Converxencia Nacionalista Galega

(Redirección desde «CNG»)

Converxencia Nacionalista Galega foi unha coalición e, posteriormente, un partido político de tendencia nacionalista galega de centro-dereita que desenvolveu a súa actividade durante os anos 90 e cuxa estrutura se cinguía fundamentalmente á provincia de Lugo.

Converxencia Nacionalista Galega (CNG)
Partido político de Galiza
Dirixentes e organización
LíderAdolfo de Abel Vilela
Historia
Fundación1991 (como coalición)
1992 (como partido)
Disolución20031
Posicións políticas
IdeoloxíaCentrismo
Conservadorismo
Nacionalismo galego
Centro-dereita
Liberalismo
1 integración en Iniciativa Galega

Historia

editar

Como coalición

editar

Naceu como unha coalición electoral a nivel galego de cara ás eleccións municipais de 1991, a iniciativa de Vitorino Núñez, a cal estaba conformada por Centristas de Galicia e Coalición Galega nas provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra, mentres que na Provincia de Ourense tamén concorrían co CDS, denominándose neste caso coma "Converxencia Centrista-CDS". Consigueu sela forza máis votada na provincia ourensá, mentres que no resto quedou a gran distancia do PPdeG e do PSdeG, se ben na provincia de Lugo logrou bastantes mellores resultados que nas provincias atlánticas, sendo a terceira forza política con 2 deputados provinciais. Desta forma, foi determinante en cidades coma Lugo ou Pontevedra, onde favoreceron o acceso do PPdeG á alcaldía, así como en núcleos importantes coma Vilagarcía de Arousa, se ben neste caso optaron por favorecer un goberno alternativo co PSdeG e o BNG. Por outra banda, logrou a alcaldía de Monforte de Lemos da man do histórico alcalde Celestino Torres, así como cabeceiras importantes da provincia de Ourense como Verín, Xinzo de Limia ou Celanova. Na Deputación de Ourense logrou 8 deputados, por detrás dos 9 do PPdeG, pese a lograr máis votos e concelleiros, debido aos malos resultados en zonas clave da provincia como Valdeorras ou Trives. Desta forma chegouse a un acordo polo cal se mantiña ao seu candidato Xosé Luís Baltar na presidencia a cambio de garantizarse apoios mutuos, así como a cesión ao PPdeG de alcaldías como a do Carballiño ou a garantía de que este partido lograse alcaldías mencionadas anteriormente fora da provincia ourensá. Este acordo acabou culminando coa integración do sector de Centristas de Galicia no PPdeG en decembro de 1991, asumindo Baltar a presidencia provincial do partido.

Como partido

editar

A integración de Centristas no Partido Popular supuxo unha ferida de morte para a recentemente creada coalición, ante o cal o entón líder de Coalición Galega Adolfo de Abel Vilela optou por constituír a CNG como partido político, rexistrándose como tal no Ministerio do Interior en marzo de 1992. O novo partido buscou entendemento de cara aos comicios estatais e autonómicos que ían ter lugar en 1993 con outros partidos nacionalistas como a Unidade Galega de Camilo Nogueira, se ben este acordo acabou naufragando, ademais de que o proxecto de partido xa contaba coas reticencias de Coalición Galega en Ourense, limitándose o seu apoio e estrutura fundamentalmente á provincia de Lugo, de onde eran os dirixentes "coagas", como Adolfo de Abel ou o deputado Cándido Sánchez Castiñeiras, que apoiaban o novo proxecto político da CNG. Concorreu ás Eleccións Xerais de 1993 e obtivo resultados moi discretos, o que o levou a renunciar a presentarse ás Eleccións ao Parlamento de Galicia de 1993, nas que incluso o alcalde monfortino, Celestino Torres, o fixo como independente baixo o paraugas do PSdeG.

Nas eleccións municipais de 1995 concorreu principalmente na provincia de Lugo, onde obtivo varios concelleiros e a alcaldía do Corgo co apoio do BNG, se ben perdeu o seu fortín de Monforte de Lemos en favor do PPdeG, onde Celestino Torres non concorría ao seguir como deputado no Parlamento de Galicia. Logrou representación en municipios pontevedreses como Ponteareas ou Vilanova de Arousa, así como no coruñés de Mazaricos.

Nas eleccións municipais de 1999 concorreu exclusivamente na provincia lucense, cando xa marchara o alcalde do Corgo ao PPdeG, logrando tan só representación en Monforte de Lemos con 3 concelleiros, onde regresara Celestino Torres como candidato, se ben non consigueu recuperar a alcaldía por unha estreita marxe. En xaneiro de 2003, xunto con outros grupos independentes da provincia de Lugo, deu orixe a Iniciativa Galega

Resultados electorais

editar
  • Eleccións municipais 1991: 52.196 votos (3,7%), 137 concelleiros
  • Eleccións municipais 1995: 9.390 votos (0.59%), 18 concelleiros
  • Eleccións municipais 1999: 2.643 votos (0.17%), 3 concelleiros