Hospital Real de Santiago de Compostela
O Hospital Real de Santiago, tamén coñecido como Grande Hospital Real de Santiago e, nos últimos tempos, como Hospital Xeral de Santiago, ten a súa orixe nunha viaxe que fixeron os Reis Católicos a Santiago de Compostela en 1492, na que advertiron que nesa cidade, a pesar de que contaba con numerosos pequenos hospitais, os peregrinos enfermos estaban mal atendidos, o que os impulsou á creación dun novo e moderno hospital.
Hospital Real de Santiago de Compostela | |
---|---|
Hospital Real de Santiago de Compostela | |
Edificio | |
Nome inicial | Gran Hospital Real |
Tipo | Hospital, hospicio |
Estilo | Renacentista, plateresco |
Enderezo | Praza do Obradoiro |
Localización | Santiago de Compostela |
Coordenadas | 42°52′53″N 8°32′45″O / 42.881388888889, -8.5458333333333 |
Uso(s) | Parador de Santiago |
Construción | |
Inicio | 1492 |
Construción | 1501 |
Remate | 1511 |
Remodelación | século XVII |
Dimensións | |
Plantas | planta terrea e tres andares |
Equipo | |
Arquitecto(s) | Henrique Egas (tamén Martín de Blas e Guillén Colás) |
[ editar datos en Wikidata ] |
Os peregrinos, ao presentaren a compostela dilixenciada, coa credencial debidamente cuberta[1][2] adquirían o dereito a seren hospedados gratuitamente durante tres días. Xustamente o termo hospital refírese a esta primeira función que tiveron estas institucións. Durante a Idade Media os hospitais desempeñaban as funcións de albergar aos peregrinos ou seren asilos para os pobres. A palabra hospital deriva da latina hospes, que significa estraño ou estranxeiro e, polo tanto, un convidado; de hospes pasou a hospitalia, para significar "departamento para visitas de forasteiros", e de hospitalia derivou hospital.[3]
Para poderen construílo e mantelo, os Reis Católicos instituíron un Real Padroádego en 1499, que dotaron cun terzo das rendas do Voto de Santiago do Reino de Granada.
Contexto
editarAtención aos necesitados na Antigüidade e na Idade Media
editarNa Idade Antiga e na Idade Media non había hospitais. No mundo antigo os enfermos eran coidados na súa casa, na casa dos médicos, en santuarios, ou ben arredor de fontes termais. Estes últimos centros estiveron conectados con lugares de culto durante toda a Idade Media, tanto no occidente cristián coma no mundo musulmán.
Na idade de ouro da civilización islámica medieval apareceron os Bimaristan, que están considerados como os primeiros hospitais, no sentido moderno do termo. Eran establecementos onde o mal se acollía con beneplácito; os acollidos neles estaban a cargo de persoal cualificado. Polo tanto, os médicos musulmáns medievais foron os primeiros en faceren unha distinción entre un hospital e os diferentes tipos de institucións como os templos de curación, os templos do sono, os hospicios, os asilos ou os lazaretos para leprosos (leprosarías) que, na antigüidade, servía máis ben para illar os enfermos e os tolos da sociedade, "en lugar de ofrecerlles esperanza dunha curación real". Os Bimaristans medievais, polo tanto, considéranse como os primeiros hospitais no sentido moderno da palabra.[4] Os primeiros hospitais públicos,[5] os primeiros hospitais psiquiátricos,[6] as escolas de medicina e as universidades tamén foron introducidas polos médicos musulmáns medievais.
Na Idade Media, a partir do século XI, os edificios hospitalarios deben a súa creación fundamentalmente ás ordes relixiosas, xa que se basean na caridade cristiá e son administrados por membros do clero. A idea da asistencia baséase nas instrucións de Cristo: fogar dos humildes, socorro dos aflixidos... e, máis tarde, o ideal da pobreza, ademais da caridade. O doente e o desamparado é un penitente, e a asistencia ao seu sufrimento, acompañada pola compaixón, é unha oportunidade de redención, en palabras de Santo Agostiño. Así, desde o século XI, a caridade hospitalaria convértese nunha das formas de espiritualidade, secular e clerical. Aconsellada a existencia destes edificios por San Xerome, nun principio tiñan como obxectivo fundamental hospedar os necesitados (de aí o seu nome); os hospitais pertencían ao patrimonio eclesiástico, colocáronse baixo a autoridade do bispo e os seus recursos financeiros procedían só da caridade individual.[7]
Nesta época, algúns mosteiros adaptáronse para que puidesen cumprir unha función hospitalaria. Por iso os primeiros hospitais, tanto na súa tipoloxía arquitectónica como na súa función, aseméllanse a unha igrexa, e a súa arquitectura está inspirada en gran medida polos monumentos relixiosos. A primeira tipoloxía é unha tipoloxía claustral. Ao longo da historia experimentaron unha profunda evolución, desde un simple lugar de albergue de menesterosos até un lugar dedicado exclusivamente a curar enfermos, pasando, na época medieval e na moderna, a asumir unha dupla función de acoller necesitados e de curar doentes.[8] A partir do século XIV as institucións hospitalarias foron pasando a depender dos municipios ou de fundacións reais ou de membros da nobreza e do alto clero.
Os hospitais no Renacemento
editarNa Europa occidental un dos primeiros edificios construídos exclusivamente como o hospital foi o que propuxo Filarete, sobrenome de Antonio di Pietro Averlino (ca. 1400 - ca. 1469), arquitecto, escultor e teórico da arquitectura de Florencia para o Ospedale Maggiore ("Hospital Maior") da cidade de Milán, en 1456. Planeouno racionalmente, como unha cruz grega dentro dun cadrado, coa igrexa do hospital no centro, e dous grupos de salas que formaban un cruceiro, separadas por un patio, que tiñan dúas plantas delimitadas por galerías porticadas que servían para a circulación dos pacientes, abastecementos e médicos.
Este esquema serviu de exemplo para numerosos hospitais na Europa da época. En España, o arquitecto que mellor soubo adaptarse ás novas necesidades hospitalarias foi Henrique Egas (1455-1534), seguidor do modelo de Filarete, que construíu tres grandes hospitais: o Hospital Real de Santiago, o Hospital de Santa Cruz de Toledo e o Hospital Real de Granada.[9] Estes edificios funcionais respondían a unha política estatal moderna de asistencia aos enfermos e aos sectores marxinais da sociedade, orientada a facer desaparecer a mendicidade, coincidindo á vez coas novas ideas de limpeza, ornato e decoro das cidades renacentistas.
O Hospital Real de Santiago
editarHistoria do Hospital
editarDurante a Idade Media existía, ao longo de todo o Camiño de Santiago, toda unha rede hospitalaria para axudar aos peregrinos. Nunha viaxe a Santiago os Reis Católicos advertiron que nesa cidade os peregrinos enfermos eran mal atendidos, polo que propuxeron a construción dun novo e moderno hospital. En 1492 encargaron a Henrique Egas as trazas, aínda que algunhas dificultades motivaron o atraso do comezo das obras. O 3 de maio de 1499 os reis deron poder a Diego de Muros, deán do cabido compostelán, para construír o Hospital Real.
A construción comezou en 1501 cando empezou a traballarse nos alicerces e, dez anos máis tarde o Hospital estaba concluído no esencial, salvo a fachada, que é lixeiramente posterior e que se reformou no século XVII. Céntraa unha portada renacentista, contratada polos mestres franceses Martín de Blas e Guillén Colás en decembro de 1519. Anos despois, como protección da fachada, o concello cedeu un terreo que se delimitou por grosas cadeas engarzadas en piares renacentistas.
O Hospital Real de Santiago é un edificio excepcional; moi diferente aos grandes hospitais de planta rectangular, usuais na Idade Media (a pesar de que a Egas se lle recomendara que tivera en conta o Hospital Real de Burgos, pero aínda está lonxe dos proxectos de influencia italiana en forma de cruz grega.[10]
Egas pensou nun edificio con planta en forma de T, non en forma de cruz grega, renunciando parcialmente ao modelo do Hospital Maior de Milán e que, ao ser máis reducido, seméllase máis a outras solucións, tamén italianas, como o Hospital do Santo Espírito de Sassia, en Roma, construído entre 1474 e 1478. Dous claustros situábanse a ambos os lados do T, un destinado aos homes e o outro ás mulleres. Na zona traseira dispoñíase unha horta, destinada ao cultivo de plantas medicinais,[11] mentres que na intersección dos brazos do T situábase a capela, con bóveda de crucería e cunha elegante decoración.
O Hospital Real construíuse co fin de dar servizo aos peregrinos, aínda que a maioría dos usuarios, debido á declinación das peregrinacións a partir do século XV, procedían de Santiago e a súa contorna. A partir das constitucións de Carlos V, no ano 1524, o hospital pasou a denominarse Grande Hospital Real de Santiago.[12]
Os claustros iniciais foron modificados en estilo renacentista por Rodrigo Gil de Hontañón. En 1678 Frei Tomás Alonso, o mesmo que consistiu as balconadas barrocas que que sustentan o coro de San Martiño Pinario, a causa dun posíbel derrubamento, reforma a fachada renacentista introducindo unha gran balconada apoiada sobre grandes ménsulas profusamente adornadas coa característica exuberante decoración vexetal, e tres novas ventás.
O espazo da horta posterior ocúpase, no século XVIII, con dous novos patios, configurando así a actual cruz grega con catro patios.
Desde 1740 atendíanse tamén no Hospital a enfermos militares. A través da análise dos rexistros anuais, coa duración media das estancias por enfermo, pódese ver que a actividade hospitalaria incrementouse considerabelmente no curso da primeira metade do século XVIII, aínda que unha parte da mesma pasou entón a centrarse na atención do persoal militar presente na cidade. Coa Guerra da Independencia española, esta dedicación veríase enormemente aumentada, para logo remitir nunha medida bastante apreciábel, pero mantendo até 1840 un nivel elevado.[13]
Coa desaparición do Real Padroádego e as desamortizacións de Mendizábal e Madoz, o Hospital perde as súas rendas, pasando a depender das catro Deputacións provinciais de Galicia e, a partir de 1880, a da Coruña é a única institución responsábel do mesmo.
O ano 1953, o Instituto Nacional de Previsión, dependente do Ministerio de Traballo, constrúe un novo edificio na rúa Galeras, a onde o Hospital se traslada ese mesmo ano, abandonando o antigo edificio, que actualmente é o Parador de Santiago (antes Hostal dos Reis Católicos). A distribución do novo edificio era: un andar dedicado ás necesidades de atención da Deputación da Coruña, medio andar aos pacientes do Seguro Obrigatorio de Enfermidade, e o resto das instalacións utilizábanse como Hospital Clínico.
En 1972 a Facultade de Medicina constrúe un segundo edificio unido ao anterior para atender aos pacientes da Seguridade social, en virtude dun acordo establecido entre ambas as institucións, pasando o primeiro edificio a ser utilizado exclusivamente como Hospital Provincial
No ano 1999 a Xunta de Galicia inaugura o novo edifico (o actual), na Choupana, ao que se trasladan as instalacións do antigo Hospital Xeral, e que é a sede central do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS).[14][15]
O edificio
editar- Planta
Como quedou dito, Egas propuxo un edificio con planta en forma de T, non en forma de cruz grega, como fixo despois nos hospitais de Toledo e Granada. Porén, como vimos, na época barroca construíronse dous novos patios, co que a partir desa época ten xa dita forma, o que, a dicir dalgúns, desvirtúa a traza orixinal de Egas.
- Fachada
A decoración da portada responde ás características do Plateresco, que se pon de manifesto na utilización de repertorios decorativos italianos nun edificio onde persiste un espírito gótico, entendido como unha negación da idea de orde e proporcións propios da normativa clásica: tratábase de dar solucións que tiñan como obxectivo dotar a estas obras dun aspecto moderno respecto ao contexto para o que foron deseñadas.[16]
Respecto á parte artística, o proxecto de Egas inscríbese no estilo isabelino, que incorpora elementos tradicionais do gótico flamíxero, con novidades estéticas renacentistas e elementos decorativos clásicos. A parte máis avanzada desde este punto de vista constitúea a fachada principal, concibida como unha especie de gran retablo, cuxo eixe central está formado pola porta de arco de medio punto abucinada (o cal a relacionaba esteticamente cos edificios románicos que a rodeaban). Ao longo da mesma encontramos fornelos, frisos de reis, figuras diversas, entre as que destacan as de Adán e Eva.
Nas pendentes da porta principal sitúanse medallóns coas efixies de Isabel e Fernando, doadores do edificio. A ambos os lados da portada-retablo, Egas situou dous balcóns baixo os que colocou grandes escudos, elemento decorativo característico do estilo plateresco do primeiro terzo do século XVI en España. Dos diversos elementos exteriores, pódese destacar o beirado que coroa a fachada principal e parte das laterais, posto que constitúe unha das mostras máis ricas do renacemento español, sobresaíndo as gárgolas, non só como elemento de desaugamento, senón como complemento estético.
Entre outros elementos da fachada, non mencionados anteriormente, pódense ver os seguintes:
- Esquerda de abaixo a arriba: por riba de Adán, Santa Catarina e San Xoán Bautista.
- Dereita de abaixo a arriba: por riba de Eva Santa Lucía e María Magdalena.
- Friso: Os 12 Apóstolos.
- Á esquerda da ventá central: Cristo, e os apóstolos Santiago e San Pedro.
- Á dereita da ventá central: a Virxe co Neno, San Xoán Evanxelista e San Paulo.
- Nos pináculos de arriba: 6 anxos con instrumentos musicais.
- Capela
A capela, oxival, de cruz latina, ten o cruceiro iluminado por unha lanterna cuberta cunha bóveda de nervios estrelada, con grandes ventanais de arcos rebaixados que abren ás salas superiores formando tribunas. A bóveda apóiase en columnas decoradas cois apóstolos ao estilo do flamíxero. Os casetóns dos teitos planos das tribunas, finas mediacanas encadrando os arcos rebaixados ou arcos conopiais, son algúns dos elementos estéticos que aparecen no conxunto. Trátase, en suma, dunha importante obra, aínda que quizais peque de falta de unidade estética, de certo eclecticismo, que para algúns autores podería achacarse á presenza de Juan de Lemos completando o proxecto de Egas que, por outra parte, só puido visitar tres veces, e por pouco tempo, as obras.[17]
Patios
editarDos catro patios que rodean a capela, dous góticos e dous barrocos, os dous primeiros son os do deseño orixinal de Henrique Egas, e son coñecidos como patio de San Xoán e patio de San Marcos. Os dous barrocos recibiron os nomes dos restantes evanxelistas da Igrexa católica, patio de San Lucas e patio de San Mateo.
A capela foi declarada Monumento Histórico-Artístico en 1912, e o conxunto do edificio en 1931.
Hotel dos Reis Católicos
editarO edifico que albergou ao Hospital Real é, desde 1954, un hotel de gran luxo, da rede de Paradores Nacionais de Turismo, denominado hoxe Parador de Santiago (antes Hotel dos Reis Católicos, e moito antes Hostal dos Reis Católicos).
O Hospital no cinema
editarO vello Hospital Real, nos anos 50 do século XX, foi apresuradamente desaloxado, para transformalo no que se converteu desde entón, un hotel de luxo: o Hostal dos Reis Católicos. A arbitraria decisión das autoridades franquistas deixou na rúa enfermos, peregrinos perpetuos e pobres. Esta situación recréase no filme Doentes, película de Gustavo Balza que, tras ser presentada no Festival de Málaga, foi seleccionada para participar na 33ª edición do Festival Internacional de Cinema de Moscova, na sección 'Focus on Spain'.
Xosé Manuel Olveira 'Pico' e Antonio Durán 'Morris', dous dos actores galegos máis populares, protagonizan este filme, baseado nun texto do dramaturgo Roberto Vidal Bolaño, encarnando, respectivamente, a don Valeriano, vello cura, experto en vivir do conto, aqueixado de feridas de guerra invisíbeis, e a Cañete, tísico e compañeiro accidental do vagabundeo do primeiro. A busca dun teito baixo o que durmir e dunha ración de sopa acaba transformándose, para ambos os dous, nunha loita pola supervivencia nunha cidade na que os asedian os falanxistas.[18]
Notas
editar- ↑ A credencial do peregrino é un caderno de papel que se pode obter nalgúns albergues e igrexas, cuxa finalidade é o seu selado un par de veces ao día (xa sexa en igrexas, albergues ou incluso en bares que teñen o seu propio selo), para que o peregrino consiga a acreditación necesaria para aloxarse nos albergues do Camiño.
- ↑ Os selos do camiño Arquivado 08 de febreiro de 2012 en Wayback Machine. (en varias linguas) Consultada o 3/2/2012.
- ↑ Outro substantivo derivado é hospitium, que significa "hospitalidade", a relación entre o convidado e o que o acolle, co significado de amabilidade; de aí deriva hospicio. E os termos hospedaría, hostal, hospedaxe, hospedeiro etc.
- ↑ Micheau, Francoise (2004): The Scientific Institutions in the Medieval Near East, páxs. 991-992.
- ↑ Peter Barrett (2004), Science and Theology Since Copernicus: The Search for Understanding, páx. 18, Continuum International Publishing Group, ISBN 0-567-08969-X.
- ↑ Ibrahim B. Syed PhD, "Islamic Medicine: 1000 years ahead of its times", The Islamic Medical Association of North America, Journal of the Islamic Medical Association, 2002 (2), páxs. 2-9 [7-8].
- ↑ Moebius (en castelán) Consultada o 3/2/2012.
- ↑ Cuando la arquitectura cura (en castelán) Consultada o 3/2/2012.
- ↑ Cuando la arquitectura cura
- ↑ cvc.cervantes Instituto Cervantes Arquivado 29 de xaneiro de 2012 en Wayback Machine. (en castelán) Consultada o 3/2/2012.
- ↑ La Farmacia monástica y hospitalaria en la Galicia del Antiguo Régimen Arquivado 09 de decembro de 2022 en Wayback Machine. (en castelán) Consultada o 9/12/2022.
- ↑ Galiciana Dixital Consultada o 3/2/2010.
- ↑ Los enfermos del Hospital Real de Santiago en Dialnet (en castelán) Consultada o 3/2/2012.
- ↑ Nuevo Hospital General de Santiago de Compostela[Ligazón morta] (en castelán) Consultada o 3/2/2010.
- ↑ Complexo Hospitalario de Santiago Arquivado 17 de febreiro de 2012 en Wayback Machine. (en galego),(en castelán) Consultada o 4/2/2010.
- ↑ Artehistoria[Ligazón morta] (en castelán) Consultada o 3/2/2010.
- ↑ arte.laguia2000.com arte.laguia2000.com (en castelán) Consultada o 2/2/2012.
- ↑ Gustavo Balza: 'Doentes es una película con vocación universal' El Mundo (en castelán) Consultado o 3/2/2012.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Rosende Valdés, Andrés A. (1999): El Grande y Real Hospital de Santiago de Compostela. Electa España.
- Villa-amil y Castro, José (facsímile: 2005) 1904. Iglesias gallegas de la Edad Media, colección de artículos publicados por (en castelán). Madrid: Imprenta de San Francisco de Sales (facsímile: Ed. Órbigo, A Coruña). p. 410. ISBN 84-934081-5-8.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Hospital Real de Santiago de Compostela |
Outros artigos
editarLigazóns externas
editar- Hostal dos Reis Católicos en Proxecto ARGA: Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia.
- Parador de Santiago de Compostela, páxina oficial (en varias linguas).
- Un hotel con 500 años de historia El Mundo (en castelán) Consultada o 4/2/2012.
- Un libro del Sergas recoge la historia sanitaria de Santiago La Voz de Galicia (en castelán) Consultada o 4/2/2012.