Insurrección nacional eslovaca

A Insurrección nacional eslovaca (en eslovaco: Slovenské národné povstanie,[4] abreviado SNP) ou Levantamento de 1944 foi unha insurrección armada organizada polo movemento de resistencia eslovaco durante a segunda guerra mundial en contra do Goberno eslovaco aliado ao Terceiro Reich. O levantamento resultou un fracaso e os alemáns conseguiron sufocalo logo de dous meses de dura loita, mais a guerrilla continuou combatendo as forzas de ocupación ata a chegada do Exército Soviético a Eslovaquia en 1945.

Insurrección nacional eslovaca
Parte de Segunda guerra mundial

Convoi de vehículos do exército eslovaco preto de Kelemeš (hoxe parte de Prešov).
Data Do 29 de agosto ao 28 de outubro de 1944.
Lugar Eslovaquia
Resultado Vitoria alemá
Casus belli Ocupación alemá de Eslovaquia
Belixerantes
1º República Eslovaca
Co apoio de:

Alemaña
Garda de Hlinka
República Checa Insurxencia eslovaca
Forza Aérea Insurxente Eslovaca
Líderes
Gottlob Berger
Hermann Höffle
Ján Golian 
Rudolf Viest 
Forzas en combate
≈40 000[1] ≈60 000[2]
Baixas
≈10 000[3] ≈10 000[3]

O acoso partisano ás forzas alemás e a situación en Europa oriental precipitaron o alzamento ante a chegada de unidades alemás ao territorio eslovaco a finais de agosto.[5] O papel principal no alzamento non o tiveron, con todo, as unidades partisanas, senón as do Exército regular eslovaco que se rebelaron contra o Goberno de Jozef Tiso.[5] Comezou o 29 de agosto de 1944 na localidade de Banská Bystrica co obxectivo de expulsar do poder o Goberno colaboracionista de Jozef Tiso, establecer unha zona gobernada polos insurrectos e favorecer o avance do Exército Vermello a través dos Cárpatos.

Porén, as primeiras operacións foron favorables para os alemáns. As novas unidades, creadas moi axiña para esmagar o levantamento, tomaron o control do leste e o oeste do país e desarmaron as mellores unidades eslovacas, cercando os rebeldes no centro montañoso do país.[6] As seguintes semanas, as forzas alemás non lograron esmagar como esperaban a rebelión e só lograron algúns avances territoriais fronte aos rebeldes. Estes, con todo, non puideron contar coa axuda soviética necesaria para soster a insurrección, xa que as unidades soviéticas foron incapaces de quebrantar as defensas alemás nos Cárpatos. O envío de armamento, abastos e homes por aire non foi abondo para rexeitar a contraofensiva alemá.

Alemaña tivo que enviar 40 000 soldados, abundante artillaría, tanques e aviación para enfrontarse á dura resistencia eslovaca.[1] En outubro, un gran número de unidades alemás penetrou no país e, logo de dous meses de cruentos combates, lograron esmagar a rebelión,[7] sufocada a finais de outubro.[3] As unidades empregadas polos alemáns, con todo, eran unidades que non se achaban daquela na fronte, e isto fixo que o levantamento non debilitase a fronte oriental de xeito significativo.[6] Os restos das forzas partisanas e regulares eslovacas adoptaron tácticas guerrilleiras ata a posterior chegada das forzas soviéticas. Os combates custaron arredor de 10 000 vidas a cada bando.[3] A poboación civil sufriu a dura represión das forzas alemás enviadas a retomar o control do país. O Goberno filoxermano perdeu toda autonomía fronte a Berlín e o país quedou baixo ocupación militar alemá.[8]

Logo da guerra, distintas forzas políticas trataron de arrogarse en exclusiva o mérito do levantamento, convertido nun episodio histórico moi polémico. O réxime comunista checoslovaco presentouno como un acontecemento iniciado e interpretado exclusivamente polas forzas comunistas. A oposición anticomunista acusou a estes de sabotar o alzamento para eliminala do poder e entregar o control do país aos soviéticos. Algúns nacionalistas eslovacos, por outra banda, afirmaron que o levantamento foi unha «conspiración contra a nación eslovaca», pois un dos seus principais obxectivos era restablecer Checoslovaquia, na que os eslovacos estarían politicamente dominados polos checos durante o período de entreguerras.

Antecedentes editar

Xurdimento do Consello Nacional Eslovaco editar

Edvard Beneš, presidente do Goberno checoslovaco no exilio en Londres, iniciara os preparativos para a posible rebelión en 1943, cando mantivo os primeiros contactos cos elementos disidentes do Exército eslovaco.[9] En novembro e decembro de 1943,[10] varios grupos que participaron máis tarde no levantamento de 1944 —o Goberno no exilio, os demócratas e comunistas checoslovacos e parte do Exército eslovaco—[8] formaron o clandestino Consello Nacional Eslovaco (CNE) e asinaron o chamado «acordo de Nadal», unha declaración conxunta que recoñecía a autoridade política de Beneš e aceptaba a resurrección[7] dunha Checoslovaquia democrática[11] e prosoviética[11] logo da guerra.[9][12][13][14] O consello, que debía coordinar a oposición a Alemaña e os seus partidarios en Eslovaquia, tratar de obter o control da rexión e manter contactos co Goberno checoslovaco no exilio, foi responsable de preparar a sublevación.[11] O CNE, composto por representantes de diversos partidos,[13] mostrouse dividido pronto entre comunistas e socialistas por unha banda e os representantes do resto de partidos, por outra.[11] O obxectivo do alzamento era facilitar o avance soviético mediante o decaemento da retagarda alemá.[7] O CNE esperaba contar co groso do Exército, con numerosos oficiais e soldados desafectos ao réxime de Tiso, como núcleo dun levantamento que abarcase a toda a sociedade eslovaca.[11] Ao mesmo tempo, mais de xeito separado, o ministro de Defensa eslovaco, xeneral Ferdinand Čatloš, estudaba mudar de bando co groso das tropas cando considerara o momento propicio.[12][15] Os intentos de Čatloš de coordinar os seus plans co CNE e os soviéticos, con todo, fracasaron, en parte pola antiga proximidade do xeneral a Tiso.[15]

Plans de alzamento editar

A finais de marzo de 1944,[15] o tenente coronel do Exército eslovaco Ján Golian fíxose cargo dos preparativos de insurrección,[15] en coordinación co Goberno exiliado, os soviéticos e os comunistas checoslovacos.[9][16] Golian era xefe do Estado maior do mando militar de Banská Bystrica, no centro do país.[16][15] O seu cargo, provisional ao principio, confirmouse como permanente o 14 de maio.[15] Os conspiradores almacenaron cartos, municións e outras subministracións nas bases militares próximas a Banská Bystrica,[9][14] probablemente coa aquiescencia de Čatloš,[12] e baixo o pretexto de protexelos dos bombardeos.[17][18] Golian formou ademais un mando para dirixir o alzamento.[16] Este debía producirse en caso de ameaza de ocupación alemá ou cando conviñese polos avances dos soviéticos.[16][13][19][14] O desembarco de Normandía o 6 de xuño e o comezo dunha nova ofensiva soviética o 22, convenceron o CNE da proximidade dese momento.[16][19]

As dúas[13] divisións mellor equipadas do Exército eslovaco xunto con toda a Forza Aérea eslovaca do leste foron deliberadamente trasladadas a Prešov no nordés de Eslovaquia no verán de 1944 co obxectivo de facilitar aos soviéticos o cruzamento dos Cárpatos.[12][16][19][20] Ao tempo que estas forzas facilitaban a entrada na zona dos soviéticos, o resto de unidades debía repeler o esperado contraataque alemán no centro montañoso do país,[19][20] nun triángulo formado polas localidades de Banská Bystrica, Zvolen e Brezno.[16]

Os conspiradores contaban coa cooperación dalgúns destacados oficiais eslovacos, que se encargaron de facilitar os preparativos da insurrección.[18] Destinouse aos oficiais filoxermanos a postos nos que non puidesen estorbar a operación e ordenouse o envío de material e a maioría das unidades especializadas a certas gornicións onde debía concentrarse o alzamento.[18][14] As unidades da xendarmería recibiron instrucións de unirse ás unidades militares rebeldes ou aos partisanos en caso de ocupación alemá.[18][14]

Plans soviéticos editar

A finais de xullo e por suxestión do mariscal Iván Kónev, formouse a nova 4.ª Fronte Ucraína con ordes de trazar un plan para tomar os portos dos Cárpatos orientais e avanzar cara a Mukachevo e Uzhgorod en dirección á chaira húngara.[21] O plan, presentando ao Stavka, recibiu o visto e prace deste a finais de agosto.[21] O cambio de bando de Romanía, con todo, levou ao alto mando soviético a paralizar os plans ofensivos da 4.ª Fronte Ucraína.[21]

O interese soviético no levantamento residía na posibilidade de empregalo para crebar as defensas de montaña da liña Arpad.[19] Tras capturar Cracovia,[19] os soviéticos virarían cara ao sur e penetrarían en Rutenia e máis tarde en Eslovaquia grazas á captura por parte das dúas divisións eslovacas dos portos de montaña da rexión.[22] Mentres, os eslovacos conterían os alemáns ata recibir o socorro soviético na liña Banská Bystrica-Zvolen-Ružomberok, coa axuda da 2.ª Brigada Paracaidista checoslovaca que os soviéticos transportarían á zona.[22] Coa estabilización da fronte a comezos de agosto, con todo, os soviéticos perderon interese nun alzamento inmediato.[22]

A coordinación entre o Goberno checoslovaco en Londres, os conspiradores eslovacos e o alto mando soviético era, ademais, deficiente.[20] O Goberno rexeitara o plan orixinal de Golian, remitido a Londres a comezos de agosto, que outorgaba un papel fundamental ás forzas soviéticas e, en opinión do Goberno, un demasiado secundario ás forzas eslovacas.[23] Ademais, os contactos entre o representante militar checoslovaco en Moscova e o mando soviético foron esporádicos e non acadaron o papel de cada parte nas futuras operacións en Eslovaquia.[20] Moscova vía con malos ollos o nacionalismo eslovaco —presente mesmo nalgúns dos comunistas da rexión— e sospeitaba que o interese do Goberno checoslovaco en desencadear un alzamento xusto antes da chegada das tropas soviéticas non era axudar a estas, senón recuperar o control político do territorio e restaurar un Goberno burgués, hostil á URSS.[23]

Actividades dos partisanos e cambio de bando de Romanía editar

 
Entrada de tropas soviéticas en Bucarest o 30 de agosto de 1944. O país cambiou de bando mediante un golpe de Estado organizado polos principais partidos políticos romaneses e apoiado polo rei Miguel que apartou do poder o xermanófilo mariscal Ion Antonescu. O acontecemento facilitou o avance das forzas soviéticas.

O número de partisanos, minúsculo a finais de 1943 e aínda máis reducido a finais de xuño de 1944 —233 guerrilleiros—, foi medrando ao longo do verán grazas á intervención soviética.[24] Coa chegada do Exército soviético ás antigas fronteiras checoslovacas, o Partido Comunista de Checoslovaquia solicitou a axuda soviética para aumentar as formacións partisanas.[25] O mando partisano ucraíno puxo en marcha un programa de adestramento de guerrilleiros, ao mesmo tempo que aumentaba o tamaño das unidades regulares formadas na URSS, nelas a 2.ª Brigada Paracaidista e o 1º Corpo do Exército checoslovaco.[25] Kíiv enviou varias unidades mixtas ucraíno-eslovacas á zona entre finais de xuño e finais de agosto.[24] Estas forzas serviron de cadros para as unidades guerrilleiras, que medraron de xeito exponencial durante estes meses.[24] Contra finais de agosto, había uns 1 320 partisanos en Eslovaquia.[26]

Demócratas e comunistas discrepaban no papel dos partisanos: para os primeiros, debían servir á liberación do país e quedar subordinados ao mando clandestino formado por Golian; para os segundos, debían favorecer a revolución social e a toma do poder polo partido.[27] En maio o dirixente comunista checoslovaco Klement Gottwald asinou un acordo co secretario xeral do partido comunista soviético en Ucraína, Nikita Khrushchev, polo que subordinaba as unidades partisanas eslovacas ao mando soviético en Kíiv.[27] Os primeiros mandos soviéticos chegaron en paracaídas o 25 de xullo.[27][25] Estes solicitaron armas ao mando eslovaco,[26] que pediu a cambio que esperasen ao alzamento para utilizalas,[24] condición que os soviéticos só aceptaron ata o 20 de agosto.[27] Mentres, as actividades doutras unidades partisanas levaron o Goberno eslovaco a proclamar a lei marcial o 12 de agosto e a comezar a procura de unidades partisanas nos Montes Tatras.[28] Grazas á conivencia dalgúns membros das forzas de seguridade, estas unidades puideron retirarse sen atoparse coas do Goberno.[28][24] As operacións antiguerrilleiras leváronse a cabo co fin principal de calmar as sospeitas alemás.[24]

As actividades cada vez maiores dos partisanos eslovacos, en parte dirixidos por mandos soviéticos,[27] complicaban os plans de levantamento, xa que podían provocar a ocupación do país polos alemáns.[29][27][18][26][30] A finais[26] de agosto e sen informar ao CNE, comezaran unha ampla campaña de sabotaxe de vías de comunicación, ataques á policía e ameazas aos partidarios do Goberno eslovaco no centro, norte e leste do país que preocupou o CNE polas posibles represalias alemás, que podían poñer en perigo os preparativos de levantamento.[18] Para entón algúns soldados comezaran a pasarse ás unidades partisanas pola aparente pasividade das unidades regulares.[26]

Os conspiradores tampouco lograron nin que os soviéticos nin que os Aliados occidentais se comprometesen a axudar na rebelión.[29] Os primeiros rexeitaron a petición dos enviados checoslovacos chegados a Ucraína o 4 de agosto,[17] mentres que os segundos se mostraron reticentes a actuar nunha zona que crían correspondía aos soviéticos.[29] Estes permitiron aos delegados checoslovacos regresar ao seu país o 5 de setembro, mais sen que prometesen axuda ningunha para a liberación que o CNE esperaba equivocamente para o outono, e sen desvelar os plans militares soviéticos.[17][18]

Nesta tensa situación, produciuse o cambio de bando de Romanía entre o 23 e o 25 de agosto,[9] que causou axitación e nerviosismo en Eslovaquia.[29] O 24, o representante alemán en Bratislava solicitaba tropas a Berlín, co acordo de Tiso.[28] O mesmo día, nun informe a Londres, Golian auguraba a chegada[30] de formacións alemás para o 27 e solicitaba dúas brigadas de paracaidistas e apoio aéreo.[28] Entre o 25 e o 27, varias gornicións eslovacas uníronse ás forzas partisanas.[30] O 27 de agosto de 1944, un grupo de partisanos comunistas baixo mando soviético capturou os vinte e oito membros dunha misión militar alemá que regresaban a Alemaña dende Romanía en Martin e fusilounos ao día seguinte.[9][28][26][31] Este incidente precipitou o envío de unidades alemás ao país ao día[18] seguinte para acabar coas accións dos partisanos.[9][26][31] O representante alemán en Bratislava anunciou a Tiso a ocupación do país para o día seguinte, 29 de agosto.[28] A entrada de formacións alemás acelerou o levantamento, que tivo que comezar prematuramente.[9][29][5]

Situación internacional editar

O 8 de abril, forzas da 1.º Fronte Ucraína alcanzaron as fronteiras da antiga Checoslovaquia; tres semanas máis tarde, Stalin prometeu que as forzas soviéticas pronto entrarían en territorio checoslovaco e acabarían coa ocupación.[32][14] O servizo en checoslovaco de Radio Moscova animou á poboación a formar comités nacionais, tanto para axudar na loita contra os ocupantes como para xestionar os territorios que se foran liberando das forzas do Eixe.[32][14] Estes comités foran aprobados tanto polos comunistas checoslovacos como polo Goberno no exilio.[32][14]

A situación internacional parecía favorecer o cambio de bando de Eslovaquia: o 24 de agosto, tras un golpe de Estado contra o Goberno xermanófilo o día anterior,[33] Romanía abandonara a Alemaña, cambiando de bando e facilitando o acceso do Exército soviético aos Balcáns.[34][35] Isto facilitou a resistencia contra Alemaña en toda a Europa oriental.[34] En Varsovia, a resistencia alzárase o 1 de agosto, xusto cando o avance soviético, que chegara ao Vístula, se detivera nesa zona da fronte para pasar á ofensiva no Báltico e nos Balcáns.[16] Por outra banda, os intentos dos Aliados occidentais de penetrar en Alemaña dende Francia foran infrutuosos e os soviéticos tiñan dificultades na súa ofensiva cara a Varsovia.[3] Os soviéticos ademais planeaban acadar a chaira do Danubio medio non a través dos Cárpatos, senón dende o sur, avanzando dende Romanía río arriba, cambio de estratexia que descoñecían os eslovacos,[16] e que relegaba a liberación de Eslovaquia ata o final da guerra.[17]

Plans alemáns editar

Ante o avance dos exércitos soviéticos e a crecente impopularidade do réxime filofascista de monseñor Jozef Tiso, os alemáns e o Goberno eslovaco sopesaron a posibilidade dunha ocupación completa do país.[35] Os alemáns xa contemplaran esta posibilidade dende finais de 1943, cando os reveses militares fixeron que Eslovaquia comezara a mostrarse titubeante no seu apoio a Berlín.[12] Na primavera de 1944, ao mesmo tempo que Alemaña ocupaba Hungría, o Goberno alemán volveu estudar a posibilidade de ocupar tamén Eslovaquia, mais desbotouna finalmente.[12]

Co avance soviético do verán, os alemáns dividiron o país en dúas zonas, as máis próxima á fronte baixo o control das forzas alemás en retirada.[36] O control alemán sobre as forzas eslovacas nas dúas zonas era, con todo, escaso e o traspaso da minoría alemá do Exército eslovaco ás unidades das SS diminuíu a información sobre a situación nas forzas armadas eslovacas.[36]

Logo do cambio de bando romanés, o 24 de agosto o mando do Grupo de Exércitos do Norte de Ucraína preparou dous plans alternativos para previr a posible rebelión das dúas divisións eslovacas nos Cárpatos, que formaban parte do novo Exército Oriental eslovaco.[26] O 25 e 26 sucedéronse os incidentes nos arredores de Brezno, o que levou aos alemáns a acelerar os seus preparativos de intervención.[26] Ao día seguinte, os incidentes fóronse estendendo por outras zonas de Eslovaquia, ante a pasividade xeral do Exército e da Garda de Hlinka.[26] A noite do 28, e logo do anuncio de Tiso a primeira hora da tarde da decisión alemá de enviar unidades a Eslovaquia para acabar coas actividades dos partisanos, puxéronse en alerta as unidades destinadas a neutralizar ao Exército Oriental eslovaco.[37]

Evolución do levantamento editar

Comezo do levantamento editar

 
O tren blindado Hurban, que participou no alzamento. Os rebeldes lograron fabricar tres deles con tanques avariados, aínda que o seu principal efecto foi o de aumentar a moral das tropas máis que causar graves danos ás unidades inimigas.

Ante o inminente risco de ocupación e co fin de facilitar o avance soviético a través dos Cárpatos,[4] o Consello Nacional Eslovaco (SNR) lanzou unha insurrección o 29 de agosto de 1944 ,[4] en Banská Bystrica.[7][3][34][4][29] Ás 19:15 do 29 de agosto, o ministro de Defensa de Eslovaquia, xeneral Ferdinand Čatloš, anunciou na radio estatal que Alemaña ocupaba Eslovaquia e ordenaba ás forzas armadas eslovacas que non ofreceran resistencia.[28][38] Un cuarto de hora máis tarde, Golian enviou a mensaxe cifrada a todas as gornicións para comezar o alzamento e oporse á invasión alemá.[9][39][9][18][38] O levantamento eslovaco contou co apoio de unidades enteiras do Exército, que se pasaron aos insurxentes.[34][4] Fundamentalmente, as unidades que se uniron ao alzamento concentrábanse no centro do país.[38] Só algunhas unidades dispersas decidiron non unirse á rebelión, xeralmente en zonas onde se encontraban ameazadas directamente por formacións militares alemás.[40]

Parte da poboación acudiu ao chamamento de alistamento do CNE e algúns estranxeiros que se encontraban na rexión tamén se uniron aos alzados.[39] O apoio Aliado, con todo, foi escaso: apenas unha brigada checoslovaca trasladada dende Rusia nos momentos finais do alzamento e exiguas provisións e medicinas traídas dende Italia.[29]

As perspectivas de éxito do levantamento foron escasas dende o principio.[41] O mando de Golian calculara que o mellor momento para levalo a cabo tería sido cando os soviéticos alcanzaran Cracovia e Miskolc, localidades que capturaron finalmente en xaneiro de 1945 e decembro de 1944 respectivamente, meses despois do comezo do levantamento en Eslovaquia.[41] Os soviéticos, ao pé dos Cárpatos, aínda no lograran atravesar esta cadea montañosa en ningún punto e o resto de Aliados encontrábase aínda lonxe de Eslovaquia.[42] Os conspiradores non se encontraban preparados cando as actividades dos partisanos precipitaron a rebelión.[41]

Un dos primeiros e máis graves reveses para os rebeldes foi a perda das dúas divisións —case 24 000 homes— acantonadas no leste do país durante os primeiros días do alzamento.[1] O seu comandante, o xeneral August Malár, decidiu ignorar o chamamento de Golian do 29 de agosto e, no canto de rebelarse coas súas unidades, voou á capital ao día seguinte para aclarar a situación e facer un chamamento por radio[43] ao Exército para que non actuara «prematuramente».[1][44] Malár asegurou ademais que as unidades alemás que estaban entrando no país non atacarían ás eslovacas.[43] Estas declaracións fixeron que os alemáns o detiveran e máis tarde o executaran.[1] Mentres Malár se encontraba na capital, o seu lugartenente, o tenente coronel Viliam Talský, parte dos conxurados, convocou unha reunión dos mandos na que se decidiu recoller a inmediata axuda dos soviéticos e preparar ás unidades para un ataque á retagarda alemá que defendía Krosno o 2 de setembro.[44][31] Non se aprobaron medidas para posibles ataques alemáns nin se contou coa imposibilidade de que o mariscal Koniev actuara de xeito inmediato en resposta á petición eslovaca.[44] Pola súa banda, os comandantes das dúas divisións eslovacas acataron o chamamento radiofónico de Malár e paralizaron a actividade das súas unidades, o que desbaratou o plan inicial da reunión anterior.[44] Ás 5:30 a.m. do 31 de agosto e sen informar ao resto do mando do Exército Oriental,[31] Talský decidiu cruzar a fronte para recibir instrucións dos soviéticos, insatisfeito coa situación mais deixando ao mesmo tempo ao Exército Oriental sen mando efectivo.[44] A mesma mañá, o Grupo Aéreo pertencente ao Exército Oriental —vinte e seis aparellos con oitenta e un homes— abandonou a zona e voou a Lvov,[43] ignorando que se producira un alzamento na zona central do país.[45][a]

A maior parte das dúas divisións, carentes xa de mando efectivo, quedou rodeada polos alemáns o 31 de agosto, que as desarmaron;[2][43] uns 2 000 homes, con todo, decidiron enfrontarse aos alemáns, romperon o cerco e acadaron as posicións rebeldes no centro do país.[1] A perda destas unidades supuxo ademais que os rebeldes perderan a artillaría e o armamento pesado, o que aumentou a súa dependencia da axuda exterior.[46]

O 31 de agosto, o exército rebelde ao mando de Golian tomou o nome oficial de «1.o Exército Checoslovaco en Eslovaquia».[47] Dividiuse en dúas áreas de defensa, unha occidental e outra oriental, sostidas fundamentalmente polas dúas divisións do Exército dispoñibles na zona rebelde.[47] O 1 de setembro, o CNE proclamouse publicamente máxima autoridade da resistencia eslovaca —sen telo acordado co Goberno no exilio—,[48] proclamou a resurrección[31] do Estado checoslovaco e asumiu a autoridade gobernamental na rexión en nome do Goberno exiliado.[39] O 5 de setembro, o mando checoslovaco en Londres ascendeu a Golian a coronel para reforzar a súa autoridade.[47] O CNE, pola súa banda, ascendeuno a xeneral de brigada o mesmo día 5.[48] Este mesmo día, ordenouse a mobilización na zona rebelde dos homes menores de 35 anos e a incautación de vehículos e cabalos para uso militar.[47] A orde dérona separadamente tanto Golian como o CNE, síntoma das diferenzas entre as distintas autoridades que participaban na rebelión.[48] A leva aumentou as forzas rebeldes nuns 25 000-29 000 homes.[47][49] Aínda que Golian contaba con armamento suficiente para armar aos novos recrutas, este era en xeral anticuado, e non incluía armas antitanque.[47]

Primeira reacción alemá: cerco da rebelión editar

Control da capital editar

Pola súa banda, Tiso seguía controlando a capital[7] e grazas a isto os alemáns contaban cunha boa situación estratéxica para lanzar unha contraofensiva contra os insurxentes, que pronto se mostraron divididos na estratexia a seguir.[2] Na capital encontrábanse uns 8000 soldados eslovacos, mais non eran tropas de combate e as rápidas medidas alemás para asegurar a cidade impediron calquera apoio ao alzamento e permitiron o desarme[43] da gornición entre o 30 de agosto e o 1 de setembro.[50] Lograron desarmar sen combater ás gornicións eslovacas do oeste do país.[41]

Control da zona occidental e meridional editar

O 29 de agosto, dous kampfgruppe (o Von Ohlen e o Von Junck) entraran en territorio eslovaco dende Silesia e Austria,[37] para facerse co control do val do Váh, mediante a toma de Žilina e Martin, e para controlar o principal ferrocarril que conectaba o oeste co leste de Eslovaquia.[38] No suroeste, os alemáns crearon a toda presa unha nova unidade, o kampfgruppe Schill, que se fixo co control do suroeste do país.[40] A Nitra, onde o oficial ao mando seguía fiel ao presidente eslovaco e evitou a rebelión da gornición, as forzas alemás chegaron o 1 de setembro.[50] Malia non terse rebelado, os 2000 homes da gornición foron desarmados polos alemáns.[50] O avance do kampfgruppe Schill, que continuou ao longo do val, detívose en Topolocany, onde chocou con unidades rebeldes.[50]

Entre o 2 e o 5 de setembro, novas unidades traídas de Austria desarmaron ás gornicións do val do Váh, co que Berlín logrou recuperar o control do val e do ferrocarril que o percorría.[51] No noroeste, os rebeldes abandonaron Žilina ao kampfgruppe von Ohlen, mais resistiron en Martin.[51]

No nordés, formouse o kampfgruppe Schäfer en Nowy Targ (parte do Goberno Xeral polonés) para tomar Kežmarok, Poprad, enlazar coa División Panzer Tatra e asegurar o control da principal liña férrea que unía o oeste e o leste do país polo norte.[52] A zona contaba con certa cantidade de membros da minoría alemá que colaboraron no avance do kampfgruppe Schäfer; en Poprad os partisanos desarmaron aos eslovaco-xermanos, mais en Kežmarok estes lograron bloquear á gornición eslovaca ata a chegada do kampfgruppe, que logrou a súa rendición o 31 de agosto.[53] Ao día seguinte, a unidade entraba en Poprad, evacuada polos eslovacos.[53] O 2 de setembro, o kampfgruppe Schäfer tomou contacto con unidades do grupo de Rintelen que avanzaran ao longo do ferrocarril cara ao norte.[53] Parte do Grupo Rintelen puxo en fuga a algunhas unidades eslovacas camiño de Brezno,[53] choque no que os eslovacos perderon precioso material que máis tarde botaron en falta para armar a parte dos insurrectos.[54] O 3 de setembro, as forzas alemás tomaron Telgárt.[54]

No norte, o kampfgruppe Volkmann —outra unidade temporal co tamaño aproximado dun batallón— tratou sen éxito avanzar cara o sur ao longo do val do Orava, manobra que resultou imposible polo escarpado do terreo e a resistencia dos partisanos, que lograron deter o kampfgruppe en Trstená.[54]

Desarme do Exército Oriental e control da zona oriental editar

Con Malár en Bratislava, os seus xefes de división tendo acatado a súa orde de paralizar un posible alzamento e Talský en territorio baixo control soviético, as dúas divisións do Exército Oriental encontrábanse desorientadas.[44] Mentres, o 1.o Exército Panzer creara o kampfgruppe Mathias con elementos de diversas unidades e uns 1 200-1 300 homes co obxectivo de arrebatar aos eslovacos o control do porto de Dukla nun ataque dende o norte e desarmar á 1.ª División de Infantaría eslovaca.[52] Este movemento coordinaríase co outro do Koruck[b] 531 que, dende Úzhgorod no sur, atacaría á 2.ª División de Infantaría e ao Rexemento Blindado eslovacos.[52] Ao mesmo tempo, outra unidade de 5 000 homes creada a toda presa en Košice preparábase para avanzar cara ao nordés e asaltar as posicións de retagarda do Exército Oriental eslovaco, mal defendidas.[52] O obxectivo desta unidade era o cuartel do Exército Oriental en Prešov e diversas unidades menores acuarteladas nas proximidades.[52] Arredor das 13:00 do 31 de agosto, e grazas ao uso dun tren blindado e diversos vehículos, o xeneral de división Josef Rintelen, ao mando das tropas reunidas en Košice (o Grupo Rintelen), entrou en Prešov e ocupou o cuartel xeral do Exército Oriental e con el as comunicacións da unidade, o que conduciu á descoordinación e parálise das súas formacións.[45] Malár regresou á localidade a media tarde e foi arrestado polos alemáns.[45] Estas accións permitiron ás unidades alemás desarmar sen encontrar resistencia ao groso das dúas divisións eslovacas.[45] Os rebeldes perderon a maioría dos 46 000 homes que formaban o Exército Oriental e as súas unidades anexas, os mellores e mellor equipados de todas as forzas armadas eslovacas.[45] Só algúns miles de homes se uniron individualmente aos partisanos e outros 2 000 lograron cruzar o cerco alemán e chegar ao territorio baixo control rebelde no centro do país.[45]

Situación a comezos de setembro editar

Situación de Tiso e os alemáns editar

A mediados de setembro, os alemáns fixéranse co control das zonas occidental e oriental; no norte e oeste ocupaban os vales do Váh e do Hornád e no sur, o estratéxico ferrocarril Bohumín-Košice.[1] Os alemáns lograran desarmar ás dúas divisións eslovacas nos Cárpatos nos primeiros días do levantamento.[29] O resto das forzas eslovacas eran de calidade inferior.[13] A descoordinación eslovaca e a pasividade dalgúns dos seus altos oficiais conduciran á captura ou dispersión de preto de 44 000 homes no leste e outros 12 000 no oeste sen apenas dano para os alemáns; as forzas de Golian quedaron reducidas a uns 16 800[49] soldados de calidade menor aos capturados e uns 2 000 partisanos mal armados, cercados na parte central do país.[54] A zona alzada encontrábase separada das forzas soviéticas por un amplo territorio controlado firmemente polas unidades alemás;[1] o alzamento quedara restrinxido ao centro do país.[43]

Tiso, que consideraba o alzamento como un intento de golpe de Estado comunista, solicitara axuda a Alemaña.[7] O contraataque alemán, ben planeado, fora rápido e efectivo.[41] Diversas unidades penetraran en territorio eslovaco dende Austria, Moravia, Silesia e Polonia.[41] Ao mesmo tempo, o presidente eslovaco mostrara grande iniciativa para tratar de manter a lealdade dalgunhas gornicións do val do Váh, ao contrario que Čatloš, quen, aínda que presuntamente decidido a levar a cabo unha insurrección, mostrouse pasivo unha vez que esta estalou.[54] Tardiamente, tralo arresto de Malár polos alemáns e sen tropas, voou a territorio insurrecto o 2 de setembro, onde o detiveron antes de ser enviado a territorio baixo control soviético o 14 de setembro.[47] Coa detención do xeneral Jurech polos alemáns o 5 de setembro, o Exército eslovaco quedou privado de calquera xeneral capaz de dirixir as operacións militares precisas para soster o alzamento.[47]

No leste, o Grupo de Exércitos do Norte de Ucraína retirou á maioría dos efectivos destinados a esmagar a rebelión unha vez sufocada esta na zona adxacente á fronte e reforzou as súas posicións ante a previsión dun ataque soviético para socorrer aos rebeldes eslovacos.[48] A única unidade que permaneceu na zona para enfrontarse a estes foi o kampfgruppe 68, parte do Grupo Rintelen, reforzada por voluntarios da minoría alemá local recrutados polas SS, que recibiu ordes de manterse á defensiva protexendo Poprad e Telgárt.[48]

Situación dos insurrectos editar

O tamaño do 1.o Exército Checoslovaco medrou rapidamente dos preto de 16 000 soldados do Exército de Reserva que se uniron á rebelión ata os preto de 47 000 a finais de setembro (de dezaoito a corenta e tres batallóns).[55] A maioría dos novos recrutas recibiran escaso adestramento, o que se reflectiu nos combates.[55] A cantidade e calidade dos oficiais eran do mesmo xeito escasas, e frecuentemente oficiais de insuficiente gradación tiñan que dirixir unidades que carecían de mandos da gradación habitual no exército regular.[55] A artillaría era relativamente abundante mais, en xeral, estaba obsoleta.[56] O material antitanque era especialmente escaso —xunto coas radios de campaña— e os eslovacos tiveron que confiar na dificultade do terreo para frear as unidades blindadas alemás.[56] Os rebeldes contaban ademais con arredor de sesenta avións de diversos tipos que fuxiran das zonas ocupadas polos alemáns no norte e o oeste do país.[56] A maioría dos aparellos (e os cinco que devolveron os soviéticos dos que fuxiran os primeiros días do alzamento), tiveron que enfrontarse á Luftwaffe en inferioridade durante as tres primeiras semanas da rebelión.[57] Ao comezo, os alemáns tiveron que empregar unidades en adestramento para enfrontarse aos rebeldes e carecían de cazas, o que permitiu aos eslovacos derribar algúns aparellos inimigos, a pesar de non poder evitar as incursións aéreas alemás pola escaseza de armamento antiaéreo.[57] Pola súa banda, os partisanos eslovacos eran xa 6 770 o 7 de setembro, con veteranos da fronte oriental na dirección das unidades, aínda que en xeral os novos guerrilleiros eran moi novos e carecían de experiencia e disciplina, o que limitou a súa efectividade nos combates.[56] O CNE obrigou a Golian a entregar armamento do exército regular ás unidades partisanas.[56]

A mediados de setembro, os rebeldes —uns 60 000 homes recoñecidos polos Aliados como forzas combatentes, delas uns 48 000 soldados regulares e 12 000 partisanos—[2][58] controlaban grandes zonas da Eslovaquia central e oriental,[7] incluíndo dous aeroportos.[9] A Forza Aérea Soviética comezou a enviar abastecemento por aire e a evacuar aos feridos aos territorios baixo o seu control.[9] As forzas de Golian, ascendido a xeneral de brigada, recibiron o nome de 1.o Exército Checoslovaco, e integráronse formalmente no Exército checoslovaco.[41] Golian permaneceu ao mando ata a chegada, o 7 de outubro, do xeneral Rudolf Viest dende Londres,[59] momento no que se converteu en lugartenente deste.[41] Viest non fora capaz de arrebatar o mando do 1º Corpo de Exército checoslovaco aos soviéticos e chegou a relevar a Golian cando xa a supervivencia do levantamento se consideraba difícil.[60] O obxectivo de Viest era tomar o control de todas as unidades, regulares e guerrilleiras, e sometelas a un mando dependente do Goberno no exilio.[59]

Durante a segunda semana do mes, a fronte encontrábase relativamente estabilizada e as operacións alemás, tan efectivas os primeiros días do alzamento, non lograban realizar xa rápidos avances fronte á reforzada resistencia eslovaca.[61] Aínda que lograran eliminar as mellores unidades rebeldes e reducir algo a extensión da insurrección, non foran capaces de esmagala por completo en poucos días, como confiaban ter feito dada a escasa resistencia eslovaca dos primeiros días do alzamento.[62] Na seguinte fase da loita, os combates centráronse en controlar os vales cara á montañosa zona central do país.[62]

 
Mapa coa situación durante os primeiros días do alzamento e coa dirección da contraofensiva alemá de setembro e outubro.

Problemas da rebelión editar

Falta de apoio Aliado editar

Beneš reuniuse con Stalin e Molotov en Moscova en decembro de 1943 para asegurar o apoio soviético para o levantamento. Os Aliados occidentais rexeitaron as peticións checoslovacas de apoio, tanto por considerar as operacións en Eslovaquia secundarias como polo apoio soviético do que xa gozaba o levantamento.[9] Mentres que os soviéticos aprobaban o levantamento dende un punto de vista militar, desconfiaban das súas consecuencias políticas polo carácter mixto da súa dirección, que non se encontraba completamente en mans dos comunistas checoslovacos, senón que incluía políticos considerados hostís.[63] Pola súa banda, os Aliados occidentais apoiaban politicamente o alzamento, mais non estaban dispostos a enviar axuda militar á zona.[63]

O 31 de agosto, Jan Masaryk, ministro de Exteriores checoslovaco, solicitou persoalmente axuda aos Aliados en Londres.[63] Desexaba que os Aliados bombardearan certos obxectivos en Alemaña e Eslovaquia e que se recoñecera as forzas rebeldes como forzas regulares combatentes para que se lles aplicara a Convención de Xenebra.[63] O 7 de setembro, os estadounidenses aceptaron a segunda solicitude, acción que secundaron os británicos pouco despois.[63] No aspecto militar, británicos e estadounidenses amosáronse, con todo, reticentes a contribuír con forzas.[64] Realizaron algúns voos, tanto de bombardeo como para evacuar a pilotos derribados ou achegar algunhas armas e medicinas[65] que lograran alcanzar as posicións dos rebeldes eslovacos mais, o 22 de setembro, o mando estadounidense decidiu non empregar as súas forzas no apoio da insurrección e deixar o auxilio a esta aos soviéticos.[64] Rexeitaron ademais participar na petición británica a Moscova de axudar aos rebeldes.[64]

O Goberno soviético non respondeu á solicitude británica, mais si brindou un apoio limitado aos insurxentes.[64] As súas forzas achábanse a uns 105 km do territorio rebelde cando estalou o levantamento.[32] O 22 de setembro, Moscova emitiu un comunicado recoñecendo tamén o carácter de forzas combatentes dos rebeldes.[66] Os soviéticos comezaron a enviar material militar especialmente necesario aos eslovacos (principalmente metralladoras e material antitanque) xa o 5 de setembro (tres días despois da petición formal checoslovaca),[49] mais entregárono principalmente ás unidades partisanas, non ás regulares.[67] Aceleraron ademais o transporte de unidades partisanas a Eslovaquia.[49] Do mesmo xeito, os soviéticos enviaron o 1.o Escuadrón Aéreo checoslovaco —con vinte e un cazas—[67] á zona, aínda que se negaron a devolver os trinta e oito aparellos que fuxiran a territorio soviético ao comezar a rebelión.[66] Só cinco deles regresaron como parte dun escuadrón combinado.[53] Parte do persoal evacuado cos avións eslovacos, con todo, recibiu formación acelerada en novos aparellos soviéticos.[53] Os aparellos enviados polos soviéticos realizaron varios centos de operacións e reverteron a situación anterior nos ceos eslovacos: dende o 21 de setembro, os insurrectos gozaron de superioridade aérea fronte aos alemáns.[67] Tamén enviaron a 2.ª Brigada Paracaidista checoslovaca, unha unidade de 2 800[65] soldados ben adestrados e abastecidos que, con todo, foi chegando ao territorio rebelde moi lentamente a partir do 15 de setembro —dúas semanas despois da petición formal checoslovaca de axuda, transportouse en seis semanas—[65] e non puido combater como un grupo compacto.[66] Do mesmo xeito, entregaron certa cantidade de armamento lixeiro e 150 canóns antitanque que, desgraciadamente para os insurrectos, amosouse ineficaz contra as unidades blindadas alemás de tamaño medio e grande.[66]

Diferenzas na rebelión editar

 
Forzas eslovacas amotinadas toman parte no alzamento.

Axiña xurdiron as diferenzas entre demócratas —que gozaban de maior apoio popular— e comunistas no CNE.[41] Mentres os primeiros trataban de concentrarse no combate contra os alemáns, os segundos desexaban avanzar no seu obxectivo de facerse co poder, mediante o logro dunha maioría tanto nos organismos administrativos como no apoio popular.[41] Os comunistas propuxeron sen éxito reformar o Exército tomando como modelo o soviético e implantar un sistema de comisarios políticos;[67] os demócratas e os mandos do Exército rexeitárono.[1]

Cun cerco cada vez máis estreito, as accións dos partisanos cobraron importancia; o seu control achábase en disputa: o mando militar eslovaco agardaba que as unidades partisanas se lle sometesen e fustrigasen a retagarda inimiga mais, en realidade, a maioría seguía actuando ás ordes do mando soviético en Kíiv.[1] Incapaces de controlar o Exército regular, os comunistas trataron de converter as unidades partisanas nunha forza armada rival baixo o seu control.[63] Para resolver as diferenzas e lograr unha mellor coordinación entre as unidades regulares e as partisanas, o CNE creou o 12 de setembro un Consello Militar que,[67] con todo, se mostrou incapaz de lograr estes obxectivos, en especial pola dobrez dos representantes comunistas.[63] O 16 de setembro, o comandante das unidades partisanas obtivo o mesmo rango que Golian e as súas forzas deixaron de depender do Exército regular.[67] Se ben o primeiro comandante foi un comunista eslovaco, máis tarde a este sucedeuno no cargo un coronel soviético o 28 de setembro.[67][59]

Pola súa banda, o Goberno checoslovaco rexeitou a proposta do seu embaixador en Moscova de solicitar aos soviéticos un xeneral que tomase o mando de todas as forzas en Eslovaquia e tratou sen éxito de subordinar o mando das unidades checoslovacas formadas na URSS a Viest, o que produciu novas tensións entre Moscova e o Goberno de Edvard Beneš.[68]

Batalla nos Cárpatos editar

 
O mariscal soviético Iván Kónev, que dirixiu as infrutuosas operacións de socorro ao levantamento eslovaco. A pesar das numerosas baixas sufridas ao tentar cruzar os Cárpatos, as súas forzas non lograron alcanzar as posicións eslovacas. Logo de que se esmagara a rebelión, recibiu críticas pola súa preferencia por armar ás unidades partisanas fronte ás regulares e por outras actuacións, consideradas por algúns autores unha sabotaxe ao levantamento.

O 1 de setembro, nas súas conversas co mariscal Koniev, Talský seguía afirmando que un ataque soviético á fronte carpática podería contar co apoio do Exército Oriental eslovaco, para entón xa desarmado polos alemáns.[43] Baseándose na información do coronel eslovaco, Koniev solicitou permiso a Stalin para lanzar o ataque logo dunha semana de preparativos, e obtivo o permiso do alto mando soviético (4[49] de setembro).[69] A operación, que debía servir de apoio ás actividades partisanas e ao levantamento das unidades regulares eslovacas, tería como eixe ofensivo a liña Krosno-Dukla-Tilyava.[69] Ao ataque, que incluiría unidades da 1.ª Fronte Ucraína e da 4.ª Fronte Ucraína, asignaríase ademais o 1º Corpo do Exército checoslovaco, como tería solicitado Koniev.[69] O plan confiaba en todo momento na cooperación das unidades regulares eslovacas,[69] que debían facilitar o avance soviético mediante a toma de varios portos de montaña.[49]

O 8 de setembro, a 1.ª Fronte Ucraína iniciou unha ofensiva contra as unidades alemás que defendían Krosno.[70][71] O plan consistía en romper a fronte nesta localidade, atravesar o porto de Dukla e dirixirse cara a Poprad e Prešov nuns cinco días, pero dependía da cooperación do Exército Oriental eslovaco, que para entón os alemáns tiñan desarmado.[70] A 1ª Fronte estaba naqueles momentos escasa de homes e material, e tivo que improvisar o plan de ataque en menos dunha semana, que consistiu principalmente nun ataque frontal ás fortes defensas dos Cárpatos —ao comezo máis fortes polo escarpado do terreo e a veteranía e habilidade do mando alemán que polo número de tropas presentes— por parte do 38.º Exército,[71] apoiado máis ao sur polo 1.o Exército de Gardas.[70] O dispoñer das liñas férreas polonesas e húngaras para reforzar a fronte fixo que o control de parte da principal liña férrea eslovaca polos insurrectos non impedira aos alemáns o abastecemento e fortalecemento deste sector, no que a mediados de mes dobrárase o número de tropas.[72] Aínda así, o 11 de setembro, os soviéticos lograran capturar Krosno e romper a segunda liña defensiva alemá, pola que penetrou un corpo de cabalería do 1.o Exército de Gardas ao día seguinte.[72][71] Para entón, xa non se contaba co apoio do Exército eslovaco, a resistencia alemá era cada vez maior, os soviéticos aínda debían cruzar o principal porto de montaña e o plan orixinal estaba a punto de fracasar.[71] Os alemáns lograron, con todo, deter este avance ao enviar o día 14 á 357.ª División de Infantaría, que lles permitiu recompoñer a fronte e illar ás unidades soviéticas de vangarda que atravesaran as montañas.[72][73] Logo de duros combates e notables perdas, o corpo de cabalería logrou cruzar a fronte de volta ás súas propias liñas o día 19.[72] Para ese momento a ofensiva soviética estaba practicamente detida e os seus escasos progresos non servían para socorrer aos insurrectos.[72][71] A pesar de que os soviéticos conseguiron cruzar de novo a territorio eslovaco o 21 de setembro e tomar o porto de Dukla o 6 de outubro,[59] os alemáns lograron conter o avance ata o 28 de outubro, cando se cancelou finalmente, un día despois do afundimento da rebelión.[72] Soviéticos e checoslovacos trataran sen éxito atravesar os portos dos Cárpatos e a batalla do porto de Dukla custoulles 85 000 baixas[c] e acabou coa vitoria alemá.[3][75] As forzas soviéticas non conseguiron penetrar notablemente en territorio checoslovaco ata seis meses despois.[3] O fracaso da ofensiva deixou aos insurrectos sós fronte ás unidades alemás enviadas para esmagar a rebelión,[74] Aínda que o embate atraeu a uns 12 000 alemáns, que non puideron así participar nas operacións contra os rebeldes.[75]

A pesar de que autores críticos coa actuación soviética durante a insurrección acusaron máis tarde ao Goberno de Moscova de pasividade para permitir aos alemáns acabar co levantamento —acusación tamén realizada acerca do contemporáneo Alzamento de Varsovia—, as forzas soviéticas realizaron verdadeiros esforzos en condicións adversas (falta de apoio militar eslovaco, terreo desfavorable e improvisación no ataque) para romper a fronte, que lles causaron decenas de miles de perdas (arredor de dez veces o número de baixas eslovacas durante o levantamento).[74] Pola súa banda, o 1º Corpo do Exército checoslovaco que participou xunto as unidades soviéticas na ofensiva, perdeu 5 699 homes dos 14 900 que o formaban,[d] unha proporción de baixas notablemente maior que as do Exército eslovaco insurrecto.[74]

Contraofensiva alemá e resistencia eslovaca editar

 
Tanque lixeiro LT vz. 38, un dos modelos dos que dispoñían os insurrectos eslovacos para enfrontarse ás forzas alemás.

A operación quedou baixo a supervisión persoal de Heinrich Himmler, que contou cuns 40 000 homes, entre eles unidades veteranas das SS, para esmagar o levantamento.[3] Os alemáns crearon o novo «Mando Alemán en Eslovaquia» o 31 de agosto, que presidiu o SS-Obergruppenführer Berger do próximo centro de adestramento de Waffen-SS en Bohemia e Moravia por insistencia de Himmler.[48] Berger, bo organizador, carecía, con todo, de experiencia en operacións de campaña, e subestimou a resistencia dos insurrectos.[76]

Os primeiros días ao mando da operación contaba cuns 12 000 homes, divididos en cinco unidades: o kampfgruppe Wildner (900 soldados), o kampfgruppe Schill (2 400), o kampfgruppe Volkmann (1 000), o kampfgruppe Schäfer (2 400) e a División Panzer Tatra (5 000).[76]

No oeste, unha unidade SS cruzou a fronteira dende Moravia e tomou Trenčín.[77] Mentres, a fronteira sur eslovaca seguía en calma pola decisión húngara de non intervir na loita.[77] Unhas das primeiras operacións foron as que permitiron aos alemáns retomar o control de dúas importantes vías férreas: Žilina-Bratislava e Žilina-Košice. Lograron capturar a primeira logo de seis semanas e a segunda tras cinco de duros combates.[42] Só a captura de Žilina, importante nó ferroviario, levou dúas semanas.[42] A toma do control da primeira liña levouse a cabo mediante un movemento de pinza dende o norte e dende o sur;[42] no último momento, o groso das unidades checoslovacas retirouse cara ás faldras dos Tatra para evitar o cerco alemán e só se deixou atrás a algunhas unidades de partisanos.[46]

No avance cara a Strecno, a División Panzer Tatra tivo que vencer unha forte resistencia eslovaca que, a pesar das deficiencias no armamento e as numerosas baixas, conseguiu deter[77] o avance alemán entre o 31 de agosto e o 4 de setembro, cando os alemáns lograron expulsar aos defensores eslovacos das súas posicións na montaña grazas a movementos polos flancos.[76] Os eslovacos, que perderon importante material no choque, tiveron que retirarse ás aforas de Martin.[78] A resistencia eslovaca neste sector, aínda así, detivo o avance alemán en Vrútky; a División Panzer Tatra permaneceu inmóbil durante as dúas semanas seguintes.[78] Pola súa banda, os sucesivos ataques eslovacos do 5, 7 e 9 de setembro, algúns realizados polas forzas regulares e outros polas partisanas, tampouco lograron expulsar aos alemáns das súas posicións.[79] Este sector estabilizouse ata o 21 de setembro, mais só grazas ao prezo de concentrar a maior parte das forzas blindadas eslovacas nel.[61]

No seu sector oriental, o kampfgruppe Schäfer apenas encontrou resistencia e tomou Liptovský Mikuláš o 5 de setembro e Ružomberok o 6.[78][77] Os intentos eslovacos de retomar esta última localidade fracasaron, mais detiveron o avance do kampfgruppe.[78] Este quedou paralizado polo contraataque eslovaco durante sete semanas e os sucesivos intentos de tomar as posicións inimigas ás aforas de Ružomberok fracasaron repetidamente.[78] Tamén no leste, as forzas eslovacas lograron retomar Telgárt o 5 de setembro na primeira operación de contraataque vitoriosa dos rebeldes,[77] o que aumentou o ánimo das forzas insurrectas.[79]

No suroeste, as forzas rebeldes defendían o amplo val do Nitra con forzas exiguas e mal armadas.[61] O 9 de setembro, e tras certas operacións preliminares, o kampfgruppe Schill asaltou as principais liñas eslovacas e tomou Simonovany Oslany ao día seguinte, con poucas baixas.[61] A chegada do kampfgruppe Wildner ao próximo val do Hron impediu aos eslovacos enviar reforzos ao val do Nitra para tratar de desbaratar o avance alemán nese sector.[61] O kampfgruppe Wildner, formado por restos de unidades destruídas na fronte oriental, limitouse a bloquear o val do Hron durante tres semanas e non asaltou as posicións inimigas.[61]

A defensa eslovaca abandonou a organización en dúas áreas defensivas e distribuíuse en seis grupos tácticos, que permitían maior flexibilidade no uso das forzas dispoñibles.[59]

A ofensiva soviética nas montañas levou aos alemáns a tratar de retomar as vías férreas que conducían á fronte.[80] O kampfgruppe Volkmann logrou atravesar as defensas partisanas no norte e alcanzar Dolný Kubin.[80] O kampfgruppe Schäfer lanzou outro ataque sorpresa cara ao oeste e, logo de forzar a retirada do 6.º Grupo Táctico eslovaco que o defendía, tomou Kraľovany o 14 de setembro, aínda que o 5.º Grupo Táctico eslovaco detivo o seu avance en Šútovo.[80] No suroeste, o kampfgruppe Schill logrou facer retroceder o 4.º Grupo Táctico eslovaco e tomar Nováky o 13 de setembro e Prievidza o día seguinte.[80]

O 20 de setembro, os alemáns lanzaron unha nova ofensiva no sector occidental contra as posicións defendidas polo 5.º Grupo Táctico eslovaco.[67] Con superioridade numérica a pesar da vantaxe que o terreo outorgaba aos defensores, os alemáns lograron debilitar o sector e ameazar Martin.[67] O 5.º Grupo Táctico carecía de reservas para lanzar un contraataque e as súas unidades blindadas eran cada vez máis escasas.[81] A noite do 21 de setembro, o avance da División Panzer Tatra dende o norte, e do kampfgruppe Schill dende o sur ameazaba con deixar rodeado o 5.º Grupo Táctico, e Golian decidiu retiralo e abandonar a defensa de Martin.[81] Como a decisión foi tardía, só os elementos motorizados lograron escapar da pinza alemá; o groso do Grupo tivo que abandonar o armamento pesado e tratar de zafarse do cerco polas montañas, cuberta a súa retirada por unha brigada partisana que sufriu grandes perdas.[81] O 1.o Grupo Táctico substituíu o 5.º Grupo Táctico, que se disolveu pouco despois, na defensa do sector; bloqueou o avance do kampfgruppe Schill, mais non puido impedir que a División Panzer Tatra se unira ao kampfgruppe Schäfer e tomara finalmente o control da principal liña férrea entre o leste e o oeste do país, a pesar de que os eslovacos aínda puideran bombardeala dende as montañas.[81] As perdas desta ofensiva levaron ao CNE a chamar a filas a un novo grupo de reservistas e a tomar o control das operacións militares.[82]

No leste, a ofensiva soviética obrigou os alemáns a debilitar o cerco ao territorio rebelde.[82] Aínda que os alemáns lograron convencer o mando eslovaco de que se enfrontaba a grandes forzas neste sector, cando este finalmente coñeceu a retirada da maioría das forzas alemáns lanzou unha ofensiva o 20 de setembro que levou o 2.º Grupo Táctico eslovaco a 10 quilómetros de Poprad logo dun avance de máis de 38 km; a fronte volveuse estabilizar o 24.[82] Esta ofensiva, a pesar de arrebatar terreo aos alemáns, non conseguiu aliviar a presión alemá sobre o 5.º Grupo Táctico, un dos seus principais obxectivos.[83]

No sur, o kampfgruppe Schill conseguiu rexeitar o 4.º Grupo Táctico eslovaco grazas en parte á colaboración da minoría alemá local.[83] Un contraataque eslovaco a cargo de unidades partisanas e regulares non conseguiu recuperar as posicións perdidas, mais si deter o avance das unidades alemás nas proximidades de Žiar nad Hronom o 26 de setembro.[83] Outro batallón do kampfgruppe logrou infiltrarse na retagarda do 3.o Grupo Táctico e forzalo a retirarse das defensas en Nová Bana, no val do Hron.[83] O 30 de setembro, os eslovacos lograron desbaratar temporalmente o kampfgruppe Schill e rexeitar o seu ataque a Banská Štiavnica, mais pouco despois o CNE decidiu abandonar a localidade ante a falta de reservas para defendela.[83]

A pesar de que a comezos de outubro os eslovacos seguían contando coa vantaxe numérica e territorial, os alemáns seguían estreitando o cerco ao territorio que controlaban pola falta de defensas axeitadas e de recoñecemento dos insurrectos.[83]

Mentres que os eslovacos lograban bloquear calquera avance do kampfgruppe Schäfer, o 2 de outubro o kampfgruppe Schill logrou tomar finalmente Žiar nad Hronom, grazas en parte ao importante apoio da aviación.[84] Os seguintes intentos de tomar Zvolen, con todo, fracasaron pola chegada de reforzos eslovacos.[84] A perda de Žiar cortou as comunicacións férreas e por estrada do 4.º Grupo Táctico eslovaco, que tivo que abastecerse a partir de entón a través da montaña.[84] O 4 de outubro, a División Tatra retomou os ataques contra o 4.º Grupo Táctico eslovaco e rexeitou o seu contraataque.[84] No seu avance, capturou diverso material de artillaría do Grupo e o seu cuartel xeral en Kremnica, obrigándoo a retirarse ao leste.[84]

Ante o consello dos oficiais soviéticos, o mando de Koniev decidiu enviar o groso[73] da 2.ª Brigada paracaidista checoslovaca a tratar de expulsar o kampfgruppe Schill do val do Hron en canto as condicións atmosféricas o permitiron, entre o 6 e o 17 de outubro; nos voos de regreso evacuouse a 784[73] feridos eslovacos.[60] Aínda que se decidiu tamén reforzar a forza aérea co envío de novos cazas e bombardeiros, o mal tempo e o empeoramento da situación militar en terra impedírono.[60]

A chegada dos paracaidistas serviu para estabilizar temporalmente a grave situación nos arredores de Zvolen.[60] Ante a seriedade da situación, non se esperou á chegada de toda a brigada, senón que se enviaron as unidades dispoñibles a rexeitar o kampfgruppe Schill.[60] Mentres que un dos seus batallóns tivo que retroceder ante o embate eslovaco, o outro logrou ameazar o flanco das forzas eslovacas e inflixir importantes perdas a estas durante un contraataque mal executado.[60] Estas operacións conduciron de novo a unha parálise da fronte, xa que ambos os bandos esgotaran as súas forzas.[85] A situación, con todo, era favorable aos alemáns: os eslovacos esgotaran as súas unidades de reserva e a necesidade de soster o lado occidental do perímetro asediado impediu ao 2.º Grupo Táctico eslovaco lanzar unha nova ofensiva cara á fronte oriental.[85]

O 22 de setembro, o mando alemán relevou a Berger e entregou a dirección das operacións ao xeneral Höffle, insatisfeito pola lentitude da supresión do alzamento e o temor de que se estendese ao veciño Protectorado de Bohemia e Moravia.[82][82] Os alemáns enviaron un gran número de tropas ao país para esmagar o alzamento, ademais de mobilizar a minoría alemá.[34] Para retomar o control do país, considerado importante na fronte contra os soviéticos, destináronse sete divisións, tres delas divisións SS blindadas: a 2.ª División SS Das Reich, a 7.ª División de Montaña SS Prinz Eugen e a División Großdeutschland.[42] A situación dos rebeldes empeorou con rapidez.[66]

Últimas operacións editar

O 5 de outubro, Höffle reuniuse con Himmler en Viena e conseguiu que se lle outorgaran importantes reforzos de unidades SS.[85][68] O avance soviético-checoslovaco nos Cárpatos e os plans húngaros de rendición facían necesaria a rápida eliminación da rebelión eslovaca.[68] Dende o sur avanzaría a 18.ª División de Granadeiros SS Horst Wessel,[68] dende o noroeste, a SS-Sturmbrigade Dirlewanger[68] e a 14.ª División de Granadeiros SS faríao desde Žilina.[85] As unidades, numerosas, non eran de gran calidade.[85] A 18.ª División sufrira grandes perdas na fronte oriental e estaba a reformarse cando foi enviada á fronte eslovaca e non contaba con todos os seus efectivos nin co armamento regulamentario.[85] A 14.ª División, tamén duramente castigada polos soviéticos, estaba formada por ucraínos con escaso desexo de enfrontarse aos eslovacos.[85] A Brigada Dirlewanger, formada por criminais, acababa de chegar do brutal esmagamento do Alzamento de Varsovia e non mostraba grande entusiasmo por participar na nova campaña contra os eslovacos.[86] En xeral, as unidades con mellor moral eran as veteranas no esmagamento da rebelión eslovaca.[86] Os alemáns contaban ademais con outras unidades menores na zona; en total, as súas forzas alcanzaban arredor de 48 000 homes.[58] A calidade da maioría, con todo, era baixa.[58] A estas forzas uníronse algunhas unidades leais a Tiso, non como unidades de combate, senón para misións de seguridade na retagarda.[58]

O 9 de outubro, os eslovacos chamaron a filas a unha última quinta, mais isto apenas achegou 2 000 homes e non se contaba xa con armamento que entregarlles nin tempo para adestralos.[87] A mediados de mes, arredor da metade dos 36 000 rebeldes que quedaban carecían de armas de fogo e por primeira vez dende o inicio da campaña os alemáns contaban con superioridade numérica.[87] Os eslovacos perderan para entón o 72 % dos seus tanques e o 80 % da súa artillaría antitanque.[87] Os partisanos contaban cuns 8 090 homes, mais só uns 3 000 se encontraban no territorio baixo control dos insurrectos.[87] Para entón a moral xeral das tropas era baixa.[87] A pesar de que tanto soviéticos como estadounidenses seguiron enviando material ata a terceira semana de outubro, as misións militares estadounidense e británica observaron que se empregaba cada vez menos, síntoma do debilitamento da rebelión.[88]

A operación Panzerfaust, que puxo fin á rexencia do almirante Miklós Horthy en Hungría e implantou un novo Goberno da Cruz Frechada en Budapest, facilitou tamén as operacións alemás en Eslovaquia, xa que permitiu atacar as posicións rebeldes dende o sur.[66][68] As esperanzas de que a revolta en Hungría reforzara á insurrección resultaron efémeras ante a rápida actuación dos alemáns.[85] Os acontecementos en Hungría puxeron fin á tranquilidade do sector meridional da zona rebelde.[85] Os alemáns desencadearon unha contraofensiva o 18 de outubro.[2][68] Importantes columnas blindadas e motorizadas, con apoio aéreo,[88] comezaron un ataque dende o suroeste cara a Banská Bystrica, que se encontraba a uns 30 km da fronte.[46] Os eslovacos detiveron o avance en Biely Potok, mais non lograron facer o mesmo co kampfgruppe Schill, que avanzou dende Banská Štiavnica pola montaña, derrotou ás febles unidades partisanas que defendían o sector e tomou Krupina o 18.[88] O 3.o Grupo Táctico empregou as súas últimas reservas en deter o kampfgruppe Schill ao día seguinte, mais os seus contraataques fracasaron o 21 e 22 de outubro.[89] No leste, as unidades alemás fixeron retroceder ao 2.º Grupo Táctico.[89] A derrota principal para os eslovacos inflixiuna a 18.ª División, que logrou romper a fronte, defendida por febles forzas, repeler os contraataques eslovacos e tomar Cervená Skala, embolsando ás unidades que defendían Telgárt.[89] Esta tivo que evacuarse e as forzas que a defendían tiveron que tratar de fuxir pola montaña e abandonar o armamento pesado.[90] A perda da localidade, lugar da principal vitoria militar rebelde, supuxo un duro golpe ao ánimo dos insurxentes.[90] Outras unidades da 18.ª División tomaron outras localidades, novamente tras encontrar só febles defensas no sector sur da fronte.[91] Un dos principais problemas dos eslovacos era a falta de reservas; isto facía que, aínda que lograran soster algunhas partes da fronte, non contaran con forzas para defender outras.[91] Viest tratou de recortar a fronte para obter tropas de reserva, mais o avance alemán nos días seguintes impediulle realizar unha reorganización ordenada das súas forzas[91] O 24, unidades da 18.ª División encontrábanse a 18 km de Banská Bystrica, tras desbaratar as posicións defensivas do 2.º Grupo Táctico.[91] O 3.o Grupo Táctico tamén se encontraba en disolución e en retirada, castigado polos continuos ataques alemáns.[92] As unidades eslovacas non conseguían xa deter o avance alemán, só atrasalo.[92] O último intento de empregar as unidades partisanas para castigar a retagarda alemá fracasou e os avións eslovacos tiveron que fuxir a territorio soviético o 25 de outubro.[92] O 26 de setembro, o kampfgruppe Schill tomou Zvolen e esixiu a rendición eslovaca, que non obtivo.[92] A loita foi encarnizada mais, tras tres semanas de combates, os alemáns conseguiran romper as liñas eslovacas.[46]

Os insurxentes tiveron que evacuar Banská Bystrica o 27 de outubro,[2][29][66][32] capturada a mesma mañá polas forzas alemás.[46][92][93] Os rebeldes, entre os que se contaban axentes da OSS e as SOE, comezaron unha guerra de guerrillas nas montañas contra as forzas alemás.[2][29][94] O 28 de outubro, Viest enviou unha mensaxe a Londres na que afirmaba a súa resolución de continuar a resistencia, mais non xa con unidades regulares, senón con bandas[93] guerrilleiras.[66][95] A finais de mes, os alemáns recuperaran o control de todas as principais vías de comunicación eslovacas, mais os soviéticos lograran finalmente cruzar os Cárpatos, tomar Rutenia e alcanzar as fronteiras eslovacas.[46]

Consecuencias editar

 
Monumento ao Alzamento en Banská Bystrica, centro da rebelión de 1944.

Os partisanos, xunto cos restos das forzas regulares, continuaron a súa loita nas montañas.[96] As accións de acoso aos alemáns continuaron ata a chegada das forzas soviéticas.[96] Para Alemaña, o levantamento, aínda que fracasado, produciu desagradables consecuencias: o país deixou de ser unha ruta segura para os movementos das súas tropas e un bastión na súa retagarda; perdeu ademais o apoio das forzas militares eslovacas nun momento de grande escaseza de homes nas distintas frontes.[96] As principais unidades empregadas en sufocar a rebelión foran de retagarda ou encontráranse en reconstrución, o que fixo que o levantamento apenas debilitase a fronte.[6] Unha vez esmagada, os alemáns tiveron que empregar algunhas das súas propias unidades en ocupar o territorio e enfrontarse aos guerrilleiros, xa que non podían contar xa co Exército eslovaco.[96][6]

Os alemáns lograran esmagar a rebelión grazas á mellor dirección das súas tropas —frecuentemente de mala calidade e menores en número que as do inimigo—, ao mellor armamento pesado e comunicacións e ao éxito das primeiras operacións, que illaron os rebeldes das forzas soviéticas.[97]

O precipitado do alzamento e a falta de coordinación co mando soviético fixo que as forzas da URSS non se encontrasen preparadas para brindar unha axuda inmediata.[97] A ofensiva en axuda dos rebeldes, que resultou un fracaso, custoulles aos soviéticos numerosas baixas, máis que as sufridas polos propios rebeldes durante os meses de alzamento e non logrou mellorar a situación destes.[97]

A minoría alemá, que contara cunha situación privilexiada dende a independencia do país grazas ao apoio do Reich, sufriu grandes atrocidades durante o alzamento.[34] A evacuación da minoría alemá, planeada xa antes do levantamento ante o continuo avance soviético, acelerouse a causa daquel.[34] A poboación rural eslovaca e, en especial, a comunidade xudía,[8] foi vítima da represión dos einsatzgruppen enviados á zona logo da fin dos combates.[3] Os alemáns retomaron as deportacións de persoas xudías e entre 12 000 e 13 000 foron enviadas aos campos de concentración, que Tiso non evitou a pesar das protestas do Vaticano.[98] A pesar das advertencias Aliadas ás autoridades alemás sobre a condición de combatentes dos insurxentes, estas desencadearon unha campaña de represalias brutais tanto contra os rebeldes capturados como contra a poboación civil.[96] Estas operacións de represalia causaron milleiros de mortos e produciron a deportación a campos de concentración dunhas 30 000[96][e] persoas.[3] Entre o comezo do alzamento e a chegada das forzas soviéticas, calcúlase que perderon a vida uns 7 500 soldados, 2 500 partisanos e 3 723 civís, estes últimos asasinados e enterrados en fosas comúns.[96] No mesmo período, 60 localidades foron completamente incendiadas e outras 142 sufriron unha destrución parcial.[96]

O 3 de novembro, os alemáns capturaron a Golian e Viest en Pohronský Bukovec e executáronos.[2][93] Os superviventes dos grupos de SOE e OSS enviados á rexión uníronse e enviaron unha mensaxe na que solicitaban sen éxito socorro inmediato; grazas á axuda dos eslovacos, conseguiron esconderse nunha aldea recóndita.[2] Os alemáns acabaron por capturalos o 25 de decembro; algúns foron axustizados inmediatamente, mentres que outros foron enviados ao campo de concentración de Mauthausen, onde foron torturados e executados.[2] Höffle, responsable da última fase do esmagamento da rebelión, foi extraditado a Checoslovaquia en 1948, condenado por crimes de guerra, e aforcado en Bratislava.[5] Tamén o foi Tiso, o 19 de abril de 1947, acusado entre outros cargos de complicidade nas deportacións de persoas hebreas eslovacas.[99]

A vitoria alemá só esmagou a eventual caída do réxime pronazi.[7] O Goberno proalemán permaneceu no poder (xa puramente nominal)[29] ata a liberación en 1945, que comezou cunha nova ofensiva do Exército soviético en xaneiro.[7] En decembro de 1944, as tropas de Romanía e a Unión Soviética expulsaron as unidades alemás de Eslovaquia meridional durante a Batalla de Budapest. O 19 de xaneiro de 1945, o Exército Vermello tomou Bardejov, Svidník, Prešov e Košice no leste de Eslovaquia. Entre o 3 e o 5 de marzo apoderárase do noroeste de Eslovaquia. O 25 de marzo entraron en Banská Bystrica e o 4[100] de abril, en Bratislava.

O levantamento permitiu aos eslovacos contarse entre os vencedores da guerra mundial e borrar a anterior alianza con Hitler.[2][101] Durante o período de goberno comunista, estes trataron de arrogarse o mérito do alzamento e atribuíron o seu fracaso aos «elementos burgueses» e os seus aliados occidentais.[2][13][93] Celebrouse o levantamento en películas, placas conmemorativas ou construcións.[2] Pola súa banda, os emigrados anticomunistas acusaron erroneamente[102] os soviéticos de facer fracasar a rebelión.[93]

Notas editar

  1. Pola súa banda, outros autores afirman que Talský non ordenou ás unidades resistir aos alemáns e que, co groso da forza aérea eslovaca (trinta e oito avións en lugar de vinte e seis), abandonou as dúas divisións e cruzou ao territorio baixo control soviético.[1]
  2. Unha unidade alemá de vixilancia da retagarda.[52]
  3. Axworthy dá unha cifra maior, 126 211 baixas, un terzo dos homes empregados na batalla.[74]
  4. Erickson dá unha cifra algo maior, 6 500 baixas.[75]
  5. Toma dá unha cifra menor, 18 000.[32]
Referencias
  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 Mamatey & Luza 1973, p. 379.
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 2,11 2,12 Brown 2004, p. 44.
  3. 3,00 3,01 3,02 3,03 3,04 3,05 3,06 3,07 3,08 3,09 3,10 Brown 2004, p. 40.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 Brown 2004, p. 39.
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 Axworthy 2002, p. 304.
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 Axworthy 2002, p. 305.
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 7,5 7,6 7,7 7,8 Batowski 1971, p. 316.
  8. 8,0 8,1 8,2 Conway 1974, p. 108.
  9. 9,00 9,01 9,02 9,03 9,04 9,05 9,06 9,07 9,08 9,09 9,10 9,11 9,12 Brown 2004, p. 43.
  10. Mamatey & Luza 1973, p. 371.
  11. 11,0 11,1 11,2 11,3 11,4 Mamatey & Luza 1973, p. 372.
  12. 12,0 12,1 12,2 12,3 12,4 12,5 Mamatey & Luza 1973, p. 293.
  13. 13,0 13,1 13,2 13,3 13,4 13,5 Toma 1959, p. 291.
  14. 14,0 14,1 14,2 14,3 14,4 14,5 14,6 14,7 Erickson 2004, p. 291.
  15. 15,0 15,1 15,2 15,3 15,4 15,5 Axworthy 2002, p. 254.
  16. 16,0 16,1 16,2 16,3 16,4 16,5 16,6 16,7 16,8 Mamatey & Luza 1973, p. 373.
  17. 17,0 17,1 17,2 17,3 Mamatey & Luza 1973, p. 374.
  18. 18,0 18,1 18,2 18,3 18,4 18,5 18,6 18,7 18,8 Toma 1959, p. 292.
  19. 19,0 19,1 19,2 19,3 19,4 19,5 Axworthy 2002, p. 255.
  20. 20,0 20,1 20,2 20,3 Erickson 2004, p. 294.
  21. 21,0 21,1 21,2 Erickson 2004, p. 293.
  22. 22,0 22,1 22,2 Axworthy 2002, p. 256.
  23. 23,0 23,1 Erickson 2004, p. 295.
  24. 24,0 24,1 24,2 24,3 24,4 24,5 Axworthy 2002, p. 258.
  25. 25,0 25,1 25,2 Erickson 2004, p. 292.
  26. 26,00 26,01 26,02 26,03 26,04 26,05 26,06 26,07 26,08 26,09 Axworthy 2002, p. 259.
  27. 27,0 27,1 27,2 27,3 27,4 27,5 Mamatey & Luza 1973, p. 375.
  28. 28,0 28,1 28,2 28,3 28,4 28,5 28,6 Mamatey & Luza 1973, p. 376.
  29. 29,00 29,01 29,02 29,03 29,04 29,05 29,06 29,07 29,08 29,09 29,10 Mamatey & Luza 1973, p. 294.
  30. 30,0 30,1 30,2 Erickson 2004, p. 296.
  31. 31,0 31,1 31,2 31,3 31,4 Erickson 2004, p. 297.
  32. 32,0 32,1 32,2 32,3 32,4 32,5 Toma 1959, p. 290.
  33. Batowski 1971, p. 314.
  34. 34,0 34,1 34,2 34,3 34,4 34,5 34,6 Lumans 1982, p. 293.
  35. 35,0 35,1 Batowski 1971, p. 315.
  36. 36,0 36,1 Axworthy 2002, p. 257.
  37. 37,0 37,1 Axworthy 2002, p. 260.
  38. 38,0 38,1 38,2 38,3 Axworthy 2002, p. 261.
  39. 39,0 39,1 39,2 Mamatey & Luza 1973, p. 377.
  40. 40,0 40,1 Axworthy 2002, p. 263.
  41. 41,00 41,01 41,02 41,03 41,04 41,05 41,06 41,07 41,08 41,09 Mamatey & Luza 1973, p. 378.
  42. 42,0 42,1 42,2 42,3 42,4 Toma 1959, p. 293.
  43. 43,0 43,1 43,2 43,3 43,4 43,5 43,6 Erickson 2004, p. 298.
  44. 44,0 44,1 44,2 44,3 44,4 44,5 Axworthy 2002, p. 266.
  45. 45,0 45,1 45,2 45,3 45,4 45,5 Axworthy 2002, p. 268.
  46. 46,0 46,1 46,2 46,3 46,4 46,5 Toma 1959, p. 294.
  47. 47,0 47,1 47,2 47,3 47,4 47,5 47,6 47,7 Axworthy 2002, p. 271.
  48. 48,0 48,1 48,2 48,3 48,4 48,5 Axworthy 2002, p. 272.
  49. 49,0 49,1 49,2 49,3 49,4 49,5 Erickson 2004, p. 300.
  50. 50,0 50,1 50,2 50,3 Axworthy 2002, p. 264.
  51. 51,0 51,1 Axworthy 2002, p. 265.
  52. 52,0 52,1 52,2 52,3 52,4 52,5 Axworthy 2002, p. 267.
  53. 53,0 53,1 53,2 53,3 53,4 53,5 Axworthy 2002, p. 269.
  54. 54,0 54,1 54,2 54,3 54,4 Axworthy 2002, p. 270.
  55. 55,0 55,1 55,2 Axworthy 2002, p. 278.
  56. 56,0 56,1 56,2 56,3 56,4 Axworthy 2002, p. 279.
  57. 57,0 57,1 Axworthy 2002, p. 280.
  58. 58,0 58,1 58,2 58,3 Axworthy 2002, p. 295.
  59. 59,0 59,1 59,2 59,3 59,4 Erickson 2004, p. 304.
  60. 60,0 60,1 60,2 60,3 60,4 60,5 Axworthy 2002, p. 292.
  61. 61,0 61,1 61,2 61,3 61,4 61,5 Axworthy 2002, p. 276.
  62. 62,0 62,1 Axworthy 2002, p. 277.
  63. 63,0 63,1 63,2 63,3 63,4 63,5 63,6 Mamatey & Luza 1973, p. 380.
  64. 64,0 64,1 64,2 64,3 Mamatey & Luza 1973, p. 381.
  65. 65,0 65,1 65,2 Toma 1959, p. 295.
  66. 66,0 66,1 66,2 66,3 66,4 66,5 66,6 66,7 Mamatey & Luza 1973, p. 382.
  67. 67,0 67,1 67,2 67,3 67,4 67,5 67,6 67,7 67,8 Axworthy 2002, p. 287.
  68. 68,0 68,1 68,2 68,3 68,4 68,5 68,6 Erickson 2004, p. 305.
  69. 69,0 69,1 69,2 69,3 Erickson 2004, p. 299.
  70. 70,0 70,1 70,2 Axworthy 2002, p. 281.
  71. 71,0 71,1 71,2 71,3 71,4 Erickson 2004, p. 302.
  72. 72,0 72,1 72,2 72,3 72,4 72,5 Axworthy 2002, p. 282.
  73. 73,0 73,1 73,2 Erickson 2004, p. 303.
  74. 74,0 74,1 74,2 74,3 Axworthy 2002, p. 283.
  75. 75,0 75,1 75,2 Erickson 2004, p. 307.
  76. 76,0 76,1 76,2 Axworthy 2002, p. 273.
  77. 77,0 77,1 77,2 77,3 77,4 Erickson 2004, p. 301.
  78. 78,0 78,1 78,2 78,3 78,4 Axworthy 2002, p. 274.
  79. 79,0 79,1 Axworthy 2002, p. 275.
  80. 80,0 80,1 80,2 80,3 Axworthy 2002, p. 286.
  81. 81,0 81,1 81,2 81,3 Axworthy 2002, p. 288.
  82. 82,0 82,1 82,2 82,3 82,4 Axworthy 2002, p. 289.
  83. 83,0 83,1 83,2 83,3 83,4 83,5 Axworthy 2002, p. 290.
  84. 84,0 84,1 84,2 84,3 84,4 Axworthy 2002, p. 291.
  85. 85,0 85,1 85,2 85,3 85,4 85,5 85,6 85,7 85,8 Axworthy 2002, p. 293.
  86. 86,0 86,1 Axworthy 2002, p. 294.
  87. 87,0 87,1 87,2 87,3 87,4 Axworthy 2002, p. 296.
  88. 88,0 88,1 88,2 Axworthy 2002, p. 297.
  89. 89,0 89,1 89,2 Axworthy 2002, p. 298.
  90. 90,0 90,1 Axworthy 2002, p. 299.
  91. 91,0 91,1 91,2 91,3 Axworthy 2002, p. 300.
  92. 92,0 92,1 92,2 92,3 92,4 Axworthy 2002, p. 301.
  93. 93,0 93,1 93,2 93,3 93,4 Erickson 2004, p. 306.
  94. Axworthy 2002, p. 302.
  95. Axworthy 2002, p. 303.
  96. 96,0 96,1 96,2 96,3 96,4 96,5 96,6 96,7 Mamatey & Luza 1973, p. 383.
  97. 97,0 97,1 97,2 Axworthy 2002, p. 307.
  98. Conway 1974, p. 109.
  99. Conway 1974, p. 112.
  100. Mamatey & Luza 1973, p. 295.
  101. Axworthy 2002, p. 308.
  102. Brown 2004, p. 45.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar