Hydrodamalis gigas

O Hydrodamalis gigas é unha especie extinguida de mamífero mariño da orde Sirenia que se extinguiu ao final do século XVIII. A especie foi descrita por primeira vez polo naturalista alemán Georg Steller en 1741, nunha altura en que xa era posibelmente bastante rara.

Hydrodamalis gigas
Rango fósil: mioceno inferioractualidade (extinto)

Hydrodamalis gigas.
Estado de conservación

Extinto[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Superclase: Tetrapoda
Clase: Mammalia
Infraclase: Placentalia (= Eutheria)
Superorde: Afrotheria
Orde: Sirenia
Familia: Dugongidae
Retzius, 1794
Xénero: Hydrodamalis
Linnaeus, 1758
Mapa do hábitat da especie.
Mapa do hábitat da especie.

Mapa do hábitat da especie.
Sinonimia[2][3]

Características editar

Este sirenio era considerábelmente maior que os membros actuais da súa orde, o dugongo e o manatí. O Hydrodamalis gigas pertence á familia dos manatís, diferenciándose deles, por carecer de unllas, ter a cola escotada e non redondeada e polas súas setes vértebras cervicais, en lugar das seis habituais[4]. A diferenza dos seus familiares, esta vaca mariña vivía en augas frías, polo que evolucionou cara o xigantismo[4]. Así se tiñan medido exemplares de ata 8 metros de lonxitude e pesando entre 5 a 11 toneladas[5]. Polo que tralas baleas, o Hydrodamalis gigas foi o meirande mamífero existente en tempos históricos[4].

O seu corpo era macizo, con cabeza pequena e pescozo indiferenciado. Os ollos eran pequenos, así como as narinas, e non tiña orellas. Os adultos non tiñan dentes, senón dúas grandes placas dentais, unha no padal e outra no chan do boca. Con estas placas reducía as algas a polpa[4]. A cauda era en forma de abano e os membros dianteiros modificados como barbatanas tiñan a forma de gancho. Probablemente estas extremidades empregábanas para estabilizarse na auga e entre as rocha. Tamén podían impulsarse con eles e probablemente manipular algas para alimentarse delas[4]. O esqulete tiña 26 vértebras, 35 caudais e 17 pares de costelas[4]. Ademais contaba cunha pelvis e extremidades inferiores moi rudimentarios. Os osos eran moi macizos, axeitados para animais con moita graxa que necesitan unha flotabilidade neutra[4]. Por causa do seu peso e estrutura corporal, o Hydrodamalis gigas era un animal bastante lento.

A pel era robusta para protexerse de golpes e abrasións contra as rochas. O propio Steller comparou a súa pel coa cortiza dunha árbore, pola súa dureza e rugosidade[5]. É moi probable que albergase crustáceos parasitos, coma ciámidos ou piollos de balea[4]. É probable que pertencesen a unha especie hoxe extinta. Xa que cada especie de ciámidos se asocian a unha especie específica de cetáceo[4].

Comportamento e alimentación editar

Era un animal gregario e vivía en mandas, próximo a estuarios e embocaduras de ríos[4]. Era un animal herbívoro, altamente especializado para ambientes costeiros de augas frías e pouco profundas, ricas en algas e outra vexetación mariña. Alimentábanse de algas[4]. Así os kamchadales denominábanos kaputsaik, literalmente animal comealgas[4]. Pouco se sabe respecto aos hábitos de vida ou reprodución, mais suponse que formase parellas monogámicas, sendo a cópula en primavera e sendo o período de xestación longo. Relatos contemporáneos indican que as fémeas daban á luz só unha cría, na altura do outono.

Distribución editar

 
Fragmento do mapa de Sven Waxell, que acompañou a Bering nas súas expedicións. Móstrase un Hydrodamalis gigas, un león mariño de Steller e un oso mariño ártico

Este animal habitaba o mar de Bering, concretemante ó redor das illas Komandorsky e á costa oriental da península de Kamchatka[4]. Mais o rexistro fósil indica que entre 10.000 e 20.000 anos estes sirenios tamén se estendían polas costas do Xapón e por todo o pacífico chegando ata á costa da California[4]. Alí vivían as formas primixenias dos xéneros Hydrodamalis e Dusisiren[4].

Causa da extinción editar

A extinción do Hydrodamalis gigas está claramente asociada á chegada ao mar de Bering de pescadores e colonos occidentais. Así entre os anos 1743 e 1763 chegáronse a fretar dezanove navíos[4]. Durante os meses que duraban estas expedicións, cazábanse de maneira masiva raposos, lontras e focas pola súa pel. A vaca mariña foi de inmediato identificado como fonte de alimento e cazado pola súa carne, que é descrita como de textura e sabor semellantes ao bisté de vaca[5]. A graxa era aproveitada para cociñar ou para as lámpadas a óleo, e o leite das femias era consumido directamente ou transformado en manteiga. O coiro era usado para fabricación de vestiario. No entanto, a caza excesiva non foi o único motivo de extinción. Xuntamente cos dugongos, os pescadores damnificaron tamén as poboacións de lontras mariñas que se alimentaban, entre outras cousas, de ourizos do mar. Cos seus predadores en declive, a poboación de ourizos estourou e, como se alimentaban da mesma vexetación mariña, tornáronse competidores do Hydrodamalis gigas. Nunha expedición de 1754, fíxose tal matanza de animais, que un home coñecido coma Yakovlev aconselleu ás autoridades rusas a prohibición da súa caza[4]. O 27 de novembro de 1755[4] foi emitida unha orde nos portos pesqueiros do mar de Bering que prohibía a caza do Hydrodamalis gigas. Porén nesta altura a especie xa se encontraba en declive acentuado e un dos últimos animais foi cazado en 1768. Dúas expedicións posteriores no 1772 e no 1783 confirmaron que xa non había ningunha vaca mariña con vida[4].

O zoólogo noruegés Leonhard Stejneger pasou oito meses nas illas de Bering, sen atopar ningún individuo con vida[4]. No 1897 outro explorador noruegés Adolf Nordenskjöld desembarcou nas Bering, recollendo osos e confirmando a inexistencia de exemplares vivos[4].

Notas editar

  1. Domning, D. (2016). "Hydrodamalis gigas". IUCN Red List of Threatened Species 2016: e.T10303A43792683. doi:10.2305/IUCN.UK.2016-2.RLTS.T10303A43792683.en. 
  2. Wilson, D.E.; Reeder, D.M., eds. (2005). Mammal Species of the World: A Taxonomic and Geographic Reference (3rd ed.). Johns Hopkins University Press. ISBN 978-0-8018-8221-0. OCLC 62265494. 
  3. Palmer, Theodore S. (1895). "The Earliest Name for Steller's sea cow and Dugong". Science 2 (40). pp. 449–450. PMID 17759916. doi:10.1126/science.2.40.449-a. 
  4. 4,00 4,01 4,02 4,03 4,04 4,05 4,06 4,07 4,08 4,09 4,10 4,11 4,12 4,13 4,14 4,15 4,16 4,17 4,18 4,19 4,20 Valledor A. (Setembro 2016). "La vaca marina de Steller: descubrimiento y extinción de un gigante". Quercus 367. 
  5. 5,0 5,1 5,2 Piper, Ross (2009). 978-0-313-34987-4, ed. Extinct Animals: An Encyclopedia of Species that have disappeared during Human History (en inglés). ISBN 978-0-313-34987-4. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar