Abrir o menú principal
Aviso médico
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.
Estrutura do ácido salicílico.

A toxicidade dos salicilatos é causada polo uso excesivo ou sobredose dos salicilatos, medicamentos comunmente empregado polas súas propiedades analxésicas, antiinflamatorias[1] e antipiréticas.

O uso de salicilatos comeza hai 2.500 anos con Hipócrates. Edmund Stone en 1763 describe a súa experiencia no tratamento de calafríos con extracto en po da cortiza de salgueiro. O ingrediente activo era o ácido salicílico. O ácido acetilsalicílico descubriuno Charles Gerhardt en 1853, sendo Hoffman o que o preparou; aínda que non sería ata 1899 cando Heinrich Dreser se faría responsable do lanzamento comercial da aspirina.

Índice

Características químicasEditar

Dende o punto de vista químico trátanse de ácidos débiles, pouco solubles en auga (0.2 g/100 ml H2O a 20 °C)[2] e os seus sales orgánicos posúen baixo peso molecular. O ácido acetilsalicílico é un sólido branco cristalino e, no entanto, é bastante soluble en auga e en disolventes orgánicos. Comercialízanse en forma de distintos preparados, xa sexan comprimidos, cápsulas de liberación, supositorios, disolucións inxectables, solucións, linimentos etc.

ToxicocinéticaEditar

A vía de intoxicación máis frecuente é a oral, pero tamén pode chegar a producir toxicidade por vía cutánea. A súa absorción dixestiva alcanza un pico plasmático ás dúas horas. Distribúese por fluídos e compartimentos orgánicos, e atravesa as barreiras placentaria e hematoencefálica. A súa metabolización iníciase como unha hidrólese continua no fígado. A vía de excreción fundamental é a renal.

Mecanismo de acción farmacolóxicoEditar

Varía en función do seu efecto: a acción antiinflamatoria da aspirina crese que se debe á inhibición periférica da síntese de prostaglandinas. En canto ó efecto analxésico podemos distinguir que a nivel periférico diminúen as prostaglandinas no tecido inflamado, o que diminúe a sensibilidade dos receptores da dor ó estímulo mecánico ou químico (bradicininas), mentres que a nivel do sistema nervioso central é por actuar no hipotálamo. No efecto antipirético o mecanismo de acción periférico orixina vasodilatación e sudación e o mecanismo de acción central inhibe a síntese de prostaglandina E2 na área preóptica hipotalámica. As prostaglandinas E2 sintetízanse por piróxenos endóxenos, os cales se liberaron polos infecciosos. Por último, o efecto antiagregante plaquetario explícase pola acetilación irreversible da ciclooxixenasa que bloquea a síntese do tromboxano A2 que é un indutor da agregación plaquetaria.

Interaccións farmacolóxicasEditar

As interaccións con outros fármacos son múltiples. Así únense ás proteínas plasmáticas desprazando certo número de fármacos (antagoniza o efecto do tratamento con diuréticos, pode aumenta-la concentración de penicilina G, diminúe o efecto da sulfinilpirazona e o probenecid). Os efectos da aspirina vense pouco afectados por outros fármacos e, finalmente, os efectos colaterais gastrointestinais aumentan polo consumo de alcohol.

IntoxicaciónEditar

DosesEditar

 
Comprimidos de aspirina de 325 mg

As doses terapéuticas varían en función da indicación e da idade. Nos adultos, unha dose oral de 10g de aspirina produce unha toxicidade moderada, mentres que entre 20 e 30 gramos sería xa unha toxicidade letal. En cambio, en nenos unha inxestión de tan só 240 mg/kg produce xa é capaz de producir unha toxicidade moderada. A sobredose de aspirina pode ser aguda[3] ou crónica[4]. Por unha banda, a sobredose aguda ten unha taxa de mortalidade do 2%, mentres que a crónica é máis letal acadando unha taxa de mortalidade do 25%, podendo ser esta última especialmente severa en cativos[5].

Cadro clínicoEditar

Os síntomas máis frecuentes do salicilismo son o tremor, a sudación profusa e o rubor corporal, con extremidades quentes, certo grao de hipoacusia con tinnitus, hiperventilación, náuseas e vómitos. En canto ós trastornos ácido-base, os pacientes con intoxicación por salicilatos presentan dous compoñentes: alcalose respiratoria por hiperventilación e acidose metabólica por desacople na fosforilación oxidativa. No SNC asóciase con intranquilidade, convulsións, delirios, coma e os signos e síntomas da esfera sensitiva sensorial son os mareos, vertixe, tinnitus e alteracións visuais. Tamén poden producir oliguria, proteinuria e hematuria.

Os efectos hematolóxicos son a alteración da función plaquetaria inhibindo a síntese de vitamina K e favorecendo a presenza de hemorraxias. Dentro das alteracións gástricas que pode causar iguran a perforación gástrica, náuseas, cólicos e dor abdominal. Por último, as alteracións cardiovasculares inclúen hipotensión arterial, taquicardia e manifestacións hemorráxicas. Dentro destas alteracións podemos diferenciar que a doses altas produce hipotrombinemia por diminución do factor VII da coagulación e que a doses baixas produce unha diminución da adhesividade plaquetaria.

En canto á intoxicación crónica, pode aparecer a perda de audición, náuseas, vómito, dispnea e hiperventilación, taquicardia e hipertermia, manifestacións neurolóxicas como confusión, axitación, hiperactividade, fala dificultosa, alucinacións, convulsións e coma. Outros efectos que pode ocasionar son a hepatite, a síndrome de Reye, o edema pulmonar neuroxénico, a hipoprotrombinemia con disfunción plaquetaria e a rabdomiólise[6].

Determinacion dos niveis de salicilatosEditar

A investigación toxicolóxica pasa por ter os datos de laboratorio completos, é dicir, todos os datos do hemograma e a bioquímica. Para poder levar a cabo esta investigación hai que contar co sedimento de ouriños, coa mostra do contido gástrico, co electrocardiograma, coa radiografía torácica e mais a do tracto rectal. Se existise unha diminución do nivel de conciencia deberase analiza-lo líquido cefalorraquídeo. A determinación dos niveis de salicilatos en plasma faise mediante probas específicas de forma cualitativa como, por exemplo, métodos colorimétricos e de forma cuantitativa como o HPLC. O nomograma de Done intenta correlaciona-la concentración máxima, previa ó comezo da eliminación, con catro niveis clínicos: asintomático, leve, moderado e severo. Este nomograma presenta unha serie de limitacións: inxestión aguda, dose única, estado mental normal e pH sérico normal.

O diagnóstico non carrexa problemas. Hai casos nos que a intoxicación pasa desapercibida ou é diagnosticada 72 horas despois do ingreso. En nenos tamén existen problemas diagnósticos, xa que os síntomas iniciais da intoxicación poden coincidir cos dunha enfermidade infecciosa, polo que se tratan como tal.

NotasEditar

  1. Diagnostic Chemicals Limited (8 de febreiro de 2006). "SALICILATO - SL" (PDF) (en castelán). Consultado o 02-07-2009. [Ligazón morta]
  2. "Salicilyc acid". Consultado o 13-10-2008. 
  3. Trátase dunha dose única e grande.
  4. Son varias doses máis grandes do habitual tomadas durante un curto período de tempo.
  5. Gaudreault P, Temple AR, Lovejoy FH Jr. (1982). "The relative severity of acute versus chronic salicylate poisoning in children: a clinical comparison". Pediatrics 70 (4): 566–9. 7122154. 
  6. Thisted B, Krantz T, Stroom J, Sorensen MB. (1987). "Acute salicylate self-poisoning in 177 consecutive patients treated in ICU". Acta Anaesthesiol Scand 31 (4): 312–6. doi:10.1111/j.1399-6576.1987.tb02574.x. 3591255. 

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

  • Toxicología avanzada. Ed. M. Repetto Díaz Santos
  • Manual de Toxicología para médicos de Harrison, Carson R.
  • Intoxicaciones agudas graves de Net Castel
  • Medicina legal y toxicología de Gisbert Calabuig

Ligazóns externasEditar