Xuventude Comunista
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xuño de 2014.) |
Unión de Juventudes Comunista de España, Xuventude Comunista | |
Organización Política | Xuventude Comunista, Unión de Juventudes Comunistas de España |
Ano fundación | 1921 |
Ideoloxía | marxismo-leninismo |
Membro de | Federación Mundial da Xuventude Democrática |
Ámbito | España |
Sede central | Olimpo, 35. 28043 Madrid |
Secretaria Xeral | Anabel García |
Web da organizacón | www.juventudes.org www.xcgalega.org Arquivado 12 de maio de 2008 en Wayback Machine. |
A Unión de Juventudes Comunistas de España, ou Juventud Comunista, é a organización xuvenil do Partido Comunista de España. En Galiza, toma o nome de Xuventude Comunista.
Segundo os seus documentos
editarA Xuventude Comunista é a organización xuvenil do Partido Comunista de Galicia. Independente no organizativo e autónoma no político, a Xuventude Comunista considérase unha organización-escola de comunistas, de cadros, de activistas capaces de levar a bo fin a extensión da loita ideolóxica, política e económica pola superación do sistema capitalista e as súas contradicións.
É unha organización democrática, internacionalista, laica, revolucionaria e republicana que loita polos intereses da clase obreira na súa mocidade, formada por e polos xoves comunistas residentes na nación galega.
A Xuventude Comunista basea a súa teoría e práctica no materialismo histórico e dialéctico e no socialismo científico, tendo como principios o internacionalismo proletario, a loita contra o capitalismo, o imperialismo, o patriarcado e a explotación da clase traballadora, así coma o dereito de autodeterminación dos pobos, a preservación da natureza, a fin do fascismo, da xenofobia, da homofobia e de calquera das inxustizas do xénero humano, e como base ideolóxica o marxismo-leninismo e as achegas dos movementos de liberación e dos procesos revolucionarios que teñen contribuído ao progreso da humanidade.
Nacemento
editarO 14 de novembro de 1921, uníronse os dous partidos comunistas, o Partido Comunista Español e o Partido Comunista Obreiro de España, dando lugar ao Partido Comunista de España (PCE). Este mesmo mes, fusionáronse as dúas organizacións de mozos/as comunistas, sementando os cimentos da “Unión de Juventudes Comunistas de España” (UJCE). O primeiro Secretario Xeral da organización foi Tiburcio Pico. No ano 1922 apareceu o primeiro voceiro, chamado O Xove Comunista. Durante estes anos centrou a súa actividade política na denuncia do carácter imperialista da Guerra de Marrocos.
Durante a ditadura de Primo de Rivera, sufriron persecucións e clandestinidade, e un proceso de constante absorción de cadros dirixentes por parte do Partido, que non paraba de sufrir baixas por mor dos encarceramentos. Isto debeuse a que a UJCE, o PCE, xunto con anarquistas da CNT foron os únicos que se opuxeron a dita ditadura, apoiada pola coroa e consentida por todo o resto de forzas do espectro político, incluídos o PSOE e UXT.
Os comunistas opuxéronse á proclamación da república o 14 de abril de 1931 por considerala unha república burguesa e por tanto allea aos intereses das clases traballadoras. Isto provocou que ficaran illados do resto de forzas da esquerda durante os primeiros anos da República.
En 1932 celebrouse o II Congreso da UJCE en Bilbao, no cal reorganizouse o movemento infantil comunista Pioneiros Vermellos. O Secretario Xeral sería Tifón Medrano, que logo atoparía a morte na defensa de Madrid contra as tropas franquistas.
No 1933 reorganízase en células de empresas, barrios e vilas. Coa vitoria nazi en Alemaña e seguindo o mandato da Internacional Comunista comézase a construír o xermolo do futuro Frente Popular. Constituíuse o Comité Nacional Contra a Guerra e o Fascismo, auspiciado polo PCE, a UJCE e coa Confederación Xeral de Traballadores Unitaria para as eleccións de 1933, obtendo pobres resultados, porén si incrementaron os votos comparando coas eleccións de 1931.
Nestes anos, a Xuventude Comunista organizábase xa de forma sectorial, creando células en fábricas, empresas, centros de estudo, barrios e vilas, no canto de crear organizacións territoriais, aínda que estas existían para posibilitar a coordinación entre as células.
A formación das Juventudes Socialistas Unificadas
editarAs JJSS, que daquela estaban dirixidas por Santiago Carrillo, asumiron ao igual que a Xuventude Comunista, a necesidade de unidade obreira e antifascista. A colaboración entre as organizacións xuvenís dos dous partidos marxistas ía encamiñada a este obxectivo de unidade. Trala Revolución de Asturias en 1934, acelera e afianza a colaboración, pero a represión lanzada polo goberno radical-cedista provocou a formación do primeiro comité de enlace entre ambas organizacións, nun primeiro momento, para acadar unha amnistía para os represaliados tralos sucesos de Asturias.
No VII Congreso da Internacional Comunista e o VI Congreso da Interacional Xuvenil Comunista, confirman esta orientación unitaria, relanzando as políticas encamiñadas a artellar a unidade entre todas as organizacións obreiras.
Por suposto, o PCE tamén asumiu esta política, mostra do cal foi a formación do Fronte Popular, unión de comunistas, socialistas e republicanos. Esta unión impúxose nas eleccións celebradas o 16 de febreiro do 1936.
Nese ano, dúas delegacións da Xuventude Comunista e das Xuventudes Socialistas viaxan a Moscova para discutir as bases da unidade. Desta xuntanza sairían os seguintes puntos:
- Defensa diaria dos intereses da xuventude traballadora
- Educación no marxismo-leninismo e o internacionalismo proletario
- Capacitación dos mozos e mozas obreiras para fortalecer e desenvolver a organización e loitar na vangarda da xuventude contra o fascismo e polo socialismo
Este proceso culminou en marzo do 1936. Un mes despois da vitoria do Fronte Popular, fusionáronse a Xuventude Comunista e as JJ SS, creando así a Xuventude Socialista Unificada (JSU) e sendo elixido secretario xeral Santiago Carrillo. A JSU enmarcábase dentro da estratexia de formación un partido obreiro unitario, polo que, en canto de pertencer ao PSOE ou ao PCE, impulsaba esa unión dende as relacións fraternais que gardaba con ambos. Porén, esta estratexia non chegou a consumarse, agás en Cataluña coa formación do PSUC (Partit Socialista Unificat de Catalunya), provocando que a finais do 1936 a maioría da dirección da JSU anunciase o seu ingreso no PCE
En canto ás relacións internacionais, a JSU ingresou na Internacional Xuvenil Socialista (IXS), pactando previamente un achegamento entre esta e a Internacional Xuvenil Comunista (IXC), mantendo tamén relacións intensas coa IXC. Ambas organizacións internacionais tomaron o exemplo da JSU en España como guía na estratexia de formación do partido único do proletariado.
A JSU foi a organización xuvenil máis forte do bando republicano, con 250 000 militantes ao comezar a guerra e máis de medio millón ao finalizar a mesmo. Organizou os seus propios batallóns, destacando na defensa de Madrid. Na liña defendida polo PCE, apostou firmemente pola creación do Exército Popular da República, enfrontándose así a troskistas do POUM e anarquistas da CNT.
En outono do 1938, sectores socialistas, temerosos da influencia comunista na JSU, decidiron reorganizar as Xuventudes Socialistas.
A Ditadura Franquista
editarApós a caída da República ante as tropas franquistas, a JSU pasou de novo á clandestinidade durante case 40 anos. Na posguerra apoiaron a loita armada contra o réxime. Os guerrilleiros vinculados ao PCE e á JSU fixaron como obxectivo prioritario axudar os mozos e as mozas a escaparen da represión, así como derrubar o goberno franquista. Os ataques dos maquis dirixíronse sobre todo contra as institucións represivas, policía, Garda Civil e cárceres.
En outubro do 1945, trala segunda guerra mundial, constitúese en Londres a Federación Mundial da Xuventude Democrática (FMXD) agrupando a organizacións xuvenís de 63 países. A JSU foi unha das organizacións fundadoras. O principal membro desta federación foi a Komsomol Soviética (Xuventude Comunista da Unión Soviética)
Namentres, xoves socialistas ligados ao PSOE celebraron seu I Congreso en Francia. Así a JSU perdeu definitivamente o seu carácter unitario.
Ao longo dos anos 50, e por mor da formación das Xuventudes Socialistas, a JSU vaise vencellando paseñinamente ao PCE.
A reconstitución da Xuventude Comunista
editarNo VI Congreso do PCE, no marco da estratexia de chegar a todos os ámbitos da sociedade tralo crecemento da influencia do PCE na sociedade, a creación das CCOO, decídese a reorganización da organización xuvenil comunista.
O 1º Secretario Xeral da nova UJCE foi Agustín Gómez Huerta. Nese momento a táctica da Xuventude Comunista foi organizar células (chamadas colectivos) ligadas ás células do Partido correspondentes. Vistas as dificultades para organizar un Congreso, dotouse dun Programa e dunhas Normas, mais non de órganos propios de dirección. A reconstituída UJCE, asumíase herdeira da JSU, declarábase marxista-leninista, dotándose dunha organización federal, con 3 organizacións autónomas: a Euzkadiko Gazteri Komunistak no País Vasco, a Joventut Comunista de Cataluña (organización xuvenil do PSUC) e a Xuventude Comunista Galega
No 1967 impulsa as Comisións Obreiras Xuvenís, xermolo da futura secretaría de xuventude de CCOO. No ano 1969 crea os "Comandos Xuvenís" definidos como grupos móbiles de acción de mozos obreiros e estudantes.
A comezos dos anos 1970, e vista a implantación en todo o territorio do Estado Español, exponse dende o PCE a necesidade de artellar estatalmente a organización, convocando a I Conferencia da UJCE no 1970. Asemade, o 9 de xuño do mesmo ano, constitúese o Comité Nacional da Joventut Comunista de Catalunya
No ano 1975 celébrase a III Conferencia, en París, para celebrar apenas un ano despois, a IV Conferencia en Madrid xa finado Franco mais sendo aínda ilegal tanto o PCE como a súa organización xuvenil. Por mor disto, tivo que ser desconvocada no mesmo momento da súa apertura, ante os perigos que implicaba a súa realización. O Secretariado (8 persoas) é detido e levado aos sotos da Dirección Xeral de Seguridade na Porta do Sol, séndolles aplicada a Lei Antiterrorista e acusándoselles de promover a convocatoria do aínda ilegal 1 de maio. O ministro do Interior daquela era Manuel Fraga Iribarne
Finalmente a IV Conferencia celébrase en outubro dese mesmo ano (1976). Na mesma participaron case 200 delegados e delegadas que elixiron un Comité Central de 90 membros, representando esta a primeira tentativa seria de dotar á Xuventude Comunista dunha existencia real como organización unitaria. O galego Ángel Ezama sería elixido Secretario Xeral. Tras ter este que acudir ao Servizo militar foi substituído ao pouco polo catalán Domenech Martínez
O obxectivo formulado na conferencia foi o de acadar 100 000 militantes (o lema da Conferencia foi "Cara a Xuventude Comunista dos cen mil", "Hacia la UJCE de los cien mil"), así como o da publicación dun órgano de expresión "O manifesto" ("El Manifiesto"). Concíbese á Xuventude Comunista como unha ampla organización de masas, como movemento novo para a liberdade e o socialismo, con "unións" como organizacións de base e "federacións" en cada rexión ou nacionalidade. Cada unión foi concibida como espazos de formación, debate, lecer, e de definición de política. Aprobouse tamén a convocatoria dun I Congreso a finais do 1977.
Trala legalización do PCE o 9 de abril de 1977, a Xuventude Comunista, que carecía daquela de identidade xurídica propia á marxe do PCE, rexistrou unha importante actividade sobre todo no eido estudantil, en universidades e institutos.
Nas primeiras eleccións tralo Franquismo, en 1977, foi elixido deputado no Congreso Josep María Riera, incluído na lista do PSUC. Foi o único militante da historia da Xuventude Comunista que foi deputado no Parlamento Estatal.
A Transición
editarNo I Congreso, celebrado finalmente en abril de 1978, e seguindo a estela do acontecido do PCE afloran tendencias socialdemócratas e anti-soviéticas da man da liña política definida por, entre outros, o secretario xeral do PCE, Santiago Carrillo, o eurocomunismo.
A pretensión de construír unha organización de masas derivou nunha estrutura con comités inestábeis, "unións" sen continuidade, imprevisión e sobre todo, unha feble liña ideolóxica. Por mor disto, trocouse o modelo organizativo, de cara a perfilalo mellor, onde xorden os "colectivos", que substituirían ás "unións". Renunciouse ao marxismo-leninismo e definiuse á organización como marxista-revolucionaria.
O obxectivo fixado foi o de desenvolver un movemento xuvenil democrático, axudando a consolidar á transición e a impulsar dentro da mesma as reivindicacións da xuventude. É esta unha Xuventude Comunista compenetrada co PCE e co seu proxecto eurocomunista, centrada no traballo institucional, onde de xeito destacábel se propuxo a creación dun "Consello Federal da Xuventude", xermolo do actual "Consello da Xuventude de España" para posibilitar a participacións das organizacións xuvenís.
Mentres o proceso autonómico non se perfilaba, as rexións non constituídas en nacionalidade, carecían de estrutura propia, sendo as federacións constituídas en base ás provincias.
No ano 1979 ten lugar a V Conferencia, na mesma profundízase a crise da organización, que xa se atopaba nun estado caótico. Xorden tendencias que propoñen a disolución da Xuventude Comunista nun movemento xuvenil definido como "antiautoritario" e "revolucionario". O líder desta tendencia era o secretario xeral da Xuventude Comunista de Andalucía, Francisco Garrido (deputado verde polas listas do PSOE na lexislatura 2004-2008). Garrido fora expulsado de Cuba durante a celebración do XI Festival Mundial da Xuventude e dos Estudantes na Habana por distribuír propaganda contra o goberno cubano e xuntarse con grupos opositores ligados ao exilio de Miami.
Estas tendencias serían derrotadas e os seus dirixentes abandonarían a Organización, ficando a liña política da mesma definida pola maioría eurocomunista.
Como vía para solucionar a crise, pediuse axuda ao PCE coa celebración dun Seminario Partido-Xuventude sobre política xuvenil para analizar a crise da Xuventude Comunista. Nela resolveuse que a definición da política xuvenil se realizaría de forma conxunta PCE-Xuventude, para o que se constitúe unha Comisión de Xuventude no Comité Central do PCE, da que formaría parte a Xuventude.
Durante os anos oitenta, o eixo estratéxico sería a loita pola paz e contra o imperialismo, destacando as mobilizacións anti-OTAN e contra o despregue de mísiles da mesma en Europa.
Nos II e III Congresos, anos 1981 e 1984 respectivamente, confírmase a tendencia eurocomunista, que ao igual que no caso do Partido, remataría por rachar a organización no interno e illala a nivel internacional.
A Xuventude Comunista fora perdendo os vencellos coas organizacións xuvenís do campo socialista, así como coas organizacións xuvenís comunistas máis combativas de Europa. Isto provocou un distanciamento coa FMXD, distanciamento que chegou até o punto de xunto co MCJF (xuventude comunista de Francia), a FGCI (xuventude comunista de Italia) e outras organizacións identificadas co eurocomunismo, un Festival Mediterráneo da Xuventude, como alternativa ao Festival Mundial da Xuventude e dos Estudantes, organizado pola FMXD.
A ruptura interna producírase xa en Cataluña, onde unha parte da organización oposta ao eurocomunismo foi expulsada, formando o Partido dos Comunistas de Cataluña (PCC) en 1982 coa súa respectiva organización xuvenil, os Colectivos de Xoves Comunistas de Cataluña (CJC-C).
Anos despois, entre 1984 e 1986 produciuse a mesma ruptura no conxunto do España coa expulsión ou saída dos elementos opostos ao eurocomunismo.
Deste xeito, en xaneiro de 1984, tivo lugar o chamado Congreso da Unidade dos Comunistas, que resultaría da fundación do Partido Comunistas dos Pobos de España (PCPE) que recoñecería como referente catalán ao anteriormente mencionado PCC. Un ano despois formaríanse os Colectivos de Xoves Comunistas (CXC). Isto supuxo unha boa perda para a Xuventude Comunista, sobre todo nas zonas de maior implantación da organización.
A Organización xuvenil do PCPE, os CJC-CMC, serían admitidos na Federación Mundial da Xuventude Democrática (FMXD)
En 1988 celebrouse o IV Congreso da Xuventude Comunista. Nel tiveron especial relevancia as mobilizacións estudantís dos anos anteriores contra as leis educativas do goberno do PSOE nas que a Xuventude Comunista estivo amplamente implicada o que lle deu a moitos militantes unha grande experiencia na loita en frontes de masas, que serían incorporados a tarefas políticas na Unión.
Neste Congreso preparouse a Plataforma Xuvenil polo Emprego, unhas das experiencias unitarias máis importantes dos xoves de esquerdas dende o Franquismo, que protagonizaría manifestacións masivas como a do 1 de decembro de 1988, que xuntou a case 200 milleiros de mozos e mozas e serviu como prólogo á histórica folga xeral do 14 de decembro.
A finais dos 1980, como resultado da experiencia unitaria de Esquerda Unida, celebrouse un novo Congreso de Unidade en maio de 1988, onde a maioría dos CJC-CMC integrarianse na Unión, e nalgunhas comunidades autónomas tamén a organización xuvenil de Bandera Roja.
A Xuventude Comunista na actualidade
editarEn xuño de 1990, a Xuventude Comunista afrontou un duro debate no seu V Congreso, motivado polo colapso das primeiras experiencias socialistas (o chamado socialismo real) e a caída do Muro de Berlín. A posición derrotada foi a que apostaba pola necesidade de diluír a existencia da organización comunista como tal, ou incluso disolvela totalmente en favor dunha nova organización xuvenil de Esquerda Unida, o que provocou o seu abandono da organización. O Secretario Xeral foi Enrique Santiago, quen posteriormente sería coñecido por encabezar a candidatura alternativa a Gaspar Llamazares na VIII Asemblea Federal de Esquerda Unida.
O XIII Congreso do PCE en decembro de 1991, a Xuventude Comunista veu recoñecida a súa independencia organizativa e a súa autonomía política, e o seu vencello no estratéxico ao PCE. A XC xogou un importante papel fronte aos sectores que propuñan a disolución do Partido.
En marzo de 1992, na III Asemblea de Esquerda Unida foi recoñecida como organización política adherida á coalición, e defendeu as teses de Julio Anguita contrarias a constituírse como partido político e favorábeis a pasar da fase de coalición á fase de movemento político e social.
Nestas datas, o principal traballo consistiu en mobilizacións contra a Primeira Guerra do Golfo e contra a chamada Lei Corcuera (Lei de Seguridade Cidadá) promovida polo goberno socialista formando en cada caso a Iniciativa Xuvenil pola Paz e a Iniciativa Xuvenil polas Liberdades
Os anos 90 foron extremadamente convulsos para tódalas organización marxistas, e en especial para a Xuventude Comunista. Produciuse o desmantelamento da organización en practicamente todas as CC AA, ben co apoio táctico do PCE ou contando coa súa pasividade
Só as federacións madrileña e andaluza permaneceron con estruturas estábeis, porén, non foron alleas á crise e víronse sacudidas por escisións moitas veces sacudidas polos conflitos internos do PCE. No VIII Congreso, en 1999, conseguiuse cambiar esta tendencia e afrontar a reconstrución da organización.
Durante os anos 90, os debates centráronse na adopción do marxismo-leninismo como definición ideolóxica (VI Congreso, 1993), a aplicación da unidade de acción e a sectorialización (VIII Congreso, 1999) e como culminación parcial do proceso, a asunción do centralismo democrático como principio organizativo (IX Congreso, 2003)
Na VIII Asemblea de Esquerda Unida, a Xuventude Comunista e o Partido apoiaron o movemento polo cambio xeral e a rexeneración de Esquerda Unida, encabezado por Enrique Santiago e Virgínia Díaz.
