Luísa Crestar

escritora galega
(Redirección desde «Luísa Crestar Díaz»)

Luísa Crestar Díaz, nada en Betanzos en 1908 e finada na Coruña o 23 de febreiro de 1988, foi unha poeta galega, coñecida tamén por recitar poesía de Rosalía, Curros ou Cabanillas. Accionista da Editorial Galaxia, doou a súa biblioteca persoal á Biblioteca Municipal de Betanzos.

Luísa Crestar
Nacemento1908
Lugar de nacementoBetanzos
Falecemento23 de febreiro de 1988
Lugar de falecementoA Coruña
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónescritora
IrmánsManuel Crestar
Coñecida porNas orelas do Mendo
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

Foi a cuarta nunha familia de canteiros de Moaña asentada en Betanzos dende mediados do século XIX. Os seus pais Xacobe Crestar Faraldo (1870-1940) e Enriqueta Díaz Vázquez tiveron nove fillos. A familia moraba na rúa Travesa número 7 onde había unha tenda no baixo, propiedade dunha tía que tamén residía con eles. Os seus irmáns Manuel e Eduardo foron debuxantes e caricaturistas. O seu curmán Antón Crestar (Miño 1896 - Montevideo 1983) foi presidente do Centro Galego de Montevideo e destacado persoeiro da emigración e o galeguismo no Uruguai.

Foi xefa de negociado da Compañía Telefónica en Santiago de Compostela. Na década dos 50 actuou con frecuencia na Radio Galicia e nos 60 publicou poesías nos xornais La Voz de Galicia e La Noche. Gravou tamén unha cinta recitando autores galegos que foi reproducida varias veces na Radio de la Capital en Montevideo.

Accionista da Editorial Galaxia dende a súa fundación, na súa biblioteca persoal atesoura primeiras edicións desta, edicións especiais e numeradas. Outras son publicacións de pequena tirada, edicións de autor e algunha non venal.

Publicou o seu poemario Nas orelas do Mendo no ano 1982, que consta de setenta e sete poemas en galego e sete en castelán. Adicouno a Domingo García-Sabell e Segundo Hevia Torres, quen o ilustrou con once debuxos máis a portada. O libro foi presentado o 28 de agosto do 1982 en Coirós, onde residía nese intre Luísa. A súa poesía é de inspiración popular, con ecos de Bécquer e Rosalía de Castro, algunhas relacionadas co Nadal, de estilo humilde. O título do poemario fai referencia ó río menor da cidade, o Mendo.

O 12 de agosto do 1984 doou uns 2000 libros da súa biblioteca á Biblioteca Municipal A. Castelao de Betanzos.[1] Moitos destes libros están dedicados á poeta por Otero Pedrayo, Vales Villamarín, Domingo García-Sabell etc. Entre os libros de Galaxia que conteñen dedicatorias autógrafas destacan a de Ramón Piñeiro, Xoán Rof Carballo, Álvaro Cunqueiro, Ánxel Fole ou Xohana Torres. Doutros libros destacan os autógrafos de Aquilino Iglesia Alvariño ou Baldomero Cores.

Morreu o 23 de febreiro do 1988 no hospital CHUAC da Coruña ós oitenta anos, solteira e sen fillos.

Notas editar

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar