Santa Comba de Bértola, Vilaboa

parroquia civil do concello de Vilaboa
(Redirección desde «Santa Comba de Bértola»)

Santa Comba de Bértola é unha parroquia que se localiza no concello de Vilaboa e pertence a diocese de Santiago de Compostela. Segundo o IGE,[2] en 2022 tiña 826 habitantes (384 homes e 442 mulleres). Ten trece entidades de poboación.

Santa Comba de Bértola
Igrexa parroquial de Santa Comba de Bértola
ConcelloVilaboa[1]
ProvinciaPontevedra
Coordenadas42°23′04″N 8°37′35″O / 42.38444444, -8.62638889Coordenadas: 42°23′04″N 8°37′35″O / 42.38444444, -8.62638889
Área4,35 km²
Poboación826 hab. (2022)
Densidade189,89 hab./km²
Entidades de poboación13[1]
editar datos en Wikidata ]
Interior da igrexa de Bértola.
Capela de Santa Marta en Bértola.
Imaxe de Santa Comba de Bértola no campo das festas.

Linda co concello de Pontevedra (concretamente coas parroquias da Canicouva, Tomeza e Salcedo), e coa parroquia de Figueirido do propio concello de Vilaboa. Por Bértola pasa a Vía romana XIX, recentemente sinalizada, e o Camiño Xacobeo Portugués.

Patrimonio editar

A igrexa parroquial é de estilo renacentista concretamente de 1525 século XVI, agás a fachada que é do século XVIII. A planta é de cruz latina. Os dous tramos anteriores ao presbiterio están cubertos con bóveda de crucería con clave colgante, e o presbiterio está cuberto por perpiaños formando bóveda de canón. A ábsida está cuberta con bóveda de canón polo interior, máis baixa cá da nave. Ao norte está acaroada a sancristía.

Na pequena sancristía, cuberta cunha bóveda de canon destaca unha inscrición tallada na pedra, xusto enriba da porta de entrada, que seguramente nos remita ás orixes do templo, xa que comeza dicindo: "Esta obra sihi si" e tamén aparece o nome "Narciso".

Na fachada principal atópase o portón de acceso, destacando unhas puntas de frecha angulares nas esquinas. Sobre a porta hai un fornelo coa imaxe de santa Comba e unha xanela rectangular. Na espadana hai tres ocos con arcos de medio punto, dous con dúas campás de distinto tamaño.

A porta principal atópase cara ao norte, e dende ela podemos observar o muro da casa reitoral. Enriba desta temos un pequeno cruceiro que representa o Cristo crucificado. Xa no exterior, nunha pequena zona axardinada resultante dos muros da igrexa e da Sancristía, atopamos un dos cruceiros mais singulares do noso territorio: o Hábeas. Sobre dous chanzos, sitúase un pedestal de maior tamaño un pouco deteriorado. Sobre este, o varal circular sen ningún tipo de ornamentación, un colariño, e un chapitel, enriba dos cales se asenta unha cruz cos extremos ancorados. Por un lado, temos a figura dun cáliz, e polo outro un elemento non identificado (quizais os restos dun Xesucristo).

A casa reitoral é un pazo composto de perpiaños de granito, seguramente de comezos do século XIX. A planta é en forma de L, cun patio e unha solaina de entrada con balaustrada. No patio interior axardinado atópase un forno de leña en pedra, e na parte baixa podemos entrar á antiga bodega onde se facía o viño. Nunha das ventás do piso superior, concretamente a que dá cara ao poñente, destaca unha inscrición en pedra no que se cita posiblemente a persoa que mandou construír a casa e o ano en que o fixo (Martínez, ano 66. Estes gravados tamén son visibles dende o xardín que a rodea.

A escasos metros da casa reitoral, está situado un canastro ou paneira de 18 pés, en estado de semiruína coroado por dúas cruces decoradas nos seus extremos. Precisamente cara ao nacente, pegado a un camiño parroquial tamén podemos observar un pequeno texto inscrito na pedra, no que se cita un tal "Freire".Trátase dun conxunto arquitectónico único de gran beleza e valor artístico.

A capela de Santa Marta atópase no lugar de Santa Marta. Marca o final do tramo do camiño portugués en Vilaboa, e é polo tanto un lugar de paso dos peregrinos que fan o camiño de Santiago. Data do ano 1617, e trátase dun pequeno templo de pedra e teito de madeira restaurado recentemente. En fronte da capela atopamos un cruceiro moi posterior.

A festividade de Santa Marta ten lugar o 29 de xullo, festexado en Santa Comba de Bértola con diversas actividades lúdicas, ademais das relixiosas.

A capela de Santo Antón é a outra capela que podemos atopar en Bértola no lugar de Cerqueiro, nun pequeno alto a escasos metros do núcleo habitado e do camiño parroquial que nos leva ao lugar de Bértola. A súa porta principal non se atopa cara ao poñente como é o normal e, segundo conta a lenda, quen a mandou construír quixo que quedara así situada para poder vela tódolos días dende a súa casa.

Outros datos de interese editar

En 1742, no Vecindario de el Regimiento de Milicias de Pontevedra constaban 1219 veciños das cinco parroquias de Vilaboa. Na mañá do luns 20 de outubro de 1755 Martín Sarmiento que emprendeu a viaxe de regreso cara a Madrid dende Pontevedra, atravesando Bértola e pernoctando en Ponteareas.

No Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar de Pascual Madoz indícase que a parroquia ten 108 vivendas, con 480 habitantes[3].

Santa Comba Bértola é moi coñecida xunto con San Cibrán de Tomeza polos Pastequeiros ou curandeiros tradicionais, que quitaban os males de ollo. Isto aparece reflectido en refráns e ditos populares tales como: "O que vai a Santa Comba e non vai a San Cibrán, fai a viaxe en van"[4].

Unha das zonas naturais e paisaxísticas máis importantes é o sendeiro do río dos Gafos que vai dende Figueirido ata Pontevedra pasando por Bértola e Tomeza. Recibe tamén o nome de río Tomeza, Santa Comba, ou Toxal. No lugar da Santa Marta, non moi lonxe da Capela anteriormente mencionada, existe un muíño coñecido como Toxal.

Existe un equipo de fútbol feminino historicamente nomeado Bértola Feminino, que chegou a militar en categoría nacional.

A patroa parroquial e Santa Comba, día que se festexa o 31 de decembro de cada ano. Outro festexo de importancia é o da Virxe das Dores (última fin de semana do mes de agosto).

Lugares e parroquias editar

Lugares de Santa Comba de Bértola editar

Lugares da parroquia de Santa Comba de Bértola no concello pontevedrés de Vilaboa

Amproa | Bértola | Cerqueiro | Filgueira | Ganderón | O Outeiro | Pedrouzo | A Ramalleira | O Rial | A Rialiña | Sabaxáns | Santa Marta | Saxosa

Parroquias de Vilaboa editar

Galicia | Provincia de Pontevedra | Parroquias de Vilaboa

Cobres (Santo Adrán) | Figueirido (Santo André) | Santa Comba de Bértola (Santa Comba) | Santa Cristina de Cobres (Santa Cristina) | Vilaboa (San Martiño)

Notas editar

Véxase tamén editar

Outros artigos editar