Ataque Escampe

grupo musical galego

Ataque Escampe é un grupo musical de pop galego formado en 2001 en Compostela. Desde 2006 manteñen unha actividade regular en estudio e en directo.

Ataque Escampe
Ataque Escampe Liceo Mutante 2017.jpg
Ataque Escampe en 2017.
OrixeSantiago de Compostela, Galicia Galiza
Xénero(s)Rock alternativo
Selo(s) discográfico(s)A Regueifa Plataforma
Discos da máquina
Tremendo Audiovisual
MembrosMiguel Mosqueira
Samuel Solleiro
Xoán Lois García Carlín
Álex Charlón
Cibrán Tenreiro
Antigos membrosRoi Vidal
Julio Vilariño
Estevo
Francesc Esteve i Beneito (Paq)
Marco Gelpi
Álvaro Trillo
Pablo Casal
Dani
Na rede
Web oficial
Facebook: Ataque-Escampe Bandcamp: ataqueescampe Musicbrainz: 30035db9-56ef-4bdc-abfc-29e5025a13b6 Discogs: 4247359 Editar o valor em Wikidata

Membros actuaisEditar

HistoriaEditar

OrixesEditar

Ataque Escampe formouse a finais de 2001, arredor da residencia universitaria Monte da Condesa. A mediados de 2002, o grupo, con cinco membros, Samuel, Álex, Miguel, Roi e Estevo, dá algúns concertos (por exemplo, no Coliseo Noela de Noia con motivo do 1º concerto expansivo Nunca Máis, organizado por Burla negra).[1] Entre 2002 e 2003 gravan maquetas inéditas en formatos como casete ou mini-disc. Nelas xa se vai albiscando o estilo dos dous primeiros discos: un son acústico e sucio, certo eclecticismo e letras irónicas que deixan atrás a inmediatez do bravú, aínda imperante na época. 2004 e 2005 son anos de traxectoria descontinua debido á dispersión xeográfica dos compoñentes do grupo. Porén, non deixan de compoñer temas e gravar maquetas en formatos precarios.

Inicio da actividade regularEditar

 
Membros do grupo en 2007

O 2006 é un punto de inflexión na traxectoria do grupo, ao gañar co tema "Afganistán canto" o I Premio de canción de autor Utopía Son, celebrado no Café Uf de Vigo. Os catro membros, Samuel, Álex, Miguel e Roi, invisten os cartos do premio en equipamento técnico básico e inician aos poucos unha actividade regular de concertos.

En 2007 editan o seu primeiro traballo, concibido como maqueta para presentar nos locais e conseguir concertos. Levaba por título Ed Wood e a invasión dos paraugas asasinos. Foi publicado só en formato electrónico e baixo licenza Creative Commons en A Regueifa Plataforma, con temas gravados nun home studio e outros gravados en directo con mini-disc no Café Uf. Nese mesmo ano participan no disco-tributo a Andrés do Barro Manifesto Dobarrista, editado conxuntamente pol'A Regueifa Plataforma, Falcatruada e Lonxa Cultural e que reunira o panorama de grupos novos daqueles últimos anos. Nese disco versionan a canción do Ferrolán "Para che falar de amor", que interpretan tamén na gala homenaxe "Saudade de ti", na TVG. Samuel Solleiro foi baixa temporal e entrou no grupo o guitarrista Marco Gelpi. Finalmente, Ataque Escampe acada o 1º Premio do certame Gz Crea 2007 na modalidade de música, coas cancións "Tango do sintasol" e "Ana e o caracol".

A principios de 2008 incorpórase o acordeonista Francesc Esteve, Paq. En marzo publican o primeiro LP, no selo A Regueifa Discos (sección d'A Regueifa Plataforma para edicións físicas). O título, Galicia es una mierda, decídese nunha enquisa aberta no web da banda. O agora sexteto presenta o disco por toda Galiza e varias cidades dos Países Cataláns e grava varios temas soltos, entre eles "Unha tarde no zoo" (baixo o pseudónimo de Paul á sombra para o concurso A Polo Ghit da Radio Galega) ou "Ningún lugar seguro (GalegoZ Remix)", para o compilatorio Once máis 15 (Edicións do Cumio).

En 2009 edítase o EP Galicia es una fiesta, onde Marcos Paino (Dr. Painkiller) remestura cinco temas de Galicia es una mierda. Paq abandona o grupo e entra Lois, en principio a cargo dos teclados e os sintetizadores. O grupo tamén incorpora unha batería electrónica e un banxo. O resultado é un son máis sofisticado e luminoso, con pequenos matices electrónicos, que se fai patente no LP A grande evasión, gravado por Marcos Paino e publicado en maio pol'A Regueifa Discos. A banda volve transmutarse en Paul á sombra no tema "O noso contrato coa Virgin" e fai o primeiro concerto fóra do estado, en Varsovia.

En 2010 estréase a curta Zéfiro, ambientada nun concerto de Ataque Escampe e realizada por alumnos da Escola de Produción Audiovisual de Ourense. Marco abandona o grupo, Lois ocúpase do baixo e Roi pasa a tocar unha batería convencional. Co tema "Desde o céu com amor", Ataque Escampe participa no concurso "Musicando Carvalho Calero".

En 2011 a banda grava nos estudios Abrigueiro de Arturo Vaquero o seu terceiro LP, Violentos anos dez [2], o derradeiro publicado pol'A Regueifa Discos. Este traballo supón un achegamento ás músicas negras, en particular ao soul. Por primeira vez a instrumentación clásica dunha formación rock (guitarras, baixo, batería) está presente tanto na gravación como no directo. O disco é o terceiro mellor LP galego do ano para a revista Mondosonoro.

Etapa profesionalEditar

 
Concerto no Liceo Mutante en 2014.

En 2012 Ataque Escampe participa no disco-homenaxe a Os Resentidos A tribo toda baila cunha versión do tema "Música feliz". Tamén dá un concerto especial en Compostela, conmemorativo dos dez anos de directos, "Dez violentos anos"[3]. En decembro participa na fundación do selo cooperativo Discos da Máquina canda as bandas Das Kapital e A Magnifique Bande dos Homes sen Medo, cun concerto na sala Capitol de Compostela no que tamén se presenta a primeira referencia do selo, o EP Noites de agosto con Ataque Escampe. Neste traballo de corte crepuscular, gravado por Tomás Ageitos nos estudios A Ponte, o grupo diversifica as influencias de estilos musicais dispares, como o krautrock, o bolero, a cumbia ou o calipso ao tempo que se asenta nunha sonoridade pop.

En 2013 o grupo colabora no libro-cd infantil Os Bolechas fan unha banda, coa canción "After Hours". No verán organizan unha serie de sesións de improvisación nas que compoñen a maior parte dos temas para o seu próximo LP. Tralo verán, a banda toma un descanso dos escenarios que durará até a primavera de 2014. Este descanso só se interrompe en decembro para tocar no festival Máis discos para a máquina, organizado por Discos da Máquina no primeiro aniversario da súa creación, neste momento con novos membros como Grampoder, Caxade ou The Lost Omelette-makers. O 28 de decembro de 2013 publícase tamén, a modo de brincadeira, un hoax: o LP Vive ou morre, que só permanece publicado 24 horas en internet, no que a banda, baixo a aparencia de títulos evocadores, agocha a gravación con micrófono de ambiente de cancións populares a capela nunha noite de esmorga.

2014 é o ano da edición do LP O disco vermello. Neste disco, gravado por Arturo Vaquero e editado por Discos da Máquina, Ataque Escampe dá o paso da súa profesionalización definitiva coa incorporación do batería de jazz Álvaro Trillo. Roi Vidal pasa a ocuparse do xilófono, da melódica e, progresivamente, da voz principal. Neste disco, Ataque Escampe consolida un son pop con momentos electrónicos e a influencia rítmica de estilos como o dub ou o funk, para contar historias de perdedores por medio duns textos máis contidos que en traballos anteriores. O disco edítase en maio e o grupo retoma a actividade de directo nun formato integramente eléctrico, que combina puntualmente con espectáculos acústicos. Neste mesmo ano, o grupo participa no compilatorio Monstros da máquina vol. I de Discos da Máquina co tema "Evita", gravado en colaboración co grupo de música electrónica Sub Rosa. O 29 de novembro, Ataque Escampe encárgase do concerto de clausura das Marchas da dignidade. En decembro, Ataque Escampe recibe o Premio Martín Códax da Música na categoría indie / pop.

2015 comeza coa ausencia do vocalista Álex Charlón nos concertos. Tamén finaliza con éxito o crowdfunding do libro Relatos americanos en colaboración co artista plástico Misha Bies Golas, no que os textos narran episodios estraños que lles sucederon á banda en concertos. En xuño dese ano confírmase a saída definitiva de Álex a través dun comunicado do grupo e outro do propio vocalista na páxina web. Un concerto na Sala Capitol de Compostela o 19 de xuño supón a súa despedida oficial.

En febreiro de 2017 presentan o seu disco Primeiros bicos, con chiscadelas aos ritmos latinos e ao afrobeat, entroutros estilos. Roi Vidal e Miguel Mosqueira alternan nas voces principais.

En decembro de 2018 publican un dobre disco con 24 cancións divididas entre Ídolos adolescentes (2007-2011) e A vida dos animais (2012-2018). Inclúen cancións que aparecen en discos colectivos, homenaxes, directos, versións, ademais de catro temas inéditos. Tamén en decembro de 2018 anúnciase a marcha de Roi Vidal e Álvaro Trillo[4].

En novembro de 2019 dáse a coñecer a nova formación do grupo[5], co regreso de Álex Charlón e a incorporación de Cibrán Tenreiro (batería) e Julio Vilariño (sintetizadores)[6]. Poucos días despois anúnciase a publicación dun novo EP no mes de decembro, A alma.[7], coa produción de Hevi (Malandrómeda). A pandemia do COVID-19 lastra a continuidade de concertos con esta formación. Cabe resaltar a gravación, xa no ano 2020, dun concerto no ciclo Galicia Emerxe que é emitido nos medios públicos galegos.

A finais de 2021 anúnciase a marcha de Julio Vilariño e unha pausa na actividade para a composición de novos temas.

2022 comeza coa publicación de "Por última vez"[8][9], versión de Ana Kiro para un disco compilatorio de clásicos musicais galegos a cargo de artistas contemporáneos.

EstiloEditar

 
Actuación na manifestación do 29N en Santiago de Compostela.

Até 2011, Ataque Escampe emprega para o seu estilo a etiqueta "rock de serie B", pola precariedade de medios na que comezaron e tamén por certo antivirtuosismo. O "rock de serie B" ten como alicerce o rock acústico e o folk rock estadounidense, e Neil Young, Wilco, Violent Femmes ou Micah P. Hinson son algunhas das súas referencias desta época, xunto a grupos de pop e rock estatal coma Los Enemigos ou Antònia Font e formacións galegas coma Os Resentidos ou a Psicofónica de Conxo.

A partir de 2011, o grupo abandona esta etiqueta, paralelamente ao son afeccionado dos seus inicios. Ao mesmo tempo, orienta a súa sonoridade cara a un pop ecléctico con influencias puntuais de estilos máis variados: soul, disco, ritmos latinos, funk, rap, dub ou krautrock.

As letras caracterízanse pola súa estreita relación coa literatura e o cinema. Nelas tamén están presentes o pouso xeracional, a vontade de experimentación lírica, o pouso agridoce ou a política.

DiscografíaEditar

Presenza en compilatoriosEditar

  • Manifesto Dobarrista (A Regueifa Plataforma, Falcatruada, Lonxa cultural, 2007): "Para che falar de amor"
  • Esccolma (Caramuxo, 2007): "Móbel-bar"
  • Aturuxa (C.S. Aturuxo, 2007): "Ana e o caracol"
  • GZ POP! (Xunta de Galicia, 2008): "I'm not your man"
  • A música que facemos (Cultur.gal, 2008): "Galicia es una mierda"
  • Vozes Novas (Novas da Galiza e Komunikando, 2009): "A abordaxe final"
  • Once máis 15 (Edicións do Cumio, 2009): "Ningún lugar seguro (GalegoZ Remix)"
  • Come on, Pelegrín (Estrella Galicia e Pista Oculta, 2010): "No estómago dun crocodilo"
  • A tribo toda baila. 30 anos de música feliz cos Resentidos (GASA, 2012): "Música feliz"
  • Os Bolechas fan unha banda (Bolanda, 2013): "After hours"
  • Monstros da Máquina vol. I (Discos da Máquina, 2014): "Evita" (con Sub Rosa)

NotasEditar

  1. "DEZ VIOLENTOS ANOS XUNTAS: Crónica do desastre (V)", post no blog de Ataque Escampe, 13 de abril de 2012.
  2. Lugo, El Progreso de (2011-03-30). "Ataque Escampe presentan sus 'Violentos anos dez'". El Progreso de Lugo (en castelán). Consultado o 2022-02-21. 
  3. Salgado, Daniel (2012-04-20). "Ataque Escampe celebra diez años de folk y soul “como si fuese un aniversario de boda”". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 2022-02-21. 
  4. Dani Salgado (31 de decembro de 2018). "A letra pequena de Ataque Escampe". Sermos Galiza. Arquivado dende o orixinal o 01 de xaneiro de 2019. Consultado o 31 de decembro de 2018. 
  5. Diario, Nós. "Ataque Escampe pon fin a ano e medio de descanso e retorna co seu primeiro vocalista". Nós Diario. Consultado o 2022-02-21. 
  6. "Presentámosvos a banda do comezo dos vinte". Facebook. 12 de novembro de 2019. 
  7. "O 13 de decembro poderedes escoitar online A alma, o noso novo EP.". Facebook. 15 de novembro de 2019. 
  8. "Ataque Escampe canta a Ana Kiro no adianto dun recompilatorio de versións de clásicos da canción galega". Praza Pública. 2022-01-14. Consultado o 2022-02-21. 
  9. "Ataque Escampe: «Ana Kiro é en Galicia o que Rocío Jurado para España»". La Voz de Galicia (en castelán). 2022-01-21. Consultado o 2022-02-21. 

Véxase taménEditar

Ligazóns externasEditar