Chelo Loureiro

produtora de cine galega
(Redirección desde «Chelo Loureiro Vilarelle»)

Chelo Loureiro Vilarelle, nada en Ferrol o 16 de abril de 1958, é unha produtora cinematográfica galega especializada en cine de animación.[1] Fundadora da produtora Abano Producións en 2007, gañou polos seus traballos catro Premios Goya. É activista polo recoñecemento das mulleres dentro do campo audiovisual.

Infotaula de personaChelo Loureiro

Editar o valor em Wikidata
Nome orixinalMaría Consuelo Loureiro Vilarelle
Biografía
Nacemento16 de abril de 1958 Editar o valor em Wikidata (66 anos)
Ferrol, España Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
OcupaciónProdutora cinematográfica especializada no mundo da animación
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata

IMDB: nm2055719 Facebook: chelo.loureiro Twitter: cheloloureiro Editar o valor em Wikidata

Traxectoria editar

Loureiro naceu en Ferrol, cidade na que se formou e viviu durante gran parte da súa vida. Aínda que desde a infancia as súas inquietudes foron artísticas, o feito de educarse nunha cidade onde a industria naval tiña indubidable peso no plano laboral, levouna a adquirir unha formación técnica. Isto posibilitoulle presentarse ás primeiras oposicións convocadas polo estaleiro Empresa Nacional Bazán para incorporarse á súa oficina técnica, converténdose na primeira muller que traballou no departamento de maquinaria, no ano 1981.​[2]

Tras o ingreso na Unión Europea en 1985, España comezou unha reconversión naval na que o goberno español negociou a produción do que podería fabricarse en cada estaleiro público. No caso de Bazán soamente se fabricarían buques para a Armada e este feito fixo que Loureiro se cuestionase se ese era o traballo que querería desempeñar como profesional. Finalmente, decidiu abandonar o estaleiro e comezar estudos de cine e televisión. En 1987, empezou a traballar na empresa editora do xornal La Voz de Galicia, no departamento de Arte.

Galería Sargadelos editar

En 1990, foi nomeada xerente da Galería Sargadelos de Ferrol, onde desenvolveu unha intensa actividade cultural entre exposicións de artes plásticas, actividades literarias, concertos… chegando a converterse nun referente da vida artística, cultural e social da cidade e da comarca até o seu peche en 2016.[3][4][5][6]

Para manter a intensa actividade cultural, e dado que esta empresa non recibía ningunha axuda pública para realizalas, buscou financiamento a través da fabricación de pezas especiais de Sargadelos. Na súa procura por novos clientes conseguiu convencer á empresa cervexeira Fillos de Rivera, fabricante da cervexa Estrella Galicia, para que encargasen unha nova columna de cervexa ao artista Isaac Díaz Pardo, fundador da empresa Sargadelos xunto a Luís Seoane, dous dos máis importantes artistas plásticos e intelectuais galegos do século XX. A figura deseñada por Díaz Pardo con forma de esfinxe converteuse nunha icona da cervexeira Estrella Galicia, así como na peza con maior número de unidades fabricada en Sargadelos e presente en case todas as empresas restauradoras de Galicia e naquelas cidades do resto do país que a tiñan na súa carta.[7]

Sector comunicación editar

Posteriormente, Loureiro especializouse na xestión de empresas do sector da comunicación. En 1997, recibiu a chamada de Juan Ramón Díaz, quen fora o seu director en La Voz de Galicia, e que pasara a dirixir a Editorial A Capital, editora do diario O Ideal Galego. Propúxolle xerenciar unha delegación de devandito xornal na cidade de Ferrol. O proxecto que lle presentaron non lle pareceu o suficientemente atractivo para a cidade como para poder competir co outro xornal con delegación propia en Ferrol, La Voz de Galicia, propoñendo un proxecto de cabeceira local propia e independente do Ideal Galego, cun persoal de xornalistas, administrativos, comerciais e persoal de repartición independente da súa matriz na Coruña. Foi unha aposta moito máis arriscada desde o punto de vista económico polo alto investimento que requiriría o seu financiamento, pero máis viable desde a súa perspectiva dado que Ferrol era a única cidade galega que non contaba cunha cabeceira propia e estaba a ser demandada pola súa poboación desde había anos, polo que elaborou e presentou un plan de negocio que amortizaría o investimento en cinco anos.[8][9] A súa forte convicción, capacidade de traballo e coñecemento da súa cidade foron os argumentos que convenceron a investidores e en 1998 fundouse o Diario de Ferrol baixo a súa xerencia e co xornalista local Germán Castro na dirección dunha redacción de xornalistas locais comprometidos que conseguiron facer viable o proxecto até o punto de alcanzar os obxectivos ao cabo de tres anos.[10][11]Tras pór en marcha o suplemento cultural dominical Nordesía[12] e o Foro Ferrol Futuro, decidiu abandonar esta empresa en 2002.[8]

Produción e cine de animación editar

A Loureiro sempre lle gustou a animación como expresión artística ao reunir a literatura, a pintura e a música para convertelas nunha obra cinematográfica, pero chegou a este sector por casualidade a través da escritora Ánxela Loureiro, quen estaba a escribir un guión para unha película de animación por encargo da produtora Lúa Films e que a contratou como produtora executiva en 2003.[13] Ao ano, seguinte, en 2004, comezou a traballar co produtor Pancho Casal, director da produtora galega Continental responsabilizándose dunha nova divisiónː a produción de proxectos de animación, traballo que realizaría durante varios anos.[14][15]

En 2007, Loureiro decidiu fundar a súa propia empresa, Abano Producións, iniciando outra etapa profesional con numerosas producións, comezando con A tropa de trapo no país onde sempre brilla o sol (2010).[16][17][18] Esta película foi a primeira experiencia do cine español en animación 3D para o público infantil. Foi un proxecto novo e arriscado, con baixo orzamento e presentado na Semana Internacional de Cine de Valladolid (SEMINCI) dese mesmo ano.[19]

O xigante foi pre-estreada en 2012 no Teatro Jofre de Ferrol, un dos escenarios onde se desenvolve a historia desta curtametraxe infantil, coproducida con Portugal, o Brasil e o Reino Unido.[20] En 2014, estrearon A tropa de trapo na selva do arco da vella e ese mesmo ano produciron Yo decido. El tren de la libertad, coa Asociación de mulleres cineastas e de medios audiovisuais CIMA. Un ano despois, realizaron o documental de Jorge Coira e o grupo folk Luar na Lubre, Torre de Breoghán. En 2016, Loureiro foi a produtora executiva de Meigallos (Bruxarías) e da longametraxe Migas de pan, da directora Manane Rodríguez, o mesmo ano da estrea da curtametraxe de Alberto Vázquez Decorado. En 2017, estreouse The neverending wall, dirixida por Silvia Carpizo e en 2018 Patchwork, dirixido por María Manero.[21][22]

En 2019 estreouse a curtametraxe Carne, dirixida por Camila Kater, producido por Abano Producións e Doctela, de Lívia Pérez. Desde a súa estrea no Festival de Locarno o documental recibiu numerosos premios[23] [24]e foi moi ben acollido pola crítica especialista en diferentes medios, salientando tanto as técnicas tan dispares empregadas como a creatividade e a temática. Carne conta a través das anécdotas de cinco mulleres as súas experiencias e a relación que teñen co seu corpo.[25][26]

Chelo Loureiro empezou a gravar a súa primeira longametraxe como directora, retomando un proxecto que tiña en mente hai tempo. Con Abano Producións e xunto a Brandán Álvarez produce o filme Valentina, realizado en 2D e 3D destinado ao público infantil entre 4 e 6 anos.[27] A súa ópera prima tiña previsto a estrea en xuño de 2021[28] pero aprazouse ata o 10 de decembro dese ano. Antes da estrea oficial de Valentina, foi nomeada á mellor película de animación nos Premios Goya,[29][30][31]galardón que obtivo en febreiro do 2022.[32][33]

Colaboracións e activismo editar

Loureiro imparte seminarios e Masterclass de produción de animación en diferentes universidades. En 2010, foi convocada polo Ministerio de Cultura do Brasil a través da súa Secretaría do Audiovisual para colaborar como formadora en ANIMA TV, proxecto para a implantación de series de animación brasileiras nas cadeas de televisión en aberto do Brasil.[34] En 2012, formou parte do comité de estímulos á produción de animación promovidos por primeira vez en Colombia polo Fondo Mixto de Promoción Cinematográfica, Proimágenes Colombia.[35]

Formou parte do xurado en diversos festivais como o Festival Internacional de Cine de Xixón (FICX50) na sección inaugurada en 2012 dedicada á animación AnimaFICX, entre outros.[36]

Comprometeuse en diferentes causas como a igualdade entre mulleres e homes ou a defensa da lingua galega. Xa en 1996, Loureiro foi nomeada presidenta do Centro de Estudos Lingua e Empresa (CELE), asociación creada co obxectivo de construír un foro estable para organizar congresos, simposios e debates para contribuír e promocionar o uso do galego nos medios de comunicación, na publicidade e nas relacións empresariais e mercantís.[37] Tamén formou parte da Xunta directiva de AGAPI (Asociación Galega de Produtores Independentes), foi vicepresidenta e levou a vocalía de cine da Federación Española de Asociacións de Produtoras de Animación (DIBOOS) cuxo obxectivo pretendía “sumar esforzos en favor da industria española de produción de debuxos animados e efectos visuais".[38]

Loureiro é tamén responsable da internacionalización do Clúster Audiovisual Galego, membro da Academia Galega do Audiovisual e da Acadèmia de Cinema Català, así como directiva da Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas de España (AACCE).[39]

No verán de 2014 estreouse o documental Yo decido. El tren de la libertad, no que Loureiro participou xunto a case un centenar de cineastas.[40]A orixe do documental naceu tras a mobilización dun pequeno grupo de mulleres asturianas como reacción ao anteproxecto de lei para restrinxir o dereito ao aborto exposto polo goberno do Partido Popular. Miles de persoas de todo o país mobilizáronse en tren até Madrid xuntándose nunha multitudinaria manifestación chegando mesmo a outras capitais do mundo. A testemuña destas persoas foi recollida polas cineastas que se sumaron á iniciativa. Loureiro como delegada do colectivo de mulleres cineastas CIMA en Galicia puido constatar as dificultades que tiveron para dispor de espazos nalgunhas poboacións galegas e proxectar o documental.[41]

Asociación de mulleres cineastas e de medios audiovisuais CIMA editar

Chelo Loureiro pertence a CIMA, cuxa motivación é fomentar unha presenza equitativa das mulleres na creación e nos medios audiovisuais, para conseguir unha sociedade máis igualitaria e diversa. Ao mesmo tempo é delegada de CIMA en Galicia e membro da Xunta Directiva desta asociación que leva anos loitando pola visibilidade das mulleres profesionais do audiovisual, sector profesional no que as porcentaxes de mulleres en postos de responsabilidade son dramaticamente inferiores ao dos homes, así como do cumprimento da lei de Igualdade en todo tipo de observatorios, foros ou festivais.[6][42][43]

Formou parte do primeiro encontro de produtoras de cine que tivo lugar en Valladolid, coincidindo coa SEMINCI en 2018. O propósito das reunións mantidas foi analizar a situación do sector (representado soamente por un 28% de mulleres) para establecer unha folla de ruta encamiñada á redución da desigualdade existente. Entre as reivindicacións marcáronseː o establecemento dun sistema de cota progresiva para os proxectos liderados por mulleres e a esixencia do cumprimento da lei de igualdade coa garantía de sanción polo seu incumprimento. Como apuntou Loureiro “Simplemente con que se cumprise a lei de igualdade, teriamos moito avanzado”. Ademais, comprometéronse para traballar na eliminación da brecha salarial entre homes e mulleres e avanzar en medidas de conciliación.[44]

Recoñecementos editar

Loureiro foi nomeada varias veces aos Premios Goya que concede anualmente a AACCE, gañando o galardón en catro ocasións. O seu primeiro nomeamento foi a Mellor Película de Animación, en 2006 con De profundis. Un ano despois, foi nomeada a Mellor Curto de Animación con La flor más grande del mundo. En 2010, A tropa de trapo no país onde sempre brilla o sol, competiu na categoría de Mellor Película de Animación. En 2014, o seu curto O xigante estivo nomeado na categoría Mellor Curtametraxe de Animación e, un ano despois, en 2015, A tropa de trapo na selva do arco da vella foi nomeada a Mellor Película de Animación. En 2017, Loureiro gañou un Premio Goya á Mellor Curta Animada pola obra Decorado.[45][46]

O Concello de Ferrol outorgoulle o galardón como Ferrolá do Ano 2017, o 8 de marzo Día Internacional da Muller. A celebración acompañouse de vídeos dedicados á galardoada e actuacións musicais de artistas como María Manuela e Pilocha. Loureiro sinalou "a pouca presenza das mulleres no audiovisual, pero destacando como algo excepcional que o 80 por cen das produtoras en Galicia son mulleres".[47][48]

Posteriormente, en marzo de 2018, recibiu o Premio Mestre Mateo pola curta de animación The Neverending Wall.[49] En abril do mesmo ano, a asociación cultural Arela entregoulle o premio Pedigree 2018 no Festival de Cans de curtametraxes que se celebra no Porriño, en recoñecemento á súa aposta polos novos talentos, o seu traballo continuo no desenvolvemento do cine de animación e a súa voz crítica na loita pola visibilidade das mulleres no audiovisual, a través de CIMA.[50][51][52] Posteriormente, en maio, recibiu a mención honorífica do Festival Primavera do cine de Vigo pola súa traxectoria profesional e pola súa loita pola igualdade das mulleres.[53][54]

Penso que a miña formación técnica axudoume moito a entender o mundo económico (en mans de homes) e falar o seu idioma para conseguir financiar os proxectos nos que creo, e con isto consigo ademais participar en ambas partes (creativa e financeira) e desfrutar do meu traballo sempre.
Chelo Loureiro

En 2018, Loureiro tamén participou no Festival de Animación, Videoxogos e Cómic, en México, convidada por Pixelatl para debater sobre o traballo das mulleres produtoras en España. O festival é o principal encontro de vinculación entre creadores mexicanos e as industrias globais da animación, o cómic e os videoxogos. [55][56][57]

No ano 2022 obtivo o a Goya á mellor longametraxe de animación por Valentina, filme que ela mesmo dirixiu,[32] e ao ano seguinte repetiu o mesmo galardón, desta vez polo filme Unicorn wars, dirixido por Alberto Vázquez.[58] En 2024 foi premiada co seu cuarto Goya, pola curtametraxe To bird or not to bird, dirixido por Martín Romero.[59]

Producións editar

Como produtora executiva levou a produción das seguintes películasː

Longametraxes de animación

Series de televisión

  • Y por que? (2008), dirixida por Virginia Curiá e Tomás Conde. 52 capítulos de 1’.
  • A tropa de trapo (2010), dirixida por Àlex Colls. Animación en 3D. Serie de 52 capítulos de 7' de duración cada un.

Curtametraxes de animación

Longametraxe de ficción

Longametraxes documentais

Premios e nomeamentos destacados editar

Unicorn Wars, de Alberto Vázquez

  • Premio Goya 2023 na categoría Mellor Película de Animación.

Valentina, de Chelo Loureiro, longametraxe de animación 2021

  • Premio Goya 2022 na categoría Mellor Película de Animación.[33]
  • Medalla de CEC (Círculo de Escritores Cinematográficos) 2021 ao Mellor Longametraxe de animación.

The neverending wall, de Silvia Carpizo, curtametraxe animación 2017

  • Seleccionada shortlist Premios Goya 2018
  • Premio MejorCurtaAnimación Tehran International Short Filme Festival
  • Premio Mestre Mateo 2018[61]
  • Finalista Premios Quirino Mellor BSO 2018
  • Especial Mención Xurado Mostra Iberoamericana Animación
  • Premio Mellor Directora no Festival de Cine dirixido por Mulleres 2018
  • Premio á Mellor BSO no Festival de Cine de Zaragoza 2018

Decorado, de Alberto Vázquez, curtametraxe animación 2016

  • Premio Quirino á Mellor Curtametraxe 2018
  • Premio Goya á Mellor Curtametraxe 2017
  • Premio Mestre Mateo á Mellor Curtametraxe 2017
  • Quincena de Realizadores de Cannes 2016

Migas de pan, de Manane Rodríguez longametraxe ficción 2016

  • Seleccionada polo Uruguai para Premios ÓSCAR 2017 Mellor Película Fala non Inglesa[62]
  • Nomeada Premios Mestre Mateo 2017 en 3 categorías
  • Premio do Público. Festival Internacional de Cine de Dereitos Humanos de Buenos Aires (2017)
  • Premio do Público. Festival Latin América i Focus. Malmö. Suecia.

Brujerías, de Virginia Curiá, largometrajeanimación 2016

  • Nomeada Premios Platino 2017

Torre de Breoghán, de Jorge Coira, longametraxe documental, 2015

  • Nomeado ao Premio Mestre Mateo da Academia de Cine de Galicia 2016

Yo decido - El tren de la libertad-, longametraxe documental, 2014

Realizado e producido por máis de 90 mulleres cineastas españolas

  • 2014 Premio Clara Campoamor de Sevilla. PSOE de Andalucía.
  • 2014 XXI Premio Pasionaria
  • 2014 XII Premio Colectivo 8 de Marzo
  • 2014 Premio Aragón Dignidade. Padroado da Fundación Aragonesista
  • 2014 Premio Mulleres en Acción da Mostra de Teatro de Cangas
  • 2015 Premio "Mulleres en Unión" da Unión de Actores e Actrices.
  • 2015 Premio á Igualdade do Concello de La Rinconada (Sevilla).
  • 2015 Premio "Alcalde José Fernandín" concedido polo PSOE de Castrillón.

A tropa de trapo na selva do arco da vella, de Alex Colls, longametraxe animación, 2014

  • Nomeada Premios Goya á Mellor Longametraxe de Animación 2015
  • Nomeada ao Premio Gaudí á Mellor Longametraxe de Animación 2015
  • Nomeada ao Premio Mestre Mateoal Mellor Longametraxe de Animación 2015
  • Nomeada Medalla CEC (Crítica Cinematográfica) ao Mellor Longo Animación 2015

O xigante, de Luís dá Matta e xullo Vanzeler, curtametraxe 2012

  • Nomeado Premio Goya á Mellor Curtametraxe Animación 2013

Colección de cortinillas para TVG ,2011

  • Premio Mestre Mateo a laMejor Obra publicitaria

A tropa de trapo no país onde sempre brilla o sol, longametraxe 2010.

  • Premio Gaudí a laMejor Película de Animación 2010
  • Nomeada Premios Goya a laMejor Película de Animación 2010
  • Premio Jerry Goldsmith á Mellor Banda Sonora para Longametraxe (EEUU)
  • Premio Jerry Goldsmith ao Mellor Compositor de 2011 (EEUU)
  • Premio Xurado Infantil á Mellor Longametraxe DIVERCINE 2012 (Uruguai).
  • Premio Bronze TELLY AWARD por "Best Use of Music in an Independent Feature"
  • Premio Director’sChoice Festival Utah (EEUU)

O soldadito de chumbo, de Tomás Conde e Virginia Curiá, curtametraxe 2008.

  • Nomeado ao Mellor Corto Animación Premios Mestre Mateo 2009
  • Numerosos Premios Internacionais

La crisis carnívora, de Pedro Rivero, longametraxe 2008. (produción executiva)

  • Nomeada Premio Mestre Mateo a Mellor Película de Animación 2009

La flor más grande del mundo, de Juan Pablo Etcheverry, curtametraxe2007.

  • Nomeada ao mellor curto de Animación nos Premios Goya 2007
  • Premio Mellor Curtametraxe do Ano nos Mestre Mateo 2007
  • Numerosos premios en festivais internacionais (Xapón, Canadá, Francia, Alasca…)

De profundis, de Miguelanxo Prado, longametraxe 2006

  • Nomeada á Mellor Película de Animación nos Premios Goya 2006
  • Premio Mellor Película do Ano nos Mestre Mateo 2006
  • Premio Mellor Banda Sonora 2006 Premios Mestre Mateo
  • Festival De San Sebastián Sección Made in Spain

Notas editar

  1. "Chelo Loureiro. AVG. AudioVisual Galego". culturagalega.gal. Consultado o 2021-12-04. 
  2. "Chelo Loureiro: Fui la primera mujer que entré a trabajar en la Bazán, con 200 hombres". www.elcorreogallego.es (en castelán). Consultado o 2021-12-04. 
  3. "El campus de Ferrol se vuelca con el alma de Sargadelos". La Voz de Galicia (en castelán). 2007-01-19. Consultado o 2021-12-04. 
  4. "Galería Sargadelos, unha triste perda para Ferrol". Galicia Ártabra Digital (en castelán). Consultado o 2021-12-04. 
  5. López, Siro (2016-12-16). "A galería Sargadelos". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 2021-12-04. 
  6. 6,0 6,1 "Espacio abierto.Chelo Loureiro". Televisión de Ferrol. 2017-03-02. Consultado o 2019-03-13. 
  7. Dacosta, Henrique (2016-12-28). "Sargadelos: crónica dunha morte anunciada". Diario de Ferrol (en castelán). Consultado o 2021-12-04. 
  8. 8,0 8,1 Pingota Comunicación (Xuño, 2017). Concello de Ferrol, ed. "Mulleres construíndo Ferrol". Machina (1). 
  9. "Nace Diario de Ferrol 0". Consultado o 2019-07-30. 
  10. "Contacto". Arquivado dende o orixinal o 26 de febreiro de 2019. Consultado o 13 de marzo de 2019. 
  11. "Germán Castro Tomé. Galegos.Gallegos". galegos.galiciadigital.com (en castelán). Consultado o 2021-12-05. 
  12. VVAA (16 de septiembre de 2018). "Nordesía". Suplemento dominical Diario de Ferrol (1053). 
  13. Concello Ferrol (2018-03-15). ""Ferrol en Lila Mola", cap 1: Ángeles Alvariño + Carmen Fernández, Chelo Loureiro e Lorena "Cachito"". Consultado o 2019-03-18. 
  14. "El nuevo esplendor del cine coruñés". www.laopinioncoruna.es (en castelán). Consultado o 2019-03-13. 
  15. Mauleón, A. (2009-05-24). "Chelo Loureiro: "Los jurados de festivales y productoras piensan en masculino"". La Opinión de A Coruña (en castelán). Consultado o 2021-12-05. 
  16. ""Non hai nada no mundo que venda como o cinema"". Nós Diario. Consultado o 2021-12-05. 
  17. Concello Ferrol (2018-03-15). "Ferrol en Lila Mola, cap 1: Ángeles Alvariño + Carmen Fernández, Chelo Loureiro e Lorena "Cachito"". Consultado o 2019-03-13. 
  18. Nordesía (27/01/2013). "La entrevista". Suplemento Dominical Diario de Ferrol. 
  19. "'La Tropa de trapo' La primera experiencia 3D para los más pequeños. nortecastilla.es". www.elnortedecastilla.es. Arquivado dende o orixinal o 30 de marzo de 2019. Consultado o 2021-12-05. 
  20. "'O Xigante', el corto de Chelo Loureiro se preestrenará este domingo en el Jofre". Diario de Pontevedra (en castelán). 2012-03-14. Consultado o 2021-12-05. 
  21. UPV Radiotelevisió (oficial) (2018-11-14). "María Manero gana el festival Prime the Animation con “Patchwork” - Noticia @UPVTV, 14-11-2018". Consultado o 2019-03-13. 
  22. Mauleón, A. (2016-11-18). "La donación de órganos, un 'patchwork' animado". Faro de Vigo (en castelán). Consultado o 2021-12-05. 
  23. Press, Europa (2020-09-03). "El corto 'Carne', producido por la ferrolana Chelo Loureiro, aspira a llegar a los Goya y a los Óscar". www.europapress.es. Consultado o 2021-12-06. 
  24. "Chelo Loureiro: "A las niñas les faltan referentes femeninos"". MiradasDoc. Consultado o 2021-12-06. 
  25. Laguna, Ray. "2019: Carne". Animación para adultos (en castelán). Consultado o 2021-12-06. 
  26. Mayorga, Emilio; Mayorga, Emilio (2020-06-20). "Brazilian Animator Camila Kater Confronts Female Aging In Debut ‘Carne’". Variety (en inglés). Consultado o 2021-12-06. 
  27. "3D WIRE 2019: PRESENTACIÓN DE 'VALENTINA'". Consultado o 2021-12-06. 
  28. "Valentina". Abano Producións (en castelán). Consultado o 2021-12-06. 
  29. Digital, Estrella. "El sueño de "Valentina" inicia la carrera a los Goya". Estrella Digital (en castelán). Consultado o 2021-12-06. 
  30. "Valentina (2021)" (en castelán). Consultado o 2021-12-06. 
  31. "RTVE.es estrena el tráiler de 'Valentina'" (en castelán). 2021-11-12. Consultado o 2021-12-06. 
  32. 32,0 32,1 Pontevedra, Diario de (2022-02-13). "Noche de gloria para Galicia en los Goya con cuatro galardonados". Diario de Pontevedra (en castelán). Consultado o 2022-02-13. 
  33. 33,0 33,1 "Goyas para Chechu Salgado, Zeltia Montes, Chelo Loureiro y Xosé Zapata". La Voz de Galicia (en castelán). 2022-02-13. Consultado o 2022-02-13. 
  34. tvbrasil (2011-04-14). "Produção". Consultado o 2019-03-13. 
  35. "Proimágenes Colombia". www.proimagenescolombia.com. Consultado o 2019-03-13. 
  36. "Catálogo FICX 2012 - 50 Edición". Ayuntamiento de Gijón (en castelán). Consultado o 2021-12-05. 
  37. "Escrito de Chelo Loureiro". Arquivado dende o orixinal o 16 de marzo de 2019. Consultado o 13 de marzo de 2019. 
  38. U-tad (2012-09-11). "Chelo Loureiro, productora de animación, habla de su profesión". Consultado o 2019-03-13. 
  39. Corral, Marta (2017-02-05). "La productora ferrolana Chelo Loureiro gana un Goya por el cortometraje 'Decorado'". Ferrol360 (en castelán). Consultado o 2021-12-05. 
  40. "Yo decido. El Tren de la Libertad (2014)". Filmaffinity (en castelán). Consultado o 2021-12-05. 
  41. Mauleón, A. (2014-07-08). "Galicia empuja el tren de la libertad". La Opinión de A Coruña (en castelán). Consultado o 2021-12-05. 
  42. Jiménez, Jennifer (2018-12-04). "La nueva Ley de RTVC incluirá las reivindicaciones en materia de igualdad de la Asociación de Mujeres Cineastas". ElDiario.es (en castelán). Consultado o 2021-12-05. 
  43. Zurro, Javier (2018-06-28). "Cristina Andreu: “Sin cuotas la igualdad en el cine es imposible”". El Español (en castelán). Consultado o 2021-12-05. 
  44. García, Rocío (2018-10-21). "Las productoras de cine reclaman un sistema de cuota progresiva para los proyectos liderados por mujeres". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 2021-12-05. 
  45. Corral, Marta (2017-02-05). "La productora ferrolana Chelo Loureiro gana un Goya por el cortometraje 'Decorado'". Ferrol360 (en castelán). Consultado o 2021-12-05. 
  46. "Decorado » Premios Goya 2019". 
  47. "El teatro Jofre se llena de emociones en el acto de homenaje a Chelo Loureiro". Diario de Ferrol (en castelán). Consultado o 2021-12-05. 
  48. "Ferrol nombra a Chelo Loureiro Mujer del Año – CIMA – Asociación de mujeres cineastas y de medios audiovisuales" (en castelán). Consultado o 2021-12-05. 
  49. "Premio Mestre Mateo para la ferrolana Chelo Loureiro por ‘The neverending wall’". 
  50. "El Festival de Cans premia a la productora Chelo Loureiro y a la actriz Isabel Blanco". 
  51. "El Festival de Cans concede el Premio Pedigree 2018 a la productora Chelo Loureiro". 
  52. "El Festival de Cans reconoce la trayectoria de la produtora Chelo Loureiro con el Premio Pedigree 2018 | Festival de Cans". 
  53. "El Primavera do Cine de Vigo homenajea a Chelo Loureiro, la gran dama de la animación gallega". 
  54. "La productora Chelo Loureiro afirma en Vigo que el cine es "un arte colectivo"". 
  55. "Todo listo para el Festival Pixelatl de Animación, videojuegos y cómic". CAILE (en castelán). 2018-09-03. Arquivado dende o orixinal o 30 de marzo de 2019. Consultado o 2021-12-05. 
  56. Cuevas, Maritza. "Pixelatl, lo mejor de la animación". El Sol de Cuautla. Noticias Locales, Policiacas, sobre México, Morelos y el Mundo (en castelán). Consultado o 2021-12-05. 
  57. "Chelo Loureiro". Festival (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 15 de febreiro de 2022. Consultado o 2021-12-05. 
  58. "La productora ferrolana Chelo Loureiro gana su tercer Goya". Diario de Ferrol. 12 de febreiro de 2023. Consultado o 12 de febreiro de 2024. 
  59. "Premios Goya: O audiovisual galego suma dous novos galardóns". Nós Diario. 11 de febreiro de 2024. Consultado o 12 de febreiro de 2024. 
  60. "La productora ferrolana Chelo Loureiro gana un Goya por el cortometraje ‘Decorado’". 
  61. Rebeca (2018-03-04). "Premio Mestre Mateo para la ferrolana Chelo Loureiro por 'The neverending wall'". Ferrol360 (en castelán). Consultado o 2021-12-05. 
  62. "ICAU. Migas de Pan para los Oscar". icau.mec.gub.uy. Consultado o 2021-12-05.