Azor

ave da familia Accipitridae
(Redirección desde «Accipiter gentilis»)

O azor[3] ou azor común[4] (Accipiter gentilis) é unha ave rapaz da familia Accipitridae.

Azor

Adulto


Son do azor.

Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Falconiformes
(ou Accipitriformes, q.v.)
Familia: Accipitridae
Xénero: Accipiter
Especie: A. gentilis
Nome binomial
'Accipiter gentilis'
(Linnaeus, 1758)
Distribución; amarelo: cría; verde: residente; azul: inverno.
Distribución; amarelo: cría; verde: residente; azul: inverno.

Distribución; amarelo: cría; verde: residente; azul: inverno.
Subespecies

Accipiter gentilis albidus
Accipiter gentilis apache
Accipiter gentilis arrigonii
Accipiter gentilis atricapillus
Accipiter gentilis buteoides
Accipiter gentilis fujiyamae
Accipiter gentilis gentilis
Accipiter gentilis laingi
Accipiter gentilis marginatus
Accipiter gentilis schvedowi (Eastern Goshawk)
[2]

Descrición editar

 
Azor

O azor é unha ave de tamaño mediano-grande, a lonxitude do corpo vai de 46 a 63 cm., e a envergadura alar de 89 a 122. O peso vai dos 0,52 kg dos machos máis pequenos aos 2,2 kg das femias máis grandes. O macho é sempre máis pequeno cá femia. As ás son relativamente curtas, anchas e arredondadas nas puntas; a cauda relativamente longa, trazos estes característicos dos membros da familia dos Accipitridae, que viven en xeral nos bosques, e que non permiten unha grande velocidade de voo, mais si a capacidade de manobrar en espazos reducidos.

Os azores adultos son na parte superior de cor gris lousa marronosa e brancos con bandas castañas escuras por abaixo. Os exemplares novos son de cor acastañada, e na parte inferior de cor amarela clara, amarela, beige, laranxa ou asalmoada con manchas ou bandas. As patas, que son curtas, son de cor amarela igual que a cera do bico. O iris dos ollos é amarelo claro nas aves xoves, facéndose máis vermello coa idade e nas aves adultas é de cores que van do laranxa ó vermello- cereixa. A cor da plumaxe é semellante nas femias e nos machos, aínda que estes son algo mai escuros na parte de lombo e co deseño da cabeza algo máis contrastado.

Identificación sonora editar

O azor emite, normalmente, sons só cando está preto do niño. O son máis típico que emite é un guik, guik, guik agudo, que é repetido cando está excitado e especialmente no período de celo que vai de xaneiro a marzo. O son pódese escoitar a centos de metros de distancia en días tranquilos. O son de contacto entre as parellas é un giak curto e non moi audible. Durante a cópula os dous membros da parella emiten un son relativamente alto e repetido, unha especie de vir, vir, vir.

Distribución xeográfica e hábitat editar

Os azores viven tanto en bosques de coníferas da taiga e bosques alpinos coma en bosques mediterráneos e temperados. En Norteamérica a súa distribución está limitada a bosques de montaña, en Eurasia a súa fronteira norte de distribución coa fronteira norte do bosque de coníferas en Escandinavia, Finlandia e Rusia, ó sur acada o norte de África, ó oeste chega a Grecia, Asia menor e o norte de Irán

O hábitat do azor en Europa está limitado pola necesidades de atopar bosques de idade adecuada (uns 60 anos) para poder facer os niños. Precisa tamén da presenza dunha cantidade suficiente de paxaros e mamíferos para alimentarse. En Europa están presentes en bosques máis ou menos mestos, pero tamén en áreas de cultivo que dispoñan dalgunhas zonas arboradas. Por causas descoñecidas o seu hábitat en Norteamérica redúcese a bosques pouco tocados polo ser humano.

Subespecies editar

 
Primeiro plano dun azor femia

A división das subespecies é complexa e discutida en ambientes científicos. Dependendo dos autores, o número e demarcación das subespecies varía moito. A seguinte lista baséase no Handbuch der Vögel Mitteleuropas (Manual das aves de Europa central) (tomo 4, 1989):

  • A. g. gentilis: Norte e centro de Europa, chegando polo sur ós Perineos, sur dos Alpes e ós Cárpatos e o leste ata a Rusia central.
  • A. g. marginatus: ó sur da subespecie anterior, España, e Marrocos ata o Cáucaso e o Elburz. É máis escuro e algo mais pequeno cá subespecie anterior.
  • A. g. arrigonii: Córsega e Sardeña; máis escuro e pequeno aínda có A. g. Marginatus.
  • A. g. buteoides: Nordeste de Europa, do Norte de Suecia a ata o leste e centro da Siberia (ata o río [Lena], polo sur chega o límite da zona da taiga . Máis grande e de cor máis clara cá forma típica.
  • A. g. albidus: Nordeste da Siberia ata Kamchatka; aínda mais grande cós A. g. Buteoides.
  • A. g. schvedowii: ó sur de A. g. buteoides e de A. g. albidus , na zona de bosques da estepa e nos bosques de folla caduca temperados do leste de Asia chegando ata a illa xaponesa de Hokkaido; similar en talle e cor ó A. g. Marginatus.
  • A. g. fujiyamae: da illa xaponesa de Honshu, moi escuro e posiblemente a variedade máis pequena.
  • A. g. atricapillus: distribuído na maior parte de Norteamérica. A súa parte superior e gris azulada, coa cabeza moi contrastada. Algúns individuos teñen a parte inferior finamente pintada e pencada e iris vermello carmín. O status exacto desta subespecie e das dúas variedades seguintes é discutido.
  • A. g. laingi: illas de Vancouver e Queen-Charlotte diante da costa da provincia canadense da Columbia Británica ; máis escuro cá A. g. atricapillus
  • A. g. apache: Zona fronteiriza entre os Estados Unidos e México; máis claro có A. g. Atricapillus.

Seguindo a Regra de Bergmann'schen O tamaño e peso do azor aumentan de suroeste a nordeste.

Técnicas de caza e alimentación editar

Os azores cazan preferentemente ó axexo matando a presa no chan, pero tamén despois dunha dunha persecución aérea, rápida, e se é necesario con moitas manobras, a non moita distancia do chan. Aproveitan para o voo de aproximación árbores e sebes, pero tamén casas. Cazan máis raramente a campo aberto. Na primavera e no verán cazan paxaros novos nos niños construídos na vexetación alta e nas árbores. Téñense observado azores cazando a pé, sendo neste caso as toupas son a presa máis habitual. En illas con abundancia de parrulos cazan ás veces exemplares que están incubando. A presa é suxeitada coas gadoupas e morta coas unllas fortes dos segundo e terceiro dedos. As fortes gadoupas en tarsos permítenlle ó azor a captura de presas relativamente grandes e fortes.

As presas do azor son case exclusivamente aves e mamíferos pequenos e medianos. No sur da súa distribución capturan regularmente tamén réptiles. Moi raramente capturan anfibios, peixes e invertebrados. O peso das presas vai de 5 g a 3,5 kg. O espectro en Europa vai de paxariños a gansos e de ratos a coellos. Chegan a cazar mesmo outras aves de presa de pequeno e mediano tamaño. As súas preferencias concéntranse, non obstante, en presas non superiores ó quilo de peso: pombas, tordos, córvidos, pero tamén esquíos ou pequenos coellos en zonas nas que abunden.

Conduta territorial editar

O azor é monógamo e estritamente territorial. Marca o seu territorio co seu chiar característico e con voos de demostración. Os posibles rivais son ameazados primeiro con berros antes de proceder a unha aproximación. O contacto corporal directo ten lugar moi raramente, posiblemente polo perigo mutuo que poden supor as fortes gadoupas e pés dos azores.

O tamaño do territorio de caza depende do sexo, da idade, do status (con ou sen parella), da época do ano e do alimento dispoñible. En Hamburgo os machos ocupan na época de celo unha media de 8,6 km², en Schleswig-Holstein 13–55 km², en Arizona 18 km² e en Alasca 39,8 km². Fora desta época as cifras varían: Schleswig-Holstein 5–64 km², os machos e 16–59 km² as femias. En Suecia central os machos ocupan en inverno unha área duns 51 km² de media (18–80 km²), e as femias 62 km² (32–92 km²). No norte de Finlandia no inverno os machos adultos ocupan de media 88 km² (79 a 97 km²), os machos novos 110 km² (50–170 km²), as femias adultas 69 km² (48–94 km²), e as novas 67 km² (31–103 km²). O tamaño da area de caza aumenta nas zonas mais ó norte pola grande redución do número de presas potenciais.

Reprodución editar

 
Crías de azor.
 
Accipiter gentilis

Os azores constrúen niños voluminosos exclusivamente nas árbores, en xeral en exemplares duns 60 anos. Dentro de bosques grandes prefire árbores de follaxe mesta e pechada. Escolle os exemplares dominantes da zona, de preferencia se están cerca dun camiño ou carreiro. Os niños poden servir, de maneira rotatoria, para varias temporadas. Na época do inicio do celo comezan a construír o niño con poliñas verdes.

Fan unha posta de 2 a 4 (ás veces 5) ovos ó ano. Os ovos son lisos de cor verde a azul pálido. Os polos tardan entre 37 e 39 días en saíren do ovo. En comparanza con outras aves de presa, os polos non son agresivos entre si e as mortes por loitas no niño son raras. Empezan a voar entre os 40 e 45 días, e deixan de tres a seis semanas despois o territorio de caza dos pais, non desprazándose en xeral a máis de 30 km do lugar de nacemento.

Evolución das poboacións editar

O azor cázase en boa parte da súa area de distribución por ser considerado unha ameaza para as aves de caza deportiva e as aves domésticas. En Europa foi eliminado e (posteriormente reintroducido) en Gran Bretaña. As poboacións europeas reducíronse drasticamente ata finais do século XIX. Por contra, non foi tan afectado polo uso de DDT. Grazas ás leis de protección, as poboacións aumentaron nalgunhas zonas de Europa a partir de 1970. Mesmo se dan casos de poboacións urbanas en cidades como Berlín, Colonia, Saarbrücken, Hamburgo, Moscova e Kíiv.

O azor na cultura popular editar

Vídeo dun azor en Eslovaquia.
  • O azor, no pau, e o falcón, na mau [5].
  • Perdiz moi azorada, está medio asada.
  • Xoan mengana e muller de azor, váiselle o tempo en andar derredor [6].

Notas editar

  1. BirdLife International (2012). "Accipiter gentilis". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2012.1 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 16 de xullo de 2012. 
  2. "Avibase: Eastern Goshawk". avis.indianbiodiversity.org. Arquivado dende o orixinal o 12 de marzo de 2013. Consultado o 21 de xullo de 2013. 
  3. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para azor.
  4. Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar. Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5. 
  5. Eladio Rodríguez González, s. v. azor.
  6. Xosé Moreiras Santiso: Os mil e un refrás galegos do home, Ed. do autor, Lugo 1977; Xosé Moreiras Santiso: Os mil e un refráns galegos da muller, Alvarellos, Lugo 1978; Federico Zamora Mosquera: Refráns e ditos populares gallegos, Galaxia, Vigo 1972; Xosé María Álvarez Blázquez: O libro da caza. Colección O Moucho 14. Edicións Castrelos, Vigo 1972 (2ª ed).

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Udo Bährmann: Über das Variieren des Habichts. Zool. Abh. Mus. Tierk. Dresden 28; 1965: S. 65–94; dort weitere Maße.
  • C. Rutz: Raum-zeitliche Habitatnutzung des Habichts - Accipiter gentilis - in einem urbanen Lebensraum. Diplom-Arbeit, Univ. Hamburg 2001: pax.. 22ss.
  • F. Ziesemer: Untersuchungen zum Einfluss des Habichts auf Populationen seiner Beutetiere. Beitr. z. Wildbiologie 2; 1983. ISBN 3-88847-008-0.
  • D. J. Bright-Smith e R. W. Mannan: "Habitat use by breeding male Northern Goshawks in northern Arizona". Stud. Avian Biol. 16; 1994: S. 58-65 zit. in: Christian Rutz: Raum-zeitliche Habitatnutzung des Habichts - Accipiter gentilis - in einem urbanen Lebensraum. Diplom-Arbeit, Univ. Hamburg 2001: pax. 28.
  • K. Titus, C. J. Flatten e R. E. Lowell: Northern Goshawk ecology and habitat relationships on the Tongass National Forest. Rep. prepared for the For. Serv., Alaska Dept. of Fish and Game, Div. of Wildl. Conser.; Juneau, Alaska. cit. en: Christian Rutz: Raum-zeitliche Habitatnutzung des Habichts - Accipiter gentilis - in einem urbanen Lebensraum. Diplom-Arbeit, Univ. Hamburg 2001: pax.. 28.
  • F. Ziesemer: Untersuchungen zum Einfluss des Habichts auf Populationen seiner Beutetiere. Beitr. z. Wildbiologie 2; 1983. ISBN 3-88847-008-0.
  • P. Widén: The hunting habits of Goshawks Accipiter gentilis in boreal forests of central Sweden. Ibis 131; 1989: pax.. 205-213 .
  • R. Tornberg e A. Colpaert: Survival, ranging, habitat choice and diet of the Northern Goshawk Accipiter gentilis during winter in Northern Finland. Ibis 143; 2001: pax. 41-50.
  • T. Mebs e D. Schmidt: Die Greifvögel Europas Europas, Nordafrikas und Vorderasiens. Biologie, Kennzeichen, Bestände. Franckh-Kosmos Verlags GmbH Stuttgart 2006; pax. 293. ISBN 3-440-09585-1

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar