacífico herbívoro que se alimenta unicamente de algas nas zonas costeiras, onde adoita pastar pola noite. A súa capacidade natatoria non é moi grande, pois adoita pasar 15 min entre unha inmersión e outra, e raramente somérxese a máis de 10 m de profundidade.

Ao igual que os manatís, non penetran en augas con temperaturas inferiores aos 20 °C pero, ao contrario que estes, non o fan en auga doce.

Os dugongos viven de forma solitaria, en parellas ou en pequenos grupos familiares, aínda que nalgúns casos excepcionais se documentou a presenza de até 100 individuos alimentándose nunha mesma zona.

Reprodución editar

Os dugongos alcanzan a madurez sexual entre os 9 e os 15 anos de idade, e a súa esperanza de vida máxima é de 50 anos (en casos excepcionais, poden vivir até os 70 anos).

 
Dugongo femia coa súa cría.

O apareamento ocorre en calquera época do ano, aínda que a maioría dos partos prodúcense entre xullo e setembro. As femias paren a súa primeira cría a partir dos 10 anos de idade, producíndose os seguintes partos a intervalos de entre 3 a 5 anos.[17]

As femias alimentan ás súas crías durante un ano e medio como máximo,[17] (aínda que estas tamén comen algas durante este período, de forma moi "humana": as nais, coa cabeza e os ombros fóra da auga, adoitan suxeitar ás súas crías mentres maman das dúas mamilas que teñen entre as aletas. Non é de estrañar, pois, que se considere aos dugongos como os animais que deron lugar ao mito das sereas. Como vimos, a propia palabra dugongo deriva do malaio duyong, que significa precisamente iso, "serea".

Ameazas editar

A carne e a graxa do dugongo son moi apreciadas nos mercados do océano Índico, razón pola cal foi perseguido desapiadadamente en moitas zonas. A isto hai que engadir os accidentes coas hélices dos barcos e os casos en que quedan ensarillados nas redes de arrastre. Debido a todo isto, a súa poboación resentiuse en moitas zonas da súa área de distribución, e só mellorou en augas próximas a Australia debido a unha protección gobernamental máis eficaz.

Á parte do home, os dugongos son atacados por tiburóns e candorcas como únicos depredadores.[18]

Status

En 2008 a Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais (UICN) cualificou o estado de conservación da especie como VU (vulnerábel).[16]

Notas editar

  1. Marsh, H. (2008). "Dugong dugon". Lista Vermella da IUCN de Especies en Perigo (en inglés). IUCN 2008. Consultado o 29 de decembro de 2008. 
  2. dugongo no Dicionario de galego, Vigo, Ir Indo Edicións, 2004. ISBN 978-84-7680-504-7.
  3. 3,0 3,1 dugongo no Gran dicionario Xerais da lingua, Vigo, Edicións Xerais de Galicia, 2009. ISBN 978-84-9914-070-1.
  4. 4,0 4,1 4,2 Dugongidae Gray, 1821 en MSW.
  5. 5,0 5,1 5,2 Dugongidae Gray, 1821 no WoRMS.
  6. Dugonginae Gray, 1821 en MSW.
  7. Dugong Lacépède, 1799 no WoRMS.
  8. Dugong Müller, 1776 en MSW.
  9. Dugong dugon (Müller, 1776) no WoRMS.
  10. Winger, Jennifer (2000): What's in a Name: Manatees and Dugongs Arquivado 13 de outubro de 2007 en Wayback Machine.. Smithsonian National Zoological Park. Consultado o 22-07-2007.
  11. Hydrodamalinae Palmer, 1895 no MSW.
  12. Hydrodamalis Retzius, 1794 no WoRMS.
  13. Hydrodamalis gigas (Zimmerman, 1780) † no WoRMS,
  14. 14,0 14,1 Rodríguez de la Fuente, Félix (1970): "Las sirenas", en Enciclopedia Salvat de la Fauna, Tomo 10, Mares y océanos, p. 123. Pamplona: Salvat, S. A. de Ediciones.
  15. 15,0 15,1 15,2 Marsh, H., Penrose, H., Eros, C. and Hugues, J. (2002): Dugong Status Report and Action Plans for Countries and Territories. Report Series. Early Warning and Assessment, United Nations Environment Program UNEP/DEWA/RS.02-1.
  16. 16,0 16,1 16,2 16,3 16,4 Dugong dugon na Lista vermella de especies ameazadas da UICN Versión 2015.2. Consultada o 2 de setembro de 2015.
  17. 17,0 17,1 Marsh, H. (1990): "Sea Cows", pp. 164-166, en Gould, E. & McKay, G., eds. Encyclopedia of Animals: Mammals 2ª ed. New York, USA: Gallery Books. ISBN 978-0-8317-2788-8.
  18. Jefferson, Thomas A.; Stacey, Pam J. and Baird, Robin W. (1991): "A review of Killer Whale interactions with other marine mammals: predation to co-existence" Mammal Rev. 21 (4): 151-180.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Berta, A.; J. Sumich & K. Kovacs (2005): Marine Mammals: Evolutionary Biology. Burlington, MA, USA: Academic Press.
  • Feldhamer, G.; L. Drickamer, S. Vessey, J. Merritt & C. Krajewski (2007): Mammalogy: Adaptation, Diversity, Ecology. Baltimore, Maryland, USA: The Johns Hopkins University Press.
  • Jefferson, T.; S. Leatherwood & M. Webber (1993): Marine mammals of the World. Roma: United Nations Environment Programme.
  • Jefferson, T.; M. Webber & R. Pitman (2008): Marine Mammals of the World: A Comprehensive Guide to their Identification. Londres: Academic Press.
  • Nowak, R. (2003): Walker’s Marine Mammals of the World. Baltimore, Maryland, USA: Johns Hopkins University Press.
  • Rathbun, G. B. (1984): "Sirenians", pp. 537–547 en Anderson, S. e J. K. Jones, Jr. (eds). Orders and Families of Recent Mammals of the World. Nova York: John Wiley and Sons.
  • Reeves, R.; B. Stewart, P. Clapham & J. Powell (2002): Sea Mammals of the World. Londres: A & C Black.
  • Reynolds, J. & D. Odell (1991): Manatees and Dugongs. Nova York, NY: Facts on File Inc.
  • Ridgway, S. & R. Harrison (1985): Handbook of Marine Mammals: Volume 3: The Sirenians and Baleen whales. Londres: Academic Press.
  • Self-Sullivan, C. (2006): "Evolution of the Sirenia".
  • Vaughan, T.; J. Ryan & N. Czaplewski (2011): Mammalogy. Sudbury, MA. USA: Jones and Bartlett Publishers.
  • Wilson, D. E. e D. M. Reeder, eds. (1995): Mammal Species of the World. A Taxonomic and Geographic Reference. 3nd edition. Baltimore, Maryland, USA: Johns Hopkins University Press.

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar