Joachim Murat
Xoaquín Murat (en francés Joachim Murat ou Joachim-Napoléon Murat), nado en Labastide-Fortunière (Reino de Francia) o 25 de marzo de 1767 e finado en Pizzo (Calabria, Reino de Nápoles) o 13 de outubro de 1815, foi un nobre e militar francés ao servizo do seu cuñado Napoleón Bonaparte.
Foi mariscal de Francia, gran duque de Berg (entre 1806 e 1808), e rei de Nápoles (entre 1808 e 1815).
Infancia e xuventude
editarFillo dun posadeiro e destinado á carreira eclesiástica, abandonou os seus estudos de teoloxía para alistarse no exército tras estoupar a Revolución francesa. Formou parte da garda constitucional de Lois XVI, e despois no exército da república no que iría ascendendo na escala de oficiais.
En 1798 Napoleón solicitou os seus servizos para a Campaña de Exipto, logrando nela o ascenso a xeneral. Xogou un papel crucial na segunda batalla de Abukir, onde pese a resultar ferido consegue capturar ao xeque mameluco Mustafá Paxá. Cando lle presentan ao prisioneiro, Murat desenvaíña o seu sabre e córtalle tres dedos dunha man como castigo por ordenar a decapitación de todos os franceses, vivos ou mortos, advertíndoo de que se volvía algunha vez a dar unha orde semellante, lle cortaría "partes máis importantes".
Polo seu valor e grandes servizos prestados, Napoleón infórmao dos seus plans para volver a Francia. Xunto a outros xenerais, abandona Exipto e volve ao país a bordo da fragata Muiron.
No Consulado
editarParticipou activamente no golpe de Estado do 18 de brumario do ano VIII da Revolución francesa (que correspondería co 9 de novembro de 1799), onde a unha orde de Napoleón toma coas súas tropas o Palacio de Saint Cloud, sede da Asemblea. Tras a proclamación do Consulado foi nomeado comandante da Garda Consular.
Casou con Carolina Bonaparte, irmá de Napoleón, o 20 de xaneiro de 1800. O 10 de novembro dese ano foi elixido deputado polo departamento de Lot. Consegue un novo ascenso cando Napoleón o nomea Comandante da Primeira División Militar e Gobernador de París en substitución de Jean-Andoche Junot, duque de Abrantes, cargo que lle permitiría ter 60.000 homes baixo o seu mando directo.
Responsábel da seguridade do goberno, frustra varios complots contra o Primeiro Cónsul, pero non logra impedir un atentado contra Napoleón no ano 1800, do que tanto Bonaparte como Xosefina salíron ilesos, aínda que deixou decenas de mortos entre escoltas e transeúntes. As investigacións do Ministro de Policía Fouché indican a culpabilidade dos realistas. Cando meses despois se desbarata outra conspiración para acabar coa vida de Napoleón, este encarga a Murat nomear a comisión militar que xulga a Luís Antonio Enrique de Borbón-Condé, principal sospeitoso. Aínda que o xuízo realizouse respectando todos os aspectos formais, Napoleón xa decidira de antemán a súa condena a morte a pesar da oposición do propio Murat e da mesma Xosefina.
Mariscal do Imperio
editarO 18 de maio de 1804, tras da proclamación do Imperio, Murat foi nomeado mariscal de Francia e Grande Almirante do Imperio. Despois, na Guerra da Terceira Coalición, en 1806, Murat loita na batalla de Ulm contra os austríacos e despois na de Austerlitz contra os rusos.
Na Campaña de Prusia ten un papel crucial na batalla de Jena, oonde liderará unha espectacular persecución que destruirá por completo o exército prusiano e tras a cal envía unha nota a Napoleón onde di: Sire, le combat cesse faut de combattants (Sire, o combate cesa por falta de combatentes). O seu valor e a súa lealdade fano merecedor do título de Gran Duque de Berg (Alemaña) en 1806.
Mantén o seu posto na fronte europea sempre ao mando da cabalaría pesada de Napoleón. Así, en 1807 desata a maior carga de cabalaría da Historia durante a batalla de Eylau, dirixindo entre 10.000 e 12.000 xinetes para evitar que os rusos dividiran en dúas partes as tropas francesas.
En España: Lugartenente do Reino
editar- Véxase tamén: Levantamento do 2 de maio e Xunta Suprema de Goberno (1808).
En 1808 entra en España co rango de comandante xeral do exército e gobernador de Madrid. Como tal, viviu como protagonista o levantamento do 2 de maio de 1808, unha verdadeira revolta popular antifrancesa que Murat reprimiría pola brava: ordenou disparar á multitude que se congregaba ante o Palacio Real e despois enviou áas tropas que se encontraban acampadas fóra de Madrid para que ocuparan a capital e sufocaran o levantamento. Deu instrucións para levar a cabo un castigo exemplar durante os días 2 e 3 de maio, incluíndo numerosos fusilamentos sen ningún tipo de xuízo. Finalmente, elaborou un detallado informe que sería enviado a Napoleón, que se encontraba en Baiona (Francia) reunido co rei Carlos IV e o seu fillo Fernando; en dito informe analiza os feitos con tal crueza que Napoleón culpa a pai e fillo do derramamento de sangue e exixe a abdicación de ambos os dous.
Cando o infante Antonio Pascual —que o seu sobriño Fernando VII deixara en Madrid como presidente da Xunta Suprema de Goberno encargada da rexencia de España na súa ausencia— escapou da capital cara a Baiona o 4 de maio, Murat presentouse na Xunta Suprema para pedir formar parte dela, recibindo daquela unha negativa inicial; pero volveu presentarse sorpresivamente outra vez, nunha reunión na noite, e os restantes membros, querendo evitar males maiores, aceptárono.[1]
O 6 de maio a Xunta recibiu un decreto datado o día 4 polo que Carlos IV nomeaba a Murat como Lugartenente do Reino para que gobernara no seu nome (do rei Carlos),[2] en virtude da autoridade que outorgaba a protesta da renuncia ao trono do 19 de marzo; e o 10 de maio recibiu os decretos de 5 de maio de convocatoria de Cortes e de traslado da Xunta a lugares seguros, e o de 6 de maio de renuncia de Fernando VII, que revertía os seus dereitos no seu pai Carlos IV.[3]
A Xunta Suprema decidiu ignorar o de 5 de maio e publicar o de renuncia do 6 de maio. Porén, dado que Carlos IV xa renunciara, de novo, á coroa, Murat quedou como Lugartenente dun Reino sen rei, cuxos dereitos ostentaba o emperador dos franceses até o nomeamento dun novo rei (como o apreciamos nun decreto do 25 de maio).[4]
Murat, aproveitando a ocasión, chegou a propoñerse como candidato a rei e, de feito, comportouse como tal até que Napoleón designou ao seu irmán Xosé, aínda que o consolaría dándolle, o 15 de xullo de 1808, o trono de Nápoles, que deixaba vacante Xosé,[5] e que ocuparía co nome de Xoaquín I Napoleón.[6] España estaba, pois, nese momento, en interregno (termo que aparece no decreto de 6 de xuño proclamando a Xosé I rei de España).[7] Unha vez conseguidas as renuncias reais e a submisión das autoridades, en maio, Napoleón, depositario dos dereitos do Trono, encomendou ao Lugartenente do Reino e á Xunta Suprema de Goberno a convocatoria dunha Deputación xeral ou Asemblea de notábeis, de 150 persoas, que se reuniría en Baiona para tratar do estado do reino de España.[8]
E o 25 de maio o propio Napoleón lanzou unha proclama aos españois na que indicaba que non ía reinar en España, confirmando a convocatoria da Asemblea de notábeis en Baiona e, de paso, confirmando no seu posto a Murat.[4]
O 6 de xuño, ditou un decreto no que nomeaba ao seu irmán Xosé como rei de España.[7] Ao día seguiente, Napoleón pediulle ao seu irmán, que acababa de chegar a Baiona, que aceptara a corona. Alí foi recoñecido como tal polas autoridades españolas presentes. Xosé aceptou a coroa o 10 de xuño, e confirmou a Murat como Lugartenente do reino. O rei Xosé chegou a Madrid o 20 de xullo, sendo proclamado rei o 25, acabando con iso a historia da Xunta Suprema de Goberno.
Rei de Nápoles
editarComo vimos, Murat aproveitara a oportunidade para postularse a si mesmo como rei de España, pero Napoleón prefiriu entregar dito cargo ao seu irmán Xosé, nomeando a Murat o 15 de xullo de 1808 como rei de Nápoles, estado no que reinou co nome de Xoaquín I Napoleón .[6]
Durante o seu reinado tratou de introducir na vida napolitana os costumes franceses, fomentou as artes e financiou numerosas obras públicas para tratar de gañar o afecto dos seus súbditos, que sempre mostraron nostalxia polos antigos reis da Casa de Borbón. Mellor opinión mereceron as escavacións de Pompeia, Herculano e Estabia que foron promovidas cun mecenado e unha paixón descoñecida até entón, e que puxo en evidencia o desdén e a falta de interese do antigo rei Borbón polo tema unha vez conseguida a notoriedade que lle outorgou a publicación do texto Li Antichità di Ercolano Esposte (Real Academia, Nápoles, 1767).
En 1812 Napoleón reclámao para a Campaña de Rusia, onde dirixe a vangarda na marcha cara a Moscova. Como sempre, actúa valentemente en pequenas escaramuzas e, sobre todo, na sanguenta batalla de Borodino, onde lanza unha espectacular carga que logra destruír a artillaría rusa. Porén, a campaña foi un desastre e, tras a retirada de Moscova, Napoleón vese obrigado a regresar a París para controlar o Imperio. Antes da súa marcha establece un cuartel de inverno en Vilna e nomea a Murat comandante en xefe das tropas na súa ausencia. Pero Murat móstrase de contado incapaz de remediar o descontento dos seus soldados, que saquean Vilna e os cofres do exército antes de desbandarse. Temendo un motín incontrolábel, Murat abandona o seu posto sen avisar a Napoleón e regresa a Nápoles.
Comeza de inmediato a negociar con Lord Henry Bentinck, embaixador inglés, para manter a súa Coroa temendo unha inevitábel derrota de Napoleón. Porén, cando lle chegaron noticias da inesperada vitoria do emperador na batalla de Lützen, Murat, temendo enfrontarse a el, deixa as negociacións coos británicos en mans da súa esposa Carolina e acode á fronte para reconciliarse co seu cuñado. As condicións de Bonaparte son duras: exíselle reincorporarse ao seu posto no exército e que o apoie na Campaña de Alemaña, onde Murat acudirá de mala gana, e que se saldará cunha nova derrota francesa na batalla de Leipzig.
Volve a fuxir a Nápoles e comeza a negociar, esta vez cos austríacos, que o manteñen no trono a cambio de que declare a guerra a Francia. Continúa gobernando de forma segura até o retorno de Napoleón, que escapou do seu exilio en Elba e proclama o seu II Imperio ou Imperio dos Cen Días. Aterrorizado por crer a Napoleón invencíbel, traizoa aos austríacos e intenta sublevar aos patriotas italianos. Declara a guerra a Austria, pero é derrotado na batalla de Tolentino polo barón Federico Bianchi.
Abdicación e morte
editarMurat foxe a Nápoles, pero inmediatamente abdica e consegue escapar a Francia xunto a súa esposa. Solicita unha audiencia especial e é recibido por Napoleón nas Tullerías. Arrepentido, pide perdón ao emperador e solicita o seu vello posto á fronte da cabalaría. Porén, un canso e amolado Napoleón repróchalle as súas traizóns e o seu absurdo ataque aos austríacos, que lle privara dun aliado no sur. Enfurecido ao ver que Napoleón no accede aos seus rogos, toma unha postura máis orgullosa e advirte: "Sire, non pode permitirse o luxo de despedirme. Necesítame". Este comentario irrita sobremaneira a Napoleón, que dá por finalizada a entrevista e borra o nome de Murat da lista de mariscais, aínda que lle garantiza o respecto aos seus bens e a súa vida como consideración cara á súa irmá e aos seus sobriños. Xamais volverían a verse.
Despois da batalla de Waterloo e a ulterior caída de Napoleón, Murat e Carolina entenden que non cabe xa esperar clemencia por parte de Lois XVIII ou dos austríacos. Murat foxe a Córsega, desde onde intenta organizar a reconquista de Nápoles cun plan que imitaba ao que utilizara Napoleón tras a súa fuga de Elba. Desembarcou en Calabria acompañado por trinta fieis, pero a poboación non só non o recibiu como un liberador, senón que non fixo nada para evitar o seu posterior arresto. Foi encerrado no castelo de Pizzo, onde un consello de guerra sumario xulgouno, condenándoo a morte e executándoo nunha das salas da fortaleza, concedéndolle como única graza escribir á súa esposa.
Durante o proceso, Murat pediu clemencia e suplicou pola súa vida, pero unha vez tomou consciencia de que nada do que dixese podería salvalo, recuperou a compostura. O día do seu fusilamento marchou cara ao lugar da execución vestindo o seu uniforme de mariscal de Francia. Non aceptou a cadeira que lle ofreceron e tampouco consentiu que lle vendaran os ollos, dicindo:
J'ai bravé la mort trop souvent pour la craindre. (Desafiei á morte en demasiadas ocasións como para terlle medo)
.
Mantívose firme, orgulloso e arrogante, aínda que cortés incluso cos soldados do pelotón. Cando estivo preparado, bicou un cristal de cuarzo alaranxado que tiña o rostro da súa esposa gravado e exclamou:
Sauvez ma face, visez à mon cœur... Feu! (Respectade o meu rostro, apuntade ao corazón... Fogo!).
O seu corpo foi enterrado, sen ningunha cerimonia, na igrexa de Pizzo, pero o seu nome está inscrito xunto ao de todos os mariscais napoleónicos no Arco do Triunfo de París.
Descendencia
editarMurat e a súa esposa Carolina tiveron catro fillos:
- Aquiles (1801-1847). Casou en Tallahassee, Florida con Catherine Willis Gray. Non tiveron descendencia.
- Leticia (1802-1859). Casou en Venecia co marqués Guido Taddeo Pepoli, conde de Castiglione; con descendencia.
- Luciano (1803-1878). Casou en Bordentown, Nova Jersey con Caroline Georgina Fraser; con descendencia.
- Luísa (1805-1889). Casou en Trieste co conde Giulio Rasponi; con descendencia.
Predecesor: Maximiliano de Baviera |
Gran Duque de Berg 15 de marzo de 1806 – 1 de agosto de 1808 |
Sucesor: Lois I |
Predecesor: Xosé I Bonaparte |
Rei de Nápoles 1 de agosto de 1808 – 19 de maio de 1815 |
Sucesor: Fernando I de Borbón |
Notas
editar- ↑ Gazeta de Madrid de 10 de maio p. 442.
- ↑ Gazeta de Madrid de 13 de maio pp. 457 e 458.
- ↑ Gazeta de Madrid de 13 de maio pp. 458 e 459.
- ↑ 4,0 4,1 Gazeta de Madrid de 3 de xuño p. 530
- ↑ Artola, Miguel (1973): La burguesía revolucionaria (1808-1869). Historia de España Alfaguara V. Madrid: Alianza Editorial / Alfaguara, pp. 9-11.
- ↑ 6,0 6,1 Maceroni. Francis (1838): Memoirs of the life and adventures of colonel Maceroni. London: John Macrone, St. James' Square.
- ↑ 7,0 7,1 Gazeta de Madrid de 14 de xuño p. 568.
- ↑ Gazeta de Madrid de 24 de maio pp. 491, 492, 493, 494, e 495.
Véxase tamén
editarCommons ten máis contidos multimedia sobre: Joachim Murat |
Bibliografía
editar- Connelly, Owen (1985): Blundering to Glory: Napoleon's Military Campaigns. Wilmington, Delaware: Scholarly Resources Imprint. ISBN 0-8420-2375-5.
- Dupont, Marcel (1980): Murat, Cavalier, Maréchal de France, Prince et Roi, Éditions Copernic. ISBN 2-85984-050-8.
- Hulot, Fréderic Murat (1998): La chevauchée fantastique. París: Éd. Pygmalion. ISBN 2-85704-536-0.
- Prieur, Jean (1985): Murat et Caroline. París: Éditions Fernand Lanore. ISBN 2-85157-011-0.
- Tulard, Jean (1999): Murat. París: Fayard. ISBN 2-213-60372-3.
Outros artigos
editarLigazóns externas
editar- Joachim Murat: la fougue, l'ambition, le panache Conférence général Jean-Louis Mourrut, ancien chef du SHAT.
- Biografía. En Les amis du Musée Murat. (en francés)
- Juicio de Napoleón Bonaparte sobre Joachim Murat.