Tordo común

especie de ave paseriforme que habita en gran parte de Eurasia
(Redirección desde «Turdus philomelos»)

O tordo común[2][3] (Turdus philomelos) é unha especie de ave paseriforme da familia Turdidae, que habita en gran parte de Eurasia, incluída Galicia, onde é unha ave sedentaria case común, con individuos invernantes.[3] Presenta dorso marrón e ventre amarelado con manchas escuras xeralmente cor café e subdivídese en tres subespecies. Ten un peculiar canto, que repite frases musicais, que inspirou a diversos poetas.

Tordo común
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Passeriformes
Familia: Turdidae
Xénero: Turdus
Especie: Turdus philomelos
Brehm, 1831
      Zona de cría       Zona invernal       Presente todo o ano
      Zona de cría       Zona invernal       Presente todo o ano

      Zona de cría       Zona invernal       Presente todo o ano

A ave cría nos bosques, xardíns e parques, presenta unha conduta migratoria parcial, xa que moitos exemplares invernan no sur de Europa, norte de África e Oriente Medio. Introduciuse en Nova Zelandia e Australia. Aínda que non se encontra ameazada globalmente, a súa poboación diminuíu significativamente en varias partes de Europa, probablemente a causa de modificacións nas prácticas agrícolas.

Constrúe un niño de lama nunha árbore ou arbusto e choca catro ou cinco ovos azuis con manchas escuras. É unha ave omnívora que ten o costume de utilizar unha determinada pedra a modo de engra, onde rompe a cuncha dos caracois. Igual que ocorre noutros paseriformes, está afectado por parasitos externos e internos e é vítima de predadores como gatos e aves de presa.

Taxonomía editar

Nome editar

Turdus philomelos foi descrito por primeira vez polo ornitólogo alemán Christian Ludwig Brehm en 1831 e conserva o seu nome científico orixinal.[4] O nome xenérico Turdus vén do nome latino para "tordo", e o epíteto específico philomelos refírese a un personaxe da mitoloxía grega, Filomela, á cal lle cortaron a lingua, pero que logo foi transformada nun paxaro cantor. O seu nome deriva do grego Φιλο philo- ('amante de') e μέλος melos ('canto').[5]

Clasificación editar

 
Un dos pais alimenta os polos no seu niño nun xardín de Nova Zelandia.

Un estudo molecular recente indica que os parentes máis próximos de T. philomenos son o tordo charlo (T. viscivorus), cunha plumaxe similar, e o T. mupinensis; estas tres especies son liñas temperás derivadas da estirpe Turdus, antes de que se diversificase e estendese polo mundo, e polo tanto, están menos estreitamente relacionados con outras especies de túrdidos europeos como o merlo común (T.  merula).[6]

Distínguense tres subespecies, das cales a subespecie nominal, T. p. philomelos, cobre a maior parte da súa área de distribución.

T. p. hebridensis, descrito polo ornitólogo británico William Eagle Clarke en 1913, é sedentario (non migratorio) e encóntrase nas Hébridas Exteriores e a illa de Skye en Escocia. É a subespecie máis escura, co dorso marrón escuro, unha mitra gris, e cor de fondo clara nas partes inferiores e flancos con tons grises.[7]

T. p. clarkei, descrito polo zoólogo alemán Ernst Hartert en 1909 e nomeado en honor de William Eagle Clarke, aniña no resto de Gran Bretaña, Irlanda e no continente europeo en Francia, Bélxica, Países Baixos e posiblemente un pouco cara ao leste tamén. As partes superiores da súa plumaxe son de cor marrón con tons máis cálidos que os da subespecie nominal, a parte traseira de cor oliváceo e as partes inferiores cun fondo amarelo. É unha ave parcialmente migrante, xa que algúns exemplares invernan no sur de Francia e na Península Ibérica. Esta subespecie hibrida coa subespecie nominal no centro de Europa e con T. p. hebridensis nas Hébridas Interiores e o occidente de Escocia, e nestas áreas as subespecies presentan características intermedias.[7]

Algunhas subespecies adicionais, tales como T. p. nataliae de Siberia proposta polo ruso Serguéi Buturlín en 1929, non están amplamente aceptadas.[7]

Descrición editar

O tordo común (representado pola subespecie nominal T. p. philomelos) mide de 20 a 23,5 cm de longo e ten un peso de 50-107 gramos. Ambos os sexos son semellantes e teñen un dorso marrón e partes inferiores de cor crema ou amarelo-beixe con manchas negras nítidas, que se volve máis clara no ventre. A parte inferior das ás ten unha cor amarela cálida, o peteiro é de cor amarela e as patas e os pés son de cor rosa. De oeste a leste a través da súa área de reprodución, de Suecia a Siberia, o ton das partes superiores desta especie vólvese moito máis frío. As aves xuvenís parécense aos adultos, mais teñen raias beixes ou laranxas na parte posterior e nas cobertoiras das ás.[7]

 
En voo.

A especie de tordo europeo que máis se parece ao tordo común é o tordo rubio (T. iliacus), pero diferénciase por ter unha nítida lista superciliar branca, flancos vermellos e durante o voo distínguese polas partes inferiores das súas ás que son de cor vermella. O tordo charlo (T. viscivorus) é moito máis grande e as esquinas da súa cola son de cor branca; o T. mupinensis, ten unha plumaxe máis semellante, pero distínguese polas marcas negras na cabeza e a súa área de distribución que non se superpón.[7]

O tordo común ten unha chamada aguda e curta, que soa tsip, que substitúe durante a migración por un siip agudo, similar á chamada do zorzal rubio, pero máis curto. A chamada de alarma é un chuc-chuc que se volve cada vez máis curto e máis estridente na medida que aumenta a ameaza. O macho adoita cantar desde unha percha elevada como a copa dunha árbore ou un teito. O seu canto componse dunha serie de frases musicais altas e claras, repetida de dúas a catro veces, filip filip filip codidio codidio quitquiquit tittit tittit tereret tereret tereret, e nisto intercálanse notas ásperas ou de imitación. A subespecie das Hébridas canta principalmente entre febreiro e xuño, pero as demais subespecies adoitan cantar desde novembro a xullo.[7] En relación ao seu peso, esta especie ten unha das chamadas máis fortes entre as aves.[8] Un macho pode ter un repertorio de máis de 100 frases,[9] moitas das cales poden ser copiadas das dos seus pais e de paxaros veciños. O mimetismo vocal pode incluír a imitación de sons de teléfonos,[10] e chamadas de aves que están en catividade, incluíndo especies exóticas como o Dendrocygna viduata.[7]

Distribución e hábitat editar

 
Subespecie nominal en Lituania.
 
Xuvenil en Nova Zelandia.

Reprodúcese na maior parte de Europa (aínda que non na maior parte da Península Ibérica, nin nas terras baixas de Italia ou o sur de Grecia), e incluíndo Ucraína e Rusia case ata o lago Baikal. Chega ata a latitude 75 °N en Noruega e ata aproximadamente 60 °N en Siberia. As aves de Escandinavia, Europa e Rusia invernan na rexión do Mediterráneo, o norte de África e o Oriente Medio, pero só algunhas aves do oeste de Europa, co seu clima máis temperado, migran das súas zonas de reprodución.[7]

A subespecie nominal foi introducida en Nova Zelandia e Australia por sociedades de aclimatación entre 1860 e 1880, ao parecer por razóns puramente sentimentais.[11] En Nova Zelandia foi introducida nas dúas illas principais; estableceuse rapidamente e estendeuse ás illas veciñas, incluíndo as Kermadec, Chatham e Auckland.[12] Aínda que é común e amplamente distribuída en Nova Zelandia, en Australia só existe unha pequena poboación arredor da cidade de Melbourne.[13] En Nova Zelandia, parece ter un efecto prexudicial limitado sobre algúns invertebrados debido á depredación por parte de especies de aves introducidas[14] e dana os cultivos comerciais de froitas.[15] Como especie introducida, non ten protección legal en Nova Zelandia, e pode ser matada en calquera momento.[16]

 
Xuvenil no sotobosque preto de Dombaih, Rusia (montañas do Cáucaso).

Aniña en bosques con suficiente sotobosque, próximo a zonas máis abertas ata unha altitude de 2200 m sobre o nivel do mar (en Suíza). No oeste de Europa tamén aniña en xardíns e parques. A subespecie das illas Hébridas (T. p. hebridensis) aniña en zonas máis abertas, como as uceiras, mentres que no leste da área eurasiática, a subespecie nominal limítase aos bordos dos densos bosques de coníferas.[7]

En zonas de agricultura intensiva, onde as prácticas utilizadas fan que a terra sexa pouco axeitada para esta especie, os xardíns forman un importante hábitat de reprodución. Nun estudo inglés atopouse que soamente o 3,5 % dos territorios se encontraban en terras de cultivo, mentres que o 71,5 % dos territorios estaban en xardíns, a pesar de que este hábitat só representa o 2 % da área total. Os niños restantes encontrábanse nos bosques (1 % da superficie total).[17]

En xeral, o hábitat de inverno é tamén o que se utiliza para aniñar, excepto que se evitan terras altas e outras localidades expostas;[18] Porén, a subespecie T. p. hebridensis adoita frecuentar a beira do mar en inverno.[7]

Comportamento editar

  Canto do tordo común.

Rompendo a cuncha dun caracol.

Non é unha ave gregaria, pero é posible que varias aves se xunten en inverno ou estean casualmente asociadas en hábitats onde se alimentan, ás veces con outros túrdidos como o merlo, tordo real (Turdus pilaris), tordo rubio (Turdus iliacus) e Turdus ruficollis.[7] A diferenza do tordo real e o tordo rubio, que son máis nómades, o tordo común tende a regresar con regularidade ás mesmas áreas de invernada.[18]

É unha especie monógama e territorial. Nas áreas onde é unha ave migratoria, o macho volve a establecer o seu territorio de cría e empeza a cantar en canto regresa. Nas zonas máis temperadas onde unha parte das aves adoita permanecer durante todo o ano, o macho residente non sae do seu territorio de cría, cantando de forma intermitente, pero a femia pode establecerse nunha área de invernada individual ata que a parella se une a ela a principios da primavera.[18]

Durante a migración viaxa principalmente pola noite cun voo forte e directo. Voa en bandadas espalladas que cruzan o mar nunha fronte ampla en lugar de concentrarse nos pasos curtos (como ocorre na migración de grandes aves planadoras), e chama con frecuencia para manter o contacto.[7] A migración pode comezar xa a finais de agosto nas partes máis orientais e setentrionais da área de distribución, pero a maioría das aves que teñen que cubrir distancias máis curtas, diríxense ao sur desde setembro ata metade de decembro. Porén, o mal tempo pode obrigar a movementos migratorios adicionais. A migración de retorno oscila entre a metade de febreiro en todo o Mediterráneo ata maio no norte de Suecia e Siberia central.[7] Rexistráronse exemplares errantes que chegaron a Groenlandia, varias illas do Atlántico e África occidental.[7]

Reprodución e esperanza de vida editar

 
Tres ovos nun niño.

A femia constrúe un niño en forma de cunca forrado con lama e herba seca. Elixe un arbusto, árbore ou enredadeira, ou, no caso da subespecie das Hébridas, no chan. Pon catro ou cinco ovos de cor azul brillante, lixeiramente manchados de negro ou morado;[7] en xeral teñen un tamaño de 2,7 x 2,0 centímetros e pesan 6,0 gramos, dos cales o 6 % corresponde á casca.[5] A femia choca os ovos soa durante de 10 a 17 días. Despois da eclosión transcorren outros 10-17 días ata que as crías saian do niño. O normal nesta especie son dúas ou tres niñadas nun ano, pero no norte da área de distribución só pode ter unha niñada.[7] Nos estudos feitos nas illas británicas observouse que como media un 54,6 % das crías británicas sobrevive o primeiro ano de vida, e a taxa de supervivencia anual de adultos é do 62,2 %. A esperanza de vida típica é de tres anos, pero a idade máxima rexistrada foi de 10 anos e 8 meses.[5]

O niño do tordo común é ocasionalmente asaltado por cucos que practican o parasitismo de crianza, como o Cuculus canorus, mais isto é moi raro porque o tordo adoita distinguir os ovos non miméticos dos cucos.[19] Porén, o tordo non mostra a mesma agresividade que o merlo común cara ao cuco adulto.[20] As aves introducidas en Nova Zelandia, onde non vive o cuco, conservaron durante os últimos 130 anos a capacidade de recoñecer e rexeitar ovos non miméticos.[21] Entre os depredadores dos tordos adultos están os gatos, mouchos comúns (Athene noctua) e gabiáns comúns (Accipiter nisus); os ovos e polos son depredados por pegas, gaios e esquíos cinsentos se están presentes.[22][23][24] Igual que noutras aves paseriformes, os parasitos son comúns e inclúen endoparasitos, como o nematodo Splendidofilaria (Avifilaria) mavis, cuxo nome específico deriva do do tordo Turdus mavis.[25] Segundo os resultados dun estudo ruso sobre parasitos do sangue, todos os tordos reales, tordos rubios e tordos comúns incluídos na mostra eran portadores de hematozoos, en particular Haemoproteus e Trypanosoma.[26] Tamén son común as carrachas do xénero Ixodes e poden conter axentes patóxenos, como os da encefalite nas zonas boscosas do centro e leste de Europa e Rusia,[27] e, máis comunmente, bacterias do xénero Borrelia.[28] Algunhas especies de Borrelia causan a enfermidade de Lyme, e aves como o tordo, que buscan alimento no chan, poden actuar como reservorio da enfermidade.[29]

Alimentación editar

 
Cunchas crebadas do caracol Cepaea nemoralis nunha «engra» de tordo.

O tordo común é omnívoro e aliméntase dunha gran variedade de invertebrados, especialmente de miñocas de terra e caracois, así como de froitas brandas e bagas. Igual que o seu parente, o merlo, encontra as súas presas animais a simple vista. Sérvese dunha técnica de caza consistente en correr e parar en campo aberto e furgar na folla seca caída en busca de alimentos en zonas boscosas.[7]

Os caracois constitúen un alimento especialmente importante durante as secas ou cando o mal tempo fai difícil encontrar outro alimento. O tordo a miúdo usa unha pedra favorita como "engra" para romper a cuncha dos caracois e extraer o corpo mol, que invariablemente limpa no chan antes de comelo.[18] As aves xoves inicialmente tiran obxectos e tratan de xogar con eles ata que aprenden a utilizar as engras como ferramentas para romperen as cunchas de caracol.[30] Os polos reciben principalmente alimentos de orixe animal, como miñocas de terra, lesmas, caracois e larvas de insectos.[7]

O caracol Cepaea nemoralis é comido habitualmente polo tordo e suxeriuse que os padróns polimórficos da cuncha representan unha resposta evolutiva para reducir a depredación,[31] aínda que o tordo común probablemente non é a única forza selectiva implicada.[32]

Estado de conservación editar

 
En Nova Zelandia.

A especie ten unha extensa área de distribución, cuxa superficie é de aproximadamente 10 millóns de quilómetros cadrados e unha longa poboación que se compón de entre 40 e 71 millóns de aves só en Europa.[1]

No paleártico occidental hai probas dunha diminución da poboación, pero a un nivel por debaixo do limiar requirido para considerar que mundialmente a especie ten un status de especie ameazada (é dicir, unha redución do seu número de máis dun 30 % en dez anos ou tres xeracións) e, por tanto, esta especie é clasificada como en "especie pouco preocupante" na Lista Vermella da IUCN.[1] En Gran Bretaña e os Países Baixos produciuse un descenso de máis de 50 % da poboación e o tordo común está incluído nas listas vermellas rexionais.[18][33] As reducións son maiores nas terras agrícolas (73 % desde a metade da década de 1970) e crese que se debe a cambios nas prácticas agrícolas durante as últimas décadas.[34] Aínda que non se coñecen as razóns exactas da caída de poboación, esta pode estar relacionada coa perda de setos, a sementeira de cultivos en outono en lugar de en primavera, e posiblemente o aumento do uso de pesticidas. Estes cambios puideron reducir a dispoñibilidade de alimento e de sitios de nidificación.[35] Nos xardíns, o uso de iscos envelenados para controlar as lesmas e caracois pode representar unha ameaza,[24] e nas zonas urbanas algúns tordos son atropelados cando usan a superficie dura das estradas para romper as cunchas dos caracois.[36]

Significado cultural editar

Ou colle na trapela o voraz tordo
ou a lebre ou a grula
premios do gusto seu. Nestas faenas
¿quen nos esquence as amorosas coitas?

—J. M. Mosquera-Horacio[37]

O canto característico do tordo común, coas súas frases melódicas que se repiten dúas ou máis veces, foi utilizado en poesía por diversos autores, como os poetas británicos Robert Browning,[38], Thomas Hardy,[39] Ted Hughes[40] e Edward Thomas.[34]

En Dunfermline, Escocia

O tordo é o emblema do club de fútbol inglés West Bromwich Albion, e foi elixido porque se gardaba un tordo común como mascota no pub utilizado polo equipo para cambiarse. Tamén deu lugar ao alcume inicial de West Bromwich Albión, The Throstles (Os tordos).[41]

Como alimento editar

Os tordos cázanse como alimento desde hai 12 000 anos[42] e unha das primeiras referencias pode atoparse na Odisea: «Como cando os tordos de longas ás, prenden na rede armada na gramalleira indo ao niño e, acollen en odioso leito».[43]. A caza continúa hoxe en día en todo o Mediterráneo, pero non se cre que sexa un factor importante na diminución desta especie nalgunhas partes da súa área de distribución.[34]

En España, esta especie é cazada durante a súa migración a través do país, a miúdo usando liga que, aínda que prohibida pola Unión Europea, segue sendo usada no País Valenciano.[44][45][46]

Como mascota editar

Ata polo menos o século XIX, o tordo común era unha ave que se tiña en gaiolas nas casas pola súa voz melodiosa.[47] O mesmo que coa caza, hai poucas evidencias de que a captura de aves silvestres para este mester tivese un efecto significativo sobre as poboacións silvestres.[7]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 BirdLife International (2012). "{{{taxon}}}". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 
  2. Conde Teira, M. A. (1999). "Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada" (PDF). Chioglossa (A Coruña) 1: 121–138. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de marzo de 2016. Consultado o 28 de setembro de 2016. 
  3. 3,0 3,1 Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (setembro de 2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar (2ª ed.). A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5.
  4. Brehm, Christian (1831). Handbuch der Naturgeschichte aller Vogel Deutschlands (en alemán). p. 382. 
  5. 5,0 5,1 5,2 "Song Thrush Turdus philomelos [CL Brehm, 1831 ]". BTO Birdfacts (en inglés). British Trust for Ornithology. Consultado o 25 de xaneiro de 2008. 
  6. Voelker G, Rohwer S, Bowie RCK, Outlaw DC (2007). "Molecular systematics of a speciose, cosmopolitan songbird genus: Defining the limits of, and relationships among, the Turdus thrushes". Molecular Phylogenetics and Evolution (en inglés) 42 (2): 422–434. PMID 16971142. doi:10.1016/j.ympev.2006.07.016. 
  7. 7,00 7,01 7,02 7,03 7,04 7,05 7,06 7,07 7,08 7,09 7,10 7,11 7,12 7,13 7,14 7,15 7,16 7,17 7,18 Clement, Peter; Hathway, Ren; Wilczur, Jan (2000). Thrushes (Helm Identification Guides) (en inglés). Christopher Helm Publishers Ltd. pp. 392–395. ISBN 0-7136-3940-7. 
  8. Brackenbury, J. H. (1979). "Power capabilities of the avian sound-producing system" (PDF). J. Exp. Biology. (en inglés) 78 (1): 163–166. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 10 de outubro de 2008. 
  9. Devoogd, Timothy J.; Krebs, Susan D. Healy, Andy Purvis, John R. (1993). "Relations between Song Repertoire Size and the Volume of Brain Nuclei Related to Song: Comparative Evolutionary Analyses amongst Oscine Birds". Proceedings: Biological Sciences (en inglés) 254 (1340): 75–82. PMID 8290611. doi:10.1098/rspb.1993.0129. 
  10. Slater, Peter J. B. (1983). "The Buzby phenomenon: Thrushes and telephones". Animal Behavior (en inglés) 31: 308–309. doi:10.1016/S0003-3472(83)80204-8. 
  11. "'BIRDS', from An Encyclopaedia of New Zealand, editado por A. H. McLintock, publicado orixinalmente en 1966.". Te Ara – The Encyclopedia of New Zealand, actualizado o 18-set-2007 (en inglés). Ministry for Culture and Heritage / Te Manatu Taonga. Consultado o 13 de marzo de 2008. 
  12. Heather, B.; Robertson, H. (1996). The Field Guide to the Birds of New Zealand (en inglés). Auckland: Viking. pp. 384–385. ISBN 0-670-89370-6. 
  13. "Song thrush (Turdus philomelos)". Birds (en inglés). Department of Agriculture, Western Australia. Arquivado dende o orixinal o 8 de decembro de 2007. Consultado o 25 de xaneiro de 2008. 
  14. "The State of Our Invertebrate Animals". State of New Zealand's Environment 1997, Chapter 9 (en inglés). Ministry for the Environment, New Zealand. Arquivado dende o orixinal o 17 de xuño de 2008. Consultado o 13 de marzo de 2008. 
  15. "Song thrush (Turdus philomelos)" (en inglés). Department of Agriculture and Food Western Australia. Arquivado dende o orixinal o 8 de decembro de 2007. Consultado o 13 de marzo de 2008. 
  16. "The State of Our Indigenous Birds" (PDF). The State of Our Biodiversity – The State of New Zealand’s Environment (en inglés). Ministry for the Environment, New Zealand. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 24 de xaneiro de 2015. Consultado o 13 de marzo de 2008. 
  17. Mason, Christopher F. (1998). "Habitats of the Song Thrush Turdus philomelos in a largely arable landscape". Journal of Zoology (en inglés) 244: 89–93. doi:10.1111/j.1469-7998.1998.tb00010.x. 
  18. 18,0 18,1 18,2 18,3 18,4 Snow, David; Perrins, Christopher M (editors) (1998). The Birds of the Western Palearctic concise edition (2 volúmenes). Oxford: Oxford University Press. ISBN 0-19-854099-X.  1225–1228 | idioma=inglés
  19. Davies, N. B. (marzo de 2002). "Cuckoo tricks with eggs and chicks". British Birds (en inglés) 95 (3): 101–115. 
  20. Grim, Tomás; Honza, Marcel (2001). "Differences in behaviour of closely related thrushes (Turdus philomelos and T. merula) to experimental parasitism by the common cuckoo Cuculus canorus" (PDF). Biologia, Bratislava (en inglés) 56 (5): 549–556. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 9 de agosto de 2017. Consultado o 1 de agosto de 2019. 
  21. Hale, Katrina; Briskie, James V. (marzo de 2007). "Response of introduced European birds in New Zealand to experimental brood parasitism". Journal of Avian Biology (en inglés) 38 (2): 198–204. doi:10.1111/j.0908-8857.2007.03734.x. Arquivado dende o orixinal o 15 de decembro de 2018. Consultado o 10 de outubro de 2019. 
  22. Brown, Roy. "A Review of the impact of Mammalian Predators on Farm Songbird Population Dynamics" (PDF) (en inglés). Songbird Survival. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 02 de xullo de 2007. Consultado o 27 de xaneiro de 2008. 
  23. "Song thrush". Birds and wildlife (en inglés). RSPB. Consultado o 27 de xaneiro de 2008. 
  24. 24,0 24,1 "Song thrush – Turdus philomelos" (en inglés). The Royal Horticultural Society/The Wildlife Trusts. Arquivado dende o orixinal o 20 de maio de 2013. Consultado o 9 de abril de 2012. 
  25. Martil, S. Cano; Caballero, E.J. López; del Valle Portilla, María T (2000). "Estudio con microscopia electrónica de barrido de adultos de Splendidofilaria (Avifilaria) Mavis (Leiper, 1909) Anderson, 1961" (PDF). Revista biologia 14 (1). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 18 de marzo de 2009. 
  26. Palinauskas, Vaidas; Markovets, Mikhail Yu; Kosarev, Vladislav V; Efremov, Vladislav D; Sokolov, Leonid V; Valkiûnas, Gediminas (2005). "Occurrence of avian haematozoa in Ekaterinburg and Irkutsk districts of Russia" (PDF). Ekologija (en inglés) 4: 8–12. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 26 de marzo de 2009. 
  27. Fedorov, Yu. V. (1968). "Further observations on the significance of wild birds as hosts of Ixodes ticks in the Tomsk focus of tick-borne encephalitis" (PDF). Pentagon Reports, número 0916176 (en inglés). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 07-08-2023. 
  28. Kipp, Susanne; Goedecke, Andreas; Dorn, Wolfram; Wilske, Bettina; VolkeFingerle (maio de 2006). "Role of birds in Thuringia, Germany, in the natural cycle of Borrelia burgdorferi sensu lato, the Lyme disease spirochaete". International Journal of Medical Microbiology (en inglés) 296: 125–128. PMID 16530003. doi:10.1016/j.ijmm.2006.01.001. 
  29. Comstedt, Pär; Bergström, Sven, Olsen, Björn; Garpmo, Ulf; Marjavaara, Lisette; Mejlon, Hans; Bunikis, Jonas (xullo de 2006). "Migratory Passerine Birds as Reservoirs of Lyme Borreliosis in Europe" (PDF). Emerging Infectious Diseases (en inglés) 12 (7): 1087–1094. 
  30. Henty, C. J. (1986). "Development of snail-smashing by song thrushes". British Birds (en inglés) 79: 277–281. 
  31. Goodhart, C. B. (maio de 1958). "Thrush Predation on the Snail Cepaea hortensis". The Journal of Animal Ecology (en inglés) 27 (1): 47–57. JSTOR 2173. doi:10.2307/2173. 
  32. Owen, Denis F.; Bengtson, Sven-Axel (1972). "Polymorphism in the Land Snail Cepaea Hortensis in Iceland". Oikos (en inglés) 23 (2): 218–225. JSTOR 3543409. doi:10.2307/3543409. 
  33. "Song Thrush Turdus philomelos". Breeding Birds in the Wider Countryside (en inglés). British Trust for Ornithology/Joint Nature Conservation Committee. Arquivado dende o orixinal o 24 de xuño de 2016. Consultado o 27 de xaneiro de 2008. 
  34. 34,0 34,1 34,2 Cocker, Mark; Mabey, Richard (2005). Birds Britannica (en inglés). Londres: Chatto & Windus. pp. 355–359. ISBN 0-7011-6907-9. 
  35. "Song Thrush (Turdus philomelos)". Species Action Plan (en inglés). UK Biodiversity Action Plan. Arquivado dende o orixinal o 15 de abril de 2008. Consultado o 11 de marzo de 2008. 
  36. Erritzoe, Johannes; Mazgajski, Tomasz D.; Rejt, Lukasz (2003). "Bird casualties on European roads — a review" (PDF). Acta Ornithol (en inglés) 38: 77–93. 
  37. Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (1980). Guía das aves de Galicia. Ficha do tordo galego. Ilustrado por Calros Silvar. Vigo: Editorial Galaxia. p. 107. ISBN 84-7154-379-6. 
  38. "Home Thoughts, from Abroad" (en inglés). Englishverse.com. Consultado o 26 de xaneiro de 2008. 
  39. Stallings, A. E. "The Darkling Thrush: A Centennial Appreciation" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 19 de maio de 2008. Consultado o 11 de marzo de 2008. 
  40. "Thrushes". Poems by Ted Hughes (en inglés). Poemhunter. Consultado o 11 de marzo de 2008. 
  41. McOwan, Gavin (2002). The Essential History of West Bromwich Albion (en inglés). Headline. p. 15. ISBN 0-7553-1146-9. 
  42. Bocheñski, Z.; Tomek, T. (2004). "Bird remains from a rock-shelter in Krucza Skala (Central Poland)" (PDF). Acta zooologica cracoviensia (en inglés) 47 (1–2): 27–47. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 27 de xullo de 2020. Consultado o 10 de outubro de 2019. 
  43. Homero. Odisea. Toxosoutos. p. 327. 
  44. Commission of the European Communities (9 de decembro de 2004). "Failure of a Member State to fulfil obligations – Directive 79/409/EEC – Conservation of wild birds – Hunting using limed twigs – Summary of the Judgment" (en inglés). 
  45. Las Provincias (14 de decembro de 2006). "Un entramado para cazar tordos". 
  46. Europa Press. "El Tribunal de la UE condena a España por permitir la caza con 'parany' en la Comunidad Valenciana". Arquivado dende o orixinal o 14 de xuño de 2008. 
  47. Dyson, C. E. (1889). Bird-Keeping – A Practical Guide for the Management of Singing and Cage Birds (en inglés). Frederick Warne and co. p. 51. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar