Chamaecyparis pisifera

especie de planta

Chamaecyparis pisifera
Falso ciprés de Sawara
Camecíparis de Sawara

Chamaecyparis pisifera no Morton Arboretum,
Illinois, Estados Unidos.
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Pinophyta
Clase: Pinopsida
Orde: Pinales
Familia: Cupressaceae
Subfamilia: Cupressoideae
Xénero: Chamaecyparis
Especie: C. pisifera
Nome binomial
Chamaecyparis pisifera
(Siebold & Zucc.) Endl., 1844
Sinonimia
Véxase o texto

Chamaecyparis pisifera é unha especie de conífera da familia das cupresáceas (Cupressaceae), subfamilia das cupresoideas (Cupressoideae), unha das seis incluídas no xénero Chamaecyparis.

Características editar

As principais características de Chamaecyparis pisiferason:[2] [3]

  • É unha conífera perennifolia de crecemento lento que alcanza unha altura de 35 a 50 m.
  • O tronco pode chegar até os 2 m de diámetro.
  • A súa casca é de cor parda, fisurándose en longas tiras verticais no espécimes vellos; cando está láminas se desprenden poder presentar cor gris.
  • A copa é cónica, a miúdo ampla a partir dun tronco bifurcado; as pólas adoitan seren horizontais, pero poden dobrarse cara a abaixo e pesentarse acodadas na base.
  • Follaxe disponse en pequenas ramiñas planas. O brote e de cor parda rosada.
  • As follas adultas son escmentas, de cor verde clara brillante, acuminadas e rematadas nunha punta fina curvada, de verde na face e verde con manchas brancas no envés.
  • As flores masculinas son diminutas, de cor parda pálida, e dispostas no extremo das ramiñas; liberan o pole no mes de abril.
  • As flores femininas aparecen agrupadas un pouco por detrás as masculinas, son de cor verde agrisada e forman ao maduraren piñas globulosas, de cor parda, cun diámetro de 4 a 8 mm, do tamaño dun chícharo.

Distribución editar

C. pisifera é unha árbore propia do centro e o sur do Xapón, onde se encontra nas isllas de Honshū e Kyūshū.[1] [3]

Taxonomía editar

Descrición editar

A especie foi descrita en 1844 polos botánicos alemáns Philipp Franz von Siebold e Joseph Gerhard Zuccarini, na páxina 39 do volume 2º de seu traballo Flora Japonica, baixo o nome de Retinispora pisifera.[4][5]

Pouco despois, en 1847, foi desprazada ao xénero Chamaecyparis polo botánico austríaco Stephan Ladislaus Endlicher, na páxina 64 da súa obra Synopsis Coniferarum.[4][5]

Etimoloxía editar

Para a do xénero, véxase Chamaecyparis.

O epíteto espoecífico, pisifera, está formado polos elementos do latín científico pisi- e -fera, derivados do nome latino pisum, "chícharo", e do verbo fero, "levar", respectivamente, coa desiencia -a, indicando feminino, aludindo aos seus diminutos conos ou piñas.

Sinónimos editar

Ademais de polo nome que lle adxudicou Endlicher, que é o actualmente válido, a especie coñeceuse tamén polos seguintes sinónimos:[6]

  • Chamaecyparis filifera Veitch ex Sénécl.
  • Chamaecyparis leptoclada (Endl.) Henkel & W.Hochst.
  • Chamaecyparis obtusa var. plumosa Carrière
  • Chamaecyparis plumosa (Carrière) Sénécl.
  • Chamaecyparis squarrosa (Siebold & Zucc.) Endl.
  • Cupressus leptoclada (Endl.) Lavallée
  • Cupressus obtusa var. plumosa-argentea Lavallée
  • Cupressus obtusa var. plumosa-aurea Lavallée
  • Cupressus pisifera (Siebold & Zucc.) F.Muell.
  • Cupressus squarrosa (Siebold & Zucc.) Ravenscr.
  • Cupressus squarrosa Lawson ex Gordon
  • Retinispora aurea (Gordon) de Vos
  • Retinispora filifera (Veitch ex Sénécl.) Fowler
  • Retinispora leptoclada (Endl.) Zucc. ex Gordon
  • Retinispora pisifera Siebold & Zucc. (basónimo)
  • Retinispora plumosa (Carrière) Gordon
  • Retinispora plumosa var. aurea R.Sm.
  • Retinispora squarrosa Siebold & Zucc.
  • Retinispora stricta Gordon
  • Thuja pisifera (Siebold & Zucc.) Mast.

Especies semellantes editar

Un falso ciprés emparentado con este encóntrase en Taiwán, Chamaecyparis formosensis (falso ciprés de Formosa), do que difire en que os seus conos ovoides son máis longos, de 6–10 mm.[3].

Por outra parte, a especie extinta, do eoceno, Chamaecyparis eureka, coñecida por fósiles encontrados na illa Axel Heiberg, no Canadá, pénsase que era moi similar a C. pisifera.[7]

Cultivo e usos editar

Cultívase no Xapón para aproveitar a súa madeira, que se utiliza para construír palacios, templos, e baños, e para facer cadaleitos, aínda que se valora menos que a madeira da súa parente Chamaecyparis obtusa. A madeira desprende un aroma a limón, ten unha cor clara cun gran dereito, e é moi resistente á podremia.[8]

Tamén unha prezada árbore ornamental moi popular en parques e xardíns, tanto no Xapón como noutros lugares con clima temperado, incluíndo Europa occidental partes de Norteamérica. Un gran número de variedades foron seleccionadas para plantar en xardíns, incluíndo formas ananas, con follas amarelas ou verde azuladas, e formas que conservan as acículas da xuventude; son particularmente populares a variedades de follaxe xuvenil chamada 'Plumosa', e 'Squarrosa' e 'Boulevard'.[8]

Principais variedades editar

As principais variedades cultivadas desta especie son:[9]

  • 'Aurea'. Semellante ao tipo silvestre, pero coa follaxe de cor dourada brillante, tornando a verde durante o verán.
  • 'Plumosa'. Columnar, de cimeira plana. con follaxe xuvenil planipinnado, denso e plumoso. O tronco bifúcase habitualmente a 2 m do solo. Común en parques e xardíns, pero menos que a variedade seguinte.
  • 'Plumosa Aurea'. De cor verde dourada nos espécimes novos, que e vai facendo máis pálida coa ideade. Chega até os 24 m de altura e é común en parques urbanos, xardíns e cemiterios.
  • 'Squarrosa'. Cónica, co cumio obtuso, raramente co tronco recto até a cimeira, frecuentemente bifurcado a 2 m. Follaxe esponxosa, branda, con follas de cor verde clara pola face e gris azulada pálida polo envés. Moi común.
  • 'Boulevard'. Forma semianana da 'Squarrosa', moi azul se medra parcialmente na sombra. Non pasa dos 6 m de altura.
  • 'Filifera'. Forma arbustiva moi ancha con moitos troncos. Os brotes penduran como filamentos, con acumulacións moi pequenas de brotes laterais. Copa de cor verde escura, moi aberta. Chega até os 20 m de altura. Pouco frecuente.
  • 'Filifera Aurea'. Arbustoen forma de colmea, ou ben árbore pequena de poucas pólas. Semallante á 'Filifera' pero de cor dourada clara. Pouco frecuente.

Galería editar

En Galicia editar

A especie é bastante frecuente en xardíns de Galicia, podéndose ver, como árbore de peueno porte, por exemplo, no parque do Carballiño, o Campus Sur da Universidade de Santiago ou no Burgo das Nacións.[10]

Posíbeis nomes galegos editar

Segundo as normas para a nomenclatura en linguas vulgares das especies vexetais, que aconsellan dar nomes diferentes ás especies de xéneros distintos, uns posíbeis nomes en galego poderían ser falso ciprés de Sawara ou camecíparis de Sawara.[11]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 Chamaecyparis pisifera na Lista vermella da UICN. Versión 2017-3. Consultada o 3 de xaneiro de 2018.
  2. Mitchell 1979, pp. 85-86.
  3. 3,0 3,1 3,2 Farjon 2005.
  4. 4,0 4,1 Flora of China.
  5. 5,0 5,1 Chamaecyparis pisifera (Siebold & Zucc.) Endl. no IPNI.
  6. Chamaecyparis pisifera en The Plant List. Consultada o 3 de decembro de 2018.
  7. Kotyk, M.E.A.; Basinger, J. F.; McIlver, E. E. (2003). "Early Tertiary Chamaecyparis Spach from Axel Heiberg Island, Canadian High Arctic". Canadian Journal of Botany 81: 113–130. doi:10.1139/B03-007. 
  8. 8,0 8,1 Dallimore, W. & Jackson, A. B. (1966): A Handbook of Coniferae and Ginkgoaceae 4th ed. London: Edward Arnold & Co. ISBN 978-9-0043-2449-7.
  9. Mitchell 1979, p. 86.
  10. Castro, Freire & Prunell 1989, p. 73.
  11. Mitchel 1979, p. 87.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Castro, Marisa, Luís Freire e Antonio Prunell (1989): Guía das Árbores de Galicia. Autóctonas e ornamentais. Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-7507-406-5.
  • Farjon, A. (2005): Monograph of Cupressaceae and Sciadopitys. Royal Botanic Gardens, Kew. ISBN 1-8424-6068-4.
  • Farjon, A. (2010): A Handbook of the World's Conifers. 2 Vols. Leiden: Koninklijke Brill. ISBN 978-9-0474-3062-9.
  • Mitchell, Alan (1979): Guía de campo de los árboles de Europa. Barcelona: Ediciones Omega, S. A. ISBN 84-2820-549-3.
  • Rushforth, Keith D. (1987): Conifers. Nova York City, Nova York, USA: Facts on File. ISBN 978-0-8160-1735-5.
  • Yamamoto, S. I. (1998): "Regeneration ecology of Chamaecyparis obtusa and C. pisifera (Hinoki and Sawara Cypress), Japan". En: Aimlee D. Ladermann (ed.) Coastally restricted forests. Oxford, Nova York: Oxford University Press. ISBN 978-0-1950-7567-0.

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar