A polo ghit
A polo ghit é un concurso de música con letra en galego que organizan conxuntamente o diario electrónico Vieiros e a Radio Galega desde 2006, e que ten a finalidade de encontrar unha canción do verán en galego. A Radio Galega deixou de colaborar co concurso na edición do ano 2010.
Historia
editarA idea orixinal foi de María Yáñez, directora no ano 2006 do medio. A colaboración coa Radio Galega viu dada pola participación desta xornalista en Extrarradio, programa onde se emitían moitas das pezas participantes.[1] As bases especificaban que as composicións debían estar baixo licenza Creative Commons o que permitira a súa reprodución, distribución e copia libre.
En abril de 2010 Vieiros anunciou unha nova edición do concurso, pero informando que a Radio Galega non apoiaba ese ano o certame.[2]. O propio medio informou dos intentos por parte da emisora do rexistro do nome do concurso e variantes.[3] Posteriormente a compañía radiofónica informa da creación dun novo concurso chamado Vasacarnota?, artellado arredor do programa Somos quen. Sobre as acusacións, a compañía argumentou que posuía probas da autoría da idea orixinal e afirmou que os convenios firmados entre os dous medios xa non estaban en vigor.[4]
Durante as distintas edicións o concurso tamén foi acusado polo visitantes da web da pouca seriedade dos medios de votación.[5], polo que o xornal foi variando o sistema de votacións en cada edición.
Edicións
editarNa edición A polo ghit 2006 presentáronse un total de 38 cancións, e o xurado escolleu como gañadora "In the Ocean", de Pulpiño Viascón. Editouse un disco con todas as cancións que tamén se pode descargar da rede gratuitamente.
Na edición A polo ghit 2007 participaron 52 cancións de case outros tantos grupos, a maioría noveis ou non moi coñecidos. Resultou gañador o tema "Biocultivos", do grupo Sacha na Horta. O tema fala da vida e da visión do mundo do grupo de mulleres que conforman o grupo, que viven na compostelá rúa das Hortas e que non tiña experiencia anterior no mundo da canción.
O xurado estivo formado por Luís Queimada, Vincent Jalo, María Yáñez e Xavier Campos. O grupo gañador gravou un videoclip na Televisión de Galicia e voou a Cuba para participar na Feira do Libro da Habana en febreiro do 2008, coa delegación da Consellaría de Cultura.
Na edición A polo ghit 2008 o tema gañador foi "Planeta 19", do grupo Boy Elliott.
O grupo representou a Galiza no Liet International, o Euro-Festival de linguas minorizadas, celebrado o 18 de outubro na cidade saami de Luleå. Nesta ocasión o xurado estivo formado por Tito Lesende (crítico musical), Xosé Manuel Pereiro (decano do CPXG e compoñente de Radio Océano), Patricia Romero (presidenta do club de fans da Orquestra Panorama) e Ramón Domínguez (dillei Zarpaelamor).
Na edición A polo ghit 2009 o tema gañador foi "O fillo do mar" do grupo A banda de Balbina, e o xurado estivo formado por Belén Xestal e Alberto Dopico (do programa da TVG, Quen Toca?), Alberto Rivero (da Radio Galega) e o actor e humorista Roberto Vilar.
Notas
editar- ↑ "A Polo Ghit, as orixes", Vieiros, 24 de maio de 2010.
- ↑ "Un lustro de éxitos: A Polo Ghit 2010!", Vieiros, 12 de abril de 2010.
- ↑ "A Radio Galega tenta sen éxito apropiarse de A Polo Ghit", Vieiros, 13 de abril de 2010.
- ↑ "Vieiros y Radio Galega se disputan la canción del verano", El País, 13 de abril de 2010 (en castelán).
- ↑ Comentarios sobre o gañador da edición 2009