Moritz Fürst
Moritz Fürst, nado en Pezinok, Eslovaquia, en marzo de 1782 e finado probablemente en Europa con posterioridade a 1840, foi un gravador de medallas de orixe xudía eslovaca e establecido nos Estados Unidos durante case toda a súa carreira.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1782 |
Morte | 1840 (57/58 anos) |
Actividade | |
Ocupación | artista |
Traxectoria
editarPrimeiros anos en Europa
editarMoritz Fürst naceu no seo dunha familia xudía en marzo de 1782,[1] na cidade de Pezinok, actualmente pertencente ao kraj eslovaco de Bratislava e daquela pertencente ao Reino de Hungría.[2][3][4][5]
Fürst estudou matrizaría en Viena,[4] onde foi alumno do medallista da corte imperial e gravador xefe da Ceca de Viena Johann Nepomuk Wurth,[6] que dirixía unha academia de gravado.[7] Máis tarde marchou a Italia e formouse cun gravador chamado Megole, superintendente da ceca de Lombardía.[2][3][5][8]
Durante a súa estadía en Italia, Fürst fixo diferentes traballos como gravador, entre eles o selo do Consulado dos Estados Unidos en Livorno, por encarga do cónsul Thomas Appleton.[3][9]
Actividade nos Estados Unidos
editarO cónsul Appleton propúxolle a Fürst viaxar aos Estados Unidos e ofreceulle un posto como gravador na Casa da Moeda de Filadelfia, cun salario de 2.000 dólares anuais, e fíxolle albergar esperanzas de que a súa influencia lle serviría para poder suceder a Robert Scot como gravador xefe da casa da moeda. Fürst aceptou a proposta e embarcouse cara a América a finais de setembro de 1807,[9] no buque Neptune, portando cartas de presentación de Appleton dirixidas ao presidente Jefferson e a outras autoridades, algunhas das cales chegaron ao director da Casa da Moeda dos Estados Unidos, Robert Patterson, e ao cuñador xefe, Henry Voigt.[11]
En Filadelfia, Fürst dedicouse inicialmente a diversos negocios e en 1808 estableceuse nesa cidade como gravador de selos e de cuños de aceiro.[4] A situación da Casa da Moeda non se correspondía coa descrita por Appleton en Itala, xa que se acababa de contratar como axudante de Scot un novo gravador, de orixe alemá, chamado John Reich, polo que non había ningún posto vacante, e ademais o seu soldo era só de 600 dólares. Fürst reuniuse co director e co gravador xefe para reclamar o seu posto, aínda que sen éxito.[9]
Así as cousas, durante máis dunha década, Fürst continuou a traballar no seu taller particular, onde elaborou os cuños para un bo número de medallas, algunhas delas por encarga do Congreso e cuñadas na Casa da Moeda de Filadelfia, aínda que sen ingresar nesta institución como gravador, como era a súa intención.[12][13]
Fürst viu como as influencias de Appleton e as súas cartas de presentación non tiveran a repercusión que esperaba e, tras o falecemento do gravador xefe da Ceca de Filadelfia, Robert Scot, en novembro de 1823, non foi el o chamado a sucedelo, como esperaba, senón William Kneass, que contaba coa recomendación do seu amigo o daquela cuñador xefe, Adam Eckfeldt,[15] e foi nomeado o 29 de xaneiro de 1824.[12]
Nunha carta dirixida a un congresista, Fürst dá conta da súa decepción por este feito, xa que, ao ser chamado a América polo cónsul Appleton, se consideraba formalmente contratado pola Casa da Moeda, para a que levaba traballando 18 anos, aínda sen existir un contrato formal.[16] Esta situación levouno a solicitar unha indemnización ante o Comité de Reclamacións do Congreso, alegando que se lle prometera o posto de gravador da Casa da Moeda de Filadelfia antes da súa chegada en 1807, e xustificou a presentación da súa queixa 15 anos despois dos feitos alegando descoñecemento da lexislación e dos costumes estadounidenses. A resolución do Comité de Reclamacións foi negativa, baseándose na inexistencia de constancia escrita da oferta orixinal de Appleton.[15]
Mesmo nesta incómoda situación, Fürst recibiu novas encargas de cuños para medallas nos anos seguintes e durante toda a década de 1830 por parte da Casa da Moeda, ás ordes do gravador xefe Kneass, entre elas máis cuños para novas medallas da paz india e da serie presidencial.[17]
Cando o gravador xefe Kneass faleceu en 1840, foi sucedido por Christian Gobrecht, que xa estivera actuando como axudante logo da debilitación da saúde de Kneas a partir de 1835. Ante isto, Fürst, que xa se aproximaba aos 60 anos e vía pechada para el a porta da Casa da Moeda, decidiu regresar a Europa.[4][15]
Pouco se sabe da vida de Fürst en Europa, aínda que se dá por seguro que no vello continente seguiu a dedicarse ao gravado de cuños para medallas durante algúns anos. Leonard Forrer menciona un medallista apelidado Fürst activo en Múnic entre 1841 e 1847,[18] que cabería supor que se trata do mesmo gravador, xa que se coñece unha medalla alemá datada en 1841 e asinada cos mesmos punzóns que os utilizados por Moritz Fürst nos Estados Unidos.[19]
Obras
editarA produción medallística de Moritz Fürst é moi abundante. Nas súas obras engadía a inscrición FURST F. (lat: Fürst fecit; gal: "feito por Fürst"), normalmente baixo os bustos do anverso, a modo de sinatura de gravador.[5]
Unha das súas primeiras medallas coñecidas data de 1808 e está dedicada ao doutor Benjamin Rush, sobranceiro médico de Filadelfia, un dos asinantes da Declaración de Independencia e tesoureiro da Casa da Moeda dos Estados Unidos durante catorce anos. En 1812 dedicoulle tamén unha medalla ao gobernador De Witt Clinton, co gallo da inauguración do New York City Hall.[20]
Entre 1812 e 1835 creou, en virtude dunha resolución especial do Congreso, unha serie de 27 medallas dedicadas a militares estadounidenses en conmemoración dos heroes estadounidenses da guerra contra Inglaterra de 1812-1815, unha serie que lle proporcionou unha gran sona como gravador en Filadelfia.[4][21] Os retratos de varias destas medallas foron gravados por Fürst a partir de esbozos realizados polo pintor Thomas Sully.[22]
Outras das súas obras máis significativas son a outorgada polo Congreso ao coronel George Croghan (1835), a da coroación da raíña Vitoria (1838, asinada F.F.), e diversas medallas da paz india e presidenciais de James Monroe (1817),[23] John Quincy Adams (1825),[24] Andrew Jackson (1829)[25] e Martin van Buren (1837).[26][5][16]
Fürst creou tamén algunhas medallas de premio, como a do American Institute, de Nova York, cuxos cuños gravou arredor de 1838.[27] De particular relevancia foi a primeira medalla xudía estadounidense da que se ten constancia, que executou para conmemorar a morte en 1816 do patriota e líder relixioso Gershom Seixas.[28][29]
O seu derradeiro traballo coñecido en América, pouco antes do seu regreso a Europa, foi a medalla cuñada pola Ceca de Filadelfia conmemorativa da xubilación do seu cuñador xefe, Adam Eckfeldt, en 1839.[30][31][32]
-
Reverso.
-
Reverso.
Notas
editar- ↑ Smith, P. (2012). Páxina 161.
- ↑ 2,0 2,1 Dunlap, W. (1834). Páxina 221.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 Chamberlain, G. S. (1954). Páxina 588.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 Smith, P. (2012). Páxina 162.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 Forrer, L. (1907).
- ↑ Forrer, L. (1916). "Würth (or Wirt), Johann Nepomuk". En Biographical Dictionary of Medallists. Spink and Son, Londres. Vol. 6. Páxinas 567-570.
- ↑ Neuzil, C. (1999). Páxina 18.
- ↑ Neuzil, C. (1999). Páxinas 18-19.
- ↑ 9,0 9,1 9,2 Neuzil, C. (1999). Páxina 19.
- ↑ Neuzil, C. (1999). Páxina 69.
- ↑ Chamberlain, G. S. (1954). Páxinas 588-589.
- ↑ 12,0 12,1 Chamberlain, G. S. (1954). Páxina 589.
- ↑ Neuzil, C. (1999). Páxinas 20-21.
- ↑ "David Hosack, Physician and Scientist". The Metropolitan Museum of Art (Metmuseum.org).
- ↑ 15,0 15,1 15,2 Neuzil, C. (1999). Páxina 21.
- ↑ 16,0 16,1 Chamberlain, G. S. (1954). Páxinas 589-590.
- ↑ Chamberlain, G. S. (1954). Páxina 590.
- ↑ Forrer, L. (1924). "Fürst (Germ.)". En Biographical Dictionary of Medallists. Spink and Son, Londres. Supl. 1. Páxina 333.
- ↑ Neuzil, C. (1999). Páxina 22.
- ↑ Chamberlain, G. S. (1954). Páxinas 591-592.
- ↑ Neuzil, C. (1999). Páxina 20.
- ↑ Chamberlain, G. S. (1954). Páxinas 589-591.
- ↑ "Medal of James Monroe". The Metropolitan Museum of Art (Metmuseum.org).
- ↑ 24,0 24,1 24,2 "American Institute Award Medal". The Metropolitan Museum of Art (Metmuseum.org).
- ↑ 25,0 25,1 "Medal of Andrew Jackson". The Metropolitan Museum of Art (Metmuseum.org).
- ↑ "Medal of Martin Van Buren". The Metropolitan Museum of Art (Metmuseum.org).
- ↑ "American Institute Award Medal". The Metropolitan Museum of Art (Metmuseum.org).
- ↑ "Gershom Mendes Seixas". National Portrait Gallery. Smithsonian Institution (NPG.si.edu).
- ↑ Wacks, M. "Important New Discoveries about the First American Jewish Medal".American Jewish Historical Society.
- ↑ Chamberlain, G. S. (1954). Páxina 591.
- ↑ Smith, P. (2020). "Eckfeldt, (John) Adam". En American Numismatic Biographies. Páxina 129.
- ↑ Smith, P. (1997). "Adam Eckfeldt struck the first U.S. coins". En The Numismatist. Xaneiro. American Numismatic Association. Páxina 63.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Moritz Fürst |
Bibliografía
editar- Chamberlain, G. S. (1954). "Moritz Furst, die-sinker and artist". En The Numismatist. Nº 67. Xuño. Páxinas 588-592.
- Dunlap, W. (1834). "Moritz Fürst". En History Of The Rise And Progress Of The Arts Of Design In The United States Vol. II. Páxinas 220-221.
- Forrer, L. (1907). "Fürst, Moritz". En Biographical Dictionary of Medallists. Spink and Son, Londres. Vol. 2. Páxina 172.
- Neuzil, C. (1999). “A Reckoning of Moritz Fürst’s American Medals”. En Stahl, A.M. (ed.). The Medal in America. Vol. 2. American Numismatic Society, Nova York. Páxinas 17-118. ISBN 0-89722-276-8
- Smith, P. (2012). "Fürst, Moritz". En American Numismatic Biographies. Páxinas 161-162.