A soldadeira
A soldadeira é unha obra de teatro escrita por Luís Seoane. Publicada en 1957 en Bos Aires pola editorial Ariadna, favoreceu a importancia do desenvolvemento do teatro galego.
A soldadeira | |
---|---|
Autor/a | Luís Seoane |
Lingua | lingua galega |
Xénero(s) | teatro |
Data de pub. | 1957 |
[ editar datos en Wikidata ] |
Historia
editarA obra no teatro da época e na produción do autor
editarO teatro galego da posguerra deuse principalmente en Bos Aires, onde se fundou en 1938 a Compañía Galega Maruxa Villanueva, que tiña como director a Manuel Varela Buxán e onde se estreou Os vellos non deben de namorarse de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Esta obra e a máis emblemática na historia da dramaturxia en lingua galega e este proxecto pola incorporación de técnicas modernas e porque supón a creación dun teatro culto, que ademais estará presente nas tres obras escritas por Luís Seoane: O irlandés astrólogo, Esquema de farsa e A soldadeira.
Eduardo Blanco Amor dirixiu o Teatro Popular Galego e escribiu varias pezas que se recompilaron en Farsas para títeres (1973) e Teatro prá xente (1974), que conecta coa tradición do teatro popular e ruralista na liña de procurar un espectáculo dirixido á “xente do común”.
Pero será Seoane o que se acerque máis a escena europea do momento. A recreación do drama histórico presente en A Soldadeira (1956) no que mestura o tempo mítico e histórico, permítelle situar no pasado os problemas do presente.
Inspirouse nas obras tamén dos seus compañeiros do exilio para crear dende Arxentina unha obra de carácter social que amosara ao mundo os problemas e opresión en Galicia.
Versións
editarA obra posúe dúas versións, unha en español e outra en galego. Aínda hoxe está aberta a discusión[1] de se Seoane a escribiu orixinalmente en galego ou castelán. Se ben os estudos de Mª Fe González e Armando Requeixo indican que a obra foi escrita orixinalmente en galego en 1956, e un ano máis tarde presentada en español. Nestes mesmos estudos indicase que os motivos da tradución non son claros, mais na época en que se presentou a obra, 1957, a represión da ditadura, o exilio de moitos galegos, facían case imposible que se puidera representar a peza en galego.
Análise
editarA importancia dos prólogos
editarMoitas publicacións de A Soldadeira [2] teñen grandes prólogos, que introducen o o contexto (revoltas irmandiñas, loita de clases baixas contra as privilexiadas…) e dan información adicional ademais de falar do autor. Para a versión en castelán “La Soldadera” o prólogo é incluso máis importante para dar a coñecer a historia de Galicia e a propia figura da soldadeira entre outras cuestións.
Propósito da obra e temática
editarO autor fai unha reflexión sobre o carácter circular da historia, que reconstrúe un pasado que sempre se repite, e que non é tan distinto ao que estaban a vivir os campesiños cos que viviron os personaxes medievais. Ningún feito do pasado é alleo a nós, xa que non deixa de ser parte da nosa historia e nos da unha lección da que podemos aprender para non repetir os mesmos erros de novo.
A temática e histórica mais tamén social, por un lado usa a historia medieval para trasladarnos a Galiza de entón e, por outro, usa aos personaxes actuais para amosar os problemas da Galiza actual, comparalos cos do pasado, denuncialos, e amosar como se defende con valor unha e outra vez Galiza contra quen a maltrata.
Tempo e espazo
editarA historia que nos é transmitida nesta peza teatral encádrase temporalmente no século XV, na situación das revoltas irmandiñas, aínda que ten varios personaxes pertencentes mediados do século XX, na Galiza da ditadura franquista, que son trasladados ao escenario do século XV.
Argumento
editarA peza teatral divídese en tres actos ben diferenciados, que teñen liñas argumentais distintas mais que se relacionan entre si progresivamente até conformar unha única historia. Cada acto divídese ademais en dúas ou tres escenas que trasladan a acción a novos escenarios.
No primeiro acto a acción sitúase en Santiago de Compostela, nun mercado, onde diversos mestres (artesáns) pertencentes a diferentes oficios ( traballo do ouro, do ferro...) vense sobresaltados na súa rutina de traballo pola aparición da coñecida soldadeira Minia, a cal comeza unha charla informal con eles, probablemente coa intención de poder ofrecer os seus servizos. Eles, incomodados ante a presenza pública da soldadeira arredor deles, mostran unha mestura entre interese e vergoña, e non dubidan en insultar e facer mofa da soldadeira, polo seu traballo e mal considerada posición social.
No entanto aparecen tres campesiños estranxeiros, un mozo e outro máis maior, tamén temos un terceiro con escasa participación na trama. Eles mostran maior interese, inocencia e sensibilidade cara a soldadeira, e con ela se trasladan a unha taberna local na seguinte escena. É neste momento cando novos personaxes secundarios son presentados; O Forneiro, O Canteiro, o Mestre Touciño (dono da taberna)... No ámbito doutra charla informal comeza a adquirir interese o tema dunha revolución campesiña. Aquí amósanse as diferentes opinións dos personaxes sobre a revolta e a participación nela, destaca a voz de Minia a Soldadeira, que deixa de ser motivo de mofa para adquirir un papel relevante e chamar a revolución.
Pasamos entón ao segundo acto onde a obra adquire un carácter confuso, descubrimos que se mesturan personaxes de carácter actual para a época da publicación da obra ( situados temporalmente na Galiza da ditadura franquista), que son os tres campesiños; con personaxes medievais que constitúen o resto máis os que son introducidos neste acto.
Agora a historia sitúase nun monte preto de Compostela, en pleno escenario das revoltas irmandiñas, onde os personaxes medievais (os campesiños Pedro Armeiro, Martín Eanes, Martín de Arca, Pedro Vinagre, Ruy García, Vasco de Mazarelos, Xil Freire, e o xefe, Rui Xordo) teñen capturados a varios membros da nobreza coa intención de aforcalos. Os tres campesiños actuais non entenden ben o que está a pasar e queren ficar alleos aos feitos que lles rodean, mentres que Minia lles recorda que eles tamén son parte da historia. Comeza ademais a producirse a trama amorosa da obra entre o campesiño mozo e Minia. O campesiño namorase de Minia e non a xulga porque ao ser un personaxe actual, descoñece o que é unha soldadeira, ademais lle propón a Minia escapar e emigrar a América, mais Minia ao ser un personaxe medieval non sabe o que é América, porque aínda non se descubrira. Xorde aquí a historia de amor imposíbel entre presente e pasado que caracteriza a parte final da obra.
O terceiro acto mostra aos personaxes de Minia e aos campesiños regresando á vila desconcertados tras extraviarse na batalla. Ninguén lles abre a porta e moitos compañeiros que os acompañaban fican agora mortos, eles aínda non o saben mais pronto descubriran que perderon a revolta. Aínda así, deciden reorganizarse xunto a outros campesiños e loitar, aínda que xa todo está perdido. Minia é ferida e morre en brazos do namorado campesiño mozo. Neste momento ningunha personaxe actual ou medieval a xulga, e todos choran a súa perda que constitúe o tráxico final da obra.
Personaxes
editar- 1. Personaxes actuais
- O campesiño mozo
- O campesiño maior
- O outro campesiño
- 2. Personaxes medievais
- Minia (a soldadeira)
- 3. Campesiños medievais
- Vasco de Mazarelos
- Pedro Vinagre
- Ruy García
- Xil Freire
- Pedro Armeiro
- Martín Eanes
- Martín de Arca
- 4. Artesáns e menestrais medievais
- Mestres Ouro, Cereiro, Santeiro, Ferreiro e Concheiro.
- Carniceiro
- Forneiro
- Canteiro
- Cordoeiro
- Maestre Touciño
- 5. Xefe da guerra campesiña
- 6. Personaxes adicionais
- O Cego
- O tolo profético
- Unha vella e un vello
- Dous peregrinos
- Gaiteiro
- Dous falsos cabaleiros
A soldadeira dentro do teatro europeo
editarA soldadeira está amplamente influenciada polo teatro de Bertolt Brecht, amosa por exemplo todas as distorsións da estrutura social, busca crear no espectador unha actitude crítica que lle permita mergullarse dentro da historia. E unha obra de carácter feminista, a muller representada por Minia é o personaxe principal, e non é ocultado o maltrato e dobre moral coa que é tratada, para terminar cun final tráxico que fai reflexionar aos demais personaxes. Na Soldadeira a muller e o pobo son un reflexo da loita de contra a nobreza, contra o maltrato e o abuso.
Modelos dramáticos posíbeis que segue a obra
editarEstes son algúns dos posíbeis modelos dramáticos que tivo en conta e tomou como inspiración Seoane a hora de escribir A Soldadeira, acorde cos estudos de Mª Fe González e Armando Requeixo e co engadido de certas obras literarias e teatrais anteriores que tiveron influencia nos autores da súa xeración, non só galegas senón internacionais tendo en conta as numerosas viaxes europeas que realizou Seoane: - Castelao (Os vellos non deben namorarse) - Rafael Dieste (A fiestra valdeira) - Valle-Inclán - Os Autores do Abbey Theatre - Gil Vicente - As novas tendencias: Happenings, teatro experimental de Grotowski -Parateatro da súa nenez en Arca
Representacións
editarA obra representouse por primeira e última vez o sábado 24 de marzo de 2018. Foi representada en galego pola compañía de Teatro Proscrito e o texto orixinal de Seoane foi adaptado por Lino Braxe, o lugar da representación foi a propia fundación Luis Seoane. A idea e esforzos que levaron a representación foron realizados na maioría pola Fundación Luis Seoane. Como explicou Lino Braxe a La Voz de Galicia [3] pouco antes da posta en escena, a obra non era doada de representar polo gran número de personaxes que posúe, ademais non existen modelos de representacións anteriores nos que inspirarse. O gran contido histórico-cultural da obra fai que sexa case imposíbel pensar na súa representación fóra de Galicia, a obra nunca máis volveu ser representada de novo.
Notas
editar- ↑ Gómez Sánchez, A. e Queixas Zas, M. (2001). Historia xeral da literatura galega. Vigo: A Nosa Terra. : " Aínda hoxe está aberta a discusión de se Seoane a escribiu orixinalmente en galego ou castelán, se ben recentes estudios parecen concluír que a primeira versión é a galega. Xa en castelán escribiría Seoane El irlandés astrólogo (Bos Aires, 1959), posteriormente traducida por Francisco Pillado Mayor.
- ↑ Seoane, L. e Axeitos, X. (1996). A soldadeira. Sada, A Coruña : Ediciós do Castro.
- ↑ Rodríguez García, M. (2018): "La obra teatral de Luis Seoane «A soldadeira» sale a escena por primera vez en su Fundación" La Voz de Galicia, 22 de marzo.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Gómez Sánchez, A. e Queixas Zas, M. (2001). Historia xeral da literatura galega. Vigo: A Nosa Terra.[cómpre nº de páxina]
- Ledo Cabido, B. (1999). Enciclopedia Galega Universal. Vigo: Ir Indo.[cómpre nº de páxina]
- Seoane, L. e Axeitos, X. (1996). A soldadeira. Sada, A Coruña : Ediciós do Castro.
- Vilavedra Fernández, D. (1999). Historia da literatura galega. Vigo: Galaxia.[cómpre nº de páxina]