Abrir o menú principal

Reino da Araucania e a Patagonia

O Reino da Araucania e a Patagonia (en francés: Royaume d'Araucanie et de Patagonie), tamén denominado Reino de Nova Francia (en francés: Royaume de Nouvelle-France), foi un breve e errado intento de Estado instituído en territorio mapuche e tehuelche polo avogado francés Orélie Antoine de Tounens, con capital na actual municipalidade de Perquenco.[1]

O autoproclamado monarca reclamou soberanía para o territorio comprendido entre o río Biobío e o Seo de Reloncaví, ademais da vertente occidental da Patagonia arxentina. Nunca recibiu recoñecemento de ningún país e foi sometido por forzas chilenas en 1862, no marco da ocupación da Araucania.

Na actualidade, os herdeiros do efémero monarca organízanse arredor da Casa Real da Araucania e a Patagonia, con sede en París, a cuxa cabeza se atopaba ata principios de 2014 o pretendente ao trono Philippe Boiry (Philippe I). O aspirante actual é Jean-Michel Parasiliti dei Para (Antoine IV),[2][3][4] aínda que tal pretensión foi contestada por Stanislas Parvulesco, quen se titulou Stanislas I.[5][6][7][8][9]

HistoriaEditar

 
Orélie Antoine de Tounens con vestiduras tradicionais mapuches.

Os inicios do reinoEditar

Orélie Antoine de Tounens chegou en 1858 ao porto de Coquimbo e, despois de pasar algún tempo na casa dunha dama francesa en Valparaíso e Santiago, dirixiuse á zona da Araucania desde o porto de Valdivia. Alí contactou con Quilapán, o xefe da comunidade mapuche, a quen suxeriu a idea de fundar un Estado para o seu pobo, coa promesa de lograr apoio diplomático francés para os mapuches durante a época final da Guerra de Arauco. O seu propósito era, segundo aseguraba na súa correspondencia, "civilizar os araucanos".[10]

 
Bandeira do Reino da Araucania e a Patagonia.

Quilapán permitiu o ingreso de Tounens nas súas terras, malia estar prohibido para os huincas (estranxeiros), e este fundou alí o 17 de novembro de 1860 o Reino da Araucania, do que foi proclamado rei, baixo o nome de Orélie Antoine I.[11]

Nos días seguintes, Tounens promulgou a constitución do reino e, segundo algúns, o 20 de novembro do mesmo ano declarou a anexión da Patagonia, establecendo como límites o río Biobío, en Chile, polo norte, o océano Pacífico polo oeste, o océano Atlántico polo leste, desde o río Negro, na actual Arxentina, ata o estreito de Magalláns, límite austral continental do reino.

Un ano despois desta proclamación, un parlamento mapuche composto por un grupo de xefes locais (arribanos, habitantes dos vales da Precordilleira), aceptou presumiblemente as súas pretensións.[12]

As fontes históricas, escasas, aseguran que tivo certo contacto con algunhas autoridades do pobo mapuche, aínda que o rei nunca tivo o control de ningún punto do territorio. As autoridades tradicionais mapuches continuaron en funcións, non se alteraron os costumes e o estado nunca chegou a establecerse. Tounens foi aceptado pola comunidade, en especial por Quilapán, como un estranxeiro capaz de lograr o apoio dunha potencia europea. Non hai indicios de que o recoñecese como soberano, malia seguir algúns dos seus consellos e permitirlle usar o título de rei.[13]

Os mapuches coñecidos como "abajinos", xente das chairas do Val Central, entre os ríos Biobío e Toltén, nunca recoñeceron a Tounens e denunciárono ante o xeneral chileno Cornelio Saavedra.

Tounens viaxou a Valparaíso para lle dar a coñecer o seu reino ao goberno de Chile, daquela baixo a presidencia de Manuel Montt, quen non recoñeceu o novo Estado. Despois de regresar á Araucania, o Goberno chileno, baixo o mandato do novo presidente, José Joaquín Pérez, ordenou a procura e o arresto do rei Orélie Antoine baixo os cargos de perturbación da orde pública. Un dos seus acompañantes, crioulo e probablemente membro do exército chileno, entregouno na beira do río Malleco, en xaneiro de 1862, e foi trasladado inicialmente á vila de Nacimiento e logo á localidade chilena de Los Ángeles.

Nesta última cidade foi procesado e máis tarde recluído nun manicomio. O cónsul francés logrou sacalo de alí e repatriouno a Francia. Non hai probas de que se tratase dun axente francés, pero algúns historiadores inclínanse a considerar que: "(...) algún grao de oficialidade tiña a súa misión e que se tivese resultado máis afortunada contaría co apoio francés."[14]

En Europa, Tounens fixo promoción da súa aventura e recibiu o apoio dalgúns empresarios para financiar unha segunda viaxe, realizada a fins de 1869. Con todo, durante aqueles anos, o goberno chileno realizara manobras militares no territorio para o incorporar á República, polo que Tounens non foi recibido co apoio anterior e debeu fuxir a Buenos Aires. Suponse que nesta ocasión arribou cun navío cargado con armas e algúns equipamentos militares.[15]

Tras intentar dous novos ingresos en 1874 e 1876, morreu o 17 de setembro de 1878.

O legado de Orélie Antoine IEditar

Un testemuño oral da súa presenza aparece en boca de Juan Calfucurá, quen dixo ao seu entrevistador cincuenta anos despois da aventura de Tounens:

Meu pai protexeu o rei Aurelio. Na segunda entrada que fixo na Araucania, o coronel Saavedra ofreceulle unha paga a quen o matase. Daquela Aurelio tivo medo e meu pai mandoume deixalo en Salinas Grandes, nas posesións de Cafulcurá... Din agora que ese rei estaba tolo. Así sería. O home vivía retirado. Non lle gustaban as festas. Conversaba cos caciques vellos e visitábaos decote. Non se lle coñeceron mulleres. Vestía o traxe mapuche e deixaba o pelo longo como os indios. Comía os seus mesmos alimentos. Partía moitas mazás para as secar ao sol e comelas así.[16]

Ao morrer Tounens sen herdeiros, un dos seus amigos, Gustave Achille La Viarde, coroouse como sucesor e solicitoulle axuda económica e militar ao presidente dos Estados Unidos, Grover Cleveland, para a conquista, encuberta como liberación, dos territorios ocupados, a cal foi denegada. Desde entón estableceuse un suposto goberno no exilio en París, cuxos "monarcas", autodenominados da Coroa de Aceiro, outorgaron títulos de nobreza da súa propia creación e venderon moedas e medallas conmemorativas. Na actualidade manteñen sitios web onde reivindican os seus supostos dereitos. O novelista Antonio Gil, conde de Detif e Cabaleiro da Coroa de Aceiro, é o único chileno que ostenta os ficticios títulos desta monarquía.[17]

O reino da Araucania e a Patagonia non tivo máis contactos cos indíxenas ata a breve visita de Philippe Boiry Raynaud, quen se adxudicou o título de Príncipe da Araucania e a Patagonia e viaxou en 1989 a Arauco, onde os mapuches o recibiron con pouco entusiasmo.[18] Ultimamente, algúns mapuches, como Reynaldo Mariqueo, manifestaron unha certa adhesión a este reino.[19]

TerritorioEditar

 
Extensión do territorio reclamado polo reino, sobre fronteiras actuais.

O territorio reclamado polo reino correspondía basicamente coas comarcas que non foran sometidas polos gobernos da República Arxentina e da República de Chile. Tounens considerábaas terra nullius ("terra de ninguén"), xa que, como asegura na súa proclamación, "(...) non depende de ningún outro Estado; (...) áchase dividida por tribos (...)".

Gran parte da Patagonia oriental, situada ao sur do río Colorado, atopábase habitada polos pobos indíxenas, entanto que ao occidente dos Andes o límite entre mapuches e chilenos estaba definido polo río Biobío, consonte o estipulado no Parlamento de Quilín de 1641. En ambos os casos, os estados arxentino e chileno reivindicaban os devanditos espazos como propios, en virtude do principio de uti possidetis iuris, xa que foran nominalmente parte do Imperio Español, conforme a concesión do papa Alexandre VI, segundo as chamadas "bulas alexandrinas". A Patagonia inscribíase na Gobernación de Nova León, concedida pola coroa española ao nobre galego-portugués Simón de Alcazaba.

Diversos asentamentos existían cara ao sur dos límites mencionados. Valdivia, Osorno e o arquipélago de Chiloé foran territorios hispanos con anterioridade á independencia de Chile e foron incorporados posteriormente a este país, mentres o seu Goberno avanzaba na colonización de Llanquihue desde 1845, especialmente con inmigrantes de orixe alemá. Así mesmo, existiron poboacións de fundación hispana ao oriente da cordilleira dos Andes, tales como Carmen de Patagones. O territorio en torno ao estreito de Magalláns e Terra do Fogo tamén foi habitado por poboadores chilenos e arxentinos desde os anos 1840.

Os grupos indíxenas mapuches e tehuelches ocupaban o territorio que Tounens reclamaba como o seu reino, a maior parte deles resistindo con diferentes estratexias a presión dos estados nacionais xurdidos tras a independencia.

 
Músicos mapuches nunha fotografía de 1916.

En Chile, recoñecidos como parte dun conflito e asinantes de tratados co Goberno central, os mapuches alternaban as alianzas e os ataques co Goberno de Santiago. Non sempre as súas accións eran coordinadas, xa que non había unha autoridade central, algo que Tounens menciona, tamén, na súa proclamación: "(...) reclámase un Goberno central, tanto polo interese particular como na orde xeral (...)". A teor das súas declaracións posteriores e consonte o pensamento eurocéntrico da súa época, el sería o indicado para organizar a resistencia indíxena establecendo unha monarquía similar ás europeas.

Na Arxentina, onde a presenza do francés foi esporádica, os mapuches e os pobos "araucanizados" chamados xenericamente "pampas" resistían por medio de incursións a través da extensa e permeable fronteira entre os seus dominios (os crioulos chamábano "o deserto") e as poboacións dependentes dos estados provinciais. Tamén aceptaban asinar tratados cos gobernos (e ás veces coas faccións polìticas) da Arxentina e en numerosas ocasións recoñecíanse como "arxentinos". A prensa da capital, con todo, adoitaba mencionalos como "chilenos" con propósitos propagandísticos. Excepto con Calfucurá, quen o recibiu pola amizade que o unía a Quilapán, Tounens non tivo contacto con grupos indíxenas desta rexión, moito menos cos tehuelches, moradores da Patagonia que o francés tamén reclamaba. Hai que notar que os mapas europeos e estadounidenses da época amosan o territorio ao sur do río Negro como unha entidade á parte respecto de Chile e da Arxentina, o que expresa sen dúbidas a pretensión das potencias de lograr dereitos sobre esas terras poboadas por "salvaxes" e sen control pleno dos estados nacionais veciños.

Nos anos sucesivos, o territorio reivindicado polo aventureiro francés, que a Arxentina e Chile consideraban propio, sería efectivamente ocupado por ambas as repúblicas a través de campañas militares coñecidas como a Pacificación da Araucania, en Chile, e a Conquista do Deserto, na Arxentina, así como con exploracións militares e co establecemento de poboacións crioulas e inmigrantes vindas de Europa. Os indíxenas que se resistiron foron exterminados ou perseguidos a ambos os dous lados da Cordilleira, e os que se someteron recibiron algunhas parcelas para o cultivo ou a gandaría. En ningún destes momentos históricos se mencionou o suposto reino da Araucania, nin os seus proclamados reis interviñeron de maneira ningunha na defensa do territorio que reclamaban.

Actualmente, os mapuches, en especial en Chile, reivindican os seus dereitos ante os atropelos do Estado e dos grandes intereses privados.

ConstituciónEditar

 
Desde 1851, Orélie Antoine de Tounens foi procurador do Tribunal de Primeira Instancia do distrito aquitano de Périgueux.

A constitución do Reino da Araucania foi o pretendido texto fundamental da monarquía constitucional do Reino da Araucania e a Patagonia. Redactada polo avogado e aventureiro francés Orélie Antoine de Tounens, foi promulgada o 17 de novembro de 1860, coa proclamación deste último como Rei da Araucania e a Patagonia, baixo o nome de Orélie Antoine I. Nunca tivo vixencia e nela non participaron os poboadores mapuches, nin se tiveron en conta as súas tradicións.

A carta constitucional constaba de nove títulos, integrados por un total de 64 artigos. O preámbulo baseábase en cinco principios:

- Un rei ou unha raíña, seguindo a orde hereditaria.

- Un grupo de ministros, dependentes directamente do rei.

- Un Consello de privilexiados, composto polos nobres do reino.

- Un Consello de Estado, que se encarga, xunto cos ministros, de falar en nome do Goberno.

- Un corpo lexislativo, elixido por sufraxio universal.

A Constitución do reino era unha carta moi elaborada, con principios novos como a gratuidade do servizo de rexistro civil. Aproveitando os seus coñecementos de dereito francés, Orélie Antoine copiou na súa Carta de 1860, cunhas vinte diferenzas, a estrutura da Constitución do II Imperio Francés, do 14 de xaneiro de 1852.

Este texto foi reformado en dúas ocasións. A primeira o 25 de xaneiro de 1862, a raíz do encarceramento do pretendido monarca na cidade chilena de Los Ángeles. A segunda, o 17 de setembro de 1978, con motivo da morte de Jacqueline-Dominique Marquain, primeira esposa de Philippe Boiry, penúltimo pretendente ao trono da Araucania e a Patagonia.

Ambas as reformas refírense á orde hereditaria na sucesión ao trono.

Monarcas e pretendentesEditar

Imaxe Nome Data de nacemento Comezo do reinado Fin do reinado Data de morte
Orélie Antoine I 12 de maio de 1825 17 de novembro de 1860 17 de setembro de 1878
Achille I 7 de novembro de 1841 17 de setembro de 1878 6 de marzo de 1902
Antoine II 10 de maio de 1833 6 de marzo de 1902 1 de novembro de 1903
Laure Thérèse I 22 de decembro de 1856 1 de novembro de 1903 12 de maio de 1916
Antoine III 11 de abril de 1880 12 de maio de 1916 12 de maio de 1951 26 de outubro de 1952
Philippe I 19 de febreiro de 1927 12 de maio de 1951 5 de xaneiro de 2014
Antoine IV 26 de marzo de 1942 9 de xaneiro de 2014
Stanilas I 20 de marzo de 1995 22 de xuño de 2014

Tras o falecemento de Orélie Antoine de Tounens e dos seus sucesores, Gustave Achille La Viarde e Antoine Hippolyte Cros, formouse un Consello de Rexencia que nomeou como cuarto monarca a Georges Sénéchal de La Grange, quen declinou ser rei, acabando en teoría con este título.

Non obstante, o pretendente ao trono Philippe Boiry afirmou que o título se mantería na persoa de Laure Thérèse Cros, filla de Antonio II. Á morte da princesa Laure Thérèse, sucedeuna o seu fillo, Jacques Antoine Bernard, quen en 1951 abdicaría en favor de Boiry. A principal evidencia esgrimida é unha carta de consentimento de Antoine III e un certificado no que se consigna a abdicación e a transmisión da sucesión do título, con data 12 de maio de 1951.

Os reis ou pretendentes que sucederon o fundador xamais visitaron o reino ata que Boiry estivo un par de semanas na Arxentina e Chile en abril de 1989. Nesa oportunidade, declarou que se titulaba príncipe e non rei, posto que o seu reino "fora conquistado e destruído".[20]

 
Moeda de 1 peso, conmemorativa do reino de Araucania e Patagonia. 1874.

O xornalista Enrique Oliva, correspondente do diario arxentino Clarín en Francia, denunciou en varios artigos de prensa o suposto monarca por vender títulos nobiliarios "tan falsos como a súa presunta maxestade". No seu libro El Rey de la Araucania y Patagonia, de 1995, Oliva, co pseudónimo de Lepot, explica a historia do "reino", ao que nega toda existencia real, e impugna a sucesión de Boiry. Nunha publicación francesa, o ano seguinte, Oliva escribiu un capítulo, titulado Le Roi de Patagonie, onde ratifica todo o que xa dixera. Boiry, á súa vez, presentou unha demanda ante a xustiza francesa reclamando unha indemnización e coa pretensión de validar o seu título por vía xudicial, e os tribunais desestimaron estas denuncias en 1997.[21] Actualmente existen dúas persoas que reclaman a sucesión ao trono deste Estado inexistente, cada unha das cales mantén sitios de internet e exercen os seus "dereitos" outorgando falsos títulos nobiliarios. Tamén aparecen reclamos sucesorios nalgúns sitios de internet que apelan a supostas institucións e designacións para ocupar o posto.

En 1986 estreouse o filme arxentino La película del rey, dirixida por Carlos Sorín, que é unha variación sobre a historia de Orélie Antoine de Tounens.[22]

NotasEditar

  1. Sandoval Reyes, Mauricio. Reseña histórica de Perquenco. No sitio web da Municipalidade de Perquenco.
  2. North American Araucanian Royalist Society. «Antoine IV»
  3. Artigo sobre a investidura de Antoine I como novo Xefe do Reino da Araucania e a Patagonia. En Reino de Araucania y Patagonia - Portal Mapuche.
  4. Artigo Dordogne: le nouveau prince d'Araucanie a prêté serment. En sudouest.fr
  5. Discurso de investidura do príncipe Stanislas I.
  6. Long live His Royal Highness Stanislas I! Arquivado 15 de maio de 2016 en Wayback Machine.. En intermicronational.com
  7. Artigo: Dordogne: un nouveau rebondissement au royaume d'Araucanie. En sudouest.com
  8. Artigo: Batalla de príncipes por un reino que no existe. En Economía y Negocios. 2015.
  9. Artigo: Game of lonkos. La sucesión por el trono de Orélie Antonie de Touens (...). En latercera.com.
  10. Sarramone, Alberto. Orllie-Antoine I: un rey francés de Araucanía y Patagonia. Ed. Biblos. Buenos Aires, 2005. Páxinas 73-74. [ISBN 9507864822]
  11. Bengoa, José. Historia del pueblo mapuche: (siglo XIX y XX). Ediciones Sur. Santiago de Chile, 1996. Páxinas 186 e seguintes.
  12. Bengoa, José. Historia del pueblo mapuche: (siglo XIX y XX). Ediciones Sur. Santiago de Chile, 1996. Páxina 188.
  13. Bengoa, José. Historia del pueblo mapuche: (siglo XIX y XX). Ediciones Sur. Santiago de Chile, 1996. Páxinas 188 e seguintes.
  14. Bengoa, José. Historia del pueblo mapuche: (siglo XIX y XX). Ediciones Sur. Santiago de Chile, 1996. Páxina 186 (nota 1).
  15. Bengoa, José. Historia del pueblo mapuche: (siglo XIX y XX). Ediciones Sur. Santiago de Chile, 1996. Páxina 187 (nota).
  16. Guevara, Tomás. Las últimas familias i costumbres araucanas, Santiago de Chile, 1913. Páxina 188, nota 2 (citado por Bengoa).
  17. Reino de la Araucanía y Patagonia Arquivado 01 de agosto de 2016 en Wayback Machine., Heráldica Argentina, s/f.
  18. Artigo: Autoproclamado "Príncipe de La Araucanía. En mapuche-nation.org. 1989
  19. Artigo: La Corona de Acero resplandece en el Cono Sur de América. Por Reynaldo Mariqueo. En araucaine.com
  20. Artigo: La Justicia no le creyó al príncipe de la Patagonia. Por Diego Caldentey. En Patagonia Database.
  21. Artigo: La Justicia no le creyó al rey da Patagonia. En La Nación. 11 de maio de 1997.
  22. Artigo: La película del Rey: la pasión de un Quijote y el cine. Por Diego Braude. En imaginacionatrapada.com.ar

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

  • Bengoa, José. Historia del pueblo mapuche (siglo XIX y XX). Santiago de Chile. Ediciones Sur. 1996.
  • Boiry, Philippe (Philippe I da Araucania). Histoire du Royaume d'Araucanie (1860-1979): une dynastie de princes françaises en Amérique Latine. París. SFA. 1989
  • Braun Menéndez, Armando. El reino de Araucanía y Patagonia. Buenos Aires. Ed. Francisco Aguirre. 1973.
  • Galatoire, Adolfo José. Reyes franceses para la Patagonia. Buenos Aires. Revista Todo es Historia. Nº 8. 1967.
  • Galatoire, Adolfo José. ¿Quién fue el rey de la Patagonia? Buenos Aires. Ed. Plus Ultra. 1972.
  • Lepot, François. El rey de la Patagonia. Buenos Aires. Editorial Corregidor. 1995.

Ligazóns externasEditar