Exiptoloxía

estudo da civilización do Antigo Exipto

A exiptoloxía é o estudo do Antigo Exipto e das antigüidades exipcias. A exiptoloxía estuda a lingua, historia, relixión, arte e economía da cultura exipcia antiga desde o V milenio a. C. até o fin do goberno romano no século IV. O descoñecemento desta cultura fomentou no pasado un culto a supostos coñecementos ocultos e máxicos que caen dentro do terreo do esotérico.

Pirámide de Queops.

O primeiro coñecemento de Exipto editar

A primeira publicación sobre Exipto foi obra de Hecateo de Mileto, no século VI a.C. pero esta obra está perdida. Unha vez extinguida a antiga civilización exipcia perdeuse o coñecemento sobre ela e só ficaron visíbeis as súas grandes creacións arquitectónicas. Para os gregos e romanos, Exipto era unha terra de sabios na que se gardaban segredos ancestrais, e lugar ao que había que acudir para formarse. Moitos dos grandes personaxes do mundo grego visitáronno e estudaron alí, como Licurgo, Solón, Esopo, Anaxágoras, Demócrito, Tales de Mileto, Pitágoras e Platón. Os capítulos máis extensos dos xeógrafos clásicos, como Herodoto (século V a.C. e Diodoro Sículo ou Estrabón (século I) dedicábanselle a Exipto.

Occidente perdeu esta relación cando Exipto entrou no mundo islámico. Os peregrinos medievais que viaxaban á Terra Santa, ou os cruzados, visitaban ás veces Exipto e os lugares asociados coa vida de Xesús Cristo; pero as pirámides, por exemplo, eran consideradas graneiros, como os descritos na historia de Xosé.

No século XV publicáronse en Europa os Hieroglyphica de Horapollo, unha obra do século IV de pretendida orixe exipcia con explicacións simbólicas duns douscentos xeróglifos. Tamén se publicou o Corpus Hermeticum, colección de tratados filosóficos dos primeiros séculos cristiáns con ideas exipcias mesturadas con neoplatónicas. Ambos os dous textos confirmaban a crenza dos gregos na superior sabedoría dos exipcios.

No século XVI, os anticuarios comezaronse a interesar polos obxectos exipcios, moitos dos cales foran importados para o culto popular de Isis desde os comezos do Imperio Romano, e apareceron xa nas primeiras publicacións de antigüidades, xunto cos obeliscos. A finais deste século iniciáronse as visitas na procura de antigüidades, como as de Pietro della Valle. Trouxéronse momias exipcias, manuscritos coptos etc. As viaxes fixéronse máis frecuentes, dada a maior apertura o Imperio Otomán, e realizábannas moitas veces relixiosos (capuchinos, dominicos e xesuítas).

Viaxes de investigación editar

O astrónomo inglés John Greaves (1602-1652) publicou unha obra seria que contiña medicións exhaustivas das pirámides, análise de escritos sobre elas e incorporando fontes árabes. O xesuíta francés Claude Sicard (1677-1726), que foi comisionado para investigar monumentos antigos e identificar a localización exacta de Tebas, atribuíu correctamente os colosos de Memmon e o Val dos Reis. Outros estudosos contribuíron con debuxos, compilacións e a obtención de numerosos obxectos para as coleccións. As obras de Georg Zoëga (1755-1809), un tratado sobre obeliscos e un catálogo de manuscritos coptos, marcan a culminación dos estudos exipcios antes da expedición napoleónica de 1798.

Desciframento da escrita xeroglífica editar

Foi precisamente con esta expedición cando se pode considerar que naceu a exiptoloxía. A campaña napoleónica foi acompañada dun equipo de eruditos que atoparon, por exemplo, a Pedra de Rosetta e, sobre todo, publicaron a Descrición de Exipto, unha obra fundamental que chegou aos vinte e catro volumes en gran formato e se publicou por vez primeira entre 1809 e 1913. Jean-François Champollion (1790-1832) viaxou con Ippolito Rosellini a Exipto na década de 1820; a el débese o desciframento da escrita xeroglífica, que logrou axudándose da versión trilíngüe do texto da Pedra de Rosetta.

Durante esta época numerosos viaxeiros recorreron Exipto e a Baixa Nubia saqueando as antigüidades fundamentalmente, e contribuíndo ao mellor coñecemento da civilización exipcia. As súas coleccións serviron para crear seccións específicas no Museo Británico, no Museo do Louvre, no Rijksmuseum van Oudheden ou o Museo Exipcio de Turín. Porén, no Cairo non houbo museo expicio até finais da década de 1850.

Desenvolvemento da exiptoloxía editar

Na década de 1840 xa desaparecera a primeira xeración de exiptólogos. En 1837 publicáronse os volumes coas copias de numerosísimas inscricións exipcias realizadas por J. G. Wilkinson, que hoxe en día son o único rexistro de como eran un bo número de relevos que hoxe en día se atopan irreparabelmente danados. Outra obra capital foi Denkmäler aus Äegypten und Äthyiopien (1849-1859), de Carl Richard Lepsius, que contiña unha ampla selección dos monumentos exipcios. Outros exiptólogos notábeis foron Lepsius, Heinrich Brugsch e Auguste Mariette (1821-1881), que fundou o Museo Exipcio do Cairo, actualmente o máis rico do mundo, e o Servizo de Antigüidades de Exipto. Até a revolución exipcia de 1952, todos os directores deste foron europeos e deles o máis afamado foi Gaston Maspero (1846-1916), sucesor de Mariette.

O escocés Alexander Rhind (1833-1863) estableceu os principios que habían de guiar as escavacións científicas. Nelas destaca W. M. F. Petrie (1853-1942), que publicou practicamente un volume cada ano cos resultados obtidos na campaña do inverno anterior. A súa obra estableceu o marco xeral das áreas e períodos históricos de Exipto.

A partir de 1880 editar

As escavacións científicas foron moi intensas a partir das dúas últimas décadas do século XIX: escavouse moito en Nubia ao construírse e logo ampliarse o encoro de Asuán, por exemplo, e en moitas outras ocasións nas que o obxectivo foi o salvamento; o Val dos Reis, en Tebas e as momias dos reis do Imperio Novo en Deir el-Bahri; a tumba de Tutankhamón (1922, Howard Carter, ao servizo de Lord Carnavon), ou a tumba de Heteferes (1925, G. A. Reisner, en Gizeh); El-Amarna,...

A comezos do século XX, F.L. Griffith e Wilhelm Spiegelberg realizaron os avances máis grandes na compresión das escritas demótica, cursiva e na lingua dos Períodos tardío e grecorromano; Adolf Erman estudou as fases máis antigas da lingua exipcia; En 1927, sir Alan Gardiner publicou unha gramática do exipcio do Imperio Medio que aínda hoxe é a referencia. En 1944, H. J. Polotsky publicou un estudo revolucionario dalgúns aspectos da gramática exipcia e copta; o dicionario de Adolf Erlman e Hermann Grapow, en once volumes (1926-1953), é tamén a obra de referencia.

Fundáronse numerosas institucións estranxeiras dedicadas aos estudos exiptolóxicos, como o Fondo para a Exploración de Exipto, o Instituto Francés de Arqueoloxía Oriental de Cairo ou o Instituto Arqueolóxico Alemán, así como centros de estudo específicos en Bruxelas, Chicago, Turín etc.

O Servizo de Antigüidades de Exipto, ou Consello Supremo das Antigüidades de Exipto, fundado por Auguste Mariette, tivo como primeiro funcionario exipcio a Ahmed Kamal (1849-1932), que traballou no Museo do Cairo e realizou numerosas escavacións. Desde 1952 ambos os dous organismos están en mans exipcias. O Servizo ten escavado máis que ningunha outra institución. O responsábel actual é Zahi Hawass[cando?].

Véxase tamén editar

Outros artigos editar