Tian Shan

(Redirección desde «Tianshan»)

As montañas Tian ou por tautopónimo Tian Shan (en chinés: 天山, pinyin: Tiān Shān, «montañas celestiais»; en mongol: Тэнгэр уул; en uigur: تەڭرى تاغ, Tengri Tagh, tamén transcrito como Tien) é un gran sistema montañoso da Asia Central, localizado na rexión fronteiriza entre Kazhakhstán, Kirguizistán e a República Popular da China, en concreto con Xinjiang situada na parte occidental do país. É o quinto relevo do mundo despois do Himalaia, os Andes, as Montañas Rochosas e a cordilleira do Pamir.[1]

Tian Shan
天山
Montes Tian na fronteira entre a China e Kirguistán co Khan Tengri (7010 m) no centro
Localización
Continente/sAsia
País/es Casaquistán, Kirguizistán, China
Coordenadas42°N 80°L / 42, -80Coordenadas: 42°N 80°L / 42, -80
Datos
Principais cumesPico Jengish Chokusu
Cota7439 msnm
Lonxitude2500 km
Ancho100-400 km
Orientaciónoeste/leste
TipoOroxénese cenozoica

Ten a súa altura máxima no Pico Jengish Chokusu de 7439 m, o punto máis alto de Kirguizistán, situado na fronteira coa China. O segundo pico máis elevado é o Khan Tengri (en tártaro e mongol: "Señor dos espíritos"), de 7010 m, situado na fronteira entre Kazhakhstán e Kirguizistán.

Historia editar

 
As montañas Tian nun mapa e a antiga ruta da seda.

As montañas Tian eran unha paisaxe de fondo dun dos ramais da ruta da Seda, o ramal que bordeaba polo norte o deserto de Taklamakan na conca de Tarim. Varias cidades-oasis (Turfan, Yuli, Karasahr, Korla, Kuqa, Aksu, Bachu e Kashgar) atópanse aos pés da cara sur do Tian Shan.[1] Na cidade chinesa de Kasgar, no extremo occidental da conca do Tarim, esta ruta cortaba a través das montañas de Tian Shan, bifurcándose cara ao norte e cara a Bixkek.[2]

Un dos primeiros europeos que visitaron as montañas Tian Shan e o primeiro en describilas en detalle foi o explorador ruso Piotr Semionov-Tian-Shanski, que as visitou na década de 1850.

Douscentos quilómetros ao leste de Bixkek, as montañas Tian ao redor de Almaty son o berce de Malus sieversii, confirmado como o devanceiro común de todas as variedades de mazá (o nome de Almaty en kazhakho significa «o avó das mazás»).

Xeografía editar

 
Pico Khan Tengri, o segundo máis alto do macizo.

A cadea esténdese de leste a oeste a partir de Xinjiang, seguindo ao longo da fronteira sur de Kazhakhstán e Kirguizistán e terminando no oeste uníndose á parte norte das montañas da cordilleira do Pamir. De leste a oeste, a súa lonxitude total é de 2500 km, cun largo de norte a sur de entre 100 e 400 km. A lonxitude da sección en territorio chinés é de 1700 km, con dous terzos da superficie total.[3] En Kirguizistán, as montañas Tian atópanse ao sueste do salgado lago Issyk-Kul.

Os montes Tian atópanse ao norte e ao oeste do deserto de Taklamakan e directamente ao norte da conca de Tarim; ao norte e ao leste, atópanse coas montañas Altai de Mongolia.

Na cartografía occidental, o extremo oriental das Tian que en xeral se considera está xusto ao oeste de Urumchi, mentres que a cordilleira que está ao leste da cidade coñécese como as montañas Bogda Shan. Porén, na cartografía chinesa, dende a dinastía Han ata a actualidade as montañas Tian tamén inclúen as cordilleiras Bogda e Barkol.

A cordilleira Tian son parte do cinto oroxénico do Himalaia, que se formou pola colisión das placas tectónicas indoaustraliana e euroasiática na era cenozoica. Son unha das cordilleiras máis longas da Asia central e esténdense uns 2800 quilómetros ao leste dende Tashkent en Uzbekistán.

O pico máis alto nas montañas Tian é o pico Jengish Chokusu, antes pico Pobedy, que con 7439 m, é tamén o punto máis alto de Kirguizistán e da fronteira coa China. O segundo pico máis alto é o Khan Tengri, que con 7010 m é o punto máis alto de Kazhakhstán. Os alpinistas clasifican estes dous picos como os máis setentrionais dos de máis de 7000 m do mundo. A súa altitude media é de 4000 m.

O paso de Torugart, a 3752 m, atópase na fronteira entre Kirguizistán e a provincia chinesa de Xinjiang. As cordilleiras boscosas de Alatau, que están a menor altitude na parte norte das Tian Shan, están habitadas por pobos de pastores que falan linguas pertencentes ao grupo das linguas túrquicas da familia das linguas altaicas.

Os montes Tian están separados da meseta do Tíbet polo deserto de Taklamakán e a conca do Tarim ao sur, áreas extremadamente áridas pois as montañas non deixan pasar as nubes, polo que apenas chove.

Cordilleiras do Tian Shan editar

 
As montañas de Tian Shan dende o espazo, outubro de 1997, co lago Issyk-Kul en Kirguizistán no extremo norte
 
Mapa da rexión, cos montes Tian na esquerda, na parte inferior
 
Mapa de Kirguizistán. O entrante no oeste é o val de Fergana
 
Os picos nevados dos Kengey Alatau vistos desde unha praia do lago Issyk-Kul

Os montes Tian teñen varias cordilleiras que ás veces se consideran cordilleiras independentes.

Na China, os montes Tian inícianse ao norte da cidade de Kumul (Hami), coas montañas en forma de U de Barkol, localizadas ao redor de 600 a 400 km ao leste de Ürümqi. Seguen despois as Bogda Shan ("montañas deus"), que corren dende os 350 a 40 km ao leste de Ürümqi. Hai unha área baixa entre Ürümqi e a depresión de Turfan. As montañas Borohoro comezan xusto ao sur de Ürümqi e discorren ao oeste-noroeste uns 450 km, separando Zungaria da conca do río Ili. O seu extremo norte linda coas montañas de Zungaria, un pequeno cordal duns 450 km que corre de leste a nordés ao longo da fronteira entre a China e Kazhakhstán. Comezan a 50 km ao leste de Taldykorgan e rematan na Porta de Zungaria. As montañas de Zungaria, no norte, e a cordilleira Borohoro, no sur, debuxan unha Z, o nordés encerrando parte de Zungaria e o suroeste encerrando a parte superior do val do Ili.

En Kirguizistán, a liña principal das Tian continúa uns 570 km dende a base dos Borohoros occidentais ata o punto en que se atopan a China, Kazhakhstán e Kirguizistán. Aquí está a parte máis alta da cordilleira, as Tian Shan centrais, cuns 570 km. Ao oeste desta, o Tian Shan divídese bordeando o lago Issyk-Kul que está no centro. O lado sur do lago é o Alatau Terskey e o lado norte a Kyungey Ala-Too. Ao norte da Kyungey Ala-Too e paralela a ela está a Alatau Trans-Ili, ao sur de Almati. Ao oeste do ollo, a cordilleira continúa 400 km como o Kyrgyz Ala-Too, separando a provincia Chui do óblast de Narin e Kazhakhstán da provincia de Talas. Este óblast é o val alto do río Talas, o lado sur dos 200 km das montañas Talas Ala-Too. No extremo leste das Talas Alatau, a cordilleira Suusamyr Too corre cara ao sueste encerrando o val Suusamyr.

En canto á zona ao sur do val de Fergana, hai un grupo de montañas de 800 km que se curva ao oeste-suroeste dende o sur do lago Issyk-Kul, separando a conca de Tarim do val de Fergana. A cordilleira de Fergana corre ao nordés cara a Talas Ala-Too e separa a conca alta do río Naryn de Fergana. O lado sur destas montañas fúndese nos Pamires, en Tadxiquistán (montañas Alay e cordilleira Trans-Alai). Ao oeste desta está a cordilleira do Turquestán, que continúa case ata Samarcanda.

Hidrografía editar

 
Vista da costa sur do lago Issyk-Kul (de 6236 km² a unha altitude de 1606 m), segundo maior lago de montaña no mundo despois do lago Titicaca.

Hai 15 953 glaciares nas montañas, cunha superficie total de 15 416,41 km², que representan un volume de xeo de 1048,247 km³. Destes glaciares, 9081 (o 57 % dos glaciares do macizo) están en territorio chinés, cunha área de 9235,96 km² (o 59,9 % da superficie dos glaciares do macizo) e cun volume de xeo 1011,748 km³ (o 96,5 % de toda a masa de xeo).[3]

Os ríos máis importantes que nacen nos montes Tian son os ríos Sir Darya (3078 km) e Ili (1001 km), ademais de moitos dos ríos que alimentan o longo río Tarim (2030 km) —Kaxgar (765 km), Muzat, Toxhan ou Aksu (282 km)—, que discorre pola vertente meridional desas montañas, aínda que nace nas montañas Kunlun. Outro río importante que nacen na vertente meridional é o río Kaidu (de 490 km que desauga no lago Bosten).

O canón de Aksu é un accidente notable localizado no noroeste das Tian Shan.

Xeoloxía editar

Dende o Precámbrico (600 millóns de anos), as montañas Tian pasaron do estado de antigo continente á de antigo mar, elevándose en montañas erosionadas en penichaira, despois elevadas de novo en altas montañas. Movementos tectónicos recentes tiveron un papel decisivo na configuración actual destas montañas, formando enormes cadeas e concas con fallas e socalcos aluviais. Acumuláronse capas de sedimentos moi grosas nas concas, erosionadas máis tarde en barrancos e cantís que forman a gran paisaxe de canóns vermellos da era terciaria.[3]

Clima editar

As montañas Tian supoñen unha división natural entre as zonas medio tépedas e tépedas cálidas de Xinjiang.[3] Os flancos norte e sur do pico Tomur representan, respectivamente, diferenzas moi claras en precipitación, chan e vexetación. O clima do flanco norte é do tipo montañés semihúmido, mentres que o do flanco sur é semiárido.[4]

Natureza editar

Fauna editar

O leste das Tian é o fogar de máis de 400 especies animais, incluídas representantes de especies en perigo de extinción en diversos graos, como o leopardo das neves (Uncia uncia; IUCN 2009; CITES 2007), o cisne bravo (Cygnus cygnus; IUCN 2009; CITES 2007), o cervo común (Cervus elaphus; IUCN 2009), o Podoces biddulphi (IUCN 2009), o argali (Ovis ammon; IUCN 2009), a cabra sibirica (Capra sibirica; IUCN 2009), entre outras.[3]

A poboación total de leopardos das neves que se atopan na Asia Central e na Asia do Sueste é de aproximadamente 2500 exemplares, incluídos máis de 1650 en Xinjiang. Nas ladeiras do pico Tomur atópanse máis de 600, soportados por boas poboacións de especies presa como o argali e o ibex.[3]

Flora editar

O leste da cordilleira ten a distribución botánica máis completa nas Tian: deserto, estepas desérticas, arbustos, vales boscosos, bosques de froitos silvestres, bosques mixtos de piceas e árbores de folla caduca, poboacións de Picea schrenkiana, cipreses e arbustos, pradarías alpinas e glaciares e picos nevados. Inclúe as principais formacións ecolóxicas de Tian Shan, como Picea schrenkiana, Malus sieversii, Armenica vulgaris, Betula tianschanica, álamo tremo, sabina, Juniperus pseudosabina, Tamarix ramosissima, Haloxylon ammodendron, Bothriochloa ischaemum, Thylacospermum caespitosum etc.[5][6] Ten máis de 1800 especies de plantas, incluídas plantas en perigo de extinción (a orquídea Goodyera repens; CITES 2007) e plantas endémicas (Saussurea involucrata, Tulipa sinkiangensi).[3]

A Picea schrenkiana, fósil vivente por evolución biolóxica, é unha antiga especie de árbore que data do Terciario e cuxa distribución se limita ás Tian Shan. A reserva natural de Gongnaisi, en Xinjiang, ten bastantes exemplares de 70 m de altura, con 1,7 m de diámetro e de 50 m³ de volume de madeira.[3]

Os bosques de froitos silvestres, incluídas as maceiras silvestres, representan unha riqueza xenética excepcional e esencial na loita contra as doenzas de todas as variedades cultivadas da especie. De feito, estas especies silvestres que cohabitan no Tian Shan (Kazhakhstán e a China, principalmente) mostran unha resistencia pouco habitual ás doenzas, en especial á sarna da maceira.[7][8] Esta resposta á doenza é en si mesma unha indicación segura da riqueza do seu xenoma en comparación coa dos seus descendentes domésticos.

Protección do medio ambiente editar

A parte oriental dos montes Tian foi presentada pola China como candidata a Patrimonio da Humanidade da UNESCO en 2010, unha presentación que incluía seis reservas naturais chinesas: a reserva natural nacional do pico Tomur (N 41°50, E 80°20), a reserva natural nacional Kuerdening (N 43°10, E 83°00), o parque nacional Tianshan Tianchi (N 43°50, E 88°13), a reserva natural nacional de Bayinbuluke (N 44°40, E 88°50), o parque nacional de Sayram (N 42°50, E 84°15) e o parque nacional de Nalaty (N 43°15, E 84°00).[7][3]

A reserva natural nacional do pico Tomur é a única reserva natural entre os vinte e cinco presentes en Xinjiang, que ten como fin protexer os ecosistemas de montañas.[9][4] Situada a seis quilómetros ao sur do tripunto das fronteiras da China, Kazhakhstán e Kirguizistán, comprende 2376 km² no Xian de Wensu, parte da rexión autónoma de Xinjiang. Cobre gran parte das montañas Tian en territorio chinés.[3]

En 2013, o Comité de Patrimonio da Humanidade da UNESCO, nomeou, a proposta da China, a parte oriental das montañas Tian na rexión de Sinkiang como Patrimonio Natural da Humanidade.[10] A parte occidental das montañas Tian na tripla fronteira de Kazhakhstán, Kirguizistán e Uzbekistán foi nomeada igualmente en 2016.[11]

Ecoloxía editar

Os montes Tian teñen importantes bosques de Picea schrenkiana a altitudes de máis de 2000 m; as ladeiras teñen bosques naturais únicos de nogueiras comúns e maceiras silvestres.[12]

Relixión chinesa editar

No taoísmo Xiwangmu, crese que a Raíña Nai de Occidente protexía as árbores de pexego da inmortalidade nas montañas de Tian Shan.

Galería editar

Notas editar

  1. 1,0 1,1 Glossaire de la Route de la soie
  2. Carte de la route de la soie
  3. 3,00 3,01 3,02 3,03 3,04 3,05 3,06 3,07 3,08 3,09 «Xinjiang Tianshan» na páxina da UNESCO (en inglés).
  4. 4,0 4,1 Tomur Peak National Nature Reserve, na páxina de Tianshannet, fonte de información sobre Xianjing autorizada polo goberno chinés (en inglés)
  5. Armenica vulgaris Arquivado 06 de agosto de 2012 en Wayback Machine. na páxina «Plants for the planet» (en inglés)
  6. Juniperus pseudosabina en Conifers, banco de datos sobre as ximnospermas (en inglés)
  7. 7,0 7,1 Science et Vie, Sauvons les pommes, nº 1130, novembro de 2011, páx. 90-97.
  8. Evaluation of Malus sieversii seedlings from Kazakhstan for disease resistance and time of leafing Arquivado 05 de outubro de 2018 en Wayback Machine., na páxina da Sociedade Internacional para a Ciencia da Horticultura (International Society for Horticultural Science).
  9. Lista de reservas naturais de Xinjiang tamén na páxina de Tianshannet (en inglés)
  10. "Xinjiang Tianshan". UNESCO World Heritage Centre (en inglés). Unesco. Consultado o 8 de febreiro de 2017. 
  11. "Western Tien-Shan". UNESCO World Heritage Centre (en inglés). Unesco. Consultado o 17 de xullo de 2016. 
  12. How the apple took over the planet

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • The Contemporary Atlas of China. 1988. Londres: Marshall Editions Ltd. Reprint 1989. Sydney: Collins Publishers Australia.
  • The Times Comprehensive Atlas of the World. Eleventh Edition. 2003. Times Books Group Ltd. Londres.

Ligazóns externas editar