Filomela é un personaxe da mitoloxía grega.

Mito editar

 
Óleo sobre lenzo de Elizabeth Jane Gardner:
Filomela e Procne (Philomena and Procne).

Segundo a mitoloxía grega, Filomela (grego antigo: Φιλομήλα , ) era a filla do rei de Atenas, Pandión, e tiña unha irmá coñecida como Procne.

O marido de Procne era o heroe Tereo de Tracia, quen a desposou tras salvar a Atenas dos bárbaros. Esta unión estivo maldita desde os seus inicios, e aínda que tiveron un fillo chamado Itis e vivían en paz, Procne sentía nostalxia da súa irmá Filomela. Así que convenceu a Tereo para que lle permitise vela de novo. Este accedeu mais coa condición de que o encontro se realizase en Tracia.

Así Tereo marchou a Atenas e, tras convencer o rei para que deixase partir a Filomela cara a Tracia, levouna consigo. Mais a mocidade e a fermosura de Filomela xa desataran a paixón de Tereo nada máis vela. Cando chegaron a Tracia violouna, sen facer caso das súas desesperadas súplicas. Ademais, para que Procne nunca se decatase da súa reprobábel acción, cortoulle a lingua e encerrouna nunha solitaria prisión no bosque. Logo dixo a Procne que a súa irmá morrera.

Vítima da tristeza e o abandono, Filomela decidiu emprender o seu plan para vingarse de Tereo. Na súa solitaria prisión tecía sobre un lenzo branco e con fío púrpura a triste historia da súa vida. Cando acabou fixo chegar a súa obra á súa irmá, a raíña. Así foi como Procne decatouse de que o seu esposo a enganara, pois a súa irmá aínda vivía. Desexosa de vinganza, Procne dirixiuse á prisión de Filomela aproveitando o tumulto das festas dedicadas a Baco. Con vestimenta de bacante rescatou a Filomela e levouna a palacio, onde tivo lugar o triste reencontro. Mais logo das bágoas seguiu a vinganza, que Procne quixo máis cruel aínda que o crime do seu esposo.

Vendo, pois, o parecido do seu fillo Itis co culpábel da súa desgraza, Procne deulle morte. Entre ambas as irmás esnaquizaron o cadáver e cociñárono para Tereo. El comeu sen advertir nada, até que, cando terminou, reclamou a presenza do seu fillo. Foi entón cando Procne exclamou satisfeita "tes dentro a quen reclamas"; e Filomela irrompeu coa cabeza do desdichado Itis. Enfurecido, Tereo iniciou a persecución das asasinas, mais os deuses acabaron coa cadea de actos crueis transformando os tres en aves: a Tereo, na bubela, semellante a un guerreiro con penacho e agudo bico; a elas, en aves máis pequenas: a Filomela en rousinol e a Procne en andoriña, segundo a obra duns autores, e ao contrario segundo a doutros. As palabras «filomela» e «filomena» empréganse en poesía como sinónimo de «rousinol».

Na súa obra Tito Andrónico, Shakespeare basea o personaxe de Lavinia no de Filomela. Lope de Vega narra o mito de Filomela, Procne e Tereo no poema La Filomena(1621).

Notas editar

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar