Toniña común

especie de cetáceo odontoceto
(Redirección desde «Touliña»)

A toniña común, touliña ou marsopa,[2][3] Phocoena phocoena, é unha especie de cetáceo odontoceto, unha das seis que integran a familia dos focénidos.

Toniña común
Phocoena phocoena

Toniña común

Tamaño comparado cun humano medio
Tamaño comparado cun humano medio

Estado de conservación
Vulnerable
Vulnerable
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Orde: Cetacea
Suborde: Odontoceti
Superfamilia: Delphinoidea
Familia: Phocoenidae
Subfamilia: Phocoeninae
Xénero: Phocoenoides
Especie: Ph. dalii
Nome binomial
Phocoena phocoena
Linnaeus, 1758
Distribución mundial da toniña común
Distribución mundial da toniña común

Distribución mundial da toniña común
Sinonimia
Referencia:[1]
  • Delphinus (Phocaena) phocaena Gray, 1828
  • Delphinus phocaena Muller, 1776
  • Delphinus phocoena Linnaeus, 1758 (basón.)
  • Delphinus ventricosus Lacépède, 1804
  • Phocaena americana J. A. Allen, 1869
  • Phocaena brachcium Hall & Kelson, 1959
  • Phocaena brachycium Cope, 1865
  • Phocaena communis Lesson, 1827
  • Phocaena lineata Cope, 1876
  • Phocaena phocaena Kleinenberg, 1956
  • Ph. phocaena acuminata Van Deinse, 1935
  • Phocaena tuberculifera Gray, 1865
  • Phocaena vomerina Gill, 1865
  • Phocena phocena Gray, 1821
  • Phocoena rondeletti Giglioli, 1870
  • Phocoena vomerina Hall & Kelson, 1959

As toniñas (do latín científico Thunnus) adoitan vivir en mares boreais, preto das zonas costeiras e nas beiras dos esteiros, sendo a especie da súa familia máis doada de ver. A miúdo adoita subir os cursos dos ríos, tendo sido atopadas toniñas a quilómetros do mar.

Taxonomía

editar

A primeira descrición da especie foi a de Linneo en 1758, na 10ª edición do seu Systema Naturae,[4][5] onde a designou como Delphinus phocoena.

Máis tarde foi reclasificada por diversos autores (ver caixa de clasificación científica) ata que definivamente a Comisión Internacional de Nomenclatura Zoolóxica (ICZN) considerou que a descrición linneana encadrábase mellor no xénero Phocaena, que fora establecido en 1816 por Cuvier, e cuxo nome é unha adaptación do termo grego φώκαινα fókaina, que é o nome da toniña común neste idioma.[6]

De xeito que o nome científico válido hoxe é Phocoena phocoena (Linnaeus, 1758).[5]

Descrición

editar

A toniña común é o membro máis pequeno dos cetáceos de Europa. O tamaño medio dos adultos está xeralmente comprendido entre 1,40 e 1,50 m nos machos, e entre 1,50 e 1,70 m nas femias; pero, segundo as diferentes poboacións, a lonxitude máxima amosa certas variaciónas: ata 1,80 m no mar do Norte, 1,90 no Báltico e nas costas do oeste europeo e ata 2 m (ou algo máis), nas costas de Portugal. O peso varía igualmente: o valor medio é duns 30 kg no mar do Norte, pero pode chegar aos 52 kg nas costas do norte e o oeste europeo, cun máximo de 90 kg.[7] A crías miden entre 67 e 85 cm ao nacer.

O aspecto xeral de corpo e fusiforme, pero bastante compacto, e a brevidade da súa lonxitude fai parecer a parte media do seu corpo, case cilíndrica, proporcionalmente grosa. As femias adoitan seren máis pesadas. A cabeza, sen bico, presenta un fociño arredondado, a diferenza doutros cetáceos, e ten un perfil regularmente convexo. En cada hemimandíbula leva de 22 a 27 dentes, comprimidos lateralmente e dun diámetro duns 2,5 mm ao nivel da exiva.[7]

 
Cabeza dunha toniña nun acuario.
Pódese apreciar a diferenza entre a cor gris moi escura da parte dorsal e a branca da ventral.

A aleta dorsal, situada algo por detrás da metade do lombo, é de forma triangular, coa punta roma e co bordo posterior rectilíneo ou moi debilmente cócavo. As aletas pectorais son curtas, bastante anchas e forma lanceolada lixeiramente arredondada, e de cor gris escura, que contrasta coa cor branca da parte do copo onde están inseridas. A aleta cuadal presenta unha incisura media, separando os dous lobos, escuros por ambas as caras e cos bordos posteriores lixeiramente cóncavos. Algúns individuos presentan pequenos tubérculos cutáneos no bordo anterior das aletas pectoriais e o da dorsal. A coloración dorsal é moi escura, case negra, mentres que o ventre é branco, e os flancos son de cor gris que se vai aclartando a medida que se pasa do negro do dorso ao albo do ventre.[8]

Distribución e poboación

editar

A especie ten unha distribución circumboreal en augas litorais, cun máximo de obsrvacións a menos de 10 km da costa, prefirindo as augas frías e frecuentando zonas nas que a temperatura media destas é duns 15 °C, podéndose ver moitas veces en baías pouco profundas e estuarios de menos de 200 m de profundidade, remontando ás veces os grandes ríos ata considerábeis distancias.[7]

Teñen lugar algúns desprazmentos estacionais (relacionados coa abundancia de alimnentos), case sempre cara á costa en verán e lonxe dela en inverno; porén, nalgunhas zonas as poboacións son residentes permanentes.[8]

Nas costas europeas é frecuente no norte do Atlántico, até Islandia e os mares de Barents e Braco.
As principais concentracións sitúense no mar Báltico, e a especie é común en todas as costas escandinavas e das illas Británicas, pasando a ser rara nas costas atlánticas de Francia e a Península Ibérica. Máis ao sur, a súa área de distribución esténdese ata as costas do norte de Mauritania. Penetra no mar Mediterráneo, onde a súa poboación queda esencialmente ligada á corrente atlántica, e actualmente só se observa nas costas do norte de África ata Tunisia, aínda que frecuentaba aínda no século pasado as costas de Cataluña.[7]

 
Distribución nas costas galegas.

As poboacións do norte do Atlántico e o Pacífico, e as do mar Negro, están medio illadas (e probabelmente algunhas totalmente illadas), polo que foron propostas varias subespecies independentes [7][8] como, por exemplo:

  • Phocoena phocoena phocoena (Linnaeus, 1758), no Atlántico Norte.
  • Phocoena phocoena relicta Abel, 1905, no mar Negro (incluíndo o mar de Azov).
  • Phocoena phocoena vomerina Gill, 1865, no leste do Pacífico Norte.[9]

Tamén hai poboacións illadas nos arquipélagos dos Azores e de Cabo Verde. As poboacións da toniña están diminuíndo significvativamente os seus efectivos nas últmas décadas.

En Norteamérica, no Atlántico, está presente nas costas do sur de Groenlandia (que ligan coas poboacións de Islandia), e mas do noroeste do Canadá e os Estados Unidos, desde a illa de Baffin (Canadá) até as Carolinas do Norte e do Sur, pasando pola península do Labrador, Terra Nova e Nova Inglaterra.

E, no Pacífico, desde California até o norte de Alasca, pasando pola Columbia Británica canadense, e conectando, a través do estreito de Bering, coas poboacións das costas da península de Kamchatka, illa de Sakhalin (Rusia) e o Xapón, ata o sur.

Bioloxía

editar

Comportamento

editar
 
Toniña viaxando.
Pódese ver a cor escura do dorso e o espiráculo.

A especie vive permanetemente ao longo das costas, e penetra con moita frecuencia nos estuarios e remonta os ríos ás veces ata a moitas decenas de quilómetros. Antigamente téñense visto toniñas no Sena ata París. Xeralmente nada en pequenos grupos de 8 a 10 individuos, paro tamén poden versse illadas. Nos grupos obsérvase unha certa segregación por sexos, formando os expemlares vellos un grupo distinto do das femias e os xuvenís. Nadan bastante lentamente e mostran timidez fronte aos barcos, non deixándoos aproximar, e non van nunca a xogar á ola cerca da proa, como fan moitas veces os golfiños.[7]

As súas inmerisións son en xeral bastante curtas. Cando se alimentan soben a respirar a intervalos reguales de 10 a 12 segundos, unhas 4 veces seguidas, somerxéndose logo durante de 2 a 6 minutos. Cando viaxan, saen á superficie ata 8 veces, a intervalos de 1 minuto. Ás veces realizan saltos en florma de arcos cando perseguen ás presas.[8]

Poden teren grandes períodos de inactividade, descansan do na superficie, e poden xiraren e deixaren á vista zonas do seu corpo brancas. O sopro respiratorio non se ve case nunca, pero pode oírse.[8]

Alimentación

editar

O réxime alimantario das toniñas componse esencialmente de pequenos peixes, como crías de arenques e fodóns[10] e tranchos.[11]
A maioría deles pertencen a especies bentónicas, consumindo especies peláxicas principalmente en primavera e outono. Cazan ás súas presas moi cerca do fondo. Tamén comen algúns crustáceos e moluscos.[7]

As crías da toniña necesitan do 7 % ao 8 % do peso do seu corpo para poder sobrevivir.

Reprodución

editar

A madurez sexual alcánzana a idade de 3 ou 4 anos, cando miden ao redor de 133 cm os machos e 145 cm as femias. Os emparellamentos prodúcense entre xuño e outubro, cun máximo de frecuencia en agosto. Despois dunha xestación de 9 a 11 meses, os nacementos son entre abril e agosto. As toniñas acabadas de nacer miden uns 75 cm de media, e o seu peso oscila entre os 3 e os 8 kg. A lactación dura probablemente 4 meses. Segundo estimacións, a especie ten unha lonxevidade que podería sobrepasaar os 16 anos.[7]

Estado de conservación

editar
Inimigos natuaris

Os principais depredadores das toniñas son o tiburón branco e a candorca. Estudos da Universidade de Aberdeen en Escocia descubriron que os arroaces atacan e matan ás toniñas sen comelas para diminuír a competencia polo alimento no caso de que haxa escaseza de peixe.[12]

Caza
 
Caza de toniñas no fiorde Gamborg.
Debuxo de 1883.

As toniñas foron tradicionalmente cazadas como alimento e para empregar a súa graxa como combustible en fontes lumínicas especialmente en Dinamarca. Actualmente, porén, as toniñas xa non son obxectivo comercial das baleeiras.

Status

A poboación mundial de toniña é de centos de miles de exemplares, atopándose parcialmente a salvo da extinción. Porén, cada ano morren miles de individuos enredadas nas artes de enmalle da industria pesqueira. Este problema deu lugar ao descenso documentado das súas poboacións en zonas marítimas cunha intensa actividade pesqueira, como o mar Negro e o Báltico. Para evitaren a súa morte nas redes, científicos desenvolveron unha serie de luces penduradas nos enmalles co fin de disuadir ás curiosas toniñas.

A UICN considera actualmente a situación da especie como de vulnerábel.[13]

  1. Phocoena phocoena (Linnaeus, 1758) en WoRMS
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para toniña.. Acceso o 22 de xuño de 2022
  3. "Toniña". DIGALEGO. Consultado o 20 de abril do 2016. 
  4. Linnaeus, C. (1785)
  5. 5,0 5,1 Delphinus phocoena Linnaeus, 1875 en WoRMS
  6. φώκαινα Arquivado 22 de agosto de 2013 en Archive.is en Axortagos.gr.
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 7,5 7,6 7,7 Duguy e Robineaou (1987), pp. 135-137.
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 Carwardine, M. (1995), pp. 242-243.
  9. Phocoena phocoena (Linnaeus, 1758) en SIIT.
  10. Ficha sobre o Fodón en PescadeGalicia.gal
  11. Ficha sobre o Trancho en PescaGalicia.com
  12. Read, Andrew Porpoises 1999 Voyageur Press |Stillwater, MN, USA ISBN=0-89658-420-8.
  13. Hammond, P. S., Bearzi, G., Bjørge, A., Forney, K., Karczmarski, L., Kasuya, T., Perrin, W. F., Scott, M. D., Wang, J. Y., Wells, R. S. & Wilson, B. (asesores) (2008): Phocoena phocoena. En UICN 2008. Lista Vermella de especies ameazadas.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar