I Capuleti e i Montecchi
I Capuleti e i Montecchi (en galego Os Montesco e os Capuleto) é unha ópera en dous actos con música de Vincenzo Bellini e libreto en italiano de Felice Romani a partir dunha novela de Matteo Bandello e o libreto de Giulietta e Romeo de Nicola Vaccai. A ópera foi estreada no Gran Teatro La Fenice de Venecia o 11 de marzo de 1830.[3][4]
I Capuleti e i Montecchi Os Capuleto e os Mentesco | |
---|---|
Romeo e Xulieta no balcón nun cadro de Dicksee. | |
Forma | Ópera |
Actos e escenas | 2 actos |
Idioma orixinal do libreto | Italiano |
Libretista | Felice Romani |
Fontes literarias | Baseado na novela de Matteo Bandello do século XVI e na obra de Luigi Scola de 1818[1] |
Estrea | 11 de marzo de 1830 |
Teatro da estrea | La Fenice |
Lugar da estrea | Venecia |
Duración | 2 horas 15 minutos[2] |
Música | |
Compositor | Vincenzo Bellini |
Localización da partitura | Museo Belliniano, Catania |
Personaxes | |
Esta ópera contén un esixente papel travestido para a mezzosoprano, como o demostra Se Romeo t'uccise un figlio. A romanza de Giulietta O quante volte expresa o seu amor por Romeo e o seu dilema. A ópera foi composta en seis semanas e tanto o libretista como o compositor empregaron material anterior.[5]
É unha ópera á altura de La sonnambula que quizais non se prodigou tanto nos escenarios e nas discográficas por mor da dificultade para os cantantes, non só para o dúo protagonista.
Historia
editarComposición
editarMoitas persoas pensan que a ópera está baseada na traxedia de Romeo e Xulieta de Shakespeare, mais as diferenzas son moi notables, e os historiadores afirman que só algunhas das súas traxedias chegaran a Italia na época na que foi escrita e que nin Bellini nin Romani coñecían a obra. Está baseada en fontes italianas orixinais que datan do século XVI, incluíndo unha historia curta de Matteo Bandello, da colección Le novelle de 1554, seguramente a través de Belleforest e Pierre Boaistuau. Romani reescribiu para Bellini o libreto de Giulietta e Romeo que fóra escrito orixinalmente para Vaccai, que bebía da obra Giulietta e Romeo de 1818 por Luigi Scevola, e que tamén musicara E. Torriani. A escena da tumba da ópera de Vaccai ás veces representouse coa ópera de Bellini. O tema era moi popular en Italia: houbo libretos máis antigos de Luzzi para Marescalchi (1785, Venecia), Foppa para Zingarelli (1796, Milán) e Buonaiuti para P. C. Guglielmi (1810, Londres). O primeiro libreto en italiano expresamente baseado na obra de Shakespeare foi o de M. M. Marcello, para Romeo e Giulietta de Marchetti (1865, Trieste).
Estando en Venecia para preparar a estrea local de Il pirata con Giuditta Grisi como Imogene, convenceron a Bellini para que escribira a ópera para a tempada de carnaval de 1830 logo de que o Gran Teatro La Fenice (Venecia) fóra rexeitado por Giovanni Pacini. Bellini só dispuxo de mes e medio para escribila (comezou o 20 de xaneiro), polo que tanto el como o libretista empregaron material anterior.[5] Escribiu o papel de Romeo para Grisi (cuxa presenza, xunto cunha compañía relativamente feble en homes, puido ter convencido para a elección do tema); raramente baixa de "do". Giulietta foi cantada por Maria Caradori-Allan, Tebaldo por Lorenzo Bonfigli e Lorenzo por Ranieri Pocchini Cavalieri. Bellini pretendera que o papel de Lorenzo fora para un baixo, mais no acto primeiro da partitura autógrafa traspuxo o papel para tenor, e no acto segundo o papel está escrito enteiro en clave de tenor. Aínda que estes trocos posiblemente se fixeron para Senigallia (verán de 1830), Cavalieri, o cantante da estrea, parce ter sido un tenor. As partituras publicadas e a meirande parte das representacións asignan hoxe o papel a un baixo.
Bellini conseguiu escribir a ópera en tan pouco tempo apropiándose en boa medida de música previamente escrita para a súa fracasada ópera Zaira: explicou que "Zaira, silbada en Parma, foi vingada por I Capuleti". "Oh quante volte" de Xulieta no acto I usa a romanza de Nelly "Dopo l’oscuro nembo" de Adelson e Salvini (1825, Nápoles).
