Philipp Franz von Siebold
O barón Philipp Franz von Siebold, nado en Würzburg, Principado episcopal de Würzburg,[1] Sacro Imperio Romano-Xermánico, o 17 de febreiro de 1796, e finado en Múnic, Reino de Baviera, o 18 de outubro de 1866, foi un nobre, médico e botánico bávaro.
Foi o primeiro europeo que ensinou medicina occidental no Xapón.
Adquiriu notoriedade polo seu estudo da flora e a fauna do arquipélago nipón, un biótopo único abundante en endemismos.
Era irmán (ou primo) do anatomista e zoólogo Carl Theodor Ernst von Siebold (1804-1885).
Traxectoria
editarPrimeiros anos
editarNado en Würzburg, Baviera, no seo duna familia de médicos e profesores de medicina, von Siebold estudou inicialmente medicina na Universidade de Würzburg, desde novembro de 1815.[2]
Un dos seus profesores foi Franz Xaver Heller (1775-1840), autor de Flora Wirceburgensis (Flora do Gran Ducado de Würzburg, 1810-1811).[2] Ignaz Döllinger (1770-1841), seu profesor de anatomía e fisioloxía foi, porén, o que máis influíu nel. Döllinger foi un dos primeiros profesores en comprender e tratar a medicina como unha Ciencia da Natureza.
Von Siebold permaneceu en contacto con Döllinger, o cal, á súa vez, entraba en cotacto regularmente con outros científicos sobrsaíntes do seu tempo. Siebold leu os libros de Alexander von Humboldt,[2] famoso naturalista e explorador, que probabelmente influíu para desexar viaxar a lugares afastados.
Philipp von Siebold graduouse en medicina en 1820. Exerceu como médico durante un tempo en Heidingsfeld, pequena localidade ao sur de Würzburg, no Reino de Baviera.[2]
Ao servizo dos Países Baixos
editarInvitado a pasar aos Países Baixos por un achegado á súa familia, entrou ao servizo sa Compañía Holandesa das Indias Orientais en 1822. Von Siebold solicitou un posto de médico militar, posto que lle permitiu viaxar ás colonias holandesas. Entrou no servizo militar holandés o 19 de xuño de 1822.[2]
Foi asignado como médico na fragata Adriana para unha viaxe que, partindo de Rotterdam, debía de arribar a Batavia (actual Iacarta) nas Indias Orientais Neerlandesas (actualmente Indonesia). Durante a súa viaxe a Batavia na fragata Adriana practicou os seus coñecementos da lingua neerlandesa e, ademais, rapidamente aprendieu a lingua malaia. Durante a longa viaxe, von Siebold comezou a formar unha colección de fauna mariña. Chegou a Batavia o 18 de febreiro de 1823.[2]
Como oficial médico que era, von Siebold foi asignado a unha unidade de artillaría. Porén, permaneceu unhas semanas na residencia do Gobernador Xeral para recuperarse dunha enfermidade.
Debido aos seus eruditos coñecementos, impresionou ao Gobernador Xeral Indias Orientais Neerlandesas, o barón Van der Capellen, e ao encargado do Xardín botánico de Buitenzorg,[3] Caspar Georg Karl Reinwardt. Estes presentárono a Engelbert Kaempfer e Carl Peter Thunberg (autor da Flora Japonica), ambos os dous antigos médicos residentes en Dejima.[2]
A Academia das Ciencias e as Artes de Batavia fíxoo un dos seus membros.
Chegada a Dejima: unha vocación oculta outra
editarVon Siebold foi enviado o 28 de xuño de 1823 nunha expedición científica neerlandesa a Dejima, illa artificial preto de Nagasaki, á que chegou o 11 de agosto dese mesmo ano. Durante a súa accidentada viaxe zafouse por pouco de afogar a causa dun tifón no mar da China Oriental.[2]
Siebold foi o novo residente médico e científicoe Dejima; debido a que soamente se permitía permanecer nesa illa a un pequemo número de cidadáns holandeses, os posto de científico e de médico debían ser ocupados por unha mesma persoa. Nese momento, Deshima non pertencía á Compañía Holandesa das Indias Orientais, pero estaba baixo a influencia do estado neerlandés por razóns políticas.[2]
O seu encontro co Xapón marcou o seu destino e a súa vocación.
Actividade como médico e profesor de medicina
editarCientíficos xaponeses convidaron a Von Siebold para que lles mostrase as marabillas da ciencia occidental, aprendendo pola contra dos xaponeses os seus costumes. Despois de sandar a un influente oficial local, von Siebold gañou a prerrogativa de poder abandonar o posto comercial e poder desprazarse fóra del (cousa que lle estaba prohibida aos holandeses, que non podían "pisar o sabrado chan nipón". Apoveitou a oportunidade que se lle daba para tratar aos seus pacientes xaponeses que se encontaban na grande área ao redor do posto. Siebold adquiriu moito crédito pola introdución da vacinación e da anatomía patolóxica por primeira vez no Xapón.[4]
En 1824, Siebold comezou a traballar nunha escola de medicina de Nagasaki, a Narutaki-juku (Escola Narutaki),[5] O doutor Von Siebold dirixiu a ensinanza da medicina, chamada Rangaku, a numerosos alumnos xaponeses, coa axuda de 50 intérpretes (designados polo shōgun). A Escola Narutaki converteuse no lugar de encontro duns 50 rangakusei (estudantes).
Choei Takano, Ishii Sōken, Oka Kenkai, Takenouchi Gendō, Totsuka Seikai foron os seus principais alumnos. Os xaponeses recoñeceron a von Siebold o mérito de ter sido o experto que transmitiu a Ciencia occidental ao Xapón. A lingua neerlandesa converteuse na lingua franca nestes contactos académicos durante unha xeración, até a restauración Meiji.
Os seus pacientes pagábanlle con toda clase de obxectos e artefactos que máis tarde poderían ter importancia. Estes obxectos de uso cotián, máis tarde serían a base dunha enorme colección etnográfica, a cal constaba de obxectos de uso diario no fogar, traballos en madeira, ferramentas e pezas artesanais utilizadas polas xentes do Xapón.
A política e o amor
editarVon Siebold foi encargado polo goberno holandés para que recollese todo tipo de informacións sobre o Xapón, pero non falaba nin lía a lingua xaponesa.
Porén, Siebold puido encontrar intérpretes e entusiastas colaboradores entre os seus rangakusei (alumnos), o que lle permite redactar en neerlandés memorias que cobren todos os aspectos da civilización xaponesa: flora, fauna, lingüística, historia e xeografía.
Os matrimonios mixtos entre xaponeses e occidentais estaban prohibidos, pero von Siebold coñeceu pronto a O'Taki San (楠本滝 Kusumoto Otaki), coa que viviu amancebado e quizais casou.[6]
Os documentos de cortesá, permitíronlle a Kusumoto Otaki acceder a Dejima, enclave que estaba prohibido aos xaponeses, exceptuando ás cortesás.[6]
En 1827 Kusomoto Otaki deu á luz unha filla, Kusumoto Ine, tamén coñecida como Oine.
Anos máis tarde Oine foi a primeira doutora en medicina occidental, e parteira (hebamme) do Xapón.[7]
Por dicir mellor, foi a primeira muller xaponesa que recibiu un adestrenamento por un médico, e converteuse ela mesma nunha apreciada médica, chegando a ser médica da emperatriz, na Corte de Toquio en 1882. Morreu na Corte en 1903.[2][8]
Von Siebold adoitaba chamar á súa esposa "Otaksa" (nome probabelmente derivado de O'Taki San), e nomeou unha especie do xénero Hydrangea na súa honra, Hydrangea otaksa Siebold & Zucc., hoxe clasificada como Hydrangea macrophylla (Thunb.) Ser., 1830.
Un dos seus cultivares, coñecido como "Otaksa", é unha das hortensias máis cultivadas en Galicia.
Actividade como naturalista
editarPorén, o seu máximo interese estaba enfocado no estudo da fauna e a flora xaponesas. Recolectou tanto material como puido. Comezou a plantar un pequeno xardín botánico detrás da súa casa, (non había moito espazo na pequena illa). Von Siebold reuniu máis de 1 000 plantas nativas. Nunha casa de cristal especialmente construída (invernadoiro), cultivaba as plantas xaponesas para que puideran soportar posteriormente o clima holandés. Artistas locais xaponeses debuxaron imaxes destas plantas, creando ilustracións botánicas e imaxes da vida diaria do Xapón, que complementaban a súa colección etnográfica. Von Siebold contratou cazadores xaponeses para conseguir animais raros e recolectar espécimes. Moitos destes espécimes foron recolectados coa axuda de colaboradores xaponeses, como Ito Keiske (1803—1901), Mizutani Sugerok (1779—1833), Ohkochi Zonshin (1796—1882) e Katsuragawa Hoken (1797—1844), un médico do shōgun. Ademais, o asistente de von Siebold e o seu sucesor, Heinrich Bürger (1806-1858), demostrou ser un elemento indispensábel para o bo desenvolvemento do traballo de von Siebold no Xapón.
Von Siebold foi o primeiro introdutor en Europa de plantas de xardín que actualmente resultan moi familiares, como moitas do xénero Hosta, da familia das asparagáceas, e Hydrangea otaksa. Sen que o souberan os xaponeses, tamén sacou de contrabando fóra do país sementes xerminábeis da planta dol té, para o xardín botánico de Buitenzorg, en Batavia. Con este acto tan simple, comezou o cultivo do té na illa de Xava, daquela colonia holandesa. Até entón, o Xapón reservara estritamente o comercio de plantas de té. Cómpre salientar que, en 1833, Xava albergaba xa máis de medio millón de plantas de té.
Durante a súa permanencia en Dejima, von Siebold despachou tres navíos cun número descoñecido de espécimes de herbario a Leiden, Gante, Bruxelas e Anveres. Na carga mandada a Leiden ía o primeiro espécime da salamandra xigante de Japón, Andrias japonicus, (Temminck, 1836), que se enviou a Europa.
En 1825 a Compañía das Indias Orientais subministroulle a von Siebold dous asistentes: o farmacéutico e mineraloxista Heinrich Bürger (o seu último sucesor) e o pintor Carl Hubert de Villeneuve. Ambos os dous resultáronlle moi útiles nos seus esforzos investigadores, que abarcaban desde a etnografía e a botánica até á horticultura, no seu intento de documentar a súa exótica experiencia xaponesa.
Sábese que von Siebold non tiña un carácter doado de tratar, e continuamente entraba en conflito cos oficiais neerlandeses de rango superior, que censuraban a súa actitude de superioridade no trato. Este rosario de conflitos conduciu a que as autoridades reclamaran que volvera a Batavia en xullo de 1827. Pero o barco Cornelis Houtman, que foi enviado para conducilo de volta a Batavia, foi guindado por un tifón contra a costa da baía de Nagasaki. A tormenta danou gravemente Dejima e destruíu o xardín botánico de von Siebold. Refrotado e reparado o Cornelis Houtman, von Siebold enviou a Batavia 89 caixóns co que se puido salvar da súa colección botánica no naufraxio; porén, el permaneceu en Dejima.
O incidentre Siebold: expulsión do Xapón
editarEn 1828 von Siebold fixo unha viaxe á Corte de Edo.[9] Durante a longa viaxe foi recolectando numerosas plantas e animais. Pero tamén obtivo varios mapas do Xapón e de Corea, que lle subministrou o astrónomo da corte Takahashi (debuxados por Inō Tadataka), e que os consideraba convenientes para fixar por si mesmo a fronteira norte do Xapón. A posesión de mapas do Xapón esraba rigorosamente prohibida aos estranxeiros. Custoulle caro; como resultado do afundimento da nave que levaba unha das súas cargas, estes mapas foron recollidos polos rescatadores, xunto con outros 50 obxectos prohibidos. O goberno inmediatamente acusouno de alta traizón e de ser un espía a soldo do Imperio ruso. Algnúns dos seus alumnos foron encarcerados, e el quedou suxeito a arresto domiciliario, sendo finalmente expulsado do país o 22 de outubro de 1829.
Satisfecho de que os seus colaboradores xaponeses puideran continuar o seu traballo, von Siebold volveu á súa antiga reesidencia en Batavia na fragata Java, levando consigo a súa enorme colección de miles de animais e plantas, os seus libros e... os seus mapas. O Xardín botánico de Buitenzorg albeegaría pronto as plantas superviventes da súa casa de Dejima, unha colección de 2 000 plantas vivas. Volveu aos Países Baixos o 7 de xullo de 1830. A súa estancia no Xapón e en Batavia durara un período dens oito anos.
Establecemeno en Leiden
editarVon Siebold chegou, pois, aos Países Baixos en 1830, xusto no momento en que os problemas políticos convulsionaban Bruxelas, e que conducirían á independencia de Bélxica. Por pouco perde as súas coleccións etnográficas en Anveres e os seus espécimes de herbario en Bruxelas. Desgrazadamente, deixou atrás as súas coleccións de plantas vivas, que foron enviadas á Universidade de Gante. A consecuente expansión da súa colección de plantas raras e exóticas acrecentou a fama de horticultura de Gante. Porén, a Universidade de Gante, en gratitude, en 1841, restituíulle espécimes de cada unha das plantas da colección orixinal.
Von Siebold estableceuse en Leiden, levando consigo a maior parte da súa colección. A "colección von Siebold" contén numerosos espécimes tipo, e é a primeira colección botánica do Xapón. Aínda actualmente permanece como unha mostra admirábel dunha investigación feita en profundidade, de traballo ben feito. Contén uns 12 000 espécims, dos cales puido describir soamente ao redor de 2 300 especies. A colección, na súa totalidade, foi adquirida polo goberno neerlandés por unha considerábel cantidade de diñeiro. Ademais, von Siebold foi gratificado cun xeneroso subsidio anual polo rei Guillerme I. En 1842 o re elevou o seu rango, equiparándoo ao dun terratenente.
A "colección von Siebold" abriu as súas portas ao público en 1831. Siebold tamén fundou un museo na súa casa en 1837. O seu sucesor no Xapón, o anteriormente mencionado Heinrich Bürger, enviolle tres cargamentos máis de espécimes.
Esta colección de flora foi a base das coleccións xaponesas do National Herbarium de Leiden e do Museum Naturalis desta cidade. Este museo remodelaríase máis tarde para formar o ben coñecido e respectado Museo Nacional de Etnoloxía de Leiden.
Durante a súa estancia en Leiden publicou, en 1832, Nippon, o primeiro volume dun traballo etnográfico e xeográfico sobre o Xapón profusamente ilustrado. Tamén contén o relato da súa viaxe á Corte do shōgun en Edo. A semellanza doutras publicacións de von Siebold, foi moio prolífico, e seis volumes máis apareceron até 1882.
Outros sobre a Bibliotheca Japonica apareceron entre 1833 e 1841. Este traballo fíxoo en colaboración con Joseph Hoffmann e Kuo Cheng-Chang, un xavanés de orixe chinesa que viaxou con von Siebold desde Batavia. Contén un traballo de investigación sobre literatura xaponesa e, ademais, un dicionario plurilingüe chinés, xaponés e coreano.
Os zoólogos Coenraad Temminck (1777-1858), Hermann Schlegel (1804-1884) e Wilhem de Haan (1801-1855) describiron e documentaron cientificamente as coleccións de animais xaponeses de von Siebold. O resultado conduciu a Fauna Japonica, unha serie de monografías publicadas entre 1833 e 1850, facendo da fauna xaponesa a mellor descrita de entre as faunas non europeas: unha fazaña memorábel de von Siebold.
Von Siebold elaboró a súa Flora Japonica en colaboración co seu amigo, o botánico alemán Joseph Gerhard Zuccarini (1797-1848). A primeira edición apareceu en 1835. A versión completa, porén, non aparecería até despois da súa morte, e foi terminada en 1870 por F. A. W. Miquel (1811-1871), director do Rijksherbarium de Leiden. Este traballo consolidou a fama de von Siebold como científico, non só no Xapón, senón tamén en Europa.
Desde o Hortus Botanicus Leiden (o xardín botánico de Leiden) moitas das plantas de von Siebold comezaron a súa difusión por Europa e de aí a outros países aamericanos. Hosta e hortensia, Azalea, Petasites e Tussilago, ademais do alerce do Xapón (arix kaempferi), despois de conquistar os xardíns europeos, empezaron a conquistar os xardíns de todo o mundo.
Algunhas obras
editar- (1829) Synopsis Hydrangeae generis specierum Iaponicarum. En: Nova Acta Physico-Medica Academiae Caesareae Leopoldino-Carolina vv. 14, part ii.
- (1832–1852) Nippon. Archiv zur Beschreibung von Japan und dessen Neben- und Schutzländern: Jezo mit den Südlichen Kurilen, Krafto, Koorai und den Liukiu-Inseln. 7 volumes, Leiden.
- (1835—1870) (con von Zuccarini, J.G.) Flora Japonica. Leiden.
- (1843) (con von Zuccarini, J. G.) Plantaram, quas in Japonia collegit Dr. Ph. Fr. De Siebold genera nova, notis characteristicis delineationibusque illustrata proponunt. En: Abhandelungen der mathematisch-physikalischen Classe der Königlich Bayerischen Akademie der Wissenschaften vol. 3, pp. 717–750.
- (1845) (con von Zuccarini, J. G.) Florae Japonicae familae naturales adjectis generum et specierum exemplis selectis. Sectio prima. Plantae Dicotyledoneae polypetalae. En: Abhandelungen der mathematischphysikalischen Classe der Königlich Bayerischen Akademie der Wissenschaften vol. 4 part iii, pp. 109–204.
- (1846) (con von Zuccarini, J. G.) Florae Japonicae familae naturales adjectis generum et specierum exemplis selectis. Sectio altera. Plantae dicotyledoneae et monocotyledonae. En: Abhandelungen der mathematischphysikalischen Classe der Königlich Bayerischen Akademie der Wissenschaften vol. 4 part iii, Band 4, pp. 123–240.
Honores
editarEponimia
editarVexetais
editar- Xéneros
- (Liliaceae) Sieboldia Heynh.[10]
- (Ranunculaceae) Sieboldia Hoffmanns.[11]
- Especies (178 + 39 + 8 rexistros IPNI)
- (Asclepiadaceae) Cynanchum sieboldii (Franch. & Sav.) Ohwi[12]
- (Betulaceae) Duschekia sieboldiana (Matsumura) Holub [13]
- (Eriocaulaceae) Eriocaulon sieboldianum Siebold & Zucc. ex Steud. [14]
- (Euphorbiaceae) Tithymalus sieboldianus (C.Morren & Decne.) H.Hara [15]
- (Rosaceae) Rosa sieboldii Crép. ex Franch. & Sav. [16]
Asteroide
editar- (5448) Siebold, un asteroide descuberto en 1992, foi bautizado na súa honra.
Abreviatura
editarA abreviatura Siebold emprégase para recoñecer a Philipp Franz von Siebold como autoridade na descrición e taxonomía en botánica.[17]
Galería de imaxes
editar-
Escudo de armas de von Siebold
-
Retrato de Siebold por Kawahara Keiga, ca. 1820
-
Retrato e residencia de Siebold en Narutaki, Nagasaki
-
Siebold Nagasaki Park, Nagasaki
-
Museo de Siebold, Nagasaki
-
Vista de Dejima na baía de Nagasaki
(Fig. 1 na obra de Siebold Nippon, 1897) -
Selo de correos de Xapón, no mesmo ano
-
Monumento a von Siebold en Wurzburg
-
Busto de von Siebold en Leiden
-
Monumento de Von Siebold en Nagasaki (1897)
Notas
editar- ↑ En 1803 o bispado foi anexionado ao Electorado de Baviera. Despois da derrota austríaca de 1805, Baviera cedeu Wurtzburg ao antigo gran duque de Toscana Fernando III, que se coventeu en gran duque de Wurtzburg. Este novo Estado, que levou en principio o nome de Electorado de Wurtzburg (Kurfürstentum Würzburg) até 1806, e despois, o de Gran Ducado de Wurtzburg (Großherzogtum Würzburg). Tras a disolución do Sacro Imperio, o 30 de setembro 1806, o territorio formou parte da Confederación do Rin. Polo tratado austro-bávaro de 3 de xuño de 1814, foi disolvido e devolto a Baviera. Fernando III recuperou o Gran Ducado de Toscana despois do Congreso de Viena (1815). Desde 1805 a 1918 o teritorio formou parte do Reino de Baviera. A diocese católica de Wurtzburg foi restablecida en 1821, sen poder temporal.
- ↑ 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 E. M. Binsbergen (2002). "Philipp Franz von Siebold (1796–1866). Wetenschapper in de Oost. Philipp Franz von Siebold (1796–1866). Scientist in the East". Universidade de Ámsterdam (en neerlandés). Arquivado dende o orixinal o 28 de marzo de 2007. Consultado o 15 de decembro de 2017.
- ↑ Buitenzorg, actualmente denominada Bogor, é unha cidade de Indonesia na illa de Xava, que era a residencia oficial do Gobernador Xeral das Indias Orientais Neerlandesas, aínda que a capital era a próxima cidade de Batavia (actual Iacarta).
- ↑ Hiroyuki Odagiri & Akira Gotō (1996). Technology and Industrial Development in Japan. Oxforf: Clarendon Press. p. 236. ISBN 0-19-828802-6.
- ↑ 2.Edo Period: Pre-conditions for Industrialization Arquivado 12 de xullo de 2017 en Wayback Machine. (en inglés).
- ↑ 6,0 6,1 Lambourne 2007, p. 20.
- ↑ Lambourne 2007, p. 24.
- ↑ Unterstein.net: Familia Siebold.
- ↑ Edo era o nome que recibiu Toquio antes da restauración Meixi en 1868.
- ↑ Alph. Aufz. Gew. 644. 1847 ; Zweiter Band of Nomencl. Bot. Hort. (IK)
- ↑ Preisv. Nachtr. 28. Cf. Linnaea, xvi. 1842 Litt. 281 (IK)
- ↑ Acta Phytotax. Geobot. xii. 112 1943 in obs. (IK)
- ↑ Folia Geobot. Phytotax. ii 421 1967 (IK)
- ↑ Syn. Pl. Glumac. 2(10): 272 (Sieboldtianum) 1855 (IK)
- ↑ Enum. Spermatophytarum Japon. 3: 56 1954 (IK)
- ↑ Enum. Pl. Jap. i 136 (IK)
- ↑ Siebold no IPNI.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Philipp Franz von Siebold |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Philipp Franz von Siebold |
Bibliografía
editar- Lambourne, Lionel (2007): Japonisme: Cultural Crossings Between Japan and the West. Londres: Phaidon. ISBN 978-0-7148-4797-9.
- Richtsfeld, Bruno J. (1996): "Philipp Franz von Siebolds Japansammlung im Staatlichen Museum für Völkerkunde München". En: Miscellanea der Philipp Franz von Siebold Stiftung 12, pp. 34–54.
- Richtsfeld, Bruno J. (1996): "Philipp Franz von Siebolds Japansammlung im Staatlichen Museum für Völkerkunde München". En: 200 Jahre Siebold, ed. von Josef Kreiner, Tokyo, pp. 202–204.
- Richtsfeld, Bruno J. (1997): "Die Sammlung Siebold im Staatlichen Museum für Völkerkunde, München". En: Das alte Japan. Spuren und Objekte der Siebold-Reisen. Herausgegeben von Peter Noever. Múnic, pp. 209 e ss.
- Richtsfeld, Bruno J. (2004): "Philipp Franz von Siebold (1796 - 1866). Japanforscher, Sammler und Museumstheoretiker". En: Aus dem Herzen Japans. Kunst und Kunsthandwerk an drei Flüssen in Gifu. Herausgegeben von dem Museum für Ostasiatische Kunst Köln und dem Staatlichen Museum für Völkerkunde München. Colonia / Múnic, pp. 97–102.
- Yamaguchi, T. (1997): "Von Siebold and Japanese Botany". Calanus Special number I.
- Yamaguchi, T. (2003): "How did Von Siebold accumulate botanical specimens in Japan?". Calanus Special number V.
Outros artigos
editarLigazóns externas
editar- Flora Japonica dixitalizado.
- Universidade Siebold de Nagasaki.
- Siebold Huis Museo na casa onde viviu Siebold en Leiden.
- Museo Siebold en Würzburg.
- O herbario de Siebold Arquivado 03 de xullo de 2007 en Wayback Machine..
- Vida de von Siebold (en neerlandés).