Peso Independente

primeira moeda do Chile independente
(Redirección desde «Peso Independente (Chile)»)
Peso Independente [1]
A/: Columna que sostén a Terra iluminada polo Sol. Enriba estandarte. Marca de ensaiador. Data.

Lendas: UNION Y FUERZA / LIBERTAD

R/: Volcán en erupción. Valor facial dentro de coroa de loureiro.

Lendas: CHILE INDEPENDIENTE / SANTIAGO

O peso Independente foi a primeira moeda cuñada en Chile logo de afianzada a súa independencia, coa vitoria do Exército dos Andes na batalla de Chacabuco, e a primeira que levou os novos símbolos nacionaisrepublicanos. O seu valor facial foi dun peso ou oito reais, e cuñouse en prata entre 1817 e 1834.

Historia editar

Antecedentes editar

A vitoria do Exército dos Andes o 12 de febreiro de 1817 na batalla de Chacabuco trouxo consigo o desartellamento do poder imperial español na maior parte do territorio chileno. Así as cousas, as novas autoridades, encabezadas por Bernardo O'Higgins, ordenaron diversas medidas para dotar de identidade a nova nación, entre elas a substitución da iconografía monárquica na moeda circulante —busto real no anverso e escudo de España no reverso—, polos símbolos da nova república.[2][3]

Como O'Higgins se achaba na cidade de Concepción, foi substituído de xeito interino polo coronel Hilarión de la Quintana, quen promulgou o 9 de xuño de 1817, por orde de O'Higgins,[4] un bando no que definía o deseño da nova moeda de prata dun peso.[5][6] Como non se fixo mención ningunha ao peso, á lei nin aos valores faciais das moedas, supúxose que se seguiría a utilizar o sistema monetario colonial español, coas mesmas características métricas aprobadas polas antigas ordenanzas reais.[3] Neste sistema, de carácter bimetálico, as moedas de ouro seguiron a denominarse escudos, e as moedas de prata reais.[2]

Deseño editar

 
Armas de Chile usadas no escudo nacional chileno entre 1819 e 1834.

O bando de Hilarión de la Quintana dispuxo que a moeda de prata levase no seu anverso o escudo nacional chileno, a inscrición LIBERTAD, UNIÓN Y FUERZA, e o ano de cuñaxe.[7] O escudo consistía no símbolo da columna, relacionado co concepto da árbore da Liberdade presente na guerra de Independencia dos Estados Unidos e na Revolución Francesa, e que representaba a liberdade e a súa permanencia.[8] A columna estaba coroada cun globo terráqueo iluminado pola luz dunha estrela, o que representaba un elemento de progreso e desenvolvemento, en contraposición coa escuridade da época colonial.[9] Estes símbolos xa se achaban no primeiro escudo de Chile, utilizado en 1812 polo primeiro goberno patriótico de José Miguel Carrera,[10] e que se mantivo no segundo escudo cunha maior énfase na columna da liberdade.[8] A inscrición no anverso da moeda estaba en concordancia coas ideas independentistas e alude á nova orde.[7] Nesta cara da peza amósanse tamén as iniciais do ensaiador.[11]

O deseño do reverso da moeda, por clara influencia de O'Higgins, inclúe un volcán en erupción como representación da enerxía da nova nación,[10] e o valor facial UN PESO entre unha coroa de follas de loureiro.[7] Esta grilanda, cunha presenza constante na numismática chilena, representa o triunfo ou a fama, polo verdor perpetuo das súas follas, que implicaba unha vitoria imperecedoira.[12] Un elemento central da moeda é a inscrición CHILE INDEPENDIENTE, situada na parte superior, e que reforza a idea da soberanía con respecto ao antigo poder imperial.[7] No exergo, baixo o volcán, aparece a palabra SANTIAGO a modo de marca de ceca da Casa da Moeda de Santiago de Chile.[3]

Todos os símbolos da moeda representan o desexo do Goberno de O'Higgins de establecer un repertorio alegórico republicano, cuxo obxectivo respondía á idea, con orixe na Ilustración europea, dun Estado que debía educar os seus habitantes para adoptaren a nova orde e deixaren atrás os séculos de dominación monárquica.[13] O mesmo deseño utilizouse para as moedas de prata de ½, 1 e 2 reais.[14]

Produción e circulación editar

 
O Palacio de la Moneda, sede da Casa da Moeda de Santiago, nunha litografía publicada en 1824.

A Casa de Moeda de Santiago —cuxa sede estaba no Palacio de La Moneda— continuou como o lugar de cuñaxe da nova moeda chlena, coa mesma tecnoloxía que durante o período colonial, aínda que con varios cambios entre o seu persoal.[3] O anterior gravador maior, Ignacio Fernández Arrabal, fuxiu cara a Lima logo do triunfo das tropas patriotas,[3] o que xerou problemas para a cuñaxe de moedas de ouro coa nova simboloxía independentista,[15] motivo polo que seguiu vixente ata 1818 a efixie do rei Fernando VIII.[16] Pola mesma razón, as moedas de prata dun cuarto de real (ou cuartillos) continuaron cuñándose cos emblemas de Castela e de León.[17]

Parte das primeiras moedas cuñadas en 1817 foron entregadas por O'Higgins a José de San Martín, xeneral do Exército dos Andes, a modo de medallas conmemorativas e premio para os que se distinguiron no campo de batalla. Como estas primeiras cuñaxes non contaban coas iniciais dos ensaiadores, polo que non se podía garantir a autenticidade do metal, o autor Donato Torechio, no seu libro Hechos de Chile, sostén que non se poden considerar como moedas propiamente ditas.[4]

En 1819, a fragata Carmen converteuse no primeiro barco chileno en partir con destino transoceánico, cando partiu desde Valparaíso cara a Calcuta, na India Británica, o 9 de novembro.[18] Levaba consigo diversos produtos, entre eles moedas do peso Independente.[4] Durante a súa estadía nas illas Sandwich a tripulación adquiriu víveres frescos, pagados en parte con estas moedas.[18] Ao chegaren a Singapur, o gobernador británico da illa solicitoulle en préstamo ao capitán da Carmen 6.000 pesos para o pagamento da súa tropa, polo que por segunda vez se deixaron moedas do peso Independente.[4][18]

A partir de 1820, o deseño da estrela situada por riba da columna cambiou de seis puntas a cinco, e ao ano seguinte cambiouse o mapa que reflectía o globo terráqueo por un mundo cunha franxa ecuatorial.[19] Tamén se modificou lixeiramente a forma e a disposición do volcán.[5]

Substitución editar

A moeda dun peso Independente comezou a ser falsificada ao pouco de entrar en circulación. Por outra banda, as súas características non causaban unha boa impresión na opinión pública, polo que o superintendente da Casa da Moeda de Santiago, José Santiago Portales, comezou unha campaña para deseñar unha nova moeda.[20] O peso Independente foi substituída polo real de oito coñecido como "cóndor rompendo cadeas",[21] cando o 24 de outubro de 1834, baixo o Goberno de José Joaquín Prieto, se promulgou unha lei que modificou o deseño da moeda circulante chilena.[22]

Notas editar

  1. "1 Peso Santiago". Numista.com
  2. 2,0 2,1 Banco Central de Chile (1991). Páxina 14.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 Banco Central de Chile (2009). Páxina 41.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 Torres Gandolfi, C. (2017). "Bicentenario de las primeras monedas chilenas soberanas: los “Pesos Chile Independiente” (1817-1834)". En UNAN Numismática. Ano III. Nº 20. Páxinas 21-28.
  5. 5,0 5,1 Varela Z., G. "Chile, País de Volcanes". Numismática.cl
  6. Banco Central de Chile (2009). Páxina 42.
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 Banco Central de Chile (2009). Páxina 43.
  8. 8,0 8,1 Banco Central de Chile (2009). Páxina 49.
  9. Banco Central de Chile (2009). Páxina 46.
  10. 10,0 10,1 Banco Central de Chile (2009). Páxina 44.
  11. Banco Central de Chile (2009). Páxina 52.
  12. Banco Central de Chile (2009). Páxinas 56-58.
  13. Banco Central de Chile (2009). Páxinas 43-44.
  14. "Chile Independiente Monedas de Plata  Periodo (1817-1852)". Numismatica.cl
  15. Banco Central de Chile (2009). Páxina 56.
  16. Banco Central de Chile (2005). Páxina 25.
  17. Banco Central de Chile (1991). Páxina 21.
  18. 18,0 18,1 18,2 Tampe, E. (1978). "La expansión marítima de Chile hacia el Pacífico durante el siglo XIX". En Revista de Marina. Nº 6. Páxinas 560-569.
  19. Torres Gandolfi, C. (2018). "Bicentenario de las primeras monedas chilenas soberanas: los “Pesos Chile Independiente” (1817-1834). 3a. Parte: Las variedades de 1818 a 1834". En UNAN Numismática. Ano III. Nº 22. Páxinas 31-41.
  20. Casa de Moneda y Especies Valoradas (1944). Páxinas 21-22.
  21. "Chile: 8 Reales (1837-1849)". Numista.com
  22. "Narrativa histórica". Museo Numismático del Banco Central.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar