Luís Freire

botánico e micólogo galego
(Redirixido desde "Luis Freire García")

Luís Freire García, nado na Coruña en 1914 e finado en Vigo o 13 de decembro de 1997,[1] foi un botánico e micólogo galego.

Luís Freire
Nacemento1914
 A Coruña
Falecemento13 de decembro de 1997
 Vigo
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónbotánico
editar datos en Wikidata ]

TraxectoriaEditar

Os seus avós paternos foron Juan Freire, traballador de La Voz de Galicia e Bruna Eiroa, natural de Pravio (Cambre). Sobreviviron tres fillos: José Andrés (Pepe), Juan e Luis.

Criouse entre os 3 e os 12 anos en Vilalba, en casa dos seus avós maternos, volvendo despois á Coruña. Estudou por libre o bacharelato elemental en só dous anos, despois fixo a reválida e o bacharelato superior. Exerceu de practicante. Posteriormente desenvolveu a afección polo estudo dos insectos, arañas e plantas.[2]

Comezou Bioloxía na Universidade de Santiago de Compostela aos 57 anos, tras enviuvar, rematando en catro anos (1975) e realizando posteriormente a tese de licenciatura e a tese de doutoramento, no 1981, sobre "Macromicetos da Selva Negra".

Impartiu clases de Botánica, e a súa aula estaba tan concorrida que moitos alumnos asistían de pé «porque non se cabía», recorda Marisa Castro Cerceda, a compañeira de Luís e tamén micóloga de prestixio.[3]

Codirixiu cinco teses de licenciatura sobre flora e micoloxía de Galicia mentres preparaba a súa de doutoramento, ás que hai que engadir outras oito posteriormente. Publicou máis de 40 artigos, 4 libros e dirixiu dúas teses de doutoramento de temática micolóxica.[2]

O seu labor micolóxico queda de relevo tendo en conta de que o catálogo de cogomelos de Galicia incluía seiscentas especies até a irrupción de Luís Freire; hoxe conta cunhas dúas mil, despois de que el mesmo elevase o seu número en varios centos, incluído o achado para a ciencia de tres novas especies:[3] Amanita porrinensis L. Freire & M . L. Castro ex M. L. Castro,[4] Gyroporus ammophilus M. L. Castro & L. Freire,[5] e Psathyrella ascarioides L. Freire & J. M. Losa.[6][7]

Foi membro fundador da Sociedade Galega de Historia Natural —que presidiu desde 1980 a 1986—, do Grupo Botánico Galego, do Grupo Micolóxico Galego e da Asociación de Amigos da Casa das Ciencias.[2][8]

Ten unha rúa dedicada co seu nome na Coruña, situada na urbanización Breogán. A petición foi feita pola súa familia e avalada sendo alcalde Javier Losada.

Desde 1999 os Museos Científicos Coruñeses, en colaboración coa Asociación de Amigos da Casa das Ciencias, organizan o Premio Luis Freire de Investigación Científica para Escolares. Este certame ten como obxectivo promover entre os estudantes galegos valores como a creatividade e a imaxinación científicas, a constancia ou o espírito crítico.[2]

AbreviaturaEditar

A abreviatura L. Freire emprégase para recoñecer a Luís Freire como autoridade na descrición e taxonomía en botánica (en sentido amplo).

NotasEditar

  1. La Voz de Galicia, 14-12-1997, p. 35.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Biografía Arquivado 15 de decembro de 2017 en Wayback Machine. en Museos Científicos Coruñeses.
  3. 3,0 3,1 "Luis Freire, los «boletus», la sabiduría". Alfonso Andrade en La Voz de Galicia, 29-10-2016.
  4. Castro 2000, p. 101.
  5. Castro 2000, p. 189.
  6. Psathyrella ascarioides L. Freire & J. M. Losa 1977 Arquivado 15 de decembro de 2017 en Wayback Machine., in Boletín de la Real Sociedad Española de Historia Natural 75: 9.
  7. Psathyrella ascarioides en Mushroom Observer, Inc.
  8. Homenaje a Luís Freire, uno de los grandes micólogos de Galicia, en Hifas da Terra.

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

Ligazóns externasEditar