Timon
Timon Rango fósil: Plioceno - actualidade (2 588 - 0 Ma)[1] | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Timon lepidus en O Páramo, Lugo | |||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Especie tipo | |||||||||||||||||
Lacerta ocellata Daudin, 1802 | |||||||||||||||||
Especies | |||||||||||||||||
|
Timon é un xénero de réptiles da orde dos escamosos, suborde dos lacertilios, infraorde dos escincomorfos, familia dos lacértidos e subfamilia dos lacertinos.[2][3]
A única especie presente en Galicia é o lagarto arnal (T. lepidus).[4]
Taxonomía
editarDescrición
editarO xénero foi descrito en 1836 (como subxénero), polo médico, naturalista, diplomático, lingüista, e explorador suízo Johann Jakob von Tschudi, na páxina 551 do seu traballo "Über ein neues Subgenus von Lacerta Cuv." Isis von Oken 29 (7): 546-551.
Desde 2007 (Arnold et al.) aceptouse a súa separación do xénero Lacerta, nome co que figuraba desde a primeira descrición do século XIX.[5]
Clasificación
editarNa actualidade recoñécense no xénero as seguintes seis especies:[2]
- Timon kurdistanicus (Suchow, 1936) — Propio do Curdistán.
- Timon lepidus (Daudin, 1802) — Distrubído pola Península Ibérica, sur de Francia e algunhas pequenas localidades do norte de Italia.
- Timon nevadensis (Buchholz, 1963) — Endémico de serra Nevada, España.
- Timon pater (Lataste, 1880) — Vive no norte de Marrocos, de Alxeria e de Tunisia.
- Timon princeps (Blanford, 1874) — Do suroeste de Irán, norte do Iraq, nordeste de Siria e o sueste de Turquía.
- Timon tangitanus (Boulenger, 1887) — Habita no noroeste Alxeria, en Marrocos e nas Prazas de soberanía españolas. Hais poucos anos desapareceu do Sáhara Occidental.[6]
Características
editarAs especies de Timon, como os membros de Lacerta, as súas especies irmáns, teñen a cabeza e tronco fortes e non aplanados. Porén, son de maior tamaño e alcanzan unha lonxitude de cabeza e tronco de 10 a 21 cm ou máis. Os machos son máis grandes que as femias. A premaxila (a porción do maxilar superior procedente do proceso frontonasal) adoita ter nove dentes. O hemipene ten pequenas espiñas en forma de gancho.
A coloración básica das partes superiores é verde, gris ou marrón, con machas escuras, e a das inferiores vai do verde ao amarelo verdoso ou abrancazado, sen manchas escuras. Na rexión do ombro e os flancos a miúdo mostran manchas azuis (ocelos), ás veces dispostos en varias fileiras. A cor da garganta pode diferir da do abdome e, segundo a especie, pode ser amarela, alaranxada, vermella ou azul claro. Os animais xoves non teñen colas de cores brillantes.
Bioloxia
editarAs especies de Timon prefiren biótopos con vexetación mesta e, como as de Lacerta, aliméntan se principalmente de insectos e outros pequenos invertebrados, que poden ser máis grandes que as presas que apañan as especies de Lacerta, pero ás veces tamén comen froitos, ovos de aves, crías, lagartas e incluso ratos. Son ovíparos. Durante o apareamento, o macho morde un costado da femia. Unha niñada contén de 5 a 22 ovos. As crías teñen cabezas grandes e extremidades curtas.
Galería de imaxes
editar-
Timon nevadensis macho e femia (arriba) capturados no Parque Natural do Cabo de Gata-Níjar.
-
Timon princeps en Turquía.
-
Timon tangitanus no zoo de Praga.
Notas
editar- ↑ Timon na EOL.
- ↑ 2,0 2,1 Timon en The Reptile Database. Consultada o 23 de novembro de 2019.
- ↑ "Genus: Timon". Uniprot: Taxonomy. UniProt Consortium. Arquivado dende o orixinal o 24 de agosto de 2011. Consultado o 17 de maio de 2015.
- ↑ Galán Regalado & Fernández Arias 1993, p. 293.
- ↑ Arnold, Arribas & Carranza 2007.
- ↑ Geniez, P.; Mateo, J. A.; Geniez, M. & Pether, J. (2004): The amphibians and reptiles of the Western Sahara (former Spanish Sahara) and adjacent regions. Frankfurt: Editions Chimaira. ISBN 978-3-9306-1267-3.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Timon |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Timon |
Bibliografía
editar- Arnold, E. N.; Arribas, O. & Carranza, S. (2007): "Systematics of the Palaearctic and Oriental lizard tribe Lacertini (Squamata: Lacertidae: Lacertinae), with descriptions of eight new genera". Zootaxa 1430: 1–86.
- Galán Regalado, Pedro e Fernándes Arias, Gustavo (1993): Anfibios e réptiles de Galicia. Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-7507-722-6.
- Tschudi, J. J. (1836): "Über ein neues Subgenus von Lacerta Cuv." Isis von Oken 29 (7): 546-551. (Timon, novo subxénero, p. 551). (en alemán), (en latín).