Raphicerus sharpei

Raphicerus sharpei é unha especie de mamífero artiodáctilo da familia dos bóvidos, subfamilia dos antilopinos e tribo dos neotraguinos, pertencente ao xénero Raphicerus.[2][3][4][5]

Trátase dun antílope de pequeno tamaño, como todos os da tribo dos neotraguinos, (denominados antilopes ananos), tímido e solitario, amplamente distribuído polas sabanas da África oriental e meridional, desde Tanzania até Namibia e Suráfrica.

Taxonomía editar

Descrición editar

A especie foi definida en 1896 polo zoólogo británico Oldfield Thomas, en Proc. Zool. Soc. Lond., 1896: 796.[2]

Controversia taxonómica editar

A maioría dos autores consideran a Raphicerus sharpei como unha especie monotípica, é dicir, que non ten subespecies. Porén algúns consideran dentro dela a subespecie Raphicerus sharpei colonicus Thomas & Schwann, 1906, que, desde principios do século XXI, é considerada por outros, como Colin P. Groves, unha especie separada, denominada Raphicerus colonicus (Thomas & Schwann, 1906).[4][5][6]

Por outra parte, outros, como Haltenorth e Diller, considérana unha subespecie de Raphicerus melanotis, especie estreitamente relacionada que habita na rexión do Cabo Oriental,[7] e algúns considérana conespecífica con ela.[8]

Nomes vulgares editar

Na maioría dos idiomas modernos a especie coñécese como raficero de Sharpe ou grysbobok de Sharpe (coas particularidades propias de cada lingua).[9]

Características editar

Aparencia xeral editar

 
Raphicerus sharpei femia

Moi semellante ao raficero común ou steenbok (Raphicerus campestris), pero menor ca el, ten unha pelaxe híspida, de coloración parda avermellada, mesturada de branca, o que lle dá un aspecto agrisado, especialmente ao longo dos flancos (nalgúns individuos mesmo se ven manchas de pelo branco).
O fociño é pardo. Na cara presenta unha estreita raia superciliar branca. As orellas son grandes (como en todas as especies do xénero), pero menores que as do raficero do Cabo (Raphicerus melanotis) e as do raficero común, cubertas con pelos curtos. As partes inferiores son brancas.
Os cornos (só presentes nos machos) son moi curtos (de 4 a 5,5 cm), cónicos, erguéndose verticalmente sobre a fronte. As femias son similares aos machos (pero sen cornos).[9]

Dimensións editar

A lonxitude da cabeza e tronco varía entre os 65 e os 75 sm; a cola é moi curta, de 5 a 8 cm, e a alzada (altura na cruz) é duns 51 cm. O peso oscila entre os 7 e os 12 kg.[7][9]

Bioloxía editar

Hábitat e distribución editar

Habita principalmente en zonas de outeiros cerca dos kopjes rochosos con densos arbustos espiñentos e herba mesta.[9] A súa área de dispersión vai desde as zonas occidentais e meridionais de Tanzania, até nordeste de Suráfrica (provincias de Limpopo e Mpumalanga) e o sueste de Eswatini, ocupando entre estes límites o sueste da República Democrática do Congo, Zambia (ao leste do río Zambeze), Malawi, Mozambique (agás nas rexións boscosas costeiras), o extremo nordeste de Botsuana, o leste da Franxa de Caprivi en Namibia e gran parte de Zimbabue.[8]

Alimentación editar

En gran parte da súa área de distribución (Zimbabue, Zambia e Tanzania) parece estar asociado co bosque de miombo (Brachystegia sp.), onde hai unha boa cobertura en forma de matogueiras de lento crecemento ou pastos con herbas de altura media.[8] Aínda que parece estar asociado con áreas de boa cobertura do solo, Wilson (1975) rexistrou que tamén se encontra en terreos onde predomina o mopane (Colophospermum mopane) con moi pouca cobertura, no Parque Nacional Hwange (antigamente, Wankie Game Reserve),[10] mentres que no Parque Nacional Chobe (Botsuana) víronse espécimes nunha meseta de area nun bosque aberto con céspede claro e cuberta de mato. Os raficeros de Shrape son predominantemente comdores de ramallos, alimentándose de follas tenras e caules novos, pero tamén comen froitos e raíces, e pastan herba.[8] [9]

Costumes editar

Viven solitarios, agás durante a época de celo. Nas calorosas horas centrais do día refúxianse nas espesuras densas, ou entre as grandes rochas, mesmo en vellos tobos abandonados que escavaran os porcos formigueiros.[9]

Status editar

A especie non ten ameazas importantes, aínda que fou eliminada dalgunhas das partes da súa antiga área de distribución pola proliferación de asentamentos humanos e a destrución do seu hábitat, é a caza para carne. Pero os seus hábitos discretos permítenlle soportar ben a presión da caza.[11]

Debido a que é unha especie común, a que a súa presenza está xeneralizada e a que non hai ameazas importantes que dean lugar a unha diminución significativa da súa poboación, e pouco probábel que o status do raficero de Sharpe cambie a longo prazo se continúa estando ben representado en áreas protexidas e en terreos privados. A tendencia da súa poboación es xeralmente estábel en áreas protexidas e en granxas privadas, aínda que diminúe gradualmente noutros lugares a medida que a presión da caza aumenta co crecemento dos asentamentos humanos. Por tdos iso, a especie está actualmente cualificada pola Unión Internacional para a Conservación da Natureza como LC (pouco preocupante).[1]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 IUCN SSC Antelope Specialist Group (2016): Raphicerus sharpei na Lista vermella da UICN. Versión 2018-1. Consultada o 30 de outubro de 2018.
  2. 2,0 2,1 Raphicerus sharpei en MSW.
  3. Raphicerus sharpei Thomas, 1897 no ITIS.
  4. 4,0 4,1 Groves, Colin P. & Grubb, Peter 2011.
  5. 5,0 5,1 Groves, Colin P. et al. 2011, pp. 477-478.
  6. Raphicerus colonicus Thomas & Schwann, 1906 en Sistemática dos bóvidos (Stefan Hintsche, 2014), en stco.de
  7. 7,0 7,1 Haltenorth, T. & Diller, H. 1986, p. 53.
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 Hoffmann, M. and Wilson, V. J. (2013): "Raphicerus sharpei Sharpe's Grysbok". En: J. S. Kingdon and M. Hoffmann (eds), Mammals of Africa. Volume VI: Pigs, Hippopotamuses, Chevrotain, Giraffes, Deer and Bovids, London, UK: Bloomsbury Publishig. ISBN 978-1-4081-2257-0, pp. 308-310.
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 9,4 9,5 Dorst, J. & Dandelot, P. 1973, p. 269.
  10. Wilson, V. J. (1975): Mammals of the Wankie National Park, Rhodesia. Salisbury: Trustees of the National Museums and Monuments of Rhodesia, nº 5.
  11. East, R., recompilador (1999): African Antelope Database 1998. Gland, Switzerland and Cambridge, UK. IUCN.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar