Berobreo é o epíteto que recibe un deus galaico, baixo imperial[1] dunha Galicia oficialmente cristiá, relacionado co alén e a morte a quen se lle rendía culto no santuario do Monte Facho, en Donón (Cangas).[2][3] Foi totalmente descoñecido na historiografía, tanto na Península Ibérica como fóra dela, até a última década do século XX. A epigrafía atopada no Facho, a 157 metros sobre o nivel do mar, ten imitacións de estelas funerarias, gravacións reais esquevomorfas,[4][5] o cal suxire que a esa divindade se lle deixaban aras, seguramente, para recuperaren os oferentes a saúde. Durante a dominación romana foi encadrada entre os deuses Lares, deuses que reciben adoración por parte dunha familia; inda que, porén, Berobreo era un lar público. Este deus rexistra até o de agora o maior número de exvotos da Península Ibérica, 174 aras[6] (algunhas de apenas medio metro e outras de 1,70 m), no curuto do monte, residencia do deus. Por iso, esta divindade asóciase cos deuses da primeira función[7] dumeziliana, un deus Urano, do ceo.

Berobreo
Deus do alén e a morte
Unha das aras votivas do Monte do Facho, na cal se le o nome do deus Berobreo.
Centro de cultoMonte Facho, en Donón
XéneroMasculino
RexiónGallaecia
Grupo étnicoGalaicos
Equivalentes
Equivalente gregoUrano

O santuario do deus Berobreo editar

O santuario de Berobreo atópase nunha área en pendente que circunda o cumio do monte Facho (moitos montes galegos levan estes nomes, como o Faro de Avión en Ourense). As primeiras mostras de habitación humana remóntanse ao Bronce final, e sobre elas atopouse un castro datado[8] na segunda Idade de Ferro (erguido no século IV a.C.) que foi abandonado sobre o cambio de Era, para logo, a finais do século II d.C., o seu espazo central (a croa) revitalizarse ou fundarse de novo.

Este santuario do século IV d.C.consistía nun edificio central ovalado e unha gran cantidade de aras votivas no redor. O edificio central tiña o tellado de colmo e paredes revocadas, por dentro e por fóra, de barro, ao tempo que varias casas antigas foron derribadas para gañar espazo para o santuario. Na parte sur da área central atópase un lacus, (pía escavada na rocha), que os arqueólogos non poden adscribir aínda ao santuario castrexo ou ao galaicorromano.

As 174 aras atopadas no lugar pertencen ao século IV d.C.[9] (pero descoñécese se o deus era recente ou vivía unha revitalización, xa que o lugar xa fora un santuario anteriormente) atopándose algunhas in situ e outras monte abaixo. Os fieis de Berobreo puxeron baixo delas algunhas ofrendas rituais (posiblemente vasillas usadas a modo de lampadiñas, lucernas de tubo, vasos con auga, aceite e unha bolboreta, como era costume nas capeliñas galegas) , xa que se atoparon cachos de vidro e ánforas baixo delas, mentres outras foron rotas. Todo o conxunto das aras dan unha impresión de ser un bosque de aras que irradian do santuario. Case todas están feitas coa pedra granítica do mesmo monte, toscamente granulado e difícil de traballar (debido á mestura de gneis e mica), de feito suponse que existía un obradoiro de aras nas inmediacións do santuario debido a que se atoparon varias aras sen inscricións nin decoración ningunha, listas para ser traballadas unha segunda vez cos nomes dos dedicantes e os motivos decorativos que os clientes elixisen.

As aras adoptan forma de estelas funerarias, a pesar de que algunhas son diferentes (en altura, grosor, anchura, decoración). Están todas escritas por diante e os laterais e as partes traseiras son as menos traballadas (xa que o conxunto de aras irradia dun centro) existindo diferentes tipos de localización, xa que algunhas conteñen un altar e outras semellan ser agrupacións de varios altares (como os panteóns). O texto máis usado nelas é o de: "DEO LARI BEROBREO ARAM POSVI" e nalgunhas segue coa fórmula: "PRO SALVTE".[10], isto é, Deo, “a Deus”, máis o epíteto do albergador –Lari Bero Breo- (cunha variante, Brieogo) ‘Protector [das Almas] da Cimeira Cidade’ [11].

Estas dedicatorias, agás dúas, son anónimas e únicas. O santuario atópase nun lugar público onde se venera un único lar común á colectividade [12]

A grande afluencia de peregrinos ao Facho coincide cunha época de esplendor económico nas Rías Baixas baixo o Imperio Romano, en que estaban en auxe o comercio por mar, as salgaduras (Cangas, Bueu, Vigo), as salinas de Nerga, do Areal vigués, do Salnés etc. O Hío era un lugar de peregrinación do estilo de Santa Marta (As Neves) ou A Pobra, con ataúdes e enfermos de todo tipo procedentes de distintos lugares do sur de Galicia polos anos 30 do século XX. Todo indica que, coa cristianización, o culto a Berobreo foi asimilado pola veneración a Santo André (ao igual que en Santo André de Teixido).

Veneración en Galiza editar

Este santuario dedicado a Berobreo, o de maior relevancia documentado até agora na Hispania Romana, tamén é un prodixio da cultura castrexa, xa que cerca do santuario se encontra un castro da Idade de Ferro II, erguido sobre un poboado da Idade de Bronce. Suponse que se trata dun dos maiores centros de peregrinación na Gallaecia.

O gran culto a esta deidade[13] mantívose incluso á chegada do cristianismo que, sen poder erradicalo, substituíu este deus galaico pola figura cristiá de Santo André.

Protección legal do lugar editar

A Xunta de Galicia comezou o proceso para declarar a zona arqueolóxica do santuario como Ben de Interese Cultural (B.I.C.) mediante Resolución do 19 de decembro de 2011, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, pola que se incoa o procedemento para a declaración de ben de interese cultural, coa categoría de zona arqueolóxica, en favor do Facho de Donón, no termo municipal de Cangas (provincia de Pontevedra).[14] A zona arqueolóxica obxecto de protección inclúe petróglifos e asentamentos humanos, dende o século X a.C ao século V d.C, dos períodos do Bronce Final, Idade de Ferro, Época Romana e comezos da Alta Idade Media.

Notas editar

  1. Andrepenagranha (2014-05-10). "O FACHO DE DONÓN. No Centro da Interpretação do Facho de Donóm. Três coisas que deves saver.". andrepenagranha. Consultado o 2017-09-01. 
  2. Pena & Erias. "Berobreo Briareo Breogán, Hércules, Santiago". in Anuario Brigantino 2006, nº 29. 
  3. "El Santuario del Dios Berobreo. Patricia A. Casal". Arquivado dende o orixinal o 23 de decembro de 2015. Consultado o 22 de decembro de 2015. 
  4. O termo esqueuomorfismo indica a presenza en obxectos, como restos arqueolóxicos, de trazos elaborados que, porén, ou ben carecen dun significado funcional ou ben non se lle pode determinar o por qué foron parte da produción dese obxecto.
  5. Koch, Michael (2005). "EL SANTUARIO DEDICADO A BEROBREO EN EL MONTE DO FACHO (CANGAS, GALICIA)" (PDF). Paleohispánica 5 (Acta Palaeohispanica IX): 823–836. 
  6. Roll, Eduardo (2020-01-18). "O Facho: viaxe ao santuario do deus Berobreo". GCiencia. Consultado o 2020-08-09. 
  7. Alberro, Manuel (2003). "Estudios griegos e indoeuropeos". Cuadernos de Filología Clásica 13: 165–180. ISSN 0210-0746. 
  8. "Descubren en O Facho la existencia de un santuario de la Edad del Hierro". La Voz de Galicia (en castelán). 2018-06-17. Consultado o 2020-08-09. 
  9. Michael Koch "El Santuario dedidado a Berobreo en el Monte do Facho (Cangas, Galicia)" Actas del IX coloquio sobre lenguas y culturas paleohispánicas (Barcelona, 20-24 de outubro de 2004), p. 823-836
  10. Rodríguez Colmenero,A. (1997) "Mougás y Donón: dos santuarios rurales galaico-romanos del Litoral Atlántico" LI, pp. 383-211. El Museo de Pontevedra
  11. http://anuariobrigantino.betanzos.net/Ab2006PDF/2006_023_038%20Erias06.pdf
  12. "Las aras galaico-romanas del santuario de Donón (Hío, Cangas) Bouza Brey, F. et alii CEG 264-81.
  13. Rodríguez, Salvador (3/12/2013). "Cuando todos los dioses eran gallegos". Faro de Vigo (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 30/04/2018. Consultado o 09/08/2020. 
  14. "Resolución do DOG nº 1 do 2012/1/2 - Xunta de Galicia". www.xunta.gal. Consultado o 2020-01-14.