Arredor de si
Arredor de si é unha novela escrita por Ramón Otero Pedrayo, publicada en 1930 pola Editorial Nós.[1]
Arredor de si | |
---|---|
Detalle da capa da ed. orixinal. | |
Título orixinal | Arredor de si |
Autor/a | Ramón Otero Pedrayo |
Orixe | Galicia |
Lingua | galego |
Xénero(s) | Novela |
Editorial | editorial Nós |
Data de pub. | 1930 |
Páxinas | 153 |
[ editar datos en Wikidata ] |
Trama
editarConta a historia de Adrián Solovio, que inicia unha viaxe chea de dúbidas e incertezas existenciais; declárase nun primeiro momento antigaleguista, o que o conduce a un cambio de actitude e á procura da súa propia identidade despois da longa viaxe que fai. Comeza o seu camiño en Madrid e pasa por varias cidades castelás até que recibe a nova da mala saúde do seu tío Bernaldo e decide volver a Galiza. Adrián ten agora máis dúbidas que no inicio a respecto da súa identidade, mais esta vez non teñen que ver coa súa posición individualista e de inadaptado, senón da propia afirmación como galego, membro dun conxunto claramente diferenciado.
Despois da morte do tío Bernaldo inicia unha viaxe por Europa visitando París e Berlín. Cae entón na conta de que Galiza é por si mesma tradición e cultura e que, ao igual que esas cidades europeas, tamén ten identidade propia grazas a iso. É nese intre cando Adrián decide volver á súa terra para loitar por ela e conseguir que ocupe o lugar que merece.
Análise
editarEstrutura
editarArredor de si está organizada en quince capítulos. Posúe unha estrutura basicamente alterna, até o décimo capítulo, nos feitos argumentais e no xogo de espazos de Galiza e de fóra de Galiza (Madrid, Toledo, Francia, Alemaña...). Polo tanto, hai unha alternancia entre os capítulos que se refiren a un presente vivido, que se desenvolven fóra de Galiza e que teñen como función achegar novas experiencias, e aqueles de tipo retrospectivo, que se desenvolven en Galiza, en concreto na aldea miñota en que vive a familia de Adrián e posúen a función de enlazar as novas experiencias coas raíces. Ao mesmo tempo, no oitavo capítulo insírese o relato "Nosa Señora das Labercas".
Nos cinco últimos capítulos rómpese a alternancia en que se realiza unha oposición entre o mundo rural e o urbano que ten unha funcionalidade de afastamento fronte á aproximación que protagoniza Adrián Solovio. Así pois, a partir do décimo capítulo e, en concreto, até o capítulo XIII, o espazo narrativo está situado en escenarios europeos: París, Alemaña, Bélxica, Anveres. No XIV relátase a viaxe de regreso a Galiza por mar (A Coruña, Ordes, Santiago de Compostela e, finalmente, a aldea do protagonista), e xa no último, o espazo é totalmente galego. Deste xeito, nos cinco últimos capítulos rómpese a alternancia antes mencionada, en que se realiza unha oposición entre o mundo rural e o urbano que ten unha funcionalidade de afastamento fronte á aproximación que protagoniza Adrián Solovio.
Espazo e tempo
editarO tempo narrativo da novela é o da viaxe que realiza Adrián, que é unha viaxe na procura da propia identidade, primeiro en Madrid e na cultura española, e logo en Europa nun cosmopolitismo falaz. Finalmente, consegue a realización humana e atopa a súa identidade volvendo ás súas raíces galegas. Porén, no último capítulo, súmase ao tempo da viaxe o tempo das vivencias de Adrián na súa terra como home e intelectual identificado con Galiza. Á súa vez, a respecto do tempo histórico, toda a trama se sitúa a comezos do século XX.
Narración
editarA obra está contada por un narrador heterodiexético, mais tamén pode ser considerado como un monólogo interior, pois toda a historia xira en torno ás reflexións de Adrián. A maior parte do texto é discursiva e non narrativa, debido á realización da viaxe interior do protagonista. É un relato en terceira persoa, unha especie de "caderno de notas" do protagonista-narrador que fala de si en terceira persoa. A novela caracterízase pola ausencia de diálogo e de acción novelesca, polas numerosas citacións e referencias (escritores, pintores, músicos, filósofos) e pola utilización da paisaxe como trasunto das situacións e da psicoloxía das personaxes.
Personaxes
editarOtero Pedrayo crea unha novela de personaxe máis que de personaxes, no sentido de que todas, agás o protagonista Adrián Solovio, teñen unha función secundaria de fondo contrastivo, e existen na medida que teñan utilidade no relato do proceso de conversión de Adrián. Deste xeito, Adrián é o heroe modelo: un señorito fidalgo que ten arredor de 30 anos, representado unicamente polo valor espiritual, que supón a descuberta de Galiza realizada desde a propia identidade; así, créase unha especie de heroe nacionalista como referencia ética.
Don Bernaldo, crego e tío de Adrián, é a personaxe secundaria máis importante; na súa figura conxuga a tradición ilustrada do século XIX de Galiza. Pola súa parte, a nai do protagonista, Dona María, supón o apego á terra. A Marquesa de Portocelos é un exemplo de cosmopolitismo e certo decadentismo ao que renuncia o protagonista. Por último, Xacobe, irmán de Adrián, é a súa contrafigura, xa que se caracteriza por un espírito deportivo e por un sentido práctico en relación aos bens materiais e, á súa vez, representa o progreso e a modernidade, fronte á espiritualidade de Adrián.
Crítica e recepción
editarTradicionalmente, Arredor de si foi interpretada como a aventura espiritual que levou á conversión ao galeguismo da Xeración Nós, da cal forma parte Otero Pedrayo. Pois, Adrián, do mesmo xeito que os homes de Nós, acabará descubrindo que a súa identidade está no seu propio país e non fóra del. Neste sentido, é moi significativa a petición por parte do seu tío de que lle leve ao leito de morte á Carta Xeométrica de Galicia de Domingo Fontán, o que cobra moita importancia, posto que se representa visualmente o concepto de nación, faise unha exaltación do propio e hai un sentimento de pertenza a un mesmo colectivo.
Este é un proceso dificultoso e complexo por estarmos inseridos nunha cultura non normalizada, negada desde as esferas sociais. O propio Vicente Risco no seu ensaio Nós, os inadaptados alude á novela de Pedrayo como un exemplo representativo desta evolución. A novela de Otero é considerada como unha novela de autoformación, no sentido en que implica un proceso de autocoñecemento e unha resolución dos conflitos interiores da personaxe principal.
Dentro da narrativa do autor, é unha das obras que tivo maior proxección en canto á recepción crítica, xunto c' Os camiños da vida. No subgrupo das novelas psicolóxicas do autor é a máis característica e a mellor valorada polos críticos literarios.
Edicións
editarArredor de si saíu do prelo por primeira vez en 1930; editado por Nós na Coruña baixo a dirección de Ánxel Casal. Volveuse publicar en 1970 pola editorial Galaxia en Vigo. Foi reeditada na colección narrativa cun estudo introdutorio de Inma e Manuel García Sendón. Levou o número 20 na Biblioteca Galega 120. Fíxose unha nova edición en 2004 na Biblioteca Otero Pedrayo, reimpresa en 2008.
Editouse nun período histórico de gran relevancia en que a evolución do movemento creado polas Irmandades da Fala levaría á creación dunha estrutura política, o Partido Galeguista, que pretende satisfacer a necesidade dun novo marco político para a Galicia. Este compromiso veríase reflectido na elaboración do Estatuto de autonomía de Galicia de 1936, que visaba proporcionar ao país un novo lugar dentro de España.
Traducións
editarAo inglés en dúas ocasións por Kathleen March. A primeira co título de The World Around Us publicada en 1995 por Peter Lang Press[2] e a segunda co título de Circling publicada en 2007 por Noitarenga.[3]
Notas
editar- ↑ Os libros de Ánxel Casal
- ↑ "Perfil do libro en Bitraga". Arquivado dende o orixinal o 12 de marzo de 2018. Consultado o 15 de marzo de 2018.
- ↑ "Perfil do libro en Bitraga". Arquivado dende o orixinal o 12 de marzo de 2018. Consultado o 15 de marzo de 2018.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Castelao, M. (2022). Cabanillas / Otero Pedrayo. Na noite estrelecida / Arredor de si. Laiovento. p. 356. ISBN 978-84-8487-559-8.
- F. Valdehorras, Camilo (2002). "Sete voltas". Crítica e autores I. Biblioteca Galega 120. La Voz de Galicia. pp. 86–87. ISBN 84-9757-097-9.
- Paterson, Craig (2002). "Fiel a Sarmiento". Crítica e autores I. Biblioteca Galega 120. La Voz de Galicia. pp. 87–88. ISBN 84-9757-097-9.
- Pazos Quintillán, Aida (2002). "Dúas maneiras de ver o mundo". Crítica e autores I. Biblioteca Galega 120. La Voz de Galicia. pp. 85–86. ISBN 84-9757-097-9.
- Vilavedra, Dolores, ed. (2000). Diccionario da literatura galega. Obras III. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-8288-365-8.
Ligazóns externas
editar- Ficha en Culturagalega.org
- Ficha no sitio web de Galaxia.
- Fundación Otero Pedrayo