Triacilglicérido

(Redirección desde «Triglicérido»)

Os triacilglicéridos, triglicéridos ou triacilglicerois son acilglicerois, un tipo de lípidos, formados por unha molécula de glicerol (tamén chamado glicerina), que ten os seus grupos hidroxilo (-OH) esterificados por tres ácidos graxos. Os triacilglicéridos son o principal compoñente das graxas do tecido adiposo, e dos aceites vexetais ou de peixe. Son lípidos moi hidrófobos e insolubles en auga. Son lípidos saponificables, xa que conteñen ácidos graxos.

Exemplo de triacilglicérido. Á esquerda o glicerol, á dereita os ácidos graxos. Arriba o ácido palmítico (saturado), no centro o ácido oleico (insaturado), e debaixo o ácido alfa-linolénico (poliinsaturado).
Modelo tridimensional de trimiristina, un triacilglicérido formado por tres moléculas de ácido mirístico e glicerol.

O termo triacilglicérido é máis claro quimicamente, porque indica que teñen tres ácidos graxos (tri acil), mentres que o termo triglicérido, máis usado, parece indicar que teñen tres moléculas de glicerol, o cal non é certo. Non obstante, a IUPAC usa triglicérido xunto con tri-O-acil-glicerol [1].

O glicerol é un polialcohol de tres carbonos con tres grupos -OH, tamén chamado glicerina ou propanotriol. Os ácidos graxos están unidos ao glicerol por enlace éster:

CH2COOR-CHCOOR'-CH2-COOR"

onde R, R', e R" son ácidos graxos. Os tres ácidos graxos poden ser diferentes, todos iguais, ou dous iguais e o outro distinto. Poden ser saturados ou insaturados. Cando son saturados o triglicérido tende a ser unha graxa sólida a temperatura ambiente moderada, pero se conteñen ácidos graxos saturados tenden a ser aceites (líquidos) a esas temperaturas. A lonxitude das cadeas dos ácidos graxos dos triacilglicéridos varía entre os 16 e 22 átomos de carbono.

R1-COOH + R2-OH ←→ R-COO-R2 + H2O

ácido carboxílico (= ácido graxo) + alcohol (= glicerol) ←→ triacilglicérido + auga.

Biosíntese

editar

A síntese de triacilglicéridos ten lugar no retículo endoplasmático de case todas as células do organismo, pero é nas células parenquimatosas do fígado, os hepatocitos, e nos adipocitos do tecido adiposo onde este proceso é máis activo e de maior importancia metabólica. No fígado, a síntese de triacilglicéridos está normalmente conectada á secreción de lipoproteínas de moi baixa densidade (VLDL, polas súas siglas en inglés). O fígado non se considera un sitio de almacenamento fisiolóxico de lípidos, e, por tanto, toda acumulación de triglicéridos nese órgano é patolóxica, e denomínase indistintamente esteatose hepática ou fígado graxo. Polo contrario, o tecido adiposo ten por principal función a acumulación de enerxía en forma de triacilglicéridos. Porén, a acumulación patolóxica de triacilglicéridos no tecido adiposo (obesidade) asóciase, aparentemente de forma causal, cunha serie de anormalidades endócrino-metabólicas, cuxas causas son actualmente motivo de intensa investigación, dada a súa influencia na mortalidade global da poboación. Unha mínima cantidade de triacilglicéridos é normalmente almacenada no músculo esquelético e cardíaco, aínda que soamente para consumo local.[2]

A biosíntese de triacilglicéridos comprende varias reaccións:

R–CO–OH + CoASH + ATP R–CO–SCoA + AMP + PPi + H2O
 

As mutacións no xene que codifica o encima AGPAT (acil-glicerol-fosfato-acil transferase) isoforma 2 (AGPAT2), a principal isoforma de AGPAT expresada no tecido adiposo e fígado, causan formas conxénitas de lipodistrofia (ausencia xeneralizada de tecido adiposo) en seres humanos. Isto, xunto con evidencias derivadas de cultivos celulares e animais de experimentación, indica que existe unha relación estreita entre a bioxénese do tecido adiposo e a síntese de triacilglicéridos. Os mecanismos causais da lipodistrofia asociada a mutacións de AGPAT2 están aínda en investigación.

Transporte dos triacilglicéridos

editar

As graxas hidrolízanse no intestino delgado formando ácidos graxos e glicerina, que poden atravesar a parede intestinal, illados ou en forma de xabóns ao se combinaren cos zumes pancreáticos e intestinais. Logo son reconstruídos de novo ao outro lado da parede intestinal; pero como os lípidos son insolubles en auga, deben combinarse con proteínas, sintetizadas polo intestino, para ser transportadas e distribuídas a través do sangue a todo o organismo. O transporte de triacilglícéridos está estreitamente integrado co transporte doutros lípidos, como o colesterol, e está directamente relacionado con enfermidades como a arteriosclerose.

O corpo humano utiliza tres xeitos de transportar lípidos:

  1. Lipoproteínas. Son agrupacións de lípidos e proteínas, como os quilomicrons, que transportan os lípidos ao fígado tras a súa absorción polo intestino, desde onde se distribúen ao resto do corpo, sobre todo ás células adiposas e musculares en forma de lipoproteínas VLDL, IDL, LDL e HDL. As células do tecido adiposo son as principais células de reserva de graxas.
  2. Albumina sérica. Proteína que transporta ácidos graxos libres.
  3. Corpos cetónicos. Pequenas moléculas hidrosolubles (acetoacetato e β-hidroxibutirato) producidas no fígado por oxidación dos ácidos graxos. Como son solubles en auga (e, por tanto, no sangue), poden viaxar nel sen problemas.

Funcións biolóxicas

editar
  • Constitúen a principal reserva enerxética do organismo animal (como graxas) e nos vexetais (aceites). O exceso de lípidos almacénase en grandes depósitos nos animais, nos tecidos adiposos. Unha persoa obesa pode almacenar en forma de graxa a enerxía basal necesaria para o funcionamento do corpo durante varios meses, pero só ten reservas de glicóxeno (glícido de reserva) para un día.
  • Son bos illantes térmicos que se almacenan nos tecidos adiposos subcutáneos dos animais de climas fríos como, por exemplo, as baleas, o oso polar etc.
  • Son produtores de calor metabólico, durante a súa degradación. Un gramo de graxa produce 9,4 kcal. Nas reaccións metabólicas de oxidación, un gramo de proteínas ou glícidos produce só 4,1 kcal.
  • Dan protección mecánica, como os constituíntes dos tecidos adiposos que están situados na planta do pé, na palma da man e rodeando o ril.

Saúde

editar

O aumento de triacilglicéridos en sangue chámase hipertrigliceridemia e é un factor de risco para a aterosclerose, enfermidades cardiovasculares e accidentes cerebrovasculares. Porén, o impacto relativamente negativo dos niveis altos de triacilglicéridos comparados co da proporción alta LDL:HDL aínda non se comprende ben. O risco pode deberse en parte pola forte relación inversa entre o nivel de triglicéridos e o nivel de colesterol-HDL.

 
Valores normais nas análises de sangue, que mostran os niveis normais de triglicéridos (que se incrementan coa idade) en laranxa á dereita.

Táboa dos niveis de triacilglicéridos considerados normais e excesivos:

Nivel mg/dL Nivel mmol/L Interpretación
<150 <1.69 Rango normal, risco baixo
150-199 1.70-2.25 Límite máximo recomendable
200-499 2.26-5.65 Alto
>500 >5.65 moi alto: alto risco

Os niveis de triacilglicéridos indicados medíronse despois de 8 a 12 horas de xexún. Os niveis de triglicéridos permanecen temporalmente altos durante un certo tempo despois de comer.

Redución dos niveis de triglicéridos

editar

Dietas ricas en carbohidratos nas que os carbohidratos supoñen máis do 60% da enerxía total inxerida, poden incrementar os niveis de triglicéridos. A correlación é máis forte entre os que teñen un índice de masa corporal alto (28+) e son resistentes á insulina (máis común entre xente con sobrepeso ou obesa), polo que se cre que estes factores son a causa principal do fenómeno da hipertrigliceridemia inducida por carbohidratos.[3]

Hai probas de que o consumo de carbohidratos causa un alto índice glicémico, o que pode orixinar unha sobreprodución de insulina e un incremento dos niveis de triglicéridos na muller.[4]

Cambios asociados coa inxestión de carbohidratos, como os niveis incrementados de triacilglicéridos, son factores de risco de enfermidades cardíacas máis importantes nas mulleres ca nos homes.[5]

Os niveis de triacilglicéridos tamén se reducen co exercicio, a inxesta de ácidos graxos omega-3 procedentes do peixe, aceite de sementes de liño e outras fontes. En Europa, as recomendacións son de consumir ata 2 gramos destes ácidos graxos. Pero o consumo dos omega-3 debe estar equilibrada coa de ácidos graxos omega-6, nunha proporción ω-6/ω-3 entre 1:1 e 4:1 (por tanto, non debe exceder de catro veces máis de omega-6 ca de omega-3).[6][7]

A carnitina é unha molécula que ten a capacidade de rebaixar os niveis sanguíneos de triacilglicéridos.[8] Nalgúns casos, usáronse os fibratos (certo tipo de ácidos carboxílicos anfipáticos) para rebaixar substancialmente os niveis de triacilglicéridos [9].

O forte consumo de alcohol tamén eleva o nivel de triacilglicéridos.[10]

Usos industriais

editar

O aceite de sementes de liño (liñaza) e outros relacionados son compoñentes importantes de produtos como a pintura de aceite e outros recubrimentos similares. O aceite de liñaza é rico en ácidos graxos di- e triinsaturados, que tenden a endurecerse en presenza de osíxeno. O proceso de endurecemento é característico destes "aceites de secado" das pinturas. Está causado por un proceso de polimerización que empeza cando o osíxeno ataca os esqueletos carbonados.

Os triglicéridos tamén se poden separar nos seus compoñentes por transesterificación, como sucede durante a elaboración do combustiuble biodiesel. Os ésteres de ácidos graxos resultantes poden usarse como combustible dos motores diésel. A glicerina ten moitos usos, como na manufactura de alimentos e na produción de produtos farmacéuticos.

  1. IUPAC. "IUPAC Glossary of terms. Recommendations 1997". Arquivado dende o orixinal o 06 de abril de 2011. Consultado o 31 de xullo de 2011. 
  2. Devlin, T. M. 2004. Bioquímica, 4ª edición. Reverté, Barcelona. ISBN 84-291-7208-4
  3. Parks, E.J. (2002). "Dietary carbohydrate’s effects on lipogenesis and the relationship of lipogenesis to blood insulin and glucose concentrations". British Journal of Nutrition 87: S247–S253. PMID 12088525. doi:10.1079/BJN/2002544. Os que teñen un índice de masa corporal (BMI) igual ou maior a 28 kg/m2 experimentan un 30% de incremento na concentración de triacilglicéridos, mentres que os que teñen un índice de masa corporal menor de 28, non experimentan cambios... Estes datos demostran que certas características (como o índice de masa corporal) poden facer a algúns individuos máis sensibles aos cambios nos lípidos e lipoproteínas cando o se incrementa o consumo de carbohidratos na dieta. Tales características xa foran identificadas en traballos previos neste campo, incluíndo o índice de masa corporal, a sensibilidade á insulina (Coulston et al. 1989), a concentración de triacilglicéridos antes do cambio de dieta (Parks et al. 2001), as terapias de reemplazamento de hormonas (Kasim-Karakas et al. 2000), e factores xenéticos (Dreon et al. 2000). 
  4. "Focusing on Fiber?". Drweil.com. Arquivado dende o orixinal o 27 de xullo de 2011. Consultado o 2010-08-02. 
  5. "Dietary Glycemic Load and Index and Risk of Coronary Heart Disease in a Large Italian Cohort". Archives of internal medicine. Consultado o 2010-05-01. 
  6. "Fish and Omega-3 Fatty Acids". American Heart Association. Consultado o 2009-05-22. 
  7. Daley, C.A.; Abbott, A.; Doyle, P.; Nader, G.; and Larson, S. (2004). "A literature review of the value-added nutrients found in grass-fed beef products". California State University, Chico (College of Agriculture). Arquivado dende o orixinal o 06 de xullo de 2008. Consultado o 2008-03-23. 
  8. Balch, Phyllis A. Prescription for nutritional healing. 4th ed. New York: Avery, 2006. p. 54 Carnitine
  9. "Fibrates: Where Are We Now?: Fibrates and Triglycerides". Medscape.com. Consultado o 2010-08-02. 
  10. Hemat R A S (2003). Urotext, ed. Principles of Orthomolecularism. p. 254. ISBN 1903737060. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar