Coencima A

composto químico

O coencima A ou coenzima A (abreviado como CoA, CoASH, ou HSCoA) é un coencima, moi importante no metabolismo dos ácidos graxos e na oxidación do piruvato e ciclo de Krebs. Todos os xenomas secuenciados ata agora codifican encimas que usan o coencima A como substrato e arredor do 4% dos encimas celulares utilízano como substrato como tal ou como algún tioéster seu (como o acetil-CoA, por exemplo).

Estrutura química do coencima A.
Modelo do coencima A.
Compoñentes do coencima A. 1 é a adenosina 3'-fosfato, 2 é o pirofosfato unido á adenosina, 3 e 4 é o pantotenato, 5 é a cisteamina.

A molécula consta dos seguintes compoñentes:

  • un nucleótido de adenina con tres fosfatos, un deles no carbono 3', e os outros dous en forma de pirofosfato unido ao carbono 5'.
  • un pantotenato (ácido pantoténico) derivado da vitamina B5, unido ao pirofosfato.
  • unha cisteamina (ou β-mercaptoetanolamina) unida ao pantotenato. Esta é a molécula que leva o grupo reactivo do coencima, un grupo tiol ou -SH, por onde se enlaza aos acilos que transporta.

Biosíntese editar

O coencima A sintetízase nun proceso en cinco pasos a partir do pantotenato e a cisteína:

  1. O pantotenato (vitamina B5) fosforílase a 4'-fosfopantotenato por acción do encima pantotenato quinase (PanK; CoaA; CoaX)
  2. Engádese despois unha cisteína ao 4'-fosfopantotenato polo encima fosfopantotenoílcisteína sintetase (PPC-DC; CoaB) para formar 4'-fosfo-N-pantotenoilcisteína (PPC)
  3. A PPC é descarboxilada a 4'-fosfopanteteína pola fosfopantotenoilcisteína descarboxilase (CoaC)
  4. A 4'-fosfopanteteína é adenilada para formar desfosfo-CoA en reacción catalizada polo encima fosfopanteteína adenilil transferase (CoaD)
  5. Finalmente, a desfosfo-CoA é fosforilada usando ATP para formar o coencima A polo encima desfosfocoencima A quinase (CoaE).

Función editar

Como o coencima A é, quimicamente, un tiol, pode reaccionar con ácidos carboxílicos formando tioésteres, funcionando como un transportador de grupos acilo. O coencima A actúa na transferencia de ácidos graxos do citoplasma á mitocondria. Cando a molécula de coencima A transporta un grupo acetilo denomínase acetil-CoA ou, ás veces, pode escribirse acetil-S-CoA (indicando o S por onde se une ao acilo). Cando non está unida a un grupo acilo abréviase como CoA ou tamén como CoASH ou HSCoA ou CoA-SH, indicando o grupo -SH por onde se enlazaría ao acilo, que está libre.

O coencima A é tamén a fonte do grupo fosfopanteteína que se engade como grupo prostético a proteínas como as proteínas carrexadoras de acilos e a formiltetrahidrofolato deshidroxenase.[1][2]

Lista de grupos acilo activados polo coencima A editar

Notas editar

  1. Elovson J, Vagelos PR (1968). "Acyl carrier protein. X. Acyl carrier protein synthetase". J. Biol. Chem. 243 (13): 3603–11. PMID 4872726. 
  2. Strickland KC, Hoeferlin LA, Oleinik NV, Krupenko NI, Krupenko SA (2010). "Acyl carrier protein-specific 4'-phosphopantetheinyl transferase activates 10-formyltetrahydrofolate dehydrogenase". J. Biol. Chem. 285 (3): 1627–33. PMC 2804320. PMID 19933275. doi:10.1074/jbc.M109.080556. 

Bibliografía editar