Carta xeométrica de Galicia

mapa físico de Galicia de Domingo Fontán
(Redirección desde «Carta xeométrica de Galiza»)

CARTA GEOMETRICA
D E
Galicia
[...]
Levantada y construida en la escala de cienmilesimo
POR EL DOCTOR D. DOMINGO FONTAN,
[...]
AÑO DE
1834

 

CARTA GEOMETRICA
D E   G A L I C I A
Dividida en sus Provincias
de Coruña, Lugo, Orense, Pontevedra; y subdividida en Partidos y Ayuntamientos:
PRESENTADA
EN 1834
[...]
LEVANTADA Y CONSTRUIDA EN LA ESCALA DEL CIENMILESIMO
POR EL DR. D. DOMINGO FONTAN,
[...]
Grabada bajo la dirección del Autor en 1845

A Carta geométrica de Galicia dividida en sus provincias…, coñecida popularmente como Carta xeométrica de Galicia, é un mapa físico de Galicia, obra de Domingo Fontán, que cobra especial relevancia por ser o primeiro da historia do país realizado con medicións matemáticas.

Elaboración editar

Animado por José Rodríguez González, Domingo Fontán investiu na carta dezasete anos da súa vida, entre 1817 e 1834. Esta obra foi o primeiro mapa topográfico e trigonométrico feito en calquera dos territorios de España con métodos científicos e medicións matemáticas, é dicir, medición de bases, triangulación, altimetría barométrica e outros.

Para cartografar Galicia aproveitou os avances científicos, chegados sobre todo de Francia, e estableceu unha rede xeodésica, establecendo diversos puntos de medición e realizando neles todo tipo de cálculos astronómicos, para o que empregou instrumentos cedidos pola Universidade de Santiago de Compostela e adquiridos en París e Londres.

Datos e metodoloxía editar

Tomou como punto cero a torre da Berenguela, na catedral compostelá. En 1817 iniciou os traballos da carta, realizada a unha escala 1:100 000, pero ata 1830 non obtivo o apoio oficial para redactala. Nese momento quedou exento de impartir clases na Universidade de Santiago. Para realizar esta carta tivo que percorrer a pé e de a cabalo toda Galicia. Nela aparecen localizadas as 4 000 igrexas das parroquias galegas, que até daquela non foran catalogadas [1]. Amais recóllense tódolos accidentes xeográficos importantes, acadando un nivel de detalle que non foi superado ata a aparición da cartografía por satélite.

Impresión editar

En 1834 rematou os traballos da carta e presentoulla á raíña María Cristina, que deu orde de imprimila. Non obstante, ata 1845 non foi posible a súa impresión no prelo, que ao cabo se houbo de realizar en París, baixo a dirección do propio Fontán, e a cargo do francés L. Boufard. O gravado fíxose en doce pedras calcarias, unha por cada folla. En conxunto o mapa mide 251 × 232 cm.

En 1849 ía levarse a cabo unha segunda tirada, de 550 exemplares, que custeou o propio Fontán. Porén, o Secretario do Ministerio do Interior, Vicente Vázquez Queipo, ordenou en novembro dese ano a anulación da segunda tirada, ao entender que Fontán incumprira o contrato ao non dar a coñecer o traballo de triangulación. Ordenouse que as pedras se depositasen na Embaixada de España en París. Fontán foi a Madrid para solucionar o problema, e en marzo de 1850 Ramón de la Sagra remitiu desde París 200 exemplares, incluíndo un impreso en rústica coas instrucións para o encadernado. Esas 200 copias chegaron á Coruña en xuño de 1850, e en decembro chegaron outros 300 exemplares. Porén, o goberno acaparou case por completo os 1 100 exemplares que se chegaron a estampar, se ben Domingo Fontán enviara desde París por Bordeos varias copias para agasallar a amizades[2].

Legado editar

O escritor Ramón Otero Pedrayo posuía un orixinal do mapa, que se conserva na casa-museo de Trasalba e que menciona na súa novela Arredor de si. Amais Otero Pedrayo levou outro exemplar ao Centro Gallego de Buenos Aires en 1947. Tamén hai exemplares no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense [3], o Museo Provincial de Pontevedra [4], o Parlamento de Galicia [5], a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega, a Fundación Penzol, a Universidade de Santiago de Compostela [6], a Biblioteca de Galicia [7], o Pazo de Tor de Monforte de Lemos [8], o periódico La Voz de Galicia [9], a Real Academia da Historia [10], o Museo Naval [11], o mosteiro de Poio[12] a Bibliothèque du Roi (Bibliothèque nationale de France) [13]. Outro exemplar, propiedade da Deputación de Lugo, consérvase no IES Lucus Augusti [14].

A Carta aparece nomeada na novela O trasmundo de Antioquía, de Rafael Laso Lorenzo, e protagoniza a novela Fontán de Marcos Calveiro.

para uns a Terra é o pequeno berce no que naceron: apenas un fermoso val que ten un río de prata, unhas casas que fumegan, un campanario lanzal e un cemiterio onde dormen os seus avós. Alí abriron os ollo e alí queren morrer. Para estes a Terra é unha nación pequena en extensión, pero fonda en patriotismo. Para outros, a Terra é tan grande que soamente alcanzan a vela no mapa de Fontán. Alí hai unha inmensidade de vales, con aldeas, vilas e cidades. Alí viven do traballo, sufrindo inxustizas, máis de dous millóns de labregos e mariñeiros. Para estes a Terra ñe unha nación asoballada, con dereito a reclamar garantías para o desenrolo normal da súa vida.

—  Castelao, Sempre en Galiza.

Galería de imaxes editar

Notas editar

Reportaxe sobre o mapa de Fontán en Nós TV.
  1. Miguel-Anxo Murado (2008). Otra idea de Galicia, p. 12. Editorial Debate. ISBN 978-84-8306-771-0.
  2. Biografía de Fontán na páxina web da Fundación Domingo Fontán (en castelán).
  3. O Mapa de Fontán. Peza do mes, xaneiro 2017 Arquivado 16 de xaneiro de 2017 en Wayback Machine. Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense.
  4. Carta geométrica de Galicia Arquivado 29 de novembro de 2016 en Wayback Machine., no Catálogo do Museo de Pontevedra (en castelán).
  5. O pazo do Hórreo, información na páxina web do Parlamento de Galicia.
  6. Víctor Freixanes: "O mapa de Fontán" Arquivado 29 de novembro de 2016 en Wayback Machine., La Voz de Galicia, 27/6/2010.
  7. 7,0 7,1 Carta geométrica de Galicia dividida en sus provincias… en Galiciana.
  8. Encarna Lago: "Mapa de Fontán do Pazo de Tor", 4/1/2010.
  9. Santiago Rey Fernández-Latorre: «Galicia es mi único compromiso», La Voz de Galicia, 17/1/2011 (en castelán).
  10. Carta geométrica de Galicia… Arquivado 30 de novembro de 2016 en Wayback Machine. na Real Academia de la Historia (en castelán)
  11. Carta geométrica de Galicia do Museo Naval.
  12. López Penide "El monasterio de Poio saca a la luz los secretos de su biblioteca", en La Voz de Galicia, 4/2/2018.
  13. Carta geométrica de Galicia da Bibliothèque du Roi.
  14. "O mapa de Fontán permanecerá dous anos máis no Instituto Lucus Augusti cedido pola Deputación" "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 29 de novembro de 2016. Consultado o 29 de novembro de 2016. , Deputación de Lugo, 12/1/2012.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar