Portal:Perú/Lugar de interese/Arquivo

Aquí están todos os lugares de interese destacados no portal Perú:

1 editar

Machu Picchu (do quechua sureño Machu Pikchu, "montaña vella") é o nome contemporáneo que se lle dá a unha llaqta (antigo poboado andino inca) de pedra construída principalmente a mediados do século XV no promontorio rochoso que une as montañas Machu Picchu e Huayna Picchu na vertente oriental dos Andes Centrais, no sur do Perú e a 2430 msnm, altitude da súa praza principal. O seu nome orixinal sería Picchu ou Picho.

Segundo documentos de mediados do século XVI Machu Picchu sería unha das residencias de descanso de Pachacuti (primeiro emperador inca, 1438-1470). Así a todo, algunhas das súas mellores construcións e o evidente carácter cerimonial da principal vía de acceso á llaqta demostrarían que esta foi usada como santuario relixioso. Ámbolos usos, o de palacio e o de santuario, non serían incompatibles. Algúns expertos parecen descartar, emporiso, un suposto carácter militar, polo que os populares cualificativos de "fortaleza" ou "cidadela" poderían ser superados.

Machu Picchu está considerada tamén coma unha obra mestra da arquitectura e a enxeñaría. As súas peculiares características arquitectónicas e paisaxísticas e o veo de misterio que teceu arredor seu gran parte da literatura publicada sobre o sitio, convertérono nun dos destinos turísticos máis populares do Planeta.

Machu Picchu foi declarado Santuario Histórico Peruano en 1981 e está na lista do Patrimonio da humanidade da UNESCO dende 1983, como parte de todo o conxunto cultural e ecolóxico coñecido coa denominación Santuario Histórico de Machu Picchu.


2 editar

O lago Titicaca, con cerca de 8300 km², é o maior lago de América do Sur. Situándose a 3821 m por enriba do nivel do mar, é o máis alto lago comercialmente navegábel do mundo. Localizado no altiplano dos Andes, na fronteira do Perú e Bolivia, ten unha profundidade media de 140 a 180 m, e unha profundidade máxima de 280 m. A súa orixe débese á recesión dos glaciares e á formación no Plistoceno Inferior dunha fosa tectónica que ocupou o actual Titicaca. Máis de 25 ríos desaugan no lago Titicaca, e o lago ten 41 illas, algunhas densamente poboadas.

O Titicaca é interesante pola poboación que viven nos Uros, un conxunto de nove illas artificiais, que se converteron nunha grande atracción turística no Perú, traendo excursións dende a cidade de Puno, no Perú. Outra illa, Taquile, é outra grande atracción turística, presentando unha comunidade indíxena. Os habitantes de Taquile son coñecidos polos seus produtos téxtiles feitos á man, considerados entre as manufacturas de mellor cualidade do Perú.

O lago Titicaca é alimentado pola auga das chuvias e polo desxeo dos glaciares que rodean o altiplano. É fonte do río Desaguadero, que corre para o sur a través de Bolivia até o Lago Poopó; no entanto, este afluente é responsábel polo menos do cinco por cento da perda de auga, o resto evapórase debido aos ventos intensos e á exposición extrema á luz do Sol nesta altitude.


3 editar

Lima é a cidade capital do Perú. Tamén o foi do Vicerreinado do Perú. Está situada ás beiras do Océano Pacífico, na costa central deste país.

A cidade de Lima foi fundada por Francisco Pizarro o 18 de xaneiro de 1535 co nome español de Ciudad de los Reyes, mais co paso do tempo persistiu o seu nome orixinal que provén da lingua aimará (lima-limaq, flor amarela) ou do quechua (rimaq, falador) polo seu río, o Rímac. Aínda que a súa historia como tal comeza coa colonización española, na zona existía xa un poboamento de culturas preincaicas e mesmo un importante santuario-oráculo inca, cuxo tesouro foi pagado coma rescate a Francisco Pizarro, que talvez por iso elixiu o lugar para fundar a capital do futuro virreinado en 1535. Fíxoo coa tradicional grella ortogonal do urbanismo colonial hispano na beira sur do río Rímac.

A cidade abrangue os vales dos ríos Chillón, Rímac, Surco e Lurín; estendéndose así sobre unha área de 2.664,67 km².


4 editar

O Ucayali é un longo río peruano, considerado como un dos brazos principais do curso alto do río Amazonas, do que se coida a orixe mesma. O sistema Amazonas-Ucayali eleva a lonxitude do primeiro até os 6.275 km.

O río Ucayali nace na rexión homónima, no Perú, da confluencia dos ríos Apurimac e Urubamba, no nordeste dos Andes centrais. Corre, en suave pendente cara o noroeste do país até xuntarse co río Marañón, preto da poboación de Nauta, na Rexión de Loreto, dando dese xeito a unha dobre fonte para o Amazonas. Desde a confluencia do Apurimac e o Urubamba, a lonxitude do Ucayali é de 1.600 km.

O seu curso total atinxe os 2.670 quilómetros de lonxitude, se se toma como nacemento o do río Apurimac, que ten lugar no Nevado de Mismi, a uns 160 km ao oeste do lago Titicaca.


5 editar

A lagoa de Huacachina é un oasis situado a 5 km ao oeste da cidade de Ica (no Perú) e a 60 km ao leste da costa do océano Pacífico. Preséntase como un verdadeiro oasis natural no medio das areas brancas do deserto costeiro do Perú. De augas cor verde esmeralda, xurdiu debido ao afloramento de correntes subterráneas e ao redor dela hai unha abundante vexetación composta de palmeiras, eucaliptos (especies introducidas) e a especie de algarrobo coñecida como huarango, que serven para o descanso das aves migratorias que pasan por esta rexión. Tamén é coñecido como o oasis de América.

Huacachina ten unha poboación permanente de arredor de cen persoas aínda que acolle deceas de milleiros de turistas cada ano.


6 editar

Vinicunca ou Winicunca, chamada tamén Montaña de Sete Cores, Montaña Arco da Vella ou Montaña de Cores (os poboadores chámanlle Cerro Colorado) é unha montaña do Perú cunha altitude de 5.200 msnm e débelle a súa incrible coloración á riqueza de minerais que alberga o seu chan. Está situada no camiño ó Nevado Ausangate, nos Andes do Perú, na rexión Cuzco, provincia de Quispicanchis. Nos últimos anos comezou un proceso de masificación turística.


7 editar

Cuzco (en quechua: Qusqu ou Qosqo) é unha cidade de Perú, sita no sur do país, cunha poboación de 358.052 habitantes (censo de 2007). Despois de ter sido a capital do Imperio Inca na época precolombiana, durante a época colonial española foi unha das cidades mais importantes do Vicerreinado do Perú. Actualmente está declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco, e segundo a propia constitución peruana, é a capital histórica do país.

Dúas lendas incas atribúen a fundación de Cuzco ó seu primeiro xefe de estado, unha personaxe chamada Manco Cápac, xunto á súa irmá e consorte Mama Ocllo. Nas dúas lendas dise que o lugar foille revelado polo deus sol (Inti) ós fundadores despois dunha peregrinaxe iniciada ó sur do Val Sagrado dos Incas.

Segundo os datos arqueolóxicos e antropolóxicos que foron estudando o verdadeiro proceso de ocupación de Cuzco, sinálase que, por mor da caída do reino de Tiahuanaco, houbo unha migración dese pobo. Ese grupo duns 500 individuos teríase establecido no val do río Huatanay, o cal levaría á fundación de Cuzco. A data exacta é descoñecida, mais os vestixios atopados polos investigadores indican que a cidade xa estaba habitada hai uns 3000 anos, o cal sinalaría que Cuzco é a cidade habitada mais antiga de toda América.


8 editar

O Parque nacional Sierra del Divisor (Serra do Divisor en tradución directa ó galego) atópase no Perú, nas provincias de Coronel Portillo, Ucayali e Requena.

O parque nacional foi legalmente declarado o 08 de novembro de 2015, mediante o decreto supremo 014-2015-MINAM. Mais a declaración do parque foi o resultado dun proceso que comezara unha década atrás por parte de ecoloxistas, científicos e as poboacións locais. Xa no 1995, fora catalogada coma unha das zonas de protección prioritaria. No 2005, diversas organizacións ecoloxistas e conservacionistas coma The Nature Conservancy (TNC) ou ProNaturaleza, fixeron a petición formal para a declaración do parque nacional, baseándose en diversos estudos que confirmaban a importancia biolóxica e ambiental da zona. Ademais diversos pobos indíxenas, coma os huambisa, os shipibo-conibo, os matsés, os asháninka ou os isconahua involucráronse na campaña coma unha maneira de garantir os seus dereitos e defender as súas culturas e modos tradicionais de vida. Finalmente o presidente Ollanta Humala asinou o decreto formal, convertendo Sierra do Divisor, por aquel entón, no parque número 13 do Perú.


9 editar

Huaraz, fundada como San Sebastián de Huaraz, é unha cidade peruana, capital da provincia homónima e do departamento de Ancash. A zona metropolitana que abrangue parte dos distritos de Huaraz e Independencia atópase na parte central do Callejón de Huaylas e á marxe dereita do río Santa a 3.052 msnm; conta cunha extensión de 8 km² e unha poboación de 131.377 habitantes en 2011, o que fai que sexa a segunda cidade da rexión por poboación, e a segunda máis importante dos andes centrais do Perú, despois da cidade de Huancayo. Popularmente Huaraz é coñecida como a Suíza peruana, por estar arrodeada de impoñentes montañas nevadas da Cordilleira Branca.

As orixes da cidade remóntanse á época pre inca, co desenvolvemento dos primeiros asentamentos humanos arredor dos ríos Quilcay e Santa. A súa fundación española produciuse en 1574 como redución de indios. Durante a independencia do Perú, a cidade acolleu e abasteceu o exército libertador con equipos e materiais militares, ganándose así o apelativo emblemático de "A moi nobre e xenerosa cidade de Huaraz" dada polo libertador Simón Bolívar. En 1970 o 95% da cidade ficou destruído polo terremoto que asolou a rexión Áncash no que faleceron aproximadamente 20.000 huaracinos.


10 editar

O Val Sagrado dos Incas, nos Andes peruanos, está composto por numerosos ríos que descenden por pequenos vales; posúe numerosos monumentos arqueolóxicos e poboados indíxenas. O principal río é o Urubamba.

Este val foi moi apreciado polos Incas debido ás súas especiais cualidades xeográficas e climáticas. Foi un dos principais puntos de produción pola riqueza das súas terras e o lugar onde se produce o mellor gran de millo no Perú.

O Val Sagrado dos Incas está comprendido entre os poboados de Písac e Ollantaytambo, paralelo ao río Vilcanota ou Wilcamayu ('río sagrado'). Pódese acceder a el a partir da cidade de Cuzco.