Representacións
editarA primeira representación de I Capuleti e i Montecchi tivo lugar o 11 de marzo de 1830.[6][7][8]
Bellini preparou unha versión para o Teatro alla Scala de Milán (26 de decembro de 1830), baixando a parte de Xulieta para a mezzosoprano Amalia Schütz-Oldosi. Os libretos máis antigos dividen a ópera en catro partes. En Boloña en 1832 María Malibran substituíu a última parte coa escena da tumba do acto final da ópera de Nicola Vaccai, unha tradición seguida polos Romeos contralto como Alboni (a escena de Vaccai está incluída como un apéndice na partitura vocal de Ricordi). Esta versión se representou en París e Londres con Pasta como Romeo en 1833, mais en Florencia ao ano seguinte Giuseppina Ronzi de Begnis restaurou o final de Bellini. A interpretación de Wilhelmine Schröder-Devrient como Romeo en Leipzig (1834) e Magdeburg (1835) creou unha profunda impresión no xove Wagner.
I Capuleti e i Montecchi foi reposta en 1935, con motivo do centenario da morte de Bellini, en Catania e en 1954 en Palermo, con Giulietta Simionato como Romeo e Rosanna Carteri como Giulietta. En 1966 Claudio Abbado preparou unha versión para La Scala na que un tenor cantou Romeo, Jaime Aragall; o elenco incluíu a Renata Scotto e Margherita Rinaldi alternando no papel de Xulieta e Luciano Pavarotti como Tebaldo. Esta versión foi tamén interpretada en Ámsterdan, Roma e Filadelfia e no Festival de Edimburgo de 1967 mais non se representou máis.
Esta ópera non é moi representada na actualidade, aparecendo nas estatísticas de Operabase con 29 representacións no período 2005-2010, sendo a cuarta ópera de Bellini e a 43ª en Italia.[9]
Personaxes
editarPersonaxe | Tesitura | Elenco na estrea, 11 de marzo de 1930 (Director: ) |
---|---|---|
Romeo | mezzosoprano | Giuditta Grisi |
Giulietta | soprano | Rosalbina Carradori Allan |
Tebaldo | tenor | Lorenzo Bonfigli |
Lorenzo | baixo | Ranieri Pocchini |
Capellio | baixo | Gaetano Antoldi |
Adele | soprano | Marietta Sacchi |
- Data: século XIII
- Lugar: ao redor do pazo de Capellio (Capuleto) en Verona
A historia de Romeo e Xulieta, coñecida grazas a Shakespeare, ten unha orixe italiana anterior. Nesta versión da historia os Capuleto e os Montesco son faccións políticas rivais (güelfa e xibelina respectivamente). Capellio é o pai de Giulietta (Xulieta) e o líder dos Capuleto. Giulietta está prometida a Tebaldo, porén, xa se atopou con Romeo, o líder dos Montesco, e namorou del. Isto é un segredo para todos salvo Lorenzo, o seu médico e confidente. Para complicar máis as cousas, Romeo matou sen darse de conta ao fillo de Capellio (o irmán de Giulietta) nunha batalla.
Acto I
editarEscena 1: O pazo
Capellio e Tebaldo diríxense aos seus seguidores advertíndolles que rexeitaron unha oferta de paz dun enviado de Romeo. Tebaldo vingará a morte do fillo de Capellio para celebrar o seu matrimonio con Giulietta ('È serbata a questo acciaro').
Romeo entra disfrazado como un enviado dos Montesco, ofrecendo a paz garantida por un matrimonio entre Romeo e Giulietta. Capellio rexeita toda idea de paz. Romeo acepta o seu reto de guerra ('La tremenda ultrice spada').
Escena 2: Habitación de Giulietta
Lorenzo dispón que Romeo vaia vela por unha porta secreta. Romeo tenta convencer a Giulietta para que marche con el, mais ela resístese no nome da familia e a honra, declarando que prefire morrer co corazón roto.
Escena 3: Outra parte do pazo
Os Capuleto están celebrando o próximo matrimonio. Recoñecido por Lorenzo, Romeo está disfrazado esperando o apoio dos seus soldados para impedir a voda. No tumulto que segue ao ataque armado dos Montesco, Giulietta ve a Romeo e novamente el lle pide, sen éxito, que escape. Capellio e Tebaldo os descobren, crendo que Romeo é o enviado dos Montesco. Giulietta tenta protexelo, mais el dilles orgullosamente o seu nome. Os Montesco entran a protexelo e os amantes fican separados polas dúas faccións.
Acto II
editarEscena 1: Outra parte do pazo
Giulietta espera novas da loita. Lorenzo dille que Romeo vive, pero que pronto a levarán ao castelo de Tebaldo. Convéncea para que tome unha apócema pola que parecerá estar morta, e organizarao todo para que tanto el como Romeo estean presentes cando desperte. Capellio vai ordenarlle que vaia con Tebaldo ao mencer. Roga a seu pai que a perdone antes de morrer ('Ah! non poss'io partire'). Capellio alármase, e sospeita que Lorenzo está implicado, polo que fai que lo vixíen.
Escena 2: Os subterráneos do pazo
Romeo espera impaciente a Lorenzo. Entra Tebaldo e teñen un acalorado dúo ('Stolto! a un sol mio grido'). Loitan, mais vense interrompidos por un funeral ('Pace alla tua bell'anima'), é o de Giulietta. Cada un dos rivais, cheos de remordemento, pide ao outro que lle dea morte.
Escena 3: As tumbas dos Capuleto
Romeo entra e os seus compañeiros abren a tumba de Giulietta. Romeo despidese dela ('Deh! tu, bell'anima') e toma un veleno. Giulietta esperta e atopa a Romeo sorprendido pola súa morte simulada e ignorante do plan de Lorenzo. Romeo morre e Giulietta, incapaz de vivir sen el, morre sobre o seu corpo. Os Capuleto e os Montesco acusan a Capellio da traxedia.
O manuscrito da Biblioteca do R. Conservatorio di Musica di Napoli prevé a utilización de:
Estrutura
editar- Ouverture
Acto I
editar- 1 Introduzione. Coro e Recitativo
- Coro - Aggiorna appena
- Recitativo - O di Capellio generosi amici
- 2 Cavatina. Terzetto e Coro - È serbata a questo acciaro (Tebaldo, Capellio, Lorenzo)
- 3 Recitativo. Cavatina e Coro
- Recitativo - Ma già vêr noi s’avvia
- Cavatina e Coro - Se Romeo t’uccise un figlio (Romeo)
- 4 Scena e Romanza
- Scena - Eccomi in lieta vesta
- Romanza - Oh! quante volte, oh! quante (Giulietta)
- 5 Recitativo e Duetto - Propizia è l’ora
- 6 Duetto - Sì, fuggire (Romeo, Giulietta)
- 7 Coro e Recitativo
- Coro - Lieta notte, avventurosa
- Recitativo - Deh! per pietà t’arresta
- 8 Quartetto e Finale - Qual tumulto!
Acto II
editar- 9 Scena e Aria con Coro
- Scena - Né alcun ritorna! (Giulietta)
- Aria con Coro - Morte io non temo, il sai (Giulietta)
- 10 Scena e Duetto
- Scena - Deserto è il loco
- Duetto - Stolto! ad un sol mio grido (Tebaldo, Romeo)
- 11 Coro, Gran Scena, Cavatina e Duetto finale
- Coro - Siam giunti
- Cavatina - Deh! tu bell’anima (Romeo)
- Duetto - Ah! crudel! che mai facesti! (Giulietta, Romeo)
Arias célebres
editarGravacións
editarNotas
editar- ↑ Riding, Alan; Dunton-Downer, Leslie (2008). Guías visuales Espasa: Ópera (en castelán) (1.ª ed.). Espasa Calpe, S.A. p. 144. ISBN 978-84-670-2605-4.
- ↑ 2,0 2,1 Guía visual de la Ópera, Espasa.
- ↑ "BELLINI: I Capuleti e i Montecchi". Opera Today (en inglés). 7 de abril de 2006. Consultado o 17 de xullo de 2012.
- ↑ Anderson, Keith (2002). HNH International Ltd., ed. La Ópera de la A a la Z (en castelán). Naxos. p. 658. ISBN 1-84379-034-3.
- ↑ 5,0 5,1 Anderson, Keith La ópera de la A a la Z en Naxos, HNH International Ltd. 2002 ISBN 1-84379-034-3
- ↑ Historia da representación de Operatoday
- ↑ "Argumento de operajaponica". Arquivado dende o orixinal o 22 de novembro de 2005. Consultado o 10 de agosto de 2012.
- ↑ Roddy Swanston,"Review: I Capuleti e I Montecchi, English National Opera, The Barbican, 8-10 de outubro de 2003" Arquivado 19 de febreiro de 2012 en Wayback Machine., Online Review London
- ↑ "Óperas de Bellini en Operabase". Arquivado dende o orixinal o 19 de maio de 2012. Consultado o 17 de xullo de 2012.
- ↑ Esta sección está baseada na sinopses de Simon Holledge publicada en Opera japonica e que aparece aquí con permiso.
- ↑ Manuscrito da Biblioteca do R. Conservatorio di Musica di Napoli[Ligazón morta]
- ↑ Gravacións de I Capuleti e i Montecchi en operadis-opera-discography.org.uk
Véxase tamén
editarA Galipedia ten un portal sobre: Ópera |
Bibliografía
editar- Edizione critica a cura di Claudio Toscani, Milán, Ricordi 2003.
Ligazóns externas
editar- Libreto en italiano con tradución ao español
- Lista das representaciónsArquivado 30 de maio de 2020 en Wayback Machine. en Operabase