Ramón Salgado Pérez
Ramón Salgado Pérez, nado no Carril (Vilagarcía de Arousa) o 19 de xuño de 1894 e finado en Paradela (Meis) o 2 de decembro de 1972, foi un avogado, xornalista e político galego.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 19 de xuño de 1894 O Carril, España |
Morte | 2 de decembro de 1972 (78 anos) Paradela, España |
Deputado nas Cortes republicanas | |
Representa: Partido Republicano Radical 1 de decembro de 1933 – 7 de xaneiro de 1936 Lexislatura: II lexislatura da Segunda República Española Circunscrición electoral: Pontevedra | |
Deputado nas Cortes republicanas | |
9 de xullo de 1931 – 9 de outubro de 1933 Lexislatura: I lexislatura da Segunda República Española Circunscrición electoral: Pontevedra | |
Actividade | |
Lugar de traballo | Madrid |
Ocupación | avogado, político |
Familia | |
Irmáns | Juan Salgado Pérez |
Traxectoria
editarFillo de Ramón Salgado Betanzos, orixinario do Pazo da Moroza (Paradela-Meis), que exercía de avogado en Cambados. Estuda en Camposancos e de 1906 a 1912 no Instituto de Pontevedra. Fixo a carreira de Dereito na Universidade de Santiago de Compostela entre 1912 a 1916.
Entre 1915 e 1917 foi propagandista agrario polos concellos dos arrabaldes de Pontevedra: Meis, Barro, Portas, Caldas de Reis e Cambados, pretendendo implantar un modelo agrario que competise co socialista. Fundou a Federación Agraria de Caldas-Cambados, que apostou por apoiar aos candidatos mauristas nas distintas citas electorais deses anos. Ramón, xunto cos seus irmáns Tomás e Juan, representaron á Sociedade Agraria de Meis e alentaron a súa incorporación á Federación Agraria de Pontevedra o 29 de xuño de 1920.
Entre 1917 e 1920 foi o director do periódico agrario pontevedrés La Raza, definíndose como agrario monárquico e católico. No Congreso Agrario de Lavadores defendeu non só as posicións antisocialistas, senón incluso antiliberais. Inimigo das posicións do sindicalismo obreiro (tanto socialista como, fundamentalmente, anarquista) desenvolveu unha actividade de denuncia dos “desmanes” obreiros durante a Folga Revolucionaria de 1917.
Na cuestión dos foros, aínda que partidario do rendencionismo, a partir do I Congreso Agrario Rexional de Tui (1922), virou as súas posicións, asumindo o abolicionismo. Neste congreso estreitouse a súa relación con destacados líderes do Partido Radical, fundamentalmente Emiliano Iglesias. En 1922 actuou como avogado dos labregos apreixados de Guillarei (Tui) pedindo ao Fiscal do Tribunal Supremo que os libere. En 1923 o gobernador civil de Pontevedra condenouno xunto a Avelino Silva a pagar unha multa de 500 pesetas por faltarlle ao respecto.[1]
Estabeleceuse en Pontevedra como avogado até que a chegada da Ditadura de Primo de Rivera supón un relanzamento da súa actividade pública. Desempeñou un papel fundamental nas negociacións previas cos foristas para acadar unha solución redencionista para o foro (1924). Este compromiso claro coa Ditadura fixo que fora duramente criticado dende a maioría do movemento agrario sobre todo a partir de 1929. En 1926 fixou a súa residencia en Vigo onde casou con Nieves González Fresco. Cando en 1930 remata a Ditadura, Salgado, Basilio Álvarez, Raimundo Vidal Pazos e outros líderes locais vinculados co republicanismo radical, inician unha campaña cidadán de mitins por toda Galiza preparando o que crían ían ser unha inminentes elección. Participou no famoso pacto de Lestrobe polo que se constituíu a Federación Republicana Gallega.
Coa proclamación da II República uniuse ás filas do Partido Republicano Radical (PRR), de Alejandro Lerroux e organizou o partido no concello de Meis coa celebración de varios mitins. No IV Congreso Rexional Agrario celebrado no Porriño o 14 de maio foi elixido presidente do comité federativo provincial e no Congreso Provincial Agrario de Lavadores celebrado o 14 de xuño foi elixido candidato a deputado a Cortes polos agrarios. Nas eleccións do 28 de xuño de 1931 acadou máis de 19.000 votos na circunscrición electoral de Pontevedra, conseguindo acta de Deputado no Congreso. O 5 de outubro foi elixido vicepresidente do comité provincial do Partido Radical na Asemblea celebrada en Pontevedra. Dous anos máis tarde os sectores máis avanzados do asociacionismo agrario pontevedrés expulsaron do seo da Federación Agraria Provincial a todas as agrarias emilianistas (grupo ao que pertencía Ramón Salgado). Nas eleccións do 19 de novembro de 1933 revalidou a acta medrando o seu apoio electoral con máis de 28.000 votos, aínda que foi acusado dende o movemento agrario de desenvolver tácticas caciquís para obter os votos. Compaxinou o seu cargo de deputado co de Delegado dunha compañía de seguros. Logo do esmoroamento do Partido radical polos escándalos de corrupción do goberno Lerroux, pasou a militar no Partido do centro de Portela Valladares e presentouse ás eleccións de febreiro de 1936 pero non foi elixido.
Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 foi represaliado, impedíronlle durante algún tempo exercer o seu oficio de avogado pola súa ideoloxía republicana. Estivo agochado nunha vivenda de Santiago de Compostela até que un irmán conseguiu que o deportase á Rúa, alí estivo custodiado preto de dous anos, sendo sometido a vixilancia e persecución. Regresou a Vigo onde rexentou o seu bufete e durante a ditadura franquista estivo afastado da política.
Morreu no pazo da Moroza o 2 de decembro de 1972.
Vida persoal
editarCasou en 1927 con Nieves González Fresco, filla de Antonio González Romero.[2]
Notas
editar- ↑ El Progreso, 16-11-1923, p. 3.
- ↑ Vida Gallega, 30-7-1927, p. 32
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Gallego Rei, Mario; Milleiro Sánchez, Celso Xavier; Moreira Docampo, Xosé Manuel (2012). Para despois do silencio. O Concello de Meis da II República a Guerra Civil. Vigo: Ir Indo. pp. 192–195. ISBN 978-84-7680-692-0.