En decembro do 2006, celebrouse o X Congreso, profundando no marxismo-leninismo como base ideolóxica e reforzando o centralismo democrático, así como mellorar o sistema de sectorialización.
O traballo actual da Xuventude Comunista é a reconstrución da identidade de clase, a loita pola República ligada á democracia participativa, así como o recoñecemento do dereito dos pobos á súa autodeterminación, tanto no Estado Español como no resto do mundo.
En Galiza
editarA Xuventude Comunista é a organización galega da UJCE, así como o referente xuvenil do Partido Comunista de Galicia.
A Xuventude Comunista tivo na Galiza pouca presenza ao longo da historia. Foi a partir de 1999 que se comezou a reorganizar a organización galega da Xuventude Comunista, paseñiñamente ao comezo e con máis vigor posteriormente.
Hoxe en día, a Xuventude Comunista conta con presenza nas 4 provincias, en todas as cidades galegas, así como en varias vilas do país. Tras a IV Conferencia Nacional celebrada o 22 de xuño de 2013 elixiuse unha nova dirección encabezada por Begoña Rodríguez co horizonte posto en continuar o proceso de consolidación e crecemento da organización dos últimos anos.
Congresos da Xuventude Comunista
editarAntes das JSU
editar- I Congreso. 1932.
- II Congreso. 10, 11 e 12 de maio do 1934 "Polo poder soviético".
Das JSU
editarA JSU non chegou a realizar o seu Congreso de Unificación previsto para agosto do 1936 por mor da guerra civil.
Da Xuventude Comunista pos-JSU
editar- I Congreso. maio do 1978. "Ven con nós a cambiar a vida".
- II Congreso. 5, 6, 7 e 8 de decembro do 1981. "Todos xuntos pola democracia, unidos para a paz, xuntos por cambiar a vida".
- III Congreso. abril de 1984.
- IV Congreso. xaneiro de 1988.
- Congreso de Unidade. decembro de 1988.
- V Congreso. Xuño de 1990. "Pola Nova Esquerda".
- VI Congreso. 16, 17 e 18 de abril do 1993. "Coa forza da xuventude, temos a alternativa. Non te deixes pisar!"
- VII Congreso. decembro de 1996. "Organízate e loita".
- VIII Congreso. 4,5, 6 e 7 de decembro do 1999. "Golpeando xunt@s!".
- IX Congreso. 7, 8, e 9 de novembro do 2003. "A Forza da Unión".
- X Congreso. 8, 9 e 10 de decembro do 2006. "Seguimos adiante, organizando a Revolución do século XXI"
- XI Congreso 9, 10 e 11 de abril do 2010 "Aprender>>loitar>>vencer"
- XII Congreso. 28, 29 e 30 de marzo do 2013. "Conquistar o futuro, construíndo Socialismo".
Secretarios/as xerais
editarAntes das JSU
editar- 1922 (novembro-decembro) Tiburcio Pico
- 1922- ¿¿?? Luis Portela
- ¿¿??-1932 Olmo
- 1932-1935 Jesús Lavín
- 1935-1936 Trifón Medrano
- 1936-1947 Santiago Carrillo
Na clandestinidade
editar- 1961-1973 Agustín Gómez (Elías Gutiérrez)
- 1973-1976 Antonio Palomares
- 1976-1977 Ángel Ezama
- 1977 Domenech Martínez
Na actualidade
editar- 1977-1984 Josep Palau
- 1984-1989 Jesús Montero
- 1989-1990 Manuel Jiménez
- 1990-1993 Enrique Santiago
- 1993 (abril-outubro) Aniceto Setién
- 1993-1996 Carlos Vazquez
- 1996-1998 Juan Ramón Soriano
- 1998-2000 Miguel Ángel Gómez
- 2000-2001 Dirección colexiada do Comité Federal
- 2001-2003 Rocío Val
- 2003-2005 Raúl Gómez
- 2005-2010 Juan Iglesia
- 2010-2013 José León
- 2013-2016 Anabel García Saucedo
- 2016- act. Xavier García Fernández