Laponia (rexión)

Laponia[1] (Sápmi en saami, Lappi en finés, Lappland en sueco e noruegués) é o nome dunha rexión cultural habitada orixinalmente polo pobo dos saami, se ben na actualidade tan só son unha minoría.

Modelo:Xeografía políticaLaponia
Imaxe

Localización
Mapa
 67°54′N 18°31′L / 67.9, 18.52Coordenadas: 67°54′N 18°31′L / 67.9, 18.52
Poboación
Poboación2.000.000 Editar o valor em Wikidata (5,15 hab./km²)
Xeografía
Superficie388.350 km² Editar o valor em Wikidata

Abrangue unha parte dos asentamentos dos saami, pobo indíxena antigamente chamado lapón (mais esta palabra ten unha orixe pexorativa).[Cómpre referencia]

O territorio no cal se asentan os saami nunca tivo unidade como estado, e hoxe en día este territorio está repartido entre Noruega, Suecia, Finlandia e Rusia. En concreto, Laponia comprende o norte da península Escandinava (composta por Suecia, Noruega e unha parte de Finlandia) asemade da península de Kola.

Área editar

A área que abrangue Laponia esténdese principalmente ao norte do círculo Polar Ártico. A parte occidental é unha área de fiordes, vales profundos, glaciares e montañas, sendo o monte Kebnekaise, na Laponia Sueca, o punto de maior altitude, con 2.111 m.

Máis ao leste, o terreo é unha baixa meseta que contén pantanos e lagos; dos cales o máis grande e importante é o lago Inari, na Laponia finesa. A parte máis oriental esténdese pola rexión onde se dá a tundra.

Clima editar

O clima desta rexión do norte de Europa é subártico con escasa vexetación, agás na zona meridional que está ricamente arborada. A costa montañosa occidental ten uns invernos moito máis suaves e máis precipitacións que as áreas que se atopan ao leste da cadea montañosa.

A rexión contén importantes xacementos de minerais, en concreto ferro en Suecia, cobre en Noruega, e níquel e apatita en Rusia.

A fauna está composta principalmente por renos, lobos e osos, así como de aves mariñas e terrestres. Na rexión hai numerosas explotacións pesqueiras, tanto nos ríos coma no mar. Nalgúns lagos viaxan barcos de vapor e algúns portos están libres de xeo durante todo o ano. Todos os portos no mar de Noruega e no mar de Barents ata Múrmansk están libres de xeo todo o ano. O golfo de Bothnia acostuma conxelarse no inverno.

Denominación editar

En Galiza o termo co que tradicionalmente se coñece a esta rexión é o de Laponia, empregándose o adxectivo lapón para a persoa ou linguas orixinarias desta rexión. Mais ha de terse en conta a orixe pexorativa da palabra lapón; en noruegués e sueco lapp significa farrapo ou anaco de tea co que se remenda unha peza de roupa. A Real Academia Galega sanciona o uso da forma saami para nomear a este pobo, ás persoas que o compoñen e ás linguas faladas por eles.[2] Cómpre sinalar que os saami empregan a palabra Sápmi para se referir á rexión na que habitan.

Historia editar

Artigo principal: Historia de Laponia.

Téñense atopado restos en Sápmi dunha cultura baseada na caza e na pesca que datan do neolítico. Os saami empezaron a poboar a rexión a partir do ano 100 a.C.

Dende o século XVII os saami comezaron a ser arrecunchados cara ao norte pola poboación campesiña de Suecia. Pasaron da caza do reno á súa cría, e deixaron de ser nómades mudando ao sedentarismo.

A cristianización dos saami foi un proceso moi lento e longo; as primeiras igrexas foron construídas no século XII polos noruegueses, mais a verdadeira expansión do cristianismo chegou no século XVIII, sen que puidese chegar a substituír o animismo, que segue a existir aínda hoxe.

O pobo dos saami editar

Os saami son unha minoría étnica asentada na rexión de Laponia. Segundo o Parlamento Saami Sueco a poboación estimada é dunhas 70.000 persoas saami en Laponia. Á parte, outros saami viven espallados na costa e nos fiordes, e moitos están asentados en aldeas en vales e á beira de lagos onde a pesca é abundante.

Tras a caída da Unión Soviética comezouse a dar unha cooperación transfronteiriza entre os estados, facendo que as fronteiras pasasen a ter menos importancia e permitindo o movemento de individuos saami, e tamén para os que non o son pero si viven na zona.

Malia seren os saami unha minoría, a maioría das xentes que habitan a rexión teñen algún devanceiro deste grupo étnico, aínda que a meirande parte deles se identifique co seu país de residencia.

A súa lingua é o saami (tradicionalmente coñecido como lapón) e que pertence ao tronco Fino-Úgrico, ao que tamén pertencen o finés e o húngaro. Algúns lingüistas consideran o saami como unha lingua con nove dialectos, mentres que para outros que se basean nas dificultades de inter-comprensión entre os dialectos, trátase de varias linguas saami diferenciadas.

A súa rica cultura ten poesía, música (o joik), lendas e vestimentas de seu. Dentro das vestimentas que usan están os bellinger, pantalóns feitos con pel de reno, e os skallers, calzado feito tamén con pel de reno.

Os municipios de Gällivare, Jokkmokk e Arjeplog na Laponia Sueca foron declarados Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 1996.

Mari Boine é unha música de orixe saami que introduciu o joik (joiku en finés) na escena do jazz e das músicas do mundo.

O Parlamento Saami editar

A Laponia está caracterizada por unha identitade semi-nacional que é especial e transcende as fronteiras entre Suecia, Noruega, Finlandia e Rusia. Porén non existe un movemento que persiga a autonomía total. Os parlamentos saami fundados en Noruega (1989), Suecia (1993) e Finlandia (1996) teñen moi pouca influencia na política. Formalmente son autoridades políticas que están rexidas polos gobernos escandinavos, pero teñen representantes parlamentares elixidos democraticamente. A súa función é velar pola cultura saami. A miúdo as promesas electorais dos candidatos chocan coa submisión ás institucións dos seus gobernos. Pero ao seren autoridades, si que teñen algunha influencia no goberno.

Rusia non contempla o recoñecemento dos dereitos desta minoría étnica. Fronte a isto, a postura de Suecia é activa por dúas razóns:

  • Recoñecer os saami como pobo fronte a outros tipos de minorías.
  • Para facer medrar a influencia da minoría saami, que se enfronta co sistema democrático europeo de maiorías, isto é; gaña o grupo que obtén máis votos.

Divisións administrativas editar

Bandeira editar

A bandeira de Laponia foi presentada durante a Conferencia Saami que tivo lugar en Åre, Suecia, o 15 de agosto de 1986. Para a súa elección convocouse un concurso no que se recibiron moitas suxestións, resultando gañadora a artista Astrid Båhl de Skibotn, Noruega.

O motivo deriva do influxo do tambor do xamán e do poema "Paiven parneh" ("Fillos do sol"), composto polo saami meridional Anders Fjellner (1795-1876), quen describiu aos saami coma fillos e fillas do sol.

O círculo da bandeira representa o sol (en vermello) e a lúa (en azul). A bandeira contén as cores saami; vermello, verde, amarelo e azul.

Notas editar

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para reno.
  2. Definición de "saami" no dicionario da RAG. Consultado o 30 de marzo de 2020.