Fútbol gaélico

deporte de equipo con balón

O fútbol gaélico (chamado en irlandés: Peil Ghaelach ou Caid)[1] é unha variante do fútbol orixinario de Irlanda. Xunto co hurling, é o deporte de máis popularidade nese país .

Aidan O'Mahony de Kerry (esquerda) e Eoin Bradley de Derry (dereita) durante a final da Liga Nacional de 2009.

O fútbol gaélico xógase en equipos de 15 membros (alternativamente 11, 9 ou 7 dependendo da competición[2], ás veces mesmo 5, raramente 8) nun campo de céspede rectangular. As porterías teñen forma de H e unha rede na parte inferior.

O obxectivo principal é anotar puntos pateando ou golpeando o balón coas mans e introducíndoo na portería rival. Gaña o equipo con máis puntos ao remate do encontro. Os xogadores avanzan polo campo levando o balón nas mans, pateándoo e pasándoo entre os demais membros do equipo.

O fútbol gaélico ou balón pesado é un dos catro Xogos Gaélicos regulados pola Asociación Atlética Gaélica (en inglés, Gaelic Athletic Association -GAA-, e en irlandés Cumann Luthchleas Gael), a maior e máis popular organización deste tipo en Irlanda. Posúe regras estritas sobre a non profesionalización das e dos xogadores. A Asociación organiza cada ano as competicións entre clubs e entre condados, das cales as máis importantes son:

  • A National Football League, que se disputa entre condados cada ano entre febreiro e abril desde 1926.
  • Os Campionatos Provinciais, que se disputan en formato de eliminatoria directa a partido único desde maio a xullo entre condados.
  • O All-Ireland Senior Football Championship, que comeza cos Campionatos Provinciais e remata en setembro. Este é o torneo máis prestixioso e antigo (1887) deste deporte, e dispútase entre condados.

Crese que o xogo provén do antigo fútbol irlandés coñecido como caid, que se remonta a 1537, aínda que o xogo actual tomou forma en 1887.

Historia

editar

Regras

editar

A continuación preséntanse as regras para o deporte na Irlanda. Fóra desta existen importantes variacións para adaptar o xogo ao resto de países de Europa, que contan máis frecuentemente con campos de fútbol británico. Alén diso, tamén é importante sinalar as diferenzas que existen no regulamento respecto ao sexo, con variacións nas regras técnicas, mais tamén as de comportamento, as dimensións do campo ou o tamaño da bóla.

Campo de xogo

editar
 
Campo de fútbol gaélico.

O campo, rectangular, ten entre 130 e 145 metros de longo e entre 80 e 90 metros de largo. Hai porterías con forma de H a ambos lados cunha rede na parte inferior. O mesmo campo úsase para hurling; a GAA, que regula ambos deportes, decidiu isto para permitir que se xoguen ambos deportes nun só campo. As liñas están marcadas a 13, 20 e 45 metros de cada extremo. Utilízanse campos e porterías máis pequenas para menores de 14 anos.

Duración

editar

Tódolos partidos duran 60 minutos, divididos en dúas metades de media hora cada unha, coa excepción de partidos sénior entre condados, que duran 70 minutos (dúas metades de 35). Os empates decídense xogando outra vez ou engadindo 20 minutos de tempo adicional en dúas metades de 10 minutos.

Equipos

editar

Cada equipo posúe 15 membros (un porteiro, dous corner-backs, un full-back, tres half-backs, dous centrocampistas, tres half-forwards, dous corner-forwards e un full-forward) e até 15 suplentes, dos cales pódense utilizar 5. Cada xogador numérase entre o 1 e o 15, comezando co porteiro, que debe utilizar unha camiseta doutra cor.

O balón

editar

Utilízase un balón de coiro, similar ao de fútbol británico, un pouco máis pesado e con riscos paralelos. Ten unha aparencia similar ao balón de voleibol. Pódense executar pases coas mans. Para realizar isto, golpéase a pelota cos cotobelos ou o polgar.

Puntuación

editar

Se o esférico pasar por riba do traveseiro, anótase un punto e levántase unha bandeira branca. Se pasar por debaixo, anótase un gol equivalente a tres puntos e levántase unha bandeira verde. A portería está protexida pola ou polo gardameta. O resultado rexístrase co formato:

  • {total de goles} - {total de puntos} (suma de puntos)

Por exemplo, se un equipo marca 1 gol e 14 puntos, o seu resultado total son 17 puntos, e amosaríase así: 1-14 (17). O equipo que gaña é o que acada a maior puntuación total.

Placaxes

editar

Permítense cargas ombreiro contra ombreiro. As placaxes (ou tackles) están prohibidas e son consideradas como falta agresiva que se castiga con cartón negro.

Pódese golpear o balón das mans do rival (sempre coa palma aberta e nunca en dirección ao peito), ou empurralo ombreiro contra ombreiro. As xogadas seguintes son consideradas faltas:

  • Realizar unha placaxe.
  • Empurrar un rival (sempre que non sexa ombreiro contra ombreiro).
  • Derrubar un rival (sempre que non sexa ombreiro contra ombreiro).
  • Agarrar da camisola.
  • Bloquear un tiro cos pés a unha distancia que poida supór risco para a integridade do lanzador.
  • Agarrar un balón que está nas mans do rival.

Inicio do xogo

editar
  • O partido comeza cando o árbitro lanza o balón entre os catro centrocampistas.
  • Despois dun dianteiro lanzar a bóla fóra da portería e cruzar a liña de meta, o gardameta deberá sacar desde a liña de 13 metros. Os xogadores do equipo que fai o saque deben estar detrás da liña de 20 metros no momento do saque. Se recibiren o balón a menor distancia, será falta.
  • Despois dun dianteiro anotar, o gardameta deberá sacar desde a liña de 20 metros. Os xogadores do equipo que saca deberán estar a unha distancia de 13 metros.
  • Despois dun defensor tirar a bóla fóra da portería e cruzar a liña de meta, o equipo rival deberá sacar desde a liña de 45 metros desde o lugar polo que saíu o esférico.
  • Despois dun xogador tirar a bóla fóra do campo de xogo, o outro equipo pode realizar un saque de banda (sideline kick) no punto onde o balón saíu do campo. A patada pode ser executada desde o chan ou coas mans.
  • Cando un xogador cometer unha falta, o outro equipo pode realizar un tiro libre (free kick) no lugar onde se cometeu a falta. O tiro libre pode ser executado co pé, desde o chan ou desde as mans.
  • Se un defensor cometer unha falta (que non sexa técnica) dentro da área rectangular grande, considérase penalti (penalty kick). Nese caso, o outro equipo pode realizar un disparo desde o chan no centro da liña de 17m. Só o gardameta pode custodiar o balón. Dentro da área rectangular pequena, todas as faltas serán penalti.
  • Se varios xogadores están forcexando polo balón e non fica claro quen o tiña no primeiro lugar, o árbitro pode optar por un saque neutral. Entón, lanza o balón ao aire entre dous xogadores que se atopan un fronte ao outro.

Competicións

editar

Presenza en Galiza

editar
 
Selección galega masculina de fútbol gaélico.

No ano 2010 presentouse o primeiro equipo galego coruñés, Fillos de Breogán, que xogou desde a súa fundación todos os torneos do Campionato Ibérico de Clubs. O seu campo local é no campo da Torre (A Coruña) ou na Acea de Ama (Culleredo) [3]. Actualmente contan cun equipo masculino, un feminino (Fillas de Breogán) e un segundo equipo (Ártabros de Oleiros).

En xullo de 2012, da man de Siareiras Galegas [4] e da Fundaçom Artábria[5], xogouse o primeiro partido da selección galega masculina de fútbol gaélico [6], nun encontro disputado en Narón contra a selección bretoa. Ambos combinados están recoñecidos polo organismo internacional da Asociación Atlética Gaélica.

Logo deste encontro, comezaron a aparecer máis equipos pola xeografía galega, como Irmandinhos (A Estrada), Mecos (O Grove), Suévia (Compostela) ou Faísca (Vigo). Os primeiros, xunto cos equipos coruñeses, crearon a Asociación Galega de Fútbol Gaélico,[7], organismo recoñecido pola GAA para a xestión dos deportes gaélicos en Galiza. Outros decidiron competir de forma mixta, xogando homes e mulleres en igualdade. Dos primeiros derivou a Liga Galega e dos segundos a Liga Gallaecia.

En xullo de 2020, a cidade de Pontevedra acolleu o Campionato Europeo de seleccións na modalidade feminina e masculina, no que as xogadoras da Selección Nacional Galega defenden o título de campioas.[8][9]

Liga Galega de fútbol gaélico

editar

Neste proxecto incorporáronse novos equipos de bisbarras como Ferrolterra, Pontevedra ou Santiago. En outono do 2013 comeza a Liga Galega de Fútbol Gaélico 2013/14, a primeira liga galega (11 xogadores no masculino e 7 xogadoras no feminino), con 5 equipos na súa modalidade masculina (Fillos de Breogán, Irmandinhos, Mecos, Pontevedra e Estrela Vermelha) e tres na modalidade feminina (Fillas de Breogán, Irmandinhas e Mecas). Previamente disputárase unha liga galega con sete xogadores (sevens) durante a primavera e o verán previos. Esta competición gañáraa o Braithreachas da Estrada,[10], equipo irmán dos Irmandinhos. Tamén en 2013 se disputou a Primeira Copa Galega de Fútbol Gaélico. En 2014, xógase a segunda liga galega (11 xogadores e 8 xogadoras), con 8 equipos na súa modalidade masculina (súmanse os equipos de Bráithreachas, Ártabros e Keltoi GAC) e sete na modalidade feminina (súmanse os equipos de Pontevedra Fútbol Gaélico, Estrela Vermelha FG, Bráithreachas e Auriense FG).

Na actualidade, a Galiza conta con 21 equipos (14 masculinos e 7 femininos). Na tempada 2018/2019 introduciuse un novo formato na liga masculina: os xogos de 9 vs 9 (antes, de 11 vs 11). Tamén o sistema de competición era distinto; na temporada anterior e nesta só hai unha división masculina. Na primeira rolda faise unha volta completa, en que xogan todos os equipos. Posteriormente, faise a segunda volta; en función da súa clasificación, divídense os equipos en distintos grupos e cada grupo xoga unha segunda volta contra os equipos que lle tocaron.[cando?]

A primeira liga mixta do mundo: a Liga Gallaecia

editar

Tamén existe un conxunto de equipos en que se opta por competir mulleres e homes coas mesmas normas (as oficiais da GAA para os equipos masculinos, aínda que non é unha liga recoñecida por este organismo). Trátase de equipos vinculados aos centros sociais galegos. O obxectivo destes é a igualdade de xénero en materia deportiva. Estes equipos son: Suevia FG de Compostela, Ambilokwoi de Vigo, Afiadoras de Ourense, Torques de Lugoslavia Futebol Gaélico de Lugo, Cascarilha da Coruña, O Condado FG de Ponteareas, Gróvias da Guarda, Fusquenlha de Pontedeume e Fanecas de Curtis[11]. O equipo mixto de Pontevedra, Corvos, chegou a adestrar uns meses, mais o proxecto ficou paralizado. Tamén participou efemeramente o equipo Carcamáns[12] da Illa de Arousa.

 
I Xornada da Liga Gallaecia de fútbol gaélico.

Estes equipos crearon a primeira liga mixta da historia do fútbol gaélico: a Liga Gallaecia, presentada en Santiago de Compostela o 7 de agosto de 2013.[13] Ese mes xogaron varios partidos a pretempada no marco das Olimpíadas Rurais. As xornadas de Liga desenvolvéronse cada unha nunha mesma localidade, onde se celebraban dous partidos e descansaba un. A primeira xornada [14] celebrouse en Lugo o 5 de outubro de 2013, cos encontros de Torques de Lugoslavia vs Afiadoras de Ourense e Cascarilha da Coruña vs Suévia de Compostela. Resultou campión da Liga o Ambilokwoi de Vigo[15].

Na tempada 2014-2015 disputouse a segunda liga[15] mixta da Liga Gallaecia, na que saíu de novo vencedor o Ambílokwoi[16]. Na seguinte 2015-2016 faríase co título O Condado na súa primeira participación.[17] Na súa cuarta edición (2016-2017), o Torques de Lugoslavia fíxose co seu primeiro título.[18]

Na quinta tempada (2017-2018), o aumento de equipos até acadar o total de dez fixo que se modificase o sistema de competición. Nunha primeira fase, dividida en 2 grupos (Norte e Sur), enfróntanse os equipos a dúas voltas. Os dous primeiros de cada grupo e o mellor terceiro competiron nunha liguilla polo título a unha volta. Os restantes equipos competirán noutra liguilla, tamén a unha única volta, para decidir a súa posición na liga[19].

O organismo coordinador da Liga Gallaecia ten previsto manter contactos con incipientes equipos mixtos de Irlanda e a Bretaña, coa finalidade de recoñecelos oficialmente. [Cómpre referencia]

  1. Ireland, T.E.C. (2000). Roberts Rinehart, ed. Irish-English/English-Irish Easy Reference Dictionary. p. 197. ISBN 9781461660316. Consultado o 7 de decembro dee 2014. 
  2. "Entrevista Alexandre Sanmartin". Arquivado dende o orixinal o 20 de setembro de 2019. Consultado o 20 de setembro de 2019. 
  3. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 04 de abril de 2016. Consultado o 21 de marzo de 2016. 
  4. siareirasgalegas.org arquivado dende o orixinal o 28 de xullo de 2013
  5. "Galiza - Bretanha o 20 de julho no campo do Cadaval". agal-gz.org (en portugués). Consultado o 2017-11-13. 
  6. "Asociación Galega de Fútbol Gaélico". Arquivado dende o orixinal o 24 de febreiro de 2015. Consultado o 28 de xullo de 2013. 
  7. Asociación Galega de Fútbol Gaélico
  8. "Galiza acollerá en xullo o Campionato europeo de seleccións de fútbol gaélico". Nós Diario. Consultado o 1 de xaneiro de 2020. 
  9. "A selección galega feminina, campioa de Europa de fútbol gaélico". Sermos Galiza. Consultado o 1 de xaneiro de 2020. 
  10. "Asociación Galega de Fútbol Gaélico". Arquivado dende o orixinal o 24 de febreiro de 2015. Consultado o 28 de xullo de 2013. 
  11. "Equipas da Liga Gallaecia | Liga Gallaecia". www.ligagallaecia.org (en portugués). Arquivado dende o orixinal o 13 de novembro de 2017. Consultado o 2017-11-13. 
  12. "suevia | Liga Gallaecia". www.ligagallaecia.org (en portugués). Arquivado dende o orixinal o 04 de febreiro de 2017. Consultado o 2017-02-03. 
  13. ""Non o perdas, a Liga Gallaecia está por comezar" - Praza Pública". Praza Pública. Consultado o 2017-02-03. 
  14. Liga Gallaecia. "Multimédia Jornada I 2013/2014". Arquivado dende o orixinal o 25/10/2020. Consultado o 12/11/2014. 
  15. 15,0 15,1 Liga Gallaecia. "Multimédia Jornada I 2014/2015". Arquivado dende o orixinal o 25/10/2020. Consultado o 12/11/2014. 
  16. "2014/2015 | Liga Gallaecia". www.ligagallaecia.org (en portugués). Arquivado dende o orixinal o 03 de febreiro de 2017. Consultado o 2017-02-02. 
  17. "2015/2016 | Liga Gallaecia". www.ligagallaecia.org (en portugués). Arquivado dende o orixinal o 03 de febreiro de 2017. Consultado o 2017-02-02. 
  18. "Parabéns Torques | Liga Gallaecia". www.ligagallaecia.org (en portugués). Arquivado dende o orixinal o 13 de novembro de 2017. Consultado o 2017-05-20. 
  19. "Apresentaçom da temporada 2017-2018 | Liga Gallaecia". www.ligagallaecia.org (en portugués). Arquivado dende o orixinal o 13 de novembro de 2017. Consultado o 2017-11-13. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar