Raphicerus colonicus

Raphicerus colonicus
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Orde: Artiodactyla
Familia: Bovidae
Subfamilia: Antilopinae
Tribo: Neotragini
Xénero: Raphicerus
Especie: R. colonicus
Nome binomial
Raphicerus colonicus
(Thomas & Schwann, 1906)
Sinonimia
Raphicerus sharpei colonicus
Thomas & Schwann, 1906

Raphicerus colonicus é unha especie de mamífero artiodáctilo da familia dos bóvidos, subfamilia dos antilopinos e tribo dos neotraguinos, pertencente aos xénero Raphicerus,[1][2][3] considerada por algúns autores como a subespecie Raphicerus sharpei colonicus Thomas & Schwann, 1906.[2]

Trátase dun pequeno antílope africano que foi descrito como subespecie en 1906 e, aproximadamente un século despois, recoñecido como especie diferenciada. Lixeiramente maior e de pelaxe máis avermellada que Raphicerus sharpei, a súa área de distribución é moito menor ca deste, e o seu estado de conservación é descoñecido. Habita en zonas arbustivas onde se alimenta. É solitario, nocturno e esquivo que, ás veces, utiliza tobos doutros animais para refuxiarse.

Características editar

É lxeramente máis grade e de corpo máis estreito que Raphicerus sharpei, pero as diferenzas con este son sutías: a fosa preorbital do cranio é maior, as fosas nasais amplíanse posteriormente, cheegando case até os vacúolos lacrimais, e a parte do óso temporal que rodea ao oído medio está menos engrosada. Ao igual que as outras especies do xénero, posúe pelos brancos distribuídos por toda a pelaxe, pero en xeral o seu ton é máis intenso e avermellado. O seu cromatismo permítelle confundirse tanto en zonas arbustivas como en pedregais. A liña de separación de tonalidades da parte ventral e o lombo está máis difuminada que nas outras especies do xénero. Os cornos son similares en lonxitude aos de R. sharpei e, como este, tamén posúe glándulas prepuciais. Mide entre 70 ou 80 cm de lonxitude desde a punta do fociño até a pequena cola, e o seu peso oscila entre os 6,5 e os 9 kg.[2]

Taxonomía editar

En 1906 a subespecie Raphicerus sharpei colonicus foi descrita por Thomas e Schwann baseándose no estudo de espécimes de Klein Letaba, na provincia de Limpopo (Suráfrica), manténdose así até principios do século XXI, cando pasou a ser considerada como especie diferenciada, adoptando o nome de Raphicerus colonicus (Thomas & Schwann, 1906).[2] É unha especie monotípica, é dicir, na que non se describiron subespecies.

Bioloxía editar

Hábitat e distribución editar

Vive en zonas de bosques arbustivos densos, sabanas nas que a vexetación herbácea alcanza un máximo de medio metro de altura, e tanto en zonas rochosas como ripícolas. Encóntrase en rexións de Namibia (na parte máis oriental da Franxa de Caprivi, nas ribeiras do río Zambeze), en Chove e Okavango (Botsuana), en Mozambique (ao sur do Zamebeze), en Zimbabue, en Eswatini e no nordeste de Suráfrica.[2]

Alimentación editar

O seu alimento principal provén das ramas de arbustos, que se complementa co pasto de herba e con bagas e outros froitos. Ás veces realizan incursións en campos de cultivo.[2]

Reprodución editar

A reprodución e cría desenólvese ao longo de todo o ano. A xestación dura sete meses.[2]

Costumes editar

É unha especie moi esquiva, cuxa actividade se desenvolve fundamentalmente pola noite, e poucas veces ao atardecer ou ao amencer, cando o ceo está nubrado. Animais solitarios, os machos son territoriais e defecan en latrinas. Cando se ven en parellas adoitan seren a nai e a súa cría do ano. A comunicación polo olor é moi importante, posúen glándulas odoríferas nos pezuños, na zona preorbital e no prepucio. Escóndense entre os arbustos, permanecendo inmóbiles até que a ameaza está moi cerca, momento en que saen en rápida carreira até un novo agocho. A diferenza doutros antílopes ananos, non saltan na súa fuxida. En ocasións, utilizan tobos abandonados do porco formigueiro para refuxiarse.[2]

Status editar

Non se encontra recollida como especie independente na Lista vermaella da UICN, pero as súas poboacións encóntranse incluídas dentro da especie R. sharpei, como unha especie pouco preocupante (LC). Porén o estado real das súas poboacións é descoñecido, e presumibelmente son raras. A súa maior ameaza natural coñecida son as mandas de licaóns.[2]

Notas editar

  1. Groves, Colin P. & Grubb, Peter 2011.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 2,8 Groves, Colin P. et al. 2011, pp. 477-478.
  3. Raphicerus colonicus Thomas & Schwann, 1906 en Sistemática dos bóvidos (Stefan Hintsche, 2014), en stco.de

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar