Pobo mapuche
Os mapuches[3] son un grupo indíxena americano que habitan no sur-centro de Chile e no suroeste da Arxentina. Constitúen un grupo étnico composto por varios grupos que comparten unha estrutura social, relixiosa e económica comúns, así como un patrimonio lingüístico común. A súa influencia estendíase entre o río Aconcagua e o arquipélago de Chiloé, e máis tarde cara ao leste da Pampa arxentina. Os mapuches representan aproximadamente o 4% da poboación chilena,[4] e están particularmente concentrados na rexión de Araucanía e en Santiago de Chile.
Pobo mapuche | |
---|---|
Muller mapuche de Chile. | |
Poboación | |
Poboación total: c 1 900 000 | |
Rexións principais: | |
Chile | 1 745 147 (2017)[1] |
Arxentina | 205 009 (2010)[2] |
Aspectos culturais | |
Lingua | Lingua mapuche e castelán |
Relixión | Cristianismo (Católico e Evanxélico) adaptado ás crenzas tradicionais da relixión mapuche |
Grupos relacionados | Picunches e huilliches |
O termo mapuche pode referirse a todo o grupo de picunches (xente do norte), huilliches (xente do sur) e moluches ou nguluches da Araucania, ou exclusivamente ós moluches ou nguluches da Araucania. A economía tradicional mapuche baséase na agricultura, a súa organización social tradicional componse de grandes familias, baixo a dirección dun "lonko" ou xefe, aínda que en tempos de guerra, uníanse en grandes grupos e elixían un toqui (do mapudungun toki, que significa machado, ou portador do machado) para lideralos.
A pesar de que os mapuches se mesturaron cos españois durante a época colonial dando orixe a un gran grupo de mestizos na sociedade mapuche de Chile en Araucania e Patagonia, este pobo mantívose independente ata a Ocupación chilena de Araucania e a Conquista do Deserto da Arxentina no século XIX. Hoxe en día, moitas comunidades mapuches están involucradas no chamado conflito mapuche, que reivindica a defensa dos seus dereitos e a devolución das súas terras tanto na Arxentina como en Chile.
Etimoloxía
editarO nome mapuche, ou mapunche, significa na súa lingua «xente da terra» (é dicir, «nativo»), en oposición ós estranxeiros arribados dende Europa e os seus descendentes, chamados «wingka», e a quen adoptou a súa forma de vida. Nalgunhas zonas, empréganse os termos mapuche e mapunche con leves diferenzas de significado. Ata o século XVIII, tería existido entre os integrantes desta etnia a denominación reche, «xente verdadeira».
A denominación de araucanos, predominou na historiografía dende o período que abarca dende os primeiros contactos cos españois ata o século XIX, aproximadamente. Do nome «araucano» tamén deriva de Arauco, nome que para os españois tiña a terra que habitaban en forma independente, cuxa etimoloxía é incerta.[5] "Arauco" podería derivar dunha castelanización da palabra mapuche Ragko, «auga gredosa», que os conquistadores poderían ter usado falar dos habitantes dun sitio chamado así e que logo se tería estendido a tódolos restantes pobos da área;[6] outra teoría sería a que di que provén da palabra quechua awqa, «salvaxe» ou «rebelde»,[5] «inimigo», que sería o xeito en que os denominaban os incas; segundo os cronistas, os incas xa tiñan denominado como purumauca ás xentes que habitaba o sur do río Cachapoal, e os españois só adoptaron a denominación «auca» para referirse a eles.
Os mapuches rexeitan o uso do nome «araucano», porque lles foi imposto polos seus inimigos. Logo a palabra awka foi adoptada polos mapuches co significado de «bravo»,[7] o «indómito», «salvaxe».[8]
Cultura
editarNo momento da chegada dos europeos, os mapuche eran quen de organizarse para crear unha rede de fortes e complexas construcións defensivas, e tamén as construcións cerimoniais, como algúns montículos recentemente descubertos preto de Purén.[9] Adoptaron rapidamente a metalurxia do ferro (xa dominaban o cobre)[10], a equitación e o emprego da cabalería na guerra dos españois, xunto co cultivo do trigo e cría de ovellas. Ó longo de 300 anos de convivencia entre as colonias españolas e as rexións autónomas mapuches relativamente ben delimitadas, os mapuches tamén desenvolveron unha forte tradición de comercio cos españois e cos chilenos.
Lingua mapuche
editar- Artigo principal: Lingua mapuche.
As linguas mapuches fálanse en Chile e en menor medida na Arxentina. Ten dúas pólas vivas: a huilliche e a mapudungun. Aínda que non relacionados directamente, hai unha influencia perceptíbel no léxico procedente da lingua quechua. Estímase que só arredor de 200.000 mapuches falan a súa lingua con fluidez, e esta só recibe un apoio simbólico no sistema educativo. Nos últimos anos comezou a ensinarse nas escolas rurais do Bío-Bío, Araucanía e da rexión de Los Lagos.
Historia
editarPeríodo agroalfareiro
editarOs mapuches foron enucleándose a partir dunha serie de culturas previas, dende o Paleoindio. Algunhas das primeiras teorías situábanos aparecendo dende a actual Arxentina, abrindo unha cuña entre huilliches e picunches. Porén, outras teorías posteriores e máis avaladas propuxeron a súa orixe nos territorios de Chile. Segundo esta "teoría autoctonista", a súa cultura derivou doutras culturas amerindias autóctonas anteriores. Actualmente, a orixe dos mapuches é un asunto que aínda no está resolto.
Expansión inca
editarDurante o seu reinado, Túpac Inca Yupanqui realizou unha expedición que iniciou recorrendo o Collao, Cochabamba e Tucumán. De Charcas dirixiuse ó sur e conquistou ós diaguitas dos vales transversais e a parte das poboacións picunches, (grupo mapuche setentrional) que habitaban o Val de Chile (o actual val do Aconcagua ou o val do Mapocho) e algunhas comarcas situadas ó sur del, fixándose así os límites do Imperio Inca, nunha zona que convencionalmente os historiadores e a arqueoloxía estenden ata o río Maule.
O Inca Garcilaso de la Vega, no seu libro Comentarios Reales de los Incas; Alonso de Ercilla, no poema épico La Araucana e os cronistas Vicente Carvallo y Goyeneche e Jerónimo de Vivar, relatan a expedición Inca cara ao río Maule e o seu encontro cos promaucaes. Os incas someteron algúns pobos do Val de Chile quen lles pagaron tributos. Nesta campaña ó sur librouse unha guerra entre 20.000 incas de Yupanqui e 20.000 mapuches, ó sur de Maule. O subgrupo picunche coñecido como promaucaes polos españois, consciente da chegada dos Incas aliáronse cos subgrupos Antalli, Pincu e Cauqui. Os incas enviaron parlamentarios para que os promaucaes recoñecesen a Túpac Inca Yupanqui como soberano. Os incas chamaban promaucaes, purumaucas ou purum aucca ás poboaciones que non estaban sometidas polo seu imperio.
Os promaucaes decidiron dar batalla e enfrontáronse por tres días cos incas. Este suceso coñécese como Batalla del Maule.[11] O enfrontamento produciu gran cantidade de mortos en ambos bandos, sen que ningún dos exércitos resultara vencedor. Ó cuarto día decidiron non enfrontarse. Os promaucaes retiráronse do campo de batalla cantando vitoria. Os incas avaliaron perseguilos para continuar coa batalla e asegurar o que xa conquistaran. Finalmente decidiron non tratar de continuar a conquista, senón fornecer as súas posicións e administrar os territorios xa conquistados ó norte, onde os novos pobos vasalos aceptaron de bo grado o dominio e obtiveron vantaxes del.
Aínda que a arqueoloxía non atopou evidencias de que existira unha presenza Inca ó sur do Río Maule, tamén cabe mencionar que existen algunhas crónicas españolas que indicarían que nesta expansión ou outra posterior, se produciu unha hipotética última expansión ou invasión máis ó sur, ata o río Biobío; durante o goberno de Túpac Inca Yupanqui, ou de Huayna Cápac. As crónicas mencionadas son o Informe de Miguel de Olaverría, p. 24: «Conquistaron, los peruanos, y sujetaron todos los indios que había hasta el gran río de Biobío (VIII rexión de Chile), como hoy se ve haber llegado hasta el dicho río por los fuertes que hicieron en el cerro del río Claro, donde pusieron y tuvieron frontera a los indios del estado (de Arauco) con quienes tuvieron muchas batallas»; e a crónica de Anello Oliva na súa "Historia del Perú" (publicada nunha tradución ó francés) «qu'il soumit jusqu'a la vallée d'Arauco, où il passa l'hiver, après y avoir fait construire quelques forts. Il soumit ensuite les provinces de Chillhue et de Chillcaras (que someteu ata o val de Arauco e someteu a continuación as provincias de Chillhue e de Chillcaras)». Porén, os historiadores indican que a historia das conquistas dos incas máis aló do río Maule, referida no seu conxunto, só se basean no indicado por cronistas que realizaron crónicas escritas xeralmente con pouco discernimento e que raras veces concordan entre si.[12]
Chegada europea e guerra de Arauco
editarDécadas máis tarde, os conquistadores españois abateron ó Imperio Inca e, posteriormente, tamén intentaron someter ós mapuches, cuxa poboación se estimaba en preto de medio millón de persoas.[13] Porén, a resistencia dos mapuches levaría a un prolongado conflito coñecido como a Guerra de Arauco. Así, personaxes como Lautaro (destacado líder militar mapuche, feito prisioneiro de neno polos españois, sirviu a Pedro de Valdivia como paxe) e máis tarde a sublevación de Pelantaro na década de 1590, levarían a fixar a fronteira militar entre españois e mapuches no río Biobío. O desastre de Curalaba, en 1598, onde perdeu a vida o gobernador Martín Óñez de Loyola, marca a derrota das forzas coloniais en territorio mapuche.
Durante dito período inicial, a segunda metade do século XVI e a primeira do XVII, a poboación indíxena do actual Chile (estimada en preto dun millón de persoas)[14] viuse moi reducida, principalmente polas pestes traídas polos europeos e porque os nativos non tiñan inmunidade contra o tifo (1554-1557), que matou a trescentos mil mapuches, nin contra a varíola (1561-1563) que acabou con outros cen mil.[15] É moi probábel que ó momento do desastre de Curalaba en Chile non houbese máis de 200.000 indíxenas.[16]
O poema épico Arauco Domado do escritor chileno Pedro de Oña, narra dende o punto de vista hispano parte da guerra contra o pobo mapuche. Asemade, a Araucana (1569, 1578 e 1589) do conquistador español Alonso de Ercilla, adicada ó rei Filipe II, é unha epopea que destaca a resistencia realizada polo pobo mapuche. Nela, Ercilla fala dos mapuches como os Araucano, como a xente que produce a rexión de Chile.
- Chile, fértil provincia y señalada
- en la región Antártica famosa,
- de remotas naciones respetada
- por fuerte, principal y poderosa;
- la gente que produce es tan granada,
- tan soberbia, gallarda y belicosa,
- que no ha sido por rey jamás regida
- ni a extranjero dominio sometida.
La Araucana, Alonso de Ercilla (1569)
Ben está documentado pola historia que os grupos situados entre os ríos Biobío e o Toltén lograron resistir con éxito ós conquistadores españois na chamada Guerra de Arauco, unha serie de batallas e sucesos que durou uns 300 anos, con longos períodos de tregua.
Nos séculos seguintes, os españois foron cautelosos en internarse en territorio mapuche. Nun comezo, fixérono a través de misións relixiosas (pacíficas) lideradas polo padre Luis de Valdivia na chamada Guerra Defensiva, que non deu resultados, dando paso ós "parlamentos". Nestes encontros ambos bandos intercambiaban agasallos e firmaban pactos que xuraban respectar.
Foi así como, no Parlamento de Quillín, en 1641, se acordou rematar coa guerra e fixar a fronteira no río Biobío, co conseguinte despoboamento das cidades españolas ó sur deste; os mapuches prometeron ceibar ós seus prisioneiros e a facer fronte ós inimigos da Coroa. Posteriormente, celebráronse outros parlamentos, coa aprobación do rei de España nos que se reiteraba o recoñecemento da independencia dos mapuches fronte á Coroa española, e as partes comprometíanse a deixar de lado as accións bélicas. Estes tratados foron recoñecidos polo goberno republicano do director supremo Ramón Freire en Tapihue, o 7 de xaneiro de 1825 no Parlamento General de Tapihue. Nos seus artigos 18 e 19, recoñécese a soberanía mapuche sobre os territorios comprendidos ó sur do Bío Bío.
Tras isto, viviuse un período de relativa paz que permitiu á poboación mapuche recuperarse e acadar os 150.000 - 200.000 para finais do século XVIII.[17] Pouco despois empezaron a producirse migracións masivas cara á Pampa.[18]
Independencia e construción dos Estados de Chile e a Arxentina
editarEn Chile
editarDurante a Guerra de Independencia de Chile, o máis habitual foi que os mapuches tomasen partido polos realistas, aínda que non participaron moito nas batallas, porque estas tiveron lugar fóra dos seus territorios. Só ó final do período, coa Guerra a morte se viron realmente involucrados.[19]
Despois da súa independencia de España, Chile seguiu unha política de non agresión e cautela. Porén, na segunda metade do século XIX, ideouse un plan de expansión estatal sobre o territorio mapuche. Por esa mesma época, produciuse o nomeamento por parte dos principais loncos do Ngulumapu ("territorio occidental", Chile) de Orélie Antoine de Tounens como Rei da Araucania dando lugar ó Reino da Araucania e a Patagonia o 17 de novembro de 1860.
Así, de 1861 a 1883, o exército chileno ensaiou diferentes estratexias, dende as alianzas con clans inimigos entre si, ata a guerra, pasando polo suborno a base de bebidas alcohólicas. As operacións militares estiveron fundamentalmente a cargo de Cornelio Saavedra (militar chileno neto do presidente da Primeira Xunta de Goberno arxentina instalada o 25 de maio de 1810), que culminaron co completo sometemento dos mapuches en 1883. A todo este proceso, déuselle o eufemístico nome de Pacificación da Araucania.
En decembro de 1866, o Congreso chileno aprobou unha lei que recoñecía os dereitos propietarios dos mapuches no "Territorio Indíxena", creando unha Comisión de peritos - a Comisión radicadora de Indíxenas- cuxa misión era deslindar as posesións indíxenas. De acordo con esa lei, aquelas terras onde os mapuches non puidesen probar posesión serían consideradas terras baldías, por tanto fiscais acordo co artigo 590 do Código Civil de 1857. Deste xeito, os mapuches pasaron de controlar uns 10 millóns de hectáreas, a ter que sobrevivir en apenas 500 mil, é dicir, nun 5% do seu territorio anterior. Por outra parte, as políticas de colonización das terras do sur remataron por marxinalos, e propiciaron a usurpación irregular de moitas das súas terras, mesmo das recoñecidas nos Títulos de Merced.
Na Arxentina
editarParalelamente á "Pacificación", levouse a cabo polo Exército arxentino o que se denominou a Conquista do Deserto, moi prexudicial para os mapuches. Houbo un primeiro intento en 1833 que permitiu ás tropas arxentinas ocupar case todo o territorio ó Norte do río Negro e do Limay e mesmo a zona de Valcheta, mais a guerra civil na Arxentina permitiu que os mapuches, liderados por Calfucurá, se refixesen, de xeito que a comezos de 1870 estes pobos realizaban os seus malóns case ata as inmediacións das cidades de Mendoza, San Luis, Río Cuarto, sur da provincia de Santa Fe e gran parte da provincia de Buenos Aires ata uns 70 km de Buenos Aires. A súa derrota foi total a partir da chamada Conquista do Deserto, iniciada formalmente en 1879 e dirixida polo xeneral Julio Argentino Roca (ó ano seguinte, en 1880, foi elixido presidente do país).
O pobo mapuche dende o século XX ata a actualidade
editarDa reorganización mapuche ata o Réxime Militar
editarNas seguintes xeracións de mapuches, emerxeron diferentes organizacións, tales como a Corporación Araucana de Venancio Coñoepan, Federación Araucana de Aburto Panguilef, a Sociedade Caupolicán e a Unión Araucana de Antonio Chiwailaf. Entre estas organizacións mapuches existían diferentes posicións, dende o tradicionalismo ata o catolicismo asimilacionista, pero todos compartían a idea de recuperar as terras usurpadas para poder conservar a cultura propia. Deste xeito, o "movemento mapuche" ingresou na escena pública chilena, mesturándose coa política e os seus partidos; aínda que sempre conservando a súa especificidade. Este proceso chegou ó seu clímax a finais da década de 1960 e principios da de 1970.
A crítica radical ó statu quo por parte de vastos sectores da sociedade chilena, permitiu ós mapuches incorporarse coas súas demandas pola terra. Foi así como en 1969 comezaron as tomas de terras reclamadas polos mapuches na provincia de Cautín, proceso coñecido como "o Cautinazo".
Co proceso da Reforma agraria acelerado polo goberno de Salvador Allende, moitas comunidades mapuches radicalizáronse e iniciaron unha inédita recuperación de terras, á marxe dos programas do goberno. Cara 1972, os latifundistas afectados organizáronse nos comités de retoma, grupos paramilitares armados que foron perseguidos polo goberno mediante a "Lei de Seguridade do Estado".
Réxime Militar e o Acordo de Nova Imperial
editarA Ditadura Militar foi cruenta na Araucania, onde centos de persoas desapareceron ou foron torturadas. As organizacións reapareceron a partir de 1978, como reacción ó Decreto Lei 2568 que liquidaba a figura xurídica da propiedade comunal sobre a terra, último resgardo sobre as súas propiedades, e ademais a calidade de indíxena dos seus ocupantes. Xurdiron así, promovidos pola Fundación Instituto Indíxena do Obispado de Temuco, os Centros Culturais Mapuches [20], nome que permitía unha maior probabilidade de eludir a persecución da ditadura, que máis tarde (1981) darían paso á organización Ad Mapu, tronco de posteriores organizacións[21].
Dende 1978 en aplicación do artigo 25 do decreto lei Nº 2.568, dispúxose a ampliación das terras indíxenas, traspasando a 2.639 indíxenas un total de 51 predios agrícolas durante o período, que eran propiedade do Fisco, SAG, ex CORA, CORFO e CONAF, cunha superficie total de 113.342,07 hectáreas. Coa aplicación de dita normativa, dende 1978 a 1990 entregáronse, en total, 69 mil 984 títulos de dominio individual ós indíxenas, e en virtude das demais disposicións dese texto legal e as novas terras traspasadas, completáronse 72.931 títulos de dominio.
En 1989, dirixentes de diversas organizacións mapuches reuníronse en Nova Imperial co candidato da opositora Concertación de Partidos pola Democracia Patricio Aylwin Azócar. Nese "parlamento" acordouse que o Estado daría recoñecemento constitucional ós dereitos económicos, sociais e culturais dos Pobos Indíxenas, se formaría unha Comisión Especial en conxunto coas organizacións indíxenas para elaborar un proxecto de lei indíxena. A cambio disto, as organizacións indíxenas comprometíanse a utilizar a vía institucional para canalizar as súas demandas.
Relación cos gobernos da concertación
editarXa comenzada a década dos 90 e volta parcialmente a democracia, o Consello de Tódalas Terras levou a cabo varias ocupacións ilegais simbólicas de terras ancestrais mapuches en mans de privados. A resposta do goberno foi o requirimento de aplicación da "Lei de Seguridade do Estado", promulgada durante o goberno de Carlos Ibáñez del Campo, o que rematou con 141 mapuches condenados e cos seus dereitos políticos suspendidos.
En 1993 aprobouse a Lei de Desenvolvemento Indíxena 19.253. Porén, a nova institución que consagraba operou coa cooperación dos principais referentes mapuches ata que en 1997 sobreveu unha nova crise. A empresa ENDESA España comezou a construción dunha segunda central hidroeléctrica na zona do Alto Bío Bío (co nome de Ralco). Os mapuches-pehuenches que habitaban a zona negáronse a abandonar as súas terras, amparados na nova lexislación que esixía a autorización da Corporación Nacional de Desenvolvemento Indíxena (CONADI) para poder permutar terras indíxenas. Ante a negativa deste organismo gobernamental a aprobar dita permuta, por ser atentatoria contra os dereitos dos pehuenches, o Presidente Eduardo Frei destituíu ó director da CONADI e á autoridade ambiental que tamén se opuña ó megaproxecto. Desta xeito, inundáronse miles de hectáreas de terras e sitios sagrados para o pobo mapuche-pehuenche dun xeito totalmente autoritario.
Ó mesmo tempo, nos vales centrais comezaba a explotación das plantacións forestais sementadas a mediados do goberno militar, en predios que foran recuperados polos mapuches durante o goberno de Allende, pero que posteriormente pasaron a mans de grupos económicos. Tanto os intereses das grandes empresas madeireiras que explotan plantacións forestais en territorio mapuche, como o temor dos agricultores que explotan predios considerados como usurpados polas comunidades mapuches, e o aumento da violencia cara finais dos anos 1990 na zona, motivaron ó Senado a expresar nun informe a súa preocupación pola grave ameaza á seguridade xurídica na zona do conflito (S 680-12). Porén, dito informe foi cuestionado porque contén declaracións de máis de 15 agricultores afectados pero só dun representante mapuche, ademais de non afondar nas causas do conflito.
A desarticulación da CAM e o crecemento da protesta social mapuche
editarDurante o goberno de Ricardo Lagos a resposta estatal ó conflito mapuche, adquiriu dúas vías principais. Por un lado, a través da aplicación da lei contra as accións ilegais e violentas dos activistas mapuches, cuxo momento máis crítico ocorreu en 2002, durante unha ocupación ilegal de terras no Fundo Santa Alicia na comuna de Ercilla, Provincia de Malleco, o comuneiro Alex Lemun Saavedra perdeu a vida pola acción dos Carabineros de Chile, os cales fixeron uso de escopetas antimotíns cargadas con cargas de chumbo. Por outra banda, mediante unha operación de intelixencia chamada "Operación Paciencia" dirixida dende a Sub Secretaría do Interior presidida por Jorge Correa Sutil, sindicouse á Coordinadora de Comunidades en Conflito Arauco-Malleco, como unha organización de carácter terrorista e foi perseguida como tal, encarcerándose ós seus dirixentes. Exemplos paradigmáticos destes xuízos foron o chamado "Caso Loncos" -onde os Lonkos Pascual Pichun e Aniceto Norin foron condenados a 5 anos e 1 día de prisión por "ameaza de incendio terrorista" e o "Caso Puluco-Pidenco" -onde catro comuneiros foron condenados a 10 anos e un día de prisión por "incendio terrorista".
Estes xuízos foron denunciados pola Organización das Nacións Unidas, a través do seu Relator Especial para Pobos Indíxenas Rodolfo Stavenhagen, e por organizacións como Amnistía Internacional, que os denuncian como xuízos que presentan unha legalidade cuestionable. Os feitos foron denunciados á Comisión Interamericana de Dereitos Humanos, por infracción ó debido proceso, entre outras razóns, consagrado na Convención Interamericana de Dereitos Humanos. Este órgano decretou a admisibilidade da denuncia.[22]
En marzo de 2006, 4 dos 9 presos mapuches condenados pola lei antiterrorista iniciaron unha folga de fame indefinida, que chegou a máis de 62 días sen lograr que o goberno de Michelle Bachelet accedese a revisar o polémico xuízo levado a cabo baixo o goberno do seu antecesor.
No ano 2008, exercendo o cargo de Xefe de Estado Michelle Bachelet Jeria, Matías Catrileo (n. 11 de setembro de 1985 - † 3 de xaneiro de 2008), estudante de agronomía, chileno de orixe mapuche, morre o 3 de xaneiro de 2008, cando foi alcanzado polos disparos dunha metralladora Uzi. Matías Catrileo estaba participando nunha ocupación ilegal dun fundo de propiedade privada que as comunidades mapuches reclamaban como territorio ancestral, razón pola cal, a forza pública foi chamada a actuar.
Tralos feitos, o carabineiro acusado como autor do asasinato foi encarcerado.[23]
Reclamo do dereito de autodeterminación
editar- Artigo principal: Wallmapu.
A coroa de España recoñeceu ata certo punto a súa autonomía e só varias décadas despois de que lograran a súa independencia, os estados chileno e arxentino invadiron os territorios que se mantiñan independentes e recluíron ós mapuches en "reducións" (Chile) e "reservas" (Arxentina). A poboación mapuche do século XXI é principalmente urbana, pero mantén vencellos coas súas comunidades de orixe e subsisten as reclamacións de territorio e o recoñecemento da súa cultura. Varias organizacións mapuches reclaman o seu dereito de autodeterminación que lles corresponde na súa calidade de pobo, segundo recoñece a Carta das Nacións Unidas. A Declaración foi aprobada por 143 votos a favor, 4 en contra –Canadá, Estados Unidos, Nova Zelandia e Australia – e 11 abstencións.
Se ben a amplitude da autonomía e beneficios reclamados varían entre os distintos sectores mapuches, moitas organizacións mapuches esixen a mesma forma que a autonomía obtida polo pobo inuit en Groenlandia, dende a década de 1990; ou como os beneficios obtidos polos indíxenas de Bolivia a partir da máis recente elección dun presidente aimará nese país (Evo Morales). Ademais, organizacións mapuches como Wallmapuwen estableceron vínculos co Bloque Nacionalista Galego e Esquerra Republicana de Catalunya, propoñendo replicar o sistema de comunidades autónomas en Chile, así como o recoñecemento dos pobos indíxenas na constitución.
Notas
editar- ↑ "20127census". Censo2017.cl. Arquivado dende o orixinal o 25 de xaneiro de 2019. Consultado o 1 de marzo de 2019.
- ↑ "Censo Nacional de Población, Hogares y Viviendas 2010: Resultados definitivos: Serie B No 2: Tomo 1" (PDF) (en castelçán). INDEC. p. 281. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 08 de decembro de 2015. Consultado o 5 de decembro de 2015.
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para mapuche.
- ↑ http://www.ine.cl/cd2002/sintesiscensal.pdf
- ↑ 5,0 5,1 Adalberto, Salas. "Mapuche o araucano (mapudungu)". Arquivado dende o orixinal o 03 de xuño de 2009. Consultado o 23 de agosto del 2009.
- ↑ "Diego Barros Arana, Historia general de Chile. Capítulo tercero". Arquivado dende o orixinal o 06 de xaneiro de 2010. Consultado o 20 de febreiro de 2012.
- ↑ Coña, Pascual. (1995.). Lonco Pascual Coña ñi taculpazugun. Testimonio de un cacique mapuche. Santiago: Pehuén. [Edición original: Moesbach 1930].
- ↑ Zúñiga, Fernando (2006). Mapudungun. El habla mapuche. Santiago: Centro de Estudios Públicos. 402 p. ISBN 956-7015-40-6.
- ↑ Dillehay, Tom, Monuments, Empires, and Resistance: The Araucanian Polity and Ritual Narratives (Cambridge University Press, Washington, 2007)
- ↑ Pedro Mariño de Lobera, in Crónica del Reino de Chile, Cap. XXXI and XXXIII mentions copper points on the Mapuche pikes in the Battle of Andalien and Battle of Penco. Copper metallurgy was flourishing in South America, particularly in Peru from around the beginning of the first millennium AD. Possibly Mapuche copper metal working was learned from the prior interaction with the Inca Empire or prior Peruvian cultures or was a native craft (copper being common in Chile).
- ↑ Nombrada por Francis Goicovich Videla y Osvaldo Silva Galdames en el artículo y el analisis sobre Detuvo la Batalla del Maule la expansión Inca hacia el sur de Chile?
- ↑ "Diego Barros Arana, Historia general de Chile. Capítulo tercero, puntos 3,4 y 5". Arquivado dende o orixinal o 06 de xaneiro de 2010. Consultado o 20 de febreiro de 2012.
- ↑ Bengoa, José (2000) [1982]. Historia del pueblo mapuche. Siglos XIX y XX. Santiago de Chile: Lom Ediciones, pp. 20 y 22, ISBN 956-282-232-X.
- ↑ Bengoa, José (2000). Historia del pueblo mapuche..., pp. 19-20
- ↑ Bengoa, José (2000). Historia del pueblo mapuche..., pp. 33
- ↑ Bengoa, José (2000). Historia del pueblo mapuche..., pp. 21-22
- ↑ Bengoa, José (2000). Historia del pueblo mapuche..., pp. 37
- ↑ Bengoa, José (2000). Historia del pueblo mapuche..., pp. 252-253
- ↑ Bengoa, José (2000). Historia del pueblo mapuche..., pp. 146-147
- ↑ Faundes M., Juan Jorge (2011). Nvtuyiñ Taiñ Mapu (Recuperamos nuestra tierra). Temuco (Chile). Fundación Instituto Indígena / Ediciones Universidad Católica de Temuco, pp. 105-111
- ↑ Faundes M., Juan Jorge. ibídem
- ↑ Véxase resolución na páxina da Comisión Interamericana de Derechos Humanos
- ↑ [1] Arquivado 30 de xaneiro de 2008 en Wayback Machine. Artículo periodístico de la Tercera en línea.
Véxase tamén
editarLigazóns externas
editar- Grupos indíxenas de Chile en 1540 Mapa da etnografía entre os pobos de lingua mapuche.
- Concepcións hispanas en torno a un territorio disputado en Chile
- O cabalo na cultura mapuche[Ligazón morta]
- Pobo mapuche
- Deportes Mapuches
- "Xogos, exercicios e armas araucanas". Oreste Plath.
- Cultura mapucheArquivado 15 de febreiro de 2011 en Wayback Machine.
- Rajneri, Julio. "Roca y los mapuches". Archived from the original on 02 de decembro de 2013. Consultado o 12 de abril de 2019.