Rabindranath Tagore
Rabindranath Tagore ( rəˈbindrəˈnɑ:t ˈtɑ:ɡɔr (axuda · info)), nome anglicizado de Rabíndranáth Thákhur (रवीन्द्रनाथ ठाकुर), nado en Calcuta o 7 de maio de 1861 e finado en Calcuta, India, o 7 de agosto de 1941, foi un polímata indio coñecido tamén co nome de Gurudev. Recibiu o Premio Nobel de Literatura no ano 1913.
Rabindranath Tagore रवीन्द्रनाथ ठाकुर | |
---|---|
![]() | |
Alcume | ভানুসিংহ |
Nacemento | 7 de maio de 1861 |
Calcuta, ![]() | |
Falecemento | 7 de agosto de 1941 |
Calcuta, ![]() | |
Nacionalidade | Raj Británico |
Etnia | Pobo bengalí e brahmana |
Relixión | Hinduísmo |
Alma máter | University College de Londres e St. Xavier's Collegiate School |
Ocupación | pintor, poeta, compositor, dramaturgo, ensaísta, filósofo, artista, escritor, letrista, compositor de cancións, cantante e director de cinema |
Pai | Debendranath Tagore |
Cónxuxe | Mrinalini Devi |
Fillos | Rathindranath Tagore |
Irmáns | Swarnakumari Devi, Hemendranath Tagore, Jyotirindranath Tagore, Dwijendranath Tagore, Satyendranath Tagore e Soudamini Debi |
Xéneros | poesía, dramaturxía e filosofía |
Coñecido/a por | Gitanjali, Ghare-Bhaire, Bhanusimha Thakurer Padabali, Valmikipratibha, Kabuliwala, Hungry Stones, Nastanirh, Noukadubi, Chaturanga, Jogajog, Shesher Kabita, A Agência dos Correios e O Rei da Câmara Escura |
Premios | Premio Nobel de Literatura en 1913 |
Na rede | |
![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() | |
![]() | |
[ editar datos en Wikidata ] | |
TraxectoriaEditar
Primeiros anosEditar
Tagore naceu na mansión Jorasanko (Calcuta), fillo de Debendranath Tagore e de Sarada Ravat. Debendranath Tagore formulou a fe Brahmo propagada polo seu amigo o raxá reformador Rammohun Roy. Debendranath converteuse na figura central da sociedade Brahmo trala morte de Roy e continuou a liderar o Adi Brahmo Shomaj ata o seu pasamento.
Tagore foi o máis novo de catorce fillos, educado principalmente pola servidume, a súa nai morrera sendo Rabindranath moi cativo e o seu pai estaba decote de viaxe[1]. De feito, os Thákhur eran o centro dun extenso grupo social que estaba comprometido co Rexurdimento bengalí, e no fogar respirábase un ambiente literario, musical e teatral, mesmo o seu pai convidou a varios músicos dhrupad a residir na súa casa para os seus fillos aprenderen a música clásica india[2]. O seu irmán máis vello, Dwijendranath, era un respectado poeta e filósofo. Outro irmán, Satyendranath, foi o primeiro membro dunha etnia india admitido no Servizo civil indio, e Jyotirindranath era un músico de talento. A esposa deste último, Kadambari, que tiña case a mesma idade que Tagore, foi unha querida amiga e tivo unha forte influencia nel. O seu suicidio en 1884 deixouno fóra de lugar durante varios anos e marcou fondamente o timbre emocional da vida literaria de Tagore.
En 1878, Tagore viaxou a Brighton en Inglaterra para estudar nunha escola pública. Máis tarde estudou no University College de Londres. Porén non rematou os seus estudos e deixou Inglaterra despois dun ano. No Reino Unido anglicizou o propio apelido (Thakur) e volveu coa convicción de que os ingleses saben ben protexer unha India necesitada de protección, dedicouse á administración das súas terras e a toda forma de arte. Esta exposición á cultura inglesa e á súa lingua mesturouse coa tradición da música bengalí nos seus primeiros intentos de crear novas formas musicais. A pesar diso, nunca abrazou completamente as ríxidas normas inglesas nin a estrita interpretación da relixión hindú por parte da súa familia na vida ou na súa arte, escollendo tomar o mellor de ambas as esferas de experiencia.
ShelaidahaEditar
En 1883 casou con Mrinalini Devi, coa que tivo dous fillos e tres fillas. Por esa época convertérase no centro de atención do mundo literario con varias obras. En 1890 marchou a xestionar as propiedades familiares en Shelaidaha, na actual Bangladesh, onde viviu nunha casa-barco sobre o río Padma.
SantiniketanEditar
En 1901 trasladouse a Santiniketan, poboación situada en Bengala Occidental, onde puxo en funcionamento unha escola experimental, sita en propiedades do seu pai. Esta escola, estabelecida segundo a tradicional estrutura Brahmacharya de estudantes vivindo a carón do seu Gurú nunha comunidade autosuficiente, foi un imán para grupos internacionais de estudantes, artistas, lingüistas e músicos. Tagore dedicou unha prodixiosa enerxía en obter fondos para a escola, utilizando por exemplo o importe concedido no Premio Nobel. Hoxe a institución é coñecida como Universidade Visva Bharati (en bengalí: বিশ্বভারতী: India para o mundo), so control do goberno indio.
Continuou escribindo con obras como Naivedya (1901) e Kheya (1906), mais desafortunadamente a súa esposa morreu, ao igual que unha das súas fillas e un fillo, deixándoo esnaquizado. Nesa época xa tiña un amplo número de seguidores entre os lectores bengalís e tamén se levaron a cabo algunhas traducións das súas obras, habitualmente de calidade mediocre.
Exerceu unha enorme fascinación no mundo occidental, que o recoñeceu co Premio Nobel de Literatura no ano 1913.
Contactos con intelectuaisEditar
Durante a súa vida, Tagore mantivo múltiples contactos con outros intelectuais do seu tempo, incluíndo a Henri Bergson, Robert Frost, Mahatma Gandhi, Thomas Mann, George Bernard Shaw, H. G. Wells e Romain Rolland.[3][4] Particularmente célebre foi o seu encontro con Albert Einstein no fogar deste en Kaputh (Berlín) o 14 de xullo de 1930. A segunda parte da conserva tivo lugar cando Einstein visitou a Tagore na casa dun amigo común, o doutor Mendel. Discutiron sobre unha ampla variedade de temas, como epistemoloxía, ontoloxía, teoría musical e creatividade.[5]
Na súa viaxe ao Perú, contraeu unha enfermidade que o obrigou a repousar na Arxentina durante dous meses en 1924.[6] Alí coñeceu a escritora arxentina Victoria Ocampo, coa que estableceu unha grande amizade. Ela pagou a súa estadía en Bos Aires, na Quinta Miralrío, onde escribiu un poema de amor a Victoria que titulou "Puravi". Aínda compuxo outro poema para ela antes de morrer, amosando a admiración de ser unha muller transgresora para a época. Volvéronse ver en 1930 cando Ocampo organizou unha exhibición en París, cos estraños debuxos que Tagore compoñía nos seus manuscritos.
Comezou a pintar aos sesenta anos, chegando a realizar varias exposicións con éxito en gran parte de Europa.[7] Morreu en Jorasanko o 7 de agosto de 1941, día que aínda é lembrado en actos públicos dentro do mundo de fala bengalí.
PensamentoEditar
Mentres Gandhi, coa desobediencia civil, organizou o nacionalismo indio sen expulsar do país os ingleses, Tagore propuxo conciliar e integrar Oriente e Occidente. Esta obra era abondo difícil, mais estaba preparado polo exemplo do seu avó que en 1928, ao fundar a Unión de crentes en Deus, integrou o monoteísmo cristián e o politeísmo hindú.
Tagore afirmou en toda a súa obra: o propio amor pola natureza e por Deus, as súas aspiracións de fraternidade humana, a propia paixón (mesmo erótica) e a atracción da infancia. Todos estes temas aparecen tanto na súa lírica destinada a canto, que el mesmo musicou e traduciu ao inglés (Oferta de canto, 1913), como nos seus traballos teatrais enriquecidos con intermedios líricos (A vinganza da natureza, 1884), novelas (O naufraxio, 1906), memorias, ensaios e conferencias.
ObraEditar
Ademais de poesía e narrativa, Tagore escribiu obras de teatro, máis de dúas mil cancións e obras pictóricas.
ContosEditar
- Sompotti Somorpon
- Kabuliwallah
- Ghare Baire
- Jogajog
- Nastanirh
- Shesher Kobita
- Gora
- Char Oddhay
- Bou Thakuranir Haat
- Malancha
- Chokher bali
- Rajarshi 55
- Korunna
- Noukadubi
- Tucch Bheet
- The Postmaster
- Samapti
- Dena paona
- Atithi
- Dui Bon (Two sisters)
- Charulata
- Mrinal Ki chitthi
- Dalia
- Dhan ki Bhent
NovelasEditar
É a parte da obra menos coñecida de Tagore, e inclúe Chaturanga, Gora (1910), Shesher Kobita, Ghare Baire, Char Odhay e Noukadubi.
PoesíaEditar
Gitanjali (গীতাঞ্জলি) é a obra máis coñecida de Tagore, mais a súa poesía inclúe tamén Manasi, Sonar Tori, Balaka e outros.
Traducidas ao galegoEditar
- O carteiro do rei. Malini (trad. X. Cuns Lousa) O Castro-Sada: Edic. do Castro. 1976 - ISBN 84-85134-68-0
- Onde a alma vive sem medo (trad. X. Mª Monterroso Devesa), en Bolet. Centro de Estud. Melidenses, nº 3 (xuño 1985)
- A Verdade, fundamento do ser, no Correo da UNESCO (febreiro 1994)
NotasEditar
- ↑ Thompson, E. (1926), Rabindranath Tagore: Poet and Dramatist, Pierides Press, p. 20
- ↑ Som, R. (2010), Rabindranath Tagore: The Singer and His Song, Viking, p. 16
- ↑ Tagore & Chakravarty 1961, p. 99.
- ↑ Tagore & Chakravarty 1961, pp. 100–103.
- ↑ Tagore 1930, pp. 222–225.
- ↑ Dutta & Robinson 1995, p. 256.
- ↑ R. Siva Kumar (2011) The Last Harvest: Paintings of Rabindranath Tagore.
Véxase taménEditar
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Rabindranath Tagore |
A Galicitas posúe citas sobre: Rabindranath Tagore |
A Galipedia ten un portal sobre: India |
BibliografíaEditar
- Tagore, Rabindranath; Chakravarty, A. (editor) (1961). A Tagore Reader. Beacon Press (publicado o 1 June 1961). ISBN 978-0-8070-5971-5.
- Tagore, Rabindranath (1930). The Religion of Man. Macmillan.
Ligazóns externasEditar
- Biografía de Rabindranath Tagore en biografiasyvidas.com (en castelán)
- Contos de Rabindranath Tagore (en castelán)
- Biografía de Rabindranath Tagore na páxina web do Premio Nobel. (en inglés)
Predecesor: Gerhart Hauptmann |
Premio Nobel de Literatura 1913 |
Sucesor: Romain Rolland (En 1915) |