Acetoacetil-CoA

composto químico

O acetoacetil-coencima A ou acetoacetil-CoA é un tioéster formado por un grupo acetoacetilo (derivado do ácido acetoacético) de 4 carbonos unido ao coencima A, con fórmula C25H40N7O18P3S [1][2][3]. Como o enlace tioéster entre os dous compoñentes da molécula se fai por un átomo de xofre (S), ás veces aparece indicado este no mone así: acetoacetil-S-CoA.

Acetoacetil-CoA.
Número CAS: 1420-36-6 .
Acetoacetil-CoA co coencima A simplificado.

É unha molécula moi importante no metabolismo lipídico e doutras substancias.

Funcións

editar
 
Ruta da cetoxénese ou formación de corpos cetónicos.

O enlace tioéster do acetoacetil-CoA é un enlace de alta enerxía, polo que a súa rotura facilita as reaccións nas que vai intervir o grupo carbonado unido ao coencima A. O acetoacetil-CoA intervén en moitas reacción do metabolismo lipídico, dos corpos cetónicos e dalgúns aminoácidos.

O acetoacetil-CoA orixínase no fígado pola condensación de dúas moléculas de acetil-CoA catalizada pola tiolase. Esta reacción é reversible.

acetil-CoA + acetil-CoA acetoacetil-CoA + CoA

Síntese de corpos cetónicos

editar

Son corpos cetónicos compostos como o acetoacetato, β-hidroxibutirato ou acetona. O acetoacetil-CoA intervén na síntese destes corpos cetónicos no fígado, para o cal debe orixinar acetoacetato libre [4]. O coencima A pode ser separado do acetoacetil-CoA, rendendo acetoacetato, acetil-CoA e coencima A, e consumindo unha molécula de auga, proceso chamado desacilación, en dous pasos. Primeiro, o acetoacetil-CoA reacciona cunha molécula de acetil-CoA en reacción catalizada pola hidroximetilglutaril-CoA sintetase, orixinando 3-hidroxi-3-metilglutaril-CoA (HMG-CoA). Despois, este último, pola acción da HMG-CoA liase, orixina acetoacetato libre e acetil-CoA. Sumando as dúas reaccións, a reacción global é:

acetoacetil-CoA + H2O acetoacetato + CoA

Seguidamente, o acetoacetato pode reducirse a D-β-hidroxibutirato, ou descarboxilarse orixinando acetona.

A formación de corpos cetónicos é moi importante no metabolismo, porque permite desviar algo do acetil-CoA formado durante a oxidación dos ácidos graxos no fígado e envialo en forma de corpos cetónicos, solubles en auga, a outros tecidos para producir enerxía.

Síntese de esteroides e terpenos

editar
 
Ruta do mevalonato utilizada na síntese de esteroides e terpenos.

O acetoacetil-CoA é o precursor do hidroximetilglutaril-CoA (HMG-CoA) na vía do mevalonato, que é esencial para a síntese de colesterol e outros esteroides e terpenos. A reacción é:

acetoacetil-CoA + acetil-CoA + H2O 3-hidroxi-3-metilglutaril-CoA

Metabolismo de aminoácidos cetoxénicos

editar

No metabolismo degradativo dalgúns aminoácidos orixínase acetoacetil-CoA. Estes son a fenilalanina, tirosina, leucina, lisina e triptófano. Ademais, a isoleucina orixina acetil-CoA, que se pode utilizar para formar acetoacetil-CoA. Estes aminoácidos que poden orixinar acetoacetil-CoA denomínanse aminoácidos cetoxénicos, xa que o acetoacetil-CoA pode utilizarse para sintetizar corpos cetónicos.

  1. ChemSpider
  2. PubChem compund
  3. CHEBI:15345 Acetoacetyl-CoA
  4. A. Lehninger. Principios de Bioquímica. (1988). Omega. Páxinas 524-525. ISBN 84-282-0738-0

Véxase tamén

editar