Illa de San Simón

lugar da parroquia de Cesantes e illa na ría de Vigo
(Redirección desde «San Simón, Cesantes, Redondela»)

A illa de San Simón pertence á parroquia de Cesantes, no concello de Redondela, sendo un dos cinco lugares desta parroquia. Na actualidade atópase deshabitada. Preside a enseada de San Simón, no extremo interior da Ría de Vigo, delimitando cos concellos de Redondela, Soutomaior e Vilaboa. A illa está unida á illa de Santo Antón por unha ponte. O conxunto de ambas as illas mide 250 metros de longo e 84 de largo. Ademais existen outros dous pequenos illotes, San Bartolomé e San Norberto.

Illa de San Simón
O arquipélago de San Simón está formado polas illas de San Simón e Santo Antón, ámbalas dúas unidas por unha ponte.
Illa de San Simón en Pontevedra
Illa de San Simón
Illa de San Simón
Localización no mapa provincial.
Situación
PaísGaliza Galiza
Provincia Pontevedra
MarOcéano Atlántico
Demografía
PoboaciónDeshabitada
Mapa do arquipélago de San Simón.

Ao longo da súa historia a illa foi empregada como mosteiro, lazareto, cárcere e fogar para nenos orfos. O seu conxunto está catalogado como Ben de Interese Cultural dende 1999[1].

Historia editar

Idade Media editar

 
Estatua adicada a Mendinho, Johan de Cangas e Martín Codax.
 
Francis Drake ou Francisco Dráguez, como era chamado polos veciños do lugar, esnaquizou e destruíu a igrexa e as imaxes de San Simón antes de queimar a illa.

A illa foi un antigo centro monástico cantado polo poeta Mendinho na Idade Media. Proba disto é o seu escrito, o único que se coñece do autor, e que se cre que era nativo da zona. Na súa honra realizouse un busto na illa, así como a Johan de Cangas e a Martín Codax.

 Sediam'eu na ermida de San Simón
e cercaronm'as ondas, que grandes son,
eu atendend'o meu amigo,
eu atendendo'o meu amigo... 

Entre os séculos XII e XIII estivo habitada polos templarios e despois polos franciscanos, a Orde dos Pascualinos de San Simón. Mais en 1307 esta orde relixosa sofre a excomulgación, véndose obrigada a abandonar a illa.

Despois de permanecer case un século abandonada, a diocese de Tui, que até o momento posuía o control político da illa, cédella a Isabel a Católica, nun acto de bondade e agradecemento pola súa fidelidade.[2]

En 1589 foi saqueada por piratas ingleses, entre os que se atopa o célebre Francis Drake.

Século XVIII ata a guerra civil española editar

 
A batalla da baía de Vigo, 23 de outubro de 1702, de Ludolf Bakhuizen (ao redor de 1702).
 
Vista frontal da Illa de San Simón dende Cesantes

Foi escenario da batalla de Rande en 1702, cando navíos de Países Baixos e de Inglaterra unidos pola guerra de sucesión contra a coroa de Castela; trataron de asaltar a Frota de Indias cargada coas mercadorías de case 3 anos[Cómpre referencia]. Os galeóns pertencentes á Coroa de Castela e escoltados por unha escuadra francesa que proviñan de América, e que se saldou coa derrota das forzas franco-castelás. Unha gran parte do contido dos galeóns (que se cre que era ouro, prata, diamantes, especias coma o cacao e tamén madeiras nobres e tabaco) foron saqueados polos navíos ingleses da raíña de Inglaterra (Ana I de Estuardo), mais o intento de frustrar as expectativas de roubo, unha gran parte das riquezas dos barcos foron baleiradas ao mar, e unha gran porcentaxe do ouro e prata pertencente á coroa de Castela xa fora descargado en bois ata Madrid semanas antes do combate[Cómpre referencia]. Posteriormente, os integrantes das frotas anglosaxoas asaltaron as aldeas circundantes á Ría de Vigo, con especiais efectos devastadores en aldeas coma, Cangas, Redondela, Vigo, Soutomaior e Arcade; ás que queimaron e asolaron. A illa de San Simón tamén sufriu as consecuencias das tropas inglesas. A ermida de San Pedro quedou case totalmente derruída, ata a súa posterior restauración no século XIX. As elucubracións e testemuños elaborados sobre o paradeiro das riquezas dende o suceso son confusos, e numerosas inmersión realizadas en diferentes anos posteriores ao afundimento dos navíos revelaron a inexistencia de ouro e outros materiais preciosos nos arredores da illa.

En 1719 o Almirante Michells penetra na illa, e posteriormente existe unha nova ameaza por parte das tropas francesas de Napoleón na guerra da independencia, e a illa é abandonada e rehabitada en numerosas ocasións.

A continua ocupación por ordes monásticas debíase á súa boa situación xeográfica, xa que estaba illada, nun lugar tranquilo, e preto do mosteiro de Poio, un dos máis importantes da época[3].

Todo este contexto de invasións e saqueos por parte de piratas e almirantes estranxeiros provoca un estado de inestabilidade na illa e na comarca en xeral. Ademais, simultaneamente sucedía un conflito a nivel galego, as guerras irmandiñas. O arquipélago de San Simón foi tamén testemuña destes conflitos, e o representante de Soutomaior Fernando Andrade resulta ferido de gravidade.

Dende mediados do século XVII a illa permaneceu abandonada. Posteriormente, por Real Ordenanza de 6 de xuño de 1838, e da man do comerciante rioxano Norberto Velázquez Moreno, procedeuse a habilitar e acondicionar a illa para convertela nunha leprosería ou lazareto. Na illa de Santo Antón estaban os enfermos sen cura, mentres que na de San Simón albergábase ó resto. Dadas as frecuentes corentenas ás que estaban sometidos os navíos da ruta americana, viña ser un elemento indispensable para todo porto que quixese entrar nas vías marítimas de percorrido longo, o cal foi un feito diferencial e vital para a expansión do porto de Vigo e o establecemento das conserveiras catalás que trouxeron consigo novas técnicas de organización empresarial e de manufacturas. Así, as numerosas epidemias de cólera e lepra procedentes do exterior eran freadas. Construíuse tamén a ponte que a une á illa de Santo Antón, xa que ata entón a único medio de comunicación entre as dúas illas era o marítimo. A leprosería clausurouse en 1927.

Guerra civil editar

 
Antigo cárcere da illa visto dende o peirao.

A partir de 1936, coa chegada da guerra civil española os edificios da illa foron empregados como campo de concentración e de exterminio para os presos políticos contrarios ao réxime ditatorial e autoritario, na súa maioría provenientes das zonas próximas coma Vigo, Pontevedra, Ourense e Vilagarcía de Arousa[4], aínda que tamén eran frecuentes os presos de Asturias, León ou do País Vasco. Estímanse que ao redor de 6.000 persoas foron encarceradas durante a guerra civil e a posguerra.[5] Foi cualificada polos franquistas como colonia penitenciaria, aínda que a realidade era a dun campo de exterminio onde os presos políticos comunistas, republicanos ou socialistas eran asasinados. Mantívose en funcionamento ata o ano 1943.[Cómpre referencia]

 
Antigo lazareto e posterior residencia dos militares.

A antiga leprosería quedou relegada a albergar aos militares que vixiaban a illa, así coma o persoal complementario (administrativos, intendencia ou enfermería). Construíronse ademais torres de vixilancia, melloráronse os muros e os accesos.[Cómpre referencia] As condicións ás que estaban sometidos os presos eran inhumanas e crueis, as condicións sanitarias eran deficientes e o amoreamento de presos era considerable. Estaban distribuídos en diferentes pavillóns ao longo da illa, e a miúdo producíanse fusilamentos masivos. Crese que centos de persoas morreron a causa dos seus ideais, a mans dos falanxistas. A illa era considerada un dos centros penitenciarios franquistas máis temibles.[Cómpre referencia]

A illa de San Simón foi escenario do final do filme O lapis do carpinteiro, onde trasladaban a Da Barca, un preso político, á Illa, un dos cárceres dos que se dicía que era case imposible saír vivo.[Cómpre referencia]

Posguerra editar

Foi en 1943 cando o arquipélago deixou de funcionar coma cárcere, sufrindo un paulatino abandono, só interrompido nas épocas estivais polos membros da Garda de Franco, co nome de Colonia de Educación e Descanso, que pasaban alí as súas vacacións. O 22 de agosto de 1950 sucedeu un tráxico incidente. Uns cincuenta pasaxeiros da Guardia de Franco volvían da illa cara a terra nunha embarcación, "A Monchiña", cando debido ás malas condicións do tempo e as correntes habituais da zona, a embarcación afundiu. Case ningún dos pasaxeiros sabía nadar, e corenta e tres tripulantes perderon a vida no accidente. Na illa de San Norberto, na cara sur do arquipélago, construíuse un pequeno cruceiro na honra dos falecidos no accidente d'A Monchiña.

A illa foi clausurada debido á traxedia mais reabriuse para ser empregada como Fogar Méndez Núñez para a Formación de Orfos de Mariñeiros, que funcionou entre 1955 e 1963.

Actualidade editar

No ano 1999 as illas de San Simón e Santo Antón foron declaradas Ben de Interese Cultural e comezou a reconstruírse procurando alcanzar unha harmonía entre a natureza (rescatando os xardíns ou o centenario Paseo dos buxos) e a remodelación dos edificios xa existentes sen deteriorar a contorna.

A Illa de San Simón foi remodelada e convertida pola man de César Portela[6] consonte a súa declaración como centro de recuperación da memoria histórica, rehabilitada coma un espazo protexido, cunha completa rexeneración dos xardíns e das especies arbóreas. Ademais foi tamén redirixida cara a unha función cultural da man da Fundación Illa de San Simón, xa que conta con auditorio, biblioteca, escola do mar, hotel, e restaurante. Entre as diferentes actividades culturais realizadas no lugar destaca a celebración de entrega dos Premios Xerais da lingua galega e do Premio Merlín.

No ano 2006 a Consellería de Cultura elixiu o arquipélago de San Simón como símbolo da represión no Ano da Memoria.

Dende o ano 2011 celébrase na illa o festival Sinsal Audio e dende o 2014 o San Simón Fiddle e mais o festival Encordas, organizados pola asociación Galicia Fiddle.

O arquipélago pode ser visitado de balde durante dúas horas en grupos de 300 ou 400 persoas que saen en catamarán dende os peiraos de Cesantes e Santo Adrán.[7]

Acceso editar

 
Peirao e catamarán que realiza diariamente as visitas guiadas á illa

Edificios e instalacións editar

Instalacións editar

  • Residencia Stella Maris.
  • Casa dos Oficios do Mar e Escola de Vela.
  • Acuario.
  • Museo e Biblioteca.
  • Edificio Multiúsos.

Monumentos editar

 
Paseo dos buxos

Galería de imaxes editar

Notas editar

  1. BOE do 29 de setembro de 1999.
  2. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 25 de decembro de 2009. Consultado o 07 de xuño de 2008. 
  3. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 02 de decembro de 2005. Consultado o 29 de abril de 2008. 
  4. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 12 de decembro de 2007. Consultado o 29 de abril de 2008. 
  5. Varela ‘perde’ a memoria histórica en San Simón Arquivado 01 de xuño de 2010 en Wayback Machine. 29/05/10
  6. ""Remake" de San Simón". Arquivado dende o orixinal o 30 de maio de 2020. Consultado o 15 de agosto de 2008. 
  7. "Illa de San Simón, un espazo para a creación". Arquivado dende o orixinal o 03 de xuño de 2010. Consultado o 28 de xuño de 2010. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Illa do amor, illa da morte
Para Álvaro Xil Varela

Empréstame, Meendinho, tua voce meioeval,
aquela que o de Cangas e Martín tamén tiñan.
A voz que na cantiga de San Simón illeiro,
como cisne migrado do seu niñal luciras.
[...]
Pousa Nova do Mar, 1976.
Valentín Paz-Andrade,
Cen chaves de sombra, 1979

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar

Lugares e parroquias editar

Lugares de Cesantes editar

Lugares da parroquia de Cesantes no concello de Redondela (Pontevedra)
O Carballiño | O Coto | Outeiro das Penas | San Pedro | San Simón

Parroquias de Redondela editar

Galicia | Provincia de Pontevedra | Parroquias de Redondela

Cabeiro (San Xoán) | Cedeira (Santo André) | Cesantes (San Pedro) | Chapela (San Fausto) | Negros (Santo Estevo) | Quintela (San Mamede) | Reboreda (Santa María) | Redondela (Santiago) | Saxamonde (San Román) | Trasmañó (San Vicente) | Ventosela (San Martiño) | Vilar de Infesta (San Martiño) | O Viso (Santa